En 2002 comecei a aplicar un estudo de mercado propio para a adquisición dun PC portátil co obxectivo de obter a mellor relación calidade/prezo. Non sabía eu entón que un enfoque idéntico se utiliza na literatura científica económica como método de cálculo do IPC para produtos tecnolóxicos con características rapidamente cambiantes.

2002-2004

Na altura de 2002 estaba desempregado e tras toda unha vida con equipos de sobremesa decidira mercar unha computadora portátil. Un equipo de segunda man foi a miña decisión de compra e eBay o sitio onde comecei a busca. Elaborei unha táboa coas principais especificacións dos portátiles e o seu prezo (valor final da poxa ou prezo de compra inmediata, segundo os casos). Con eses datos logrei construír un modelo de regresión que explicaba o prezo final dos equipos en función das características obxectivas dos mesmos.

Feito o traballo procedín a comparar o prezo real co valor estimado que o modelo lle outorgaba a cada equipo. Se para un mesmo prezo (aquel que estaba disposto a pagar polo meu novo PC) tiña na lista varios elementos decantaríame por aquel que tivera o valor estimado superior (e por tanto mellores características no seu conxunto, independentemente dun ou outro elemento individual). É dicir, usei un instrumento analítico para tomar a miña decisión.

No gráfico seguinte, se a valoración dun equipo (cada un dos puntos) estaba por riba da recta de regresión significa que estaba subvalorado polo mercado (ou sexa, que o seu valor obxectivo estimado é maior que o prezo ou que a poxa), e ao contrario. Canto maior era a distancia á recta de regresión maior era a diferenza en termos absolutos entre o valor e o prezo/poxa, nun sentido ou no outro. Na imaxe podían aprezarse cando menos dous equipos moi tentadores en relación calidade/prezo global: un cun prezo de venda de 1.500 € cuxa valoración alcanza os 1.800 € e outro de 900 € cunha estimación de 1.400 €.

O modelo concluía, entroutras cousas, que eran factores estruturais do prezo de compra, por esta orde, a capacidade do disco duro, o peso do equipo, o tipo e a velocidade do procesador, a memoria gráfica e o tamaño da pantalla. En cambio non eran significativos para o prezo de venda a batería (!), os portos USB, a memoria RAM (!, quizá sexa por esta falta de valoración da memoria por parte do consumidor que os fabricantes sempre foron cicateiros neste elemento), os infravermellos, o formato panorámico (psché) e as gravadoras (!). Unha última variable, o tempo, tamén resultaba definitoria (e moito) do prezo, e marcaba unha boa diferenza entre os equipos que introducín na lista en 2002 e os que engadín en 2004, recollendo o efecto certo de abaratamento da tecnoloxía co paso do tempo. Tiña tamén recollidas informacións sobre moitas outras variables (Intel/AMD, RAM gráfica dedicada, wireless, rpm do disco duro, porto IEEE 1394, porto RJ11, saída S-Vídeo/VGA, rañura PCMCIA, lector de tarxetas, disqueteira), pero non todos os produtos presentaban datos para elas nas follas de especificacións técnicas, daí que non puidera introducilos no modelo.

Aquí tiña por tanto unha aproximación a como o consumidor medio de portátiles valoraba os produtos de segunda man no mercado no que eu estaba a mercar, cales eran as características que lle outorgaban máis ou menos valor a un equipo e cales eran as prescindibles. E todo iso podía deducirse dos prezos que a xente estaba disposta a pagar e pagaba por cada equipo. Ou sexa, que se obtiña un estudo de mercado paa este sector bastante interesante, co cal quen quixera podería desde gañar diñeiro coa compravenda en eBay (poxando polos equipos infravalorados, mercándoos e volvéndoos vender) até calcular o prezo de tasación ofrecido a un vendedor (e que garantiría a marxe de beneficio esperada nun negocio tipo cash converter). No que a min respecta con este sistema comprei en 2002 o meu primeiro portátil, un IBM Thinkpad de segunda man, o cal revendín dous anos despois polo mesmo prezo que o mercara e malia á desvalorización do equipo co tempo.

2008

Varios anos despois volvín facer unhas pequenas catas no mercado dos PCs para asesorar na compra de equipos na empresa na que traballaba, pero foron mostras pequenas e sobre unha selección restrinxida de fabricantes, co cal tampouco é que puidera extrar demasiadas conclusións daquela nova experiencia. Así chego ao 2008, ano no que me convirto en profesional autónomo e no que para facerme cun novo portátil propúxenme repetir o estudo, pero esta vez con máis rigor e sistematicidade.

A parte máis dura, obvia dicilo, é a recollida de datos a partir das follas de especificacións que algúns portais especializados publican (as marcas non sempre o fan de forma exhaustiva). Por fortuna nese ano algúns fabricantes xa tiñan en marcha tendas electrónicas nas que o usuario podía personalizar o seu equipo coas características desexadas, de forma que unha ampliación de procesador ou de memoria supuña unha cantidade fixa de euros. Isto permitiume replicar de forma semiautomática os prezos para un elevado número de combinacións, nomeadamente no caso de Dell e Ahtec. Para outras marcas o traballo de recollida foi manual, e por iso presentan menos ocorrencias.

Ao final logrei artellar unha táboa con 41.000 equipos diferentes cos seus prezos de venda e o detalle das 28 características seguintes: Arquitectura (bits), Núcleos na CPU (nº), Velocidade CPU (Mhz), RAM (MB), Memorias gráfica dedicada (si/non), RAM Gráfica (MB), Pantalla innovadora (LED/Táctil/Rotable), Tamaño de pantalla (diagonal en polegadas), Resolucións horizontal e vertical (píxels), Tamaño píxel (mm), Solid Stat Disk (SSD), Capacidade almacenamento HD (GB), velocidade HD (rpm), DVD ±R/±RW (si/non), BluRay, (si/non), Gravadora BluRay (si/non), Webcam (si/non), Lector biométrico (si/non), tarxeta de datos integrada (si/non), Duración da batería (h), Longo (cm), Largo (cm), Alto (cm), Peso (Kg), Aparencia innovadora (criterio persoal), Inclusión de sistema operativo privativo OEM (si/non). Cando non tiña algún dato para unha destas características substituíao coa media dos equipos semellantes até un máximo de tres valores perdidos.

Desa volta empreguei o modelo de regresión loglineal, que melloraba substancialmente o modelo lineal. O resultado quedou reflectido nestoutra gráfica:

Destaca nesta imaxe a colocación periférica e cara á dereita da diagonal que marca o xustiprezo de todos os equipos da marca Apple. Non sería esta a primeira proba nin o primeiro artigo que falase do enorme desfase existente entre o valor obxectivable dos portátiles da marca da mazá e o seu prezo de venda. Cando un ve que todos os MacBook de Apple naquela altura posuían un valor estimado case o 40% inferior ao seu prezo parece máis que xustificado o cuestionamento. Naturalmente os defensores da Apple argumentarían, en parte con razón, que hai cuestións de calidade (diversas marcas de compoñentes coas mesmas prestacións pero con diferente duración ou resistencia, ou diferentes arquitecturas para elas), de estilo (que en calquera caso tiven en conta parcialmente introducindo no modelo unha valoración estética persoal) ou intanxibles (propias do marketingg e da distinción que supostamente outorga o produto) que xustifican o valor da marca. Ou que para os MacBook Pro o prezo si que xa se corresponde máis coas súas características. Só direi que cada quen é libre de mercar o que considere, pero se é Apple será máis pobre e menos libre.

Prefiro salientar desta análise o gran número de equipos para os que é posible obter un aforro superior ao 25% e nalgúns casos próximo ao 50%. Ese foi o caso do Dell Vostro que rematei mercando e co que aínda hoxe traballo: 820 € de custo e unha valoración de case 1.600 €, a mesma que o mellor dos equipos da gama baixa de Apple entón e que custaban até tres veces máis.

Indaguei tempo despois por internet acerca de modelos semellantes, e foi así como souben que este tipo de modelos se chaman hedonistas e que se usan en Econometría para calcular a variación de prezos dos produtos tecnolóxicos. Unha barra de pan é unha barra de pan no ano 2000 ou no 2012 (ben, polo menos en Galicia) pero un PC está claro que non. De aí xorde a necesidade ou conveniencia de valorar os equipos e os seus prezos en función das súas prestacións ou características. Quen o desexe pode ler dúas aplicación do mesmo modelo que estou empregando neste artigo do Instituto Klein e nestoutro do organismo estatístico oficial do Reino Unido.

2012, e agora que?

Pois as tablets. Hai poucas marcas e modelos e debería ser doado recoller os datos e repetir o experimento. Ou non? Ben, por aquí venden ben barata unha base de datos actualizada trimestralmente con máis de 200 modelos diferentes. Mais como é moi probable que tal listado se refira ao mercado británico, e é sabido que aquí nin saen todos os modelos, nin ao mesmo tempo, nin se pagan na mesma moeda, coido que é mellor buscar unha alternativa.

É por iso que vos suxiro, especialmente a quen esteades pensando ou comprar unha tablet, que enchades esta folla de cálculo de Google Docs con aqueles equipos que vos interesen. GSMArena é un bo portal onde atopar todas as características dunha tablet, e Redcoon ou Pixmanía dúas tendas electrónicas para comparar prezos. A folla xa ten introducidos 40 modelos. Logo de reunirmos unhas 100 configuracións diferentes comprométome a publicar no blog os resultados nun gráfico interactivo. Póñovos de prazo até o primeiro de maio.

Etiquetas:
 

4 Responses to O mercado dos PCs portátiles: unha visión hedonista

  1. …eres un crack! …ía poñerche as Nook na táboa, pero como non se poden mercar aquí igual non procede, pero creo que era ben meter estes dispositivos “alternativos”…

  2. Para os produtos que se poden mercar por internet e importalos de fóra de España habería que engadirlles as taxas alfandegarias e o IVA de aquí sen o VAT de alá. Outra cousa é que algúns dispositivos alleos visen mermadas as súas funcionalidades, por exemplo por carecer de redes de telecomunicacións de última xeración, caso en que alén da devoción polo aparello en cuestión non conviría metelos na táboa. Para o caso particular dos Nook descoñezo se teñen máis funcións que as de eReader, para os que habería que facer unha táboa diferente (de feito penso que habería que facer análises distintas para os lectores ePaper e para o resto nese caso).

  3. Miguel Edreira Castro di:

     “Non sería esta a primeira proba nin o primeiro artigo que falase do enorme desfase existente entre o valor obxectivo dos portátiles da  marca da mazá e o seu prezo de venda.” Defina-me obxectivo Sr. Neira, eu desde logo nunca o fun, desde logo se os traballadores de Dell ou Apple na China tivesen as mesmas condiciónx laborais da Xunta, quizais un Celular Android valeria 1.000 Euros e por suposto un IPhone, 1.400, porque desde logo é moito mellor, por exemplo o Ñ está oculto.

    • Obxectivo: características materiais medibles: Mhz, MB, Kg, mm… números en definitiva. Nese sentido se fala de cuestións obxectivas, entendendo por obxectivable o que se define na literatura científica e que Vostede como Economista entenderá ben. Como xa apuntei no artigo, exclúense da análise as cuestións subxectivas e todas aquelas obxectivas non medibles (por non estar indicadas nas especificacións ou nas informacións dispoñibles para todos os aparellos).

      E oia, se o único xeito de rebater as críticas á Apple é igualar a todos por abaixo coas críticas a respecto das condicións laborais e humanas nas que se fabrican as compoñentes, penso que pouco favor lle está facendo.

      De todas formas sexa paciente. Como xa lle dixen noutro foro, a análise das tablets que terá aquí nuns días pode que depare resultados diferentes aos que xa dá por supostos. Como acontecía na análise do ano 2008, hai unha gama de Apple (a baixa) moi cara, e hai outra ben equilibrada (a alta) en canto á relación entre valor obxectivable e prezo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*