Loading

Coa excusa dun estudo do Instituto Cervantes retomei a idea de cuantificar a presenza do galego na rede. Nos últimos anos non atopei por ningures unha estimación do tamaño do mercado interno da lingua galega en internet, un dato básico para quen desenvolve proxectos dixitais no noso idioma e/ou plurilingües.

O cálculo baséase na concatenación de varios datos e hipóteses:

  1. Delimitación do mercado ás persoas dunha certa idade, seguindo o mesmo criterios de poder de decisión e de compra que empregan outros estudos de medios e audiencias.
  2. Filtrado das persoas que declaran poder ler en galego. Se falamos de competencias lingüísticas non é o mesmo entender, falar, ler ou escribir. Dispoñemos de datos de competecia lectora en galego para grupos quinquenais de idade en cada concello.
  3. Consideración do distinto nivel de acceso a internet. Non todo o mundo é usuario da rede. Existen condicións de imposibilidade -fenda dixital provocada pola inexistencia de conexións de banda larga- e diferentes graos de uso dependendo de cada tipo de persoa. Neste modelo estimo a probabilidade de uso de internet con base en dúas variables de segmentación: idade e concello de residencia.
  4. Avaliación do idioma preferido para navegar, cando se dispón dos contidos como mínimo en dous idiomas: galego e castelán.

Debo advertir que como criterio para definir o acceso habitual a internet adopto un dos que emprega o INE na Enquisa sobre equipamento e uso de TIC nas casas: como mínimo un acceso semanal durante todas as semanas dos últimos tres meses. Ao meu entender este criterio de habitualidade semanal axústase mellor aos patróns semanais na utilización de internet e en xeral de calquera medio de comunicación.

Tamén debe terse en conta, dado que o nivel de visitas e usuarios únicos dunha web ten compoñentes estacionais, que esta enquisa adoita realizar o seu traballo de campo entre os meses de xaneiro e abril/maio de cada ano, o que significa que os seus resultados están afectados por esta estacionalidade e se refiren a unha media móbil dos tres meses anteriores a cada entrevista: orientativamente á media de uso de internet entre os meses de outubro a xaneiro/febreiro.

Vexamos a estimación paso por paso.

1. Idade

O EGM de internet analiza as persoas con 14 ou máis anos de idade. A Enquisa do INE analiza as persoas de entre 16 e 74 anos de idade. As cifras de poboación da Explotación estatística do padrón de habitantes témolas por grupos quinquenais ou ano a ano.

Para o caso que nos ocupa imos simplificar a análise e considerar como límite inferior os 15 anos (inclusive), e os 75 (exclusive) como límite superior imposto pola enquisa TIC. Este intervalo de idades é unha boa aproximación á poboación con capacidade de decisión e compra ou consumo, que é o criterio con orientación mercantil que subxace ás enquisas de audiencia.

Así delimitada a poboación en Galicia cóntanse un total de 2.117.483 persoas, como se pode ver unha cifra xa de entrada sensiblemente inferior aos 2.795.422 habitantes con residencia en Galicia no ano 2011.

2. Lectura en galego

Este filtrado xustifícase de forma lóxica pola necesidade de saber ler en galego para poder navegar contidos en galego.

Temos cifras de competencias lingüística en galego na vertente lectora en varios estudos sociolingüísticos con diferentes datas, algunhas relativamente recentes, mais a miña preferencia é empregar as cifras do Censo de poboación e vivendas do ano 2001, extrapolando no tempo as porcentaxes de competencia de galego lido, conforme o reemprazo xeracional e tendo en conta a tendencia cara a unha maior alfabetización en galego da poboación máis nova. Fago esta elección porque o Censo fornece unha desagregación de datos moi detallada, tanto a nivel municipal como a nivel doutras variables sociodemográficas, cousa que non fai ningunha outra fonte (son as vantaxes dos censos fronte ás enquisas), o que me vai permitir refinar determinadas estimacións, nomeadamente para cada concello e para cada intervalo de idades.

Realizo unha proxección para 2011 supoñendo que quen sabía ler en galego ségueo podendo facer 10 anos máis tarde, e tendo en conta unha mellora da taxa de competencia na poboación escolarizada despois de 1985. Como resultado da estimación obtemos, para a poboación obxecto deste estudo, entre 15 e 74 anos de idade, unha porcentaxe do 75,9% de competencia de lectura en galego. Ou o que é o mesmo, se escollemos a unha persoa galega destas idades ao chou teremos un 75,9% de probabilidade de que saiba ler en galego.

Nesta simulación as porcentaxes de lectura en galego non se distribúen de forma uniforme por todo o territorio galego. Así, por exemplo, teríamos unha porcentaxe do 62,7% en Ferrol e outra de 88,1% en Teo. Cada grupo etario de cada concello ten asignada unha porcentaxe diferente. Cómpre esperarmos ao Censo de 2011, actualmente en curso de realización e cuxos resultados se esperan para finais de 2012 ou comezos de 2013, para coñecer con que grao de exactitude esta proxección se axusta ás competencias declaradas pola poboación galega na actualidade.

Para avanzar no modelo débese asumir unha primeira hipótese discutible para a que hai argumentos a favor e en contra: o acceso a internet se distribúe de forma homoxénea entre as persoas que saben ler en galego e as que non. Se ben é certo que as persoas de maior idade e con menor nivel de renda están menos alfabetizadas en galego e posúen un menor nivel de acceso, e polo tanto debería ser máis probable encontrar a unha persoa con competencia de lectura en galego entre o segmento da poboación con acceso á rede, non é menos certo que os colectivos monolingues en castelán, os únicos realmente monolingües, tenden a concentrarse nas zonas máis urbanizadas, de maior nivel de renda e con maior acceso á rede, polo que sería menos probable atopar a un usuario galego da internet nestoutro segmento da poboación. Son dous argumentos cabais que operarían en sentido contrario e de difícil calibración cando só contamos con datos gobais ou frecuencias marxinais e non cos microdatos que nos permitisen cruzar estas variables. A falta de máis información supoño que ambos efectos se compensan, aínda que recoñezo que é unha simplificación da realidade.

3. Acceso e uso da internet

Na última década proliferaron os estudos e enquisas sobre internet, podendo contarmos na actualidade con bastantes fontes de datos (quizá algunhas redundantes, así como outras precisarían de homologación para mellorar a súa comparabilidade). Mais todos eles coinciden en sinalar que os principais factores que determinan en Galicia o acceso á rede e a frecuencia do seu uso son:

  • O nivel de renda media por habitante como aproximación da capacidade adquisitiva individual -máxime se temos en conta que España ten unha das bandas largas máis caras do mundo.
  • A carencia de infraestruturas de banda larga en amplas extensións do territorio galego, dato intimamente relacionado co nivel de urbanización, fenómeno á súa vez vinculado co nivel de renda.
  • O nivel de alfabetización tecnolóxica ou dixital e de apropiación da tecnoloxía, maior entre a mocidade e até hai un tempo superior entre os homes, aínda que hoxe ambos sexos están xa moi igualados.

Asignarei a cada persoa incluída nun intervalo de idades determinado e residente nun concello galego concreto unha probabilidade distinta de acceso á rede, e esta probabilidade vai ser o resultado da influencia conxunta de todos os factores anteriores.

A) Para a fenda dixital boto man das cifras de conexións de banda larga recollidas no Anuario socioeconómico de La Caixa na súa última edición. Segundo esta fonte en 2010 existían case 539.000 conexións deste tipo en Galicia (cifra concordante cos rexistros da CMT), o que supón unha media de 193 conexións por cada mil habitantes. Hai concellos con ningunha, como Negueira de Muñiz, e outros que raian as 319 como A Coruña (ou o que é case o mesmo, unha conexión por cada tres habitantes, xa moi perto do hipotético teito dunha conexión por vivenda).

A Enquisa TIC do INE estima para Galicia en 2011 unha porcentaxe media do 53,4% de acceso habitual á internet. O EGM, outra fonte, estima para o mesno ano unha cifra que vai desde o 48,8% ao 49,6% dependendo de cal das tres ondadas anuais escollamos. No EGM as cifras refírense a usuarios mensuais (media cuatrimestral dos que accederon cando menos unha vez no último mes), criterio que presiona á alza as porcentaxs de acceso, e inclúen no cómputo unha base máis grande, ao considerar tamén á poboación de 75 ou máis anos, o que presiona á baixa as porcentaxes de acceso. Para non complicarnos considéroas equiparables a todos os efectos, dada a súa escasa diverxencia.

Adoptando a cifra do INE como referencia e supoñendo que o acceso á rede se distribúe de forma lineal con respecto á dotación de conexións de banda larga, pódeselle facer corresponder a esa porcentaxe do 53,4% a taxa media de 193 conexións por mil habitantes, estimando a partir daí unha probabilidade de acceso diferente para cada concello de forma proporcional á súa dotación de banda larga. Así por exemplo, seguindo esta hipótese, en Negueira de Muñiz non habería ningún usuario habitual da rede en tanto na Coruña atopariamos o máximo dun 88% do noso universo de estudo conectado.

O INE tamén ofrece datos de porcentaxe de acceso habitual para España en función do tamaño do concello residencia, e para as capitais de provincia e cidades de máis de 100.000 habitantes estímaa nun 66,5%, en tanto esta proxección lineal que adopto produce para os concellos das sete cidades galegas unha porcentaxe do 74,5%, unha porcentaxe algo maior que deixa as portas abertas a futuros refinamentos do modelo.

B) Para aproximar o nivel de acceso por idades, boto man da mesma Enquisa TIC do INE. Aínda que esta fonte só ofrece ese detalle para España, podo estimar porcentaxes para Galicia en cada intervalo de idades. Para iso adopto dúas hipóteses: Unha, que en Galicia as diferenzas relativas entre un intervalo de idades e a media son as mesmas que se rexistran en España. Dúas, que non obstante o anterior prodúcese unha converxencia parcial das porcentaxes de acceso entre as persoas máis novas. O resultado é que a porcentaxe media do 53,4% de uso habitual de internet convértese en máis dun 85% para as persoas entre 16 e 24 anos e en menos dun 15% para as de entre 65 e 74 anos.

Estimo as porcentaxes de acceso para cada grupo quinquenal de idade de cada concello achando a medio xeométrica das dúas porcentaxes calculadas en A) e en B).

Débese sinalar neste punto que nos cálculos estamos a asumir varias hipóteses adicionais: que as persoas se conectan de forma homoxénea desde os distintos lugares desde onde poden facelo: casa, traballo, universidade, locais comerciais… e que as conexións en mobilidade son redundantes a respecto das fixas. De todas formas os últimos datos do EGM sinalan que en España case o 92% dos usuarios conéctase como mínimo desde a casa, polo que as distorsións inducidas por estas hipóteses son pouco relevantes.

4. Idioma preferido para navegar

Nos puntos anteriores veuse como os filtros actúan no sentido da redución do número de persoas potencialmente lectoras de galego na rede. Mais o factor que verdadeiramente incide na redución da cota de mercado do galego en internet son as preferencias idiomáticas dos usuarios.

Este dato, o cruzamento entre uso de internet e lingua preferida, é o dato máis escaso e máis difícil de obter. A falta de estudos de audiencia na rede, que merezan fiabilidade para o ámbito galego e que teñan en conta a súa realidade plurilingüe, a fonte que emprego para distribuír os usuarios habituais da rede entre os principais idiomas empregados nos contidos que consumen (castelán e galego) é o módulo de lingua da Enquisa de condicións de vida do ano 2008 realizada polo IGE.

Nesta fonte achamos unha sección adicada á preferencia de idioma nos medios de comunicación, que ten como base de cálculo a poboación que sabe e pode escribir, máis ampla aínda que non estritamente abranxente da poboación con acceso á rede, e da poboación con competencia lectora en galego. Neste punto asumo novamente que as preferencias idiomáticas se reparten homoxeneamente en todos estes colectivos, malia a intuirmos que a realidade existente non é precisamente así. Con isto estou dicindo que traslado ao colectivo de menor tamaño as preferencias dun conxunto máis amplo de persoas.

A pregunta concreta que pretendo utilizar é a da lingua preferida para navegar por internet en caso de dispor dos contidos tanto en galego como en castelán, detallado este reparto por idade do usuario e provincia de residencia. Os datos refírese á poboación de 5 ou máis anos, límite que non coincide co que vimos utilizando pero que á vista das pequenas diferenzas existentes entre os diferentes intervalos de idade e entre as catro provincias, vou considerar equiparable. As cifras que fornece a ECV do IGE son as que se amosan na gráfica seguinte:

Os contidos en galego están presentes no 42,4% dos usuarios galegos que navegan por interner, entanto o castelán está presente no 92,2% dos casos. Unha combinación desigual de ambas linguas está presente no 34,6% das navegacións. As cifras reflicten claramente a situación minoritaria do galego e a existencia de máis persoas que navegan nos dous idiomas que as que o fan só na nosa lingua.

E se en vez de persoas falamos de contidos? Se asignamos ás categorías plurilingües unha porcentaxe estimativa de reparto de contidos (cando gl>es asignamos 2/3 dos mesmos ao galego e 1/3 para o castelán, cando es>gl as proporcións complementarias, e cando se trata de categorías monolingües un peso de 1 ou cero para cada idioma) podemos estimar que a porcentaxe de contidos en galego que prefiren ler os usuarios galegos de internet é do 22,4%. Esta é en rigor a cota de mercado do galego na rede, se consideramos só a suma dos contidos en galego e castelán.

A proporción de contidos navegada por cada tipo de usuario que inclúe o galego nas súas preferencias (de forma exclusiva, maioritaria ou minoritaria) é practicamente idéntica a respecto do total (7,8% 6,1% e 8,5% respectivamente), polo que ademais da situación en minoría do galego débese ter presente a pluralidade de preferencias idiomáticas que atopamos entre quen navegan contidos en galego.

Outras fontes de datos confirman no fundamental a situación minoritaria do idioma galego na internet galega e outorgan consistencia ás cifras que vimos de ver. O informe Situación da Lingua na Sociedade Galega publicado polo Observatorio da Lingua Galega en 2007 estimaba nun 37,1% a porcentaxe de persoas que navegaban contidos en galego (menor que o 42,4% da ECV do IGE realizada un ano máis tarde).

A mesma fonte do Observatorio inquiría aos entrevistados polas horas consumidas en internet nun ou noutro idioma: a distribución global era dun 11,3% de horas en galego un 82,0% en castelán e un 6,7% noutras linguas (se obviamos as últimas o reparto sería 12,1% para o galego e 87,9% para o castelán). De traducirmos as horas en contidos esta fonte alternativa falaríanos dunha situación para o galego bastante peor que a debuxada pola fonte do IGE, o que nos obrigaría a revisar o reparto 1/3-2/3 que asignamos ás categorías plurilingües de resposta. Uns últimos datos desta mesma fonte: o 16,7% da poboación que usa internet di ter a súa páxina de inicio en galego, e entre o 14,8% e o 17,4% empregan o galego de forma exclusiva ou preferente para diferentes servizos da web. Todas elas son porcentaxes inferiores ao 22,4% que adoptamos.

En resumo, e coas fontes dispoñibles para os anos 2007-2008, entre o 12% e o 22% debería estar a cota de contidos en galego na internet galega, cifras coincidentes coas daquela estimación pioneira que realizara en 2006 a raíz do estourido dos blogs en galego. Cabe razoar se a partir de 2008, e conforme a evolución negativa que se desprende doutros estudos sociolingüísticos, a situación do galego non terá virado a peor.

Un apuntamento adicional para quen se pregunte pola importancia das normativas reintegracionistas en todo isto: a escritura non se corresponde exactamente coa lectura en internet (porque quen escribe é máis activo que a media e sempre aparecerá magnificado, o cal é especialmente certo para os colectivos marxinais), pero o OLG estima que a porcentaxe de blogues escritos en Galicia en galego é o 30%, dos cales o 5,9% empregan unha norma ortográfica reintegracionista, é dicir, o 1,8% do total de bitácoras escritas en Galicia en galego e o 0,5% das escritas en Galicia en calquera idioma. Estas baixas porcentaxes permítenme obviar esta cuestión da norma do galego, na que moitas persoas aínda teiman, en todo o que se refire a cuantificar o mercado interno.

Cálculo e resultado

Sexa CG a cota de mercado da lingua galega en internet a respecto do mercado de consumo en Galicia, tanto para castelán como para galego e tanto para internet como para fóra dela; PG a porcentaxe de galego como lingua de preferencia nos contidos de internet entre castelán e galego; AI a porcentaxe de poboación con acceso á internet; e LG a porcentaxe de poboación con competencia lectora en galego. Sexa i o intervalo de idade quinquenal e k o concello de residencia. A cota de mercado do galego en internet para cada concello e intervalo de idades virá dado pola expresión:

CG(i,k) = LG(i,k) · AI(i,k) · PG(i,k)

Sexa N o tamaño do universo. O mercado do galego en internet no segmento i,k virá dado pola expresión:

M(i,k) = CG(i,k) · N(i,k)

O mercado interno total do galego en internet M será o sumatorio para cada i,k.

Cando os datos non permitan un detalle quinquenal ou municipal adxudico o valor de detalle dispoñible inmediatamente superior. Cando dispoño de máis dun dato para un mesmo segmento calculo a media xeométrica dos datos dispoñibles.

O resultado é:

CG = 8,96% dos galegos entre 15 e 74 anos de idade

M = 189.825 lectores habituais equivalentes de galego en internet

Onde, como dixemos, a habitualidade refírese a un acceso mínimo semanal en cada unha das últimas 12 semanas, e a equivalencia establécese cun usuario de internet que navegara exclusivamente en galego.

Top