Días contados
A revista de análise e actualidade Tempos Novos convidoume máis unha vez, como nestes últimos dez anos, a facer unha avaliación dos resultados electorais do 20N. Este é un extracto da miña colaboración, publicada no número de decembro.
“Nada está perdido si se tiene el valor de proclamar que todo está perdido y hay que empezar de nuevo” J. Cortázar

Galicia, sen ser o mesmo, compórtase electoralmente cada vez máis como o resto de España. Cada nova elección vén esluír aínda máis as posibilidades xa non de que nos subamos ao carro das nacións vasca e catalá -na véspera do que é sen dúbida un momento reconstituínte en España – senón de que as urnas evidencien unha vontade nacional superior á de Navarra, ou de que o nacionalismo acade unha representación parlamentaria superior á de algún rexionalismo persistente. Abonda ollar ao movemento do 15M e aos resultados electorais de IU, UPyD ou Equo para decatármonos de que as máis recentes innovacións electorais/políticas de Galicia xéstanse fóra. Escudarse en que unha forza galega mantén unha inútil representación nunha das dúas cámaras parlamentarias do Reino, nun ambiente de maioría abafante do nacionalismo español e cando a verdadeira oposición está na rúa e non no Parlamento, non deixa de ser o consolo do birollo na terra dos choscos.
A crise ideolóxica do nacionalismo é tan visible e tan grande que nin sequera se aprecia desde o seu seo. As series históricas do CIS amosan que desde 1997 o sentimento nacionalista da poboación galega reduciuse até á metade en 2009. A reflexión sobre a validez política do proxecto nacional que para Galicia representa o BNG debería ser a primeira tarefa para a súa vindeira Asemblea. Pero abonda coñecer un pouco a casa para saber que iso non vai acontecer. O debate será probablemente e por desgraza, outra vez, netamente endogámico e organizativo, evolucionando a través de compoñendas, apuntalado en liderados compartidos e sínteses imposibles. Quizá o problema é que hai demasiada xente atada á súa biografía, e algún día falarase do BNG como un produto puntual da sociedade galega cun marcado carácter xeracional resultado dunha transición política, económica e demográfica irrepetibles.
Pola súa banda a crise da socialdemocracia realmente inexistente só continúa a do socialismo realmente inexistente. Nin o PSOE de Zapatero nin o de Touriño levaron adiante políticas económicas e fiscais diferentes das que viñan realizando Aznar ou Fraga. É certo que se promulgaron leis transformadoras e progresistas que supoñen avances sen parangón no terreo dos dereitos das persoas, mais polo xeral non se dotou economicamente como se debía nin o seu desenvolvemento nin se garantiu a súa sustentabilidade. Hoxe en día, por exemplo, é raro atopar a un mozo menor de 35 anos que acredite en que algún día se poderá beneficiar do sistema público de pensións. A base ideolóxica do discurso do PSOE reduciuse a unha política de escaparate detrás da cal só había connivencia e dádivas fiscais para os economicamente máis poderosos.
Constatada reiteradamente a falta de sintonía de amplas faixas da cidadanía galega coas dúas forzas da esquerda con representación parlamentaria así como a progresiva perda da consciencia nacional galega, quizá sexa chegado o tempo de esixir responsabilidades. Se o progresismo e o galeguismo non se revitalizan en Galicia é responsabilidade non só de PSOE e BNG como forzas e proxectos políticos, senón das persoas que conforman os sectores críticos de ambas dúas organizacións, incapaces de explorar o amplo espazo electoral que se está a converter na casa común da esquerda: a abstención. Tanto a verdadeira esquerda galeguista do PSOE como os nacionalistas non dogmáticos e actualizados do BNG teñen perante si unha responsabilidade histórica: falar, entenderse e confluír, coa sociedade e entre si, ou ser cómplices da hexemonía da dereita en todo o seu alcance.
A esquerda galega afronta outro ciclo histórico diferente e precisa dunha expresión política propia que supere a falsa dualidade imposta á sociedade polas direccións políticas do PSOE e do BNG, impermeables á cidadanía progresista e que viven de costas –cando non reñidas- entre elas -Cuntis, Fene e Moaña aínda ecoan como símbolos da vergoña. Unha ampla faixa do electorado sitúase precisamente entre os extremos que esas cúpulas representan, e perante a esclerose das súas organizacións políticas, perante a inacción que imposibilita unha fronte común contra a dereita, cando nin sequera se ensaian fórmulas de colaboración e cooperación institucional e electoral, a única saída de futuro que resta será a irrupción dunha ou máis forzas políticas novas.
Se somos escépticos perante tal posibilidade e todo segue igual, no entanto outras forzas minoritarias de carácter estatal xa existentes tenderán a gañar lentamente parte dese espazo, a abstención seguirá a nutrirse de desencanto e só o máis forte, o PSOE, permanecerá imbatido, se ben nunha situación diminuída que o afastará cada vez máis do poder, reducindo o seu acceso ao mesmo a conxunturas externas favorables, e sempre co necesario concurso doutras forzas. Mais téñase clara unha cousa: en Galicia iso acontece só excepcionalmente. Non volverá haber unha sucesión de Fraga mal feita, nin veremos en moito tempo concentración de voto útil na esquerda como en 2004 e 2005, coincidindo cun ciclo político estatal favorable ao PSOE, por non falar dun ciclo económico benigno –aínda que artificial-, sen esquecer os Nunca Máis, Non á Guerra ou 11M. O tándem bipartito foi só a consecuencia afortunada dunha conxunción de fenómenos que non se vai repetir, ceteris paribus, nin en un nin en dous, pero tampouco nin en cinco nin en seis anos.
Compartir
Traducir Traduzir Translate
Servizo fornecido por OpenTradTwitter
Facebook
Google+
Etiquetas
#15m #22m 2011 abstención acb age anova autonomía autonómicas baloncesto bipartito bng cis cociña concello economía eleccións electoral encuesta enquisa esquerda estatística estimación galego galicia galiza house effects inquérito iu localización mapa modelo municipais municipal nacionalismo parlamento participación partido política psoe resultado sondaxe sondeo tradución votoIndicadores IGE





Pingback: Calidonia Hibernia | Calidonia Hibernia