Estimando a participación para as eleccións do 20N
Nesta anotación presento a miña estimación da taxa de participación para as eleccións xerais do próximo domingo 20 de novembro en Galicia.

Segundo o modelo a participación estimada a uns días das eleccións, e unha vez coñecidos os datos das solicitudes de voto por correo, oscilará entre o mínimo do 73,0% da circunscrición da Coruña e o máximo do 76,4% da de Ourense. Lugo terá o 75,8% e Pontevedra o 75,0%. A media para Galicia cos actuais censos situaríase en 74,4%. En 2008 a mesma porcentaxe fora de 75,5%. En 2004 a participación fora do 76,1%. Todos os datos sen CERA. Como pode verse a participación só baixaría 1,1 puntos a respecto das últimas eleccions xerais e 1,7 puntos a respecto das penúltimas, as celebradas tralos atentados do 11M.
Esta porcentaxe do 74,4% que estima o meu modelo é inferior ao 75,6% estimado por Jaime Miquel para Sondaxe/La Voz de Galicia, ao parecer prognosticada a partir da esperanza nun voto oculto ao PSOE e/ou unha maior mobilización parcial do electorado da esquerda o día das eleccións. Na miña opinión a desmobilización das esquerdas vai ser completa, até tal punto que a participación vaise manter en Galicia en taxas relativamente tan altas como as anteriores como froito dunha mobilización excepciónal da dereita. Tal e como aconteceu nas autonómicas de 2009 e nas municipais de maio deste ano, reforzarase o fenómeno da mobilización diferencial e os votantes do PP acudirán masivamente ás urnas, máxime ao outorgarlle ás eleccións xerais e a estas en particualar unha importancia aínda maior que o conxunto do electorado.
Con todo, é posible que a taxa de participación real o 20N sexa algo diferente do que apuntan os modelos, pero só vexo dous motivos para iso. Un ten a ver cos fenómenos meteorolóxicos, aínda que polo que parece desta volta o mal tempo non vai facer presenza. Outro é que a segunda semana campaña afonde aínda máis no fenómeno desmobilizador da esquerda ante a previsión dunha vitoria aínda máis folgada do PP sobre o PSOE e a práctica inevitabilidade da maioría absoluta conservadora.
Variables para un modelo de estimación da participación
Relación de tipos de indicadores e variables candidatas nunha análise de regresión explicativa das porcentaxes de participación nas catro circunscricións galegas no período 1999-2011Tipo | Variable |
|---|---|
| Instrumental | Circunscrición |
| CERA incluído no Censo, si/non | |
| Data (tendencia temporal) | |
| Tempo desde as últimas eleccións do mesmo tipo, en días (adianto electoral) | |
| Tempo desde as últimas eleccións, en días (cansazo do electorado) | |
| Tipo de eleccións | |
| Concorrencia de varias eleccións | |
| Política | Acontecementos sociopolíticos excepcionais (11M, Nunca Máis, 15M...) |
| Resultados históricos | Participación últimas eleccións do mesmo tipo, en % |
| Participación últimas eleccións, en % | |
| Concorrencia 1º-2º últimas eleccións do mesmo tipo, en % do voto a candidaturas | |
| Concorrencia 1º-2º últimas eleccións, en % do voto a candidaturas | |
| Concorrencia Der-Esq últimas eleccións do mesmo tipo, en % do voto a candidaturas | |
| Concorrencia Der-Esq últimas eleccións, en % do voto a candidaturas | |
| Concentración 2 1ºs útimas eleccións do mesmo tipo, en % do voto a candidaturas | |
| Concentración 2 1ºs últimas eleccións, en % do voto a candidaturas | |
| PP na presidencia do Goberno de España | |
| PSOE na presidencia da Xunta de Galicia | |
| Enquisas preelectorais | Conxuntura política, saldo +/- en % |
| Conxuntura económica, saldo +/- en % | |
| Política e políticos como problemas máis importantes, en % | |
| Participación estimada, en % | |
| Marxe de vitoria esperado, media en % | |
| Marxe de vitoria esperado, rango de variación en % | |
| Voto por correo | Solicitudes de voto por correo, en % do CER |
| Meteoroloxía | Tempo revisto para o día das eleccións |
O erro absoluto medio do modelo é de +/- 1,5 puntos, se ben teño comprobado a existencia de erros sistemáticos de índole política e económica que merecen ser estudados máis a fondo para mellorar o poder explicativo do modelo introducindo novas variables. Ademais, se temos en conta que estas eleccións poidan traer consigo novos sinais ou innovacións que o modelo non recolle, nesta ocasión será máis prudente aumentar a marxe de erro até os +/- 2,5 puntos.
Compartir
- Carlos
- Carlos
Traducir Traduzir Translate
Servizo fornecido por OpenTradTwitter
Facebook
Google+
Etiquetas
#22m 2011 abstención acb age anova autonomía autonómicas baloncesto bipartito bng cis cociña concello economía eleccións electoral encuesta enquisa esquerda estatística estimación federal galego galicia galiza house effects inquérito iu localización mapa modelo municipais municipal nacionalismo parlamento participación partido política psoe resultado sondaxe sondeo tradución votoIndicadores IGE




