Revisito un traballo que realicei con ocasión da catastrófica vaga de incendios de 2006. No artigo analizaba a relación entre os lumes rexistrados no quinquenio 2001-2005 (últimos datos feitos públicos pola Xunta de Galicia a nivel municipal), e a cor política dos concellos ardidos.

Estes datos de lumes e superficies queimadas foran distribuídos pola Consellaría de Medio Rurral dirixida por Alfredo Suárez Canal con anterioridade aos lumes estivais que asolaron boa parte de Galicia en 2006, e que finalmente levaron ao goberno bipartito a decretar a non publicación da información estatística relativa ao detalle municipal dos incendios. Desde entón os datos dispoñibles non baixan do nivel do distrito forestal e non se publican, no que é unha clara vulneración da obriga de transparencia que teñen as Administracións.

Decidín asignar todos os lumes do ano electoral 2003, alí onde houbo cambio de goberno, ao partido que iniciou o exercicio, baseándome como de costume en que entre as eleccións (maio) ou as tomas de posesión (xuño) ou a formación de goberno (variable) e o período de máxima incidencia dos lumes (finais de xullo e todo agosto) transcorre un período de tempo moi breve que non da pé a variar a política nin a xestión forestal municipal.

Malia a que a competencia autonómica na materia é central existen unha morea de elementos de competencia municipal que inciden en maior ou menor medida no coidado dos nosos montes: a xestión municipal ou mancomunada dos parques de bombeiros, a aposta do goberno municipal pola prevención, o cumprimento dunha existente ou non ordenanza de limpeza de fincas e camiños, a comunicación e a coordinación na extinción de lumes, o nivel de retribución do persoal de bombeiros e protección civil, a conservación e mantemento dos equipos antiincendios… ou simplemente poder dispoñer da chave da motobomba cando se necesita.

En calquera caso esta análise non pretende en absoluto ser explicativa dos incendios, senón simplemente descritiva, introducindo na análise estatística dos lumes, das súas causas e dos seus efectos, unha nova variábel como é a cor política do concello onde se producen.

O reparto do territorio e da masa forestal

Durante o período 2001-2005 o PP ostentou a alcaldía dunha media de 227 concellos, mentres que o PSOE fixo o propio en 60, o BNG en 14 e o resto de forzas noutros 14. A partir dos datos de superficies forestais recollidas no Anuario de Estatística Agraria do ano 2004 agregamos as superficies segundo a cor política da alcaldía,e calculamos a media para o quinquenio, obtendo a seguinte distribución:

O PP administraba a través dos concellos unha media de case 2 millóns de Ha durante o período analizado, sendo de lonxe a forza política cunha maior porcentaxe de territorio, roldando o 73-75% da superficie galega, aproximadamente a mesma porcentaxe dos 315 concellos galegos nos que ocupaba a alcaldía. Pola súa banda o PSOE posuía alcaldes ou alcaldesas nun 18-19% do territorio, o BNG nun 4% e o resto de forzas (independentes, DG e CDS) nun 5-6%. Ditas porcentaxes da superficie total (ST) son extrapolables á superficie forestal (SF), e dentro desta con pequenas variacións, ás superficies arboradas (SA) e rasas (SR).

Visualizamos as carecterísticas do concello-tipo administrado por cada forza política na seguinte táboa (100 Ha=1 Km2):

Cada concello-tipo do PP xestionaba por termo medio unha ST e unha SF superior nun 3-4% á media galega, entanto o do PSOE era un 5-7% inferior e o do BNG un 16-20% inferior. No tocante á superficie arborada, en cambio, as diferenzas eran menores, correspondendo aos concellos-tipo do PP e do PSOE practicamente a mesma SA que a media galega (un 1% superior) e aos do BNG unha un 8% inferior. No que di a respecto da supercie rasa, polo contrario, as diferenzas aumentan: os do PP administraban unha SR superior nun 8% á media galega, os do PSOE unha un 18% menor  e os do BNG unha un 32% menor.

Por tanto, apenas existen diferenzas nas masas arboradas xestionadas por cada forza política nos concellos nos que detentaban a alcaldía, devindo das diferentes extensións de superficies rasas as diferenzas nas superficies totais e forestais. Expresado graficamente:

Demóstrase así a semellanza entre as tres principais forzas políticas en canto á superficie arborada xestionada, se ben a masa arborada tiña un peso máis importante nos concellos con alcaldía do BNG, por teren menos extensión de superficie forestal rasa e non forestal, e en menor medida o mesmo se pode afirmar dos concellos-tipo do PSOE. Tamén se verifica a importancia relativa da SAU nos concellos gobernados por outras forzas políticas minoritarias.

O número de lumes

Para esta estatística botei man dos datos publicados en 2006 pola propia Consellaría, os cales inclúen todos os lumes, tanto conatos como incendios:

Os concellos con alcaldías do PP e do BNG rexistraron un número medio de lumes cada ano semellante, entanto os do PSOE e os do resto de forzas presentaron un número de sucesos menor.

As diferenzas cobran maior relevancia se poñemos en relación o número medio anual de lumes en cada concello coa súa superficie forestal. Entón demóstrase que foron os concellos con alcaldía nacionalista os que rexistraron no quinquenio 2001-2005 un maior número de lumes por Km2 forestal (3,46). Tamén se situaron por riba da media os concellos doutras forzas políticas minoritarias (3,18), entanto os concellos do PP e do PSOE rexistraron unha taxa igual ou inferior á media galega.

Se comparamos estes indicadores de incidencia dos lumes entre as distintas forzas políticas, concluiremos que os concellos do BNG experimentaron en termos relativos un 25% máis de lumes que os do PP, e case un 50% máis que os do PSOE. As diferenzas son signficiativas se temos en conta que as diferenzas estruturais en canto á superficie arborada xestionada por cada forza eran mínimas, e que as diferenzas na superficie rasa eran de signo contrario (o BNG xestionaba unha SR un 38% menor á do PP e un 17% menor á do PSOE). Naturalmente, pódese interpretar o maior número de lumes como o resultado dunha menor eficacia das políticas de prevención, pero tamén dunha maior intencionalidade incendiaria, aínda que pode haber moitas outras causas.

Non repetirei aquí a concomitancia neste fenómeno doutros factores explicativos alleos ao ámbito forestal, tanto humanos como económicos ou xeográficos e climatolóxicos. Mais considérese, por exemplo, que PSOE e BNG detentaron alcaldías en moitos concellos de maioría progresista conxunta, de natureza socioeconómica semellante. Neses concellos os factores non forestais deberían actúar de forma e con intensidade semellante, pero os datos de lumes demostran que iso non é así e que hai diferenzas notables entre eles.

A superficie queimada

Á vista da táboa outro dato salta á vista: a superficie queimada é, para as tres grandes forzas políticas, inversamente proporcional ao número de lumes que sufriron os seus concellos. Nos concellos do BNG queimáronse por termo medio 70 Ha por ano, fronte ás 91 Ha dos concellos do PSOE e as 102 das do PP, iso en termos absolutos. Mais en termos relativos a afirmación segue sendo igual de válida, e así os concellos do BNG son os que presentan os indicadores máis baixos en tres vertentes: ST, SF, e SA. Por tanto nos concellos con alcaldía nacionalista as superficies ardidas por cada lume foron moito menores que no resto.

Se interpretamos estes datos en termos de eficacia na extinción dos lumes, teríamos que afirmar que nos concellos do BNG foise un 12% máis eficaz na conservación da superficie total, entre un 17% máis eficaz na conservación da superficie forestal e entre un 44% e un 54% máis eficaz na conservación da superficie forestal arborada que nos concellos do PP e do PSOE.

A modo de conclusión

Á vista dos datos anteriores constátase que os concellos con alcaldía do BNG eran algo máis pequenos pero relativamente máis arborados que os gobernados por outras forzas, que rexistraron un número de lumes moi superior ao do resto de forzas e máis que proporcional á extensión das masa arbóreas, e que as superficies medias ardidas por lume nos mesmos foron moito menores que nos concellos con alcalde ou alcaldesa do PP ou do PSOE.

Pregúntase un, encontro que lexitimamente, se estas evidencias do período 2001-2005 serían extensibles ao fatídico ano 2006, no que ardeu máis superficie que no quinquenio anterior (só 77.000 Ha nos doce días de agosto), e tamén aos anos sucesivos até hoxe, mais por desgraza a información foinos máis unha vez furtada.

O escurantismo e a ocultación non é nunca defendible, na miña opinión, nin sequera cando se xustifica sobre o denominado efecto chamada que a comunicación ten sobre os incendios (ou sobre o terrorismo, ou…). A transparencia informativa, os datos libres e abertos, son a condición necesaria (certamente non suficiente) para o coñecemento e a aprendizaxe individual e colectiva. Se nos quitan iso os dirixentes políticos acában construíndo discursos xustificativos ou exonerativos  que raian no máis groso dos esperpentos, e a cidadanía crítica e formada vese arrastrada a debates e opinións que merman a nosa calidade de vida democrática.

Etiquetas:
 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*