As familias dos concellos galegos menos dinámicos socioeconomicamente foron os primeiros en sentir os efectos da crise económica xa en 2008. Na análise dos ingresos parece existir por tanto unha analoxía entre concellos e familias ou individuos con menos renda, o que é unha nova proba do aumento das desigualdades.

Neste artigo botamos man das estimacións de renda municipal elaboradas polo IGE e polo Atlas Socioeconómico de Galicia.

Con que alcaldes e alcaldesas e de que partidos medrou máis a renda durante os dous mandatos municipais comprendidos no período de análise?

Segundo os datos dispoñíbeis o crecemento da renda en termos nominais foi ininterrompido, aínda que desigual: nos concellos con alcalde independente ou centrista a renda multiplicouse aproximadamente por 2,2 entanto nos que tiveron alcalde do PP, BNG ou PSOE o índice da RFBD/hab. ao final do período situouse arredor do índice 200.

Non hai publicados en Galicia datos municipais de renda para o ano 2009 e seguintes, polo que non se pode determinar cal foi o impacto territorial do groso da crise económica sobre a renda familiar galega. Lémbrese que nas cifras macroeconómicas só a finais de 2008 se comezaron a reflectir os primeiros síntomas.

En 2008, a senda debuxada polos concellos gobernados polo PP, dunha renda media municipal superior á dos concellos gobernados por PSOE ou BNG, invirte o seu sentido e achégase á do resto dos concellos con alcaldía progresista. Todos os demais concellos ven medrar a súa RFBD/hab. calquera que for a súa cor política. Desta arte só os concellos de cor independente ou centrista se manteñen cunha evolución da renda tan favorábel como a dos populares. En todo caso redúcese a distancia entre os concellos con alcaldía do BNG e do PSOE a respecto dos demais.

Se encetamos a análise dos concellos en función da súa tipoloxía socioeconómica, loxicamente imos atopar niveis de renda diferentes en todos eles, sendo os concellos máis dinámicos os máis ricos e os regresivos os máis pobres. Mais independentemente do nivel de partida dos diferentes grupos de concellos a evolución da renda media municipal dos mesmos neste período é moi semellante e sitúase arredor do intervalo indicativo 200-225, con algunhas excepcións.

Apréciase unha evolución da renda media por habitante moi semellante nos catro grupos de concellos, e iso a pesar de que os concellos estacionarios e regresivos experimentaron como vimos perdas significativas de poboación.

Hipótese: O mantemento dos niveis de renda nos concellos estacionarios e regresivos prodúcese en termos por habitante, o que quer dicir que é a perda de poboación a que os fai evolucionar de forma parella aos concellos máis dinámicos, o cal non serve para recurtar as diferenzas de renda que existen entre os distintos grupos.

Hipótese: Os efectos do inicio da crise económica durante o ano 2008 se manifestaron primeiro nestes concellos máis desfavorecidos, nomeadamente nos concellos gobernados con maioría absoluta polo PP. Establécese así unha analoxía entre o que acontece nos planos territorial e individual: as faixas máis desfavorecidas da poboación, quer por lugar de residencia quer por condición de renda ou clase social, son as que sofren en maior medida a actual crise. Constátase ademais que a dereita política sustenta a súa hexemonía electoral municipal nos concellos e nas familias de menor renda.

É o peso dos das alcaldías populares (e en menor medida nacionalistas) entre os concellos máis regresivos as que explican a aproximación do nivel de renda dos concellos con gobernos do PP ao nivel dos de PSOE e BNG.

Malia a isto os concellos con alcaldía do PP estiveron sempre igual ou por riba dos outros durante case todo o período, do mesmo xeito que en tres dos catro grupos de concellos o PSOE se atopa polo lado inferior da evolución da renda de entre as tres grandes forzas políticas.

Comportamentos máis diversos aparecen para o BNG, correspondendo os ‘outliers’ positivos aos casos de Pontevedra no primeiro grupo e do ‘cluster’ de Allariz no cuarto grupo (coa adición de Rois no últimos anos). En canto á evolución positiva das alcaldías independentes no grupo dos concellos estacionarios estamos a falar de concellos moi diversos como Fisterra, Ponteareas, Brión e Meaño: o crecemento máis forte corresponde aos dous últimos casos (novos concellos residenciais).

Coa presenza de que partidos no goberno municipal coincide a evolución máis positiva da renda?

As posicións relativas son as mesmas que cando observamos a cor da alcaldía, salientando o retroceso en renda dos concellos o PP participa no goberno municipal en 2008, último ano con datos dispoñíbeis.

Non se observaron diferenzas significativas no comportamento da renda en función de se o goberno municipal era de maioría absoluta, pacto ou minoría nos 8 anos analizados, aínda que o 2008 parece iniciar un mandato no que as maiorías absolutas se relacionan con peores evolucións da renda media municipal.

Nota: Anotación publicada orixinalmente no mes de abril con datos de renda ata 2007. Actualizada en agosto cos datos publicados polo IGE antes do verán.

Etiquetas:
 

One Response to OPM 2011: Renda familiar bruta dispoñíbel por habitante

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*