Loading

Hai quen quer ver repuntamentos electorais do BNG nas eleccións municipais de 2007 cando nunca aconteceu cousa tal. Hai quen no seu día quixo magnificar unha suba mínima do voto ao BNG nas eleccións xerais de 2008.  Rebatirei estes intentos de suavizar a crise do proxecto político hexemónico do nacionalismo galego analizando a película coa evolución dos seus resultados electorais desde o comezo da Democracia.

A corrente que no gráfico denomino ‘BNG’ agrupa en realidade os resultados de todas as formacións políticas declaradas nacionalistas (galegas) cun carácter marcadamente de esquerdas. Por nomear só ás forzas máis importantes, inclúense nesta evolución ANPG, BNPG, BNG, POG, UG, EG e PSG. Nas eleccións autonómicas de 1993 tamén inclúo aquí o 50% dos votos obtidos pola coalición electoral EU-UG.

O ciclo que se debuxa no gráfico para o conxunto de eleccións mostra que o crecemento electoral do nacionalismo foi máis rápido que o decrecemento, máis lento e sostido. Dito en termos do ciclo de vida dun produto tecnolóxico e de marketing, os babyboomers convertéronse masivamente en early adopters do nacionalismo, mais no momento actual o produto BNG xa está na fase de madurez e a xente leva tempo buscando outras alternativas.

O gráfico tamén permite comprobar como o ciclo de auxe e caída do nacionalismo ten diferentes ritmos dependendo do tipo de eleccións: as autonómicas son as que primeiro amosaron a suba (máximo en 1997) e as que primeiro amosaron a caída (xa van tres retrocesos electorais), as xerais sitúanse nunha fase intermedia (máximo en 2000 e un retroceso electoral desde entón -dous se consideramos que en 2004 o que houbo foi moito voto útil ao PSOE tralo 11-M), e as municipais son as últimas nas que se visibiliza o retroceso e a crise recente (máximo en 2003 -grazas en parte a Nunca Máis- e dous retrocesos -contando as eleccións pasadas).

Outra interpretación desta superposición de ciclos permite afirmar con algo de razón que o BNG comezou a conectar con amplas capas do electorado a través da súa identificación con Galicia e dentro do ámbito político galego que xira arredor das eleccións autonómicas. Por así dicilo a súa auxe tivo que ver cunha identificación, cunha ideoloxía e cun programa político para Galicia. Cando o BNG comeza o seu declinio o único que mantén electoralmente a empatía co nacionalismo son as persoas, aquel*s candidat*s municipais que en determinados concellos demostran ser merecedor*s da confianza da xente, quer por valía, quer por alternancia, quer por representar aínda en boa parte do País unha opción de rexeneración democrática daqueles concellos que só coñeceron unha forma de gobernar, independentemente de se as siglas eran as do PP ou as do PSOE. Por así dicilo a identificación co proxecto político desapareceu en boa medida, sinal de que o ideario e as propostas precisan ser actualizadas, sustentándose o nivel de voto nas municipais máis en factores persoais que ideolóxicos.

Un último apuntamento: parte deste desfase nos ciclos electorais ten sen dúbida unha razón engadida de fondo: a presenza do BNG no goberno da Xunta entre 2005 e 2009. Nese período os resultados electorais (municipais de 2007 e xerais de 2008) non foron malos. De feito, considerando o efecto do Prestige en 2003 e do voto útil xerado polos atentados do 11-M en 2004 poderían avaliarse mesmo como aceptábeis. Agora ben, desaparecido o efecto amortecedor do ‘voto ao poder’ xerado polo goberno bipartito os resultados do BNG comezan non só a ser negativos, senón cada vez máis negativos tanto en termos absolutos canto relativos. En definitiva, agrávase a tendencia descendente e acentúase o grao de declinio, aproximándose a fin de vida útil que reclama a berros unha actualización do produto e non unha simple reedición.

Sen representación en Madrid?

O BNG leva en retroceso entre 2 e 3 eleccións de cada tipo, e o ritmo do descenso é semellante en todas elas (se descontamos os resultados afectados por factores conxunturais). Unha extrapolación mediante unha simple prolongación das liñas do gráfico sitúa ao nacionalismo, no horizonte dunhas eleccións xerais, na órbita dos 150.000 votos, quizá lixeiramente por riba (estimacións máis refinadas con base en resultados históricos concello a concello chegan á mesma conclusión). Mesmo que o resultado mellorase esta cifra, por consolidar o BNG hipoteticamente unha base electoral superior nas que son para el as eleccións con peores resultados, parece moi complicado que, permanecendo todo igual, atinxa os aproximadamente 200.000 que garantirían a representación no Congreso dos Deputados pola Coruña e Pontevedra (215.000 votos en 1996).

Este mal resultado do nacionalismo nas eleccións xerais podíase prever xa a comezos de 2009. Antes e despois das eleccións autonómicas varias enquisas situaban a fidelidade do voto ao BNG no Congreso en apenas o 50%. En boa medida non era necesario que as recentes eleccións municipais viñeran a confirmar o ritmo da descida nacionalista. A transformación política que se pode orixinar perante a falta de representación en Madrid de forzas políticas propias hai dous anos que é coñecida. Por tanto, non se pode desculpar que o BNG non analizase o seu futuro con suficiente antelación para diagnosticar correctamente a crise que atravesa e pórlle remedio, adiando Asembleas e debates urxentes como se nada pasase. Tampouco é de recibo que os pratos rotos do próximo fracaso electoral os vaian pagar as voces críticas que veñen advertindo do perigo desde hai ben tempo. Mais por iso falamos de crise.

Top