Loading

“A medida que un debate interno do BNG sobre os resultados electorais negativos avanza, a probabilidade de que se empreguen análises erradas/interesadas achégase a 1″.

Sirva este plaxio descarado dunha famosa frase sobre dinámicas endogámicas e autoxustificativas en Galicia para ilustrar como cada fracaso electoral do nacionalismo galego vai invariabelmente seguido dunha serie de falacias. Estas toman a forma de declaracións, artigos e comisións onde baixo supostos falsos, comparacións impertinentes e análises erradas acábase concluíndo o que convén a cada un dos clans políticos do nacionalismo e/ou aos intereses particulares de quen a elabora.

O nacionalismo aberto e a esquerda plural como base de éxito do BNG

A auxe electoral do nacionalismo de esquerdas rexistrouse a partir de 1993, ano no que se rexistra un aumento da suma (BNG+1/2*EU-UG) que en termos absolutos e relativos é superior ao obtido en 1997 polo BNG xa en solitario, ano que marca o máximo histórico desta corrente.

O crecemento non se produce pola unidade do nacionalismo. O crecemento prodúcese pola chegada ao BNG de sucesivas faixas do electorado que anteriormente se identificaran co PSG-EG/UG primeiro, con PCG/PTG/EU-IU despois, para finalmente alcanzar e sumar aos desencantados do PSOE. O crecemento susténtase na esperanza de abertura do BNG cara ideas e posicións de nacionalismo moderado sen abandonar a esquerda.

Aínda que hai quen ten afirmado que a integración do PNG-PG no BNG trouxo para o BNG votos de centro-dereita nacionalista a realidade é que o voto galeguista representado pola corrente coaga (CG/PNG-PG, CNG, DG, TeGa, PG) acabou practicamente na súa totalidade no PPdeG e en determinadas candidaturas municipais independentes. Todas as enquisas electorais serias dos últimos 12 anos desmenten que o BNG tivera xamais un número significativo de votos alén do centro (nas eleccións máis ideolóxicas, autonómicas e xerais, pois as maiorías municipais do BNG susténtanse en algunha medida no electorado conservador).

Iso explica o fracaso da estratexia denominada quintanista. E lémbrese que dito intento de saltar por riba do PSOE para pescar nun afastado e insignificante espazo nacionalista de centro-dereita foi un acordo anterior á chegada de Anxo Quintana ao liderado do BNG: tratouse dunha estratexia xestada e aprobada con anterioridade sendo portavoz e candidato do BNG Xosé Manuel Beiras e rexindo nos Consellos Nacionais o equilibrio de cotas por colectivos baixo a administración da UPG.

O avance electoral do BNG a costa do electorado doutras forzas da esquerda é por tanto un dato innegábel que se sustenta na análise dos resultados electorais e nas informacións facilitadas polas enquisas. Tres exemplos:

1. A volatilidade electoral amosa a dependencia entre os resultados do PSOE e do BNG ao longo de dúas décadas. Desde as autonómicas de 1993 até as municipais de 2007 (coa única excepción das europeas de 1999, que ao coincidir coas municipais tivo unha participación elevada, e das municipais de 2003, onde houbo efecto Nunca Máis), sempre que unha das dúas forzas subía significativamente a outra baixaba. Non se pode soster, por tanto, como fan desde a UPG, que non existe relación entre os resultados dun e doutro. Precisamente se por algo salienta o mal resultado de ambas forzas políticas nas eleccións celebradas desde 2009 (autonómicas, europeas, e municipais deste ano) é porque ambos baixan simultanea e significativamente por vez primeira desde 1989 sen que ningún logre sumar globalmente nin un só dos votos que perde o outro. Os indicadores de volatilidade desde 1989 amosan que a relación entre o resultado do BNG e do PSOE existe e é a segunda máis significativa das que se dan entre todas as parellas posíbeis de opcións de voto, xusto por detrás da que vincula abstención e resultado do BNG. Só se pode admitir, como revelan os datos e non as intuicións, que co paso dos anos a relación Abstención/BNG estase facendo máis intensa mentres se relaxa a PSOE/BNG, pero nunca se pode negar que esta última exista nin que precisamente aí se fundamentaran os avances electorais do nacionalismo.

2. Existe un amplo espazo electoral, isto é, moitos electores e votantes identificados cunhas ideas políticas determinadas, situado a medio camiño entre PSOE e BNG. É o espazo da esquerda galeguista, á que, por definila máis, poderíamos poñerlle outros cualificativos adicionais: non nacionalista nin anti-nacionalista, socialdemócrata, verde, moderada, urbana, formada, de novas clases medias, xoven… Desde 1989 ese espazo que pertencía ao PSOE foi optando gradualmente polo BNG nas eleccións autonómicas, mantendo o voto ao PSOE nas xerais, optando por calquera dos dous nas municipais dependendo do momento e dos candidatos… Así até o BNG acadar os seus máximos electorais. Desde entón este electorado foi voltando ao PSOE, decantándose cada vez máis pola abstención nas eleccións en que o seu voto non resultaba decisivo, activándose só naquelas ocasións en que si o era (autonómicas de 2005, xerais de 2008), votando entón en clave de esquerda e de país para conseguir en Galicia vitorias electorais progresistas claras que sen o seu concurso resultarían imposíbeis. Agora ese espazo electoral tamén é abandonado polo PSOE no seu desprazamento desde a socialdemocracia ao neoliberalismo económico. Ambas forzas, BNG e PSOE, levan xa uns anos obviando ao electorado aí situado, malinterpretando este nicho electoral e mesmo enviándolles aos seus habitantes mensaxes contraproducentes que os afastan deles cada vez máis e máis rapidamente. Como consecuencia diso este electorado acaba por pensar que todas as forzas políticas son iguais, abstense de participar ou procura abrigo en terceiras opcións, a súa desmobilización frustra en todo caso a posibilidade dunha maioría de progreso, vence a dereita e asistimos á expresión desta desafección en forma de #15m.

Estudo preelectoral do CIS, Eleccións ao Parlamento de Galicia 2009

3. A valoración das persoas que lideran e son referentes dos diferentes proxectos políticos tamén revelan a demanda que este electorado galeguista de esquerdas ten dunha oferta política acaída aos seus intereses. Na táboa seguinte, extraída dunha enquisa preelectoral das autonómicas de 2001, o primeiro ano con retroceso electoral do BNG, vese ben ás claras como para entrar no electorado dual (voto pasado ao BNG nas autonómicas e ao PSOE nas xerais), concretamente no sector que entón se decantaba por abandonar ao BNG polo PSOE naquelas autonómicas, líderes e/ou candidatos secundarios como Camilo Nogueira ou Geluco Guerreiro tiñan máis acollida que o entón candidato nacionalista, Beiras, ou o que sería dalí a dous anos o seu relevo, Quintana. Desde Nogueira ningún dos candidatos do nacionalismo foi quen de lograr estar ben visto nesa faixa do electorado da esquerda plural na que o BNG medrou electoralmente até 2001. E esta falta de referentes persoais denota tamén orfandade política e partidaria. Outro dato demoscópico máis: o líder político de fóra de Galicia máis valorado polo conxunto do electorado da esquerda galega (descontado o electorado conservador) na última década foi Pasqual Maragall.

Top