A abstención foi maior nas zonas con maior dinamismo socioeconómico, as máis urbanas e as que no pasado proporcionaron maiorías progresistas, o teito electoral do nacionalismo, as vitorias de Zapatero e os gobernos bipartitos tanto da Xunta como dos concellos máis populosos.

Esta animación necesita Adobe Flash Player 9

Fonte: MIR, resultados provisionais. Mapa: Mediateca de Vieiros.

As maiores porcentaxes de abstención distribúense seguindo o patrón recorrente nestes casos: as áreas metropolitanas e urbanas máis importantes, estendéndose tamén ás zonas máis habitadas das Rías Baixas e Altas, do Deza e de Valdeorras.

Significativo da viraxe electoral na circunscrición coruñesa é o dato da abstención nas áreas urbanas da Coruña e Ferrol, secundadas nun segundo plano por Santiago. A maior abstención rexistrada nestas zonas coincide coas perdas dos gobernos progresistas máis importantes: nas tres cidades, en moitos concellos medianos e dinámicos das súas áreas de influencia e na Deputación provincial.

Este retroceso da suma das esquerdas na provincia coruñesa e nas súas urbes só é a continuidade do principal sinal que deixaron as eleccións autonómicas de 2009, que se decidiron por un escano perdido polo BNG nesta circunscrición. As perdas electorais da esquerda concéntranse nas comarcas onde o poder económico e mediático conservador ten maior presenza e difusión.

Cómpre lembrar que A Coruña é a única provincia que durante o felipismo e o fraguismo foi quen de manter de forma sostida maiorías progresistas en todas as eleccións, cousa que é en boa medida atribuíbel á influencia do vazquismo na cidade da Coruña, pero tamén ao empuxe do nacionalismo galego nesta provincia: a primeira onde despuntou e a que proporcionou maiores porcentaxes de voto. Non é obviamente alleo a isto o dato de ser esta provincia aquela na que a outra corrente política do nacionalismo galego (PSG-EG/UG) e a presenza de IU tivo e ten maior importancia.

Concluídas e revertidas as etapas do vazquismo e da concentración no BNG desde voto plural das esquerdas, os resultados amosan:

a) a sobrevivencia e consolidación dunha ampla faixa social e electoral na que os valores do vazquismo e da novísima dereita feijoniana danse a man, e que, desaparecido o fraguismo, a través das transferencias de voto do PSOE cara ao PP tanto en 2007 como agora en 2011 selaron a vitoria conservadora nas cidades.

b) a desaparición de boa parte do voto nacionalista moderado e galeguista, inequivocamente de esquerdas, que nos últimos anos foi abandonando progresivamente o BNG en orde inversa á aquela na que chegaran a el, alimentando o crecemento e o sentimento de orfandade dese espazo da esquerda galega situado entre PSOE e BNG que porén carece de expresión política nas urnas.

Na época dourada do BNG a provincia da Coruña era a que maior porcentaxe de voto presentaba na contabilidade electoral nacionalista. Hoxe é a segunda e practicamente está empatada xa con Lugo e Ourense malia a posuír unha realidade demográfica e socioeconómica ben diferente.

A abstención, o voto independente, o voto en branco e o voto nulo dispáranse alí onde a esquerda e o galeguismo foron historicamente máis plurais. A circunscrición coruñesa exemplifica mellor que ningunha outra o que está a acontecer electoralmente en Galicia, pero trátase dun exemplo perfectamente trasladábel a todos os concellos grandes e medianos do país.

O problema da contabilización do CERA

A desaparición do voto emigrante nas eleccións municipais dificulta as comparacións en perspectiva temporal con eleccións anteriores, xa que a abstención no CERA sempre foi máis alta que no resto do censo. Canto maior fose o CERA dun concello nas eleccións precedentes máis baixa terá sido a súa abstención, dando a impresión na comparación con estas eleccións dun aumento da participación que é artificial.

Se non temos en conta esta interferencia derivada da desaparición do CERA en 2011 podería dar a impresión de que a abstención baixou desde 2007 e que foi semellante á das autonómicas de 2009:

Mais como tentarei explicar a continuación a realidade é máis ben que a abstención foi moi semellante á de 2007 (descontado o CERA) e menor (máis participación por tanto) que nas autonómicas de 2009 (onde tamén habería que descontar o CERA).

En relación con este efecto introducido pola desaparición do CERA nas municipais, elaborei dous mapas que recollen a evolución da abstención entre estas eleccións e as anteriores. No primeiro comparamos censo contra censo, sabendo que en 2007 había CERA e en 2011 non. No segundo adopto unha simplificación para tentar comparar magnitudes máis homologábeis: descontamos do censo de cada concello en 2007 o número de electores incluídos no CERA e supoñemos que os votos emitidos pola emigración hai catro anos foron emitidos integramente pola poboación residente.

Esta animación necesita Adobe Flash Player 9

Fonte: MIR, resultados provisionais. Mapa: Mediateca de Vieiros.

Esta animación necesita Adobe Flash Player 9

Fonte: MIR, resultados provisionais. Elaboración propia. Mapa: Mediateca de Vieiros.

O primeiro dos mapas máis que amosar a variación da porcentaxe de abstención entre 2007 e 2011 o que nos amosa é a relación de concellos nos que o CERA era máis importante, isto é, no que tiña maior peso a respecto do censo total (por exemplo, case toda a provincia de Ourense, as zonas de montaña das estremas orientais de Lugo, Pontevedra e A Coruña e a Costa da Morte).

Ao prescindir do CERA neses concellos a participación limítase aos residentes e aumenta a súa porcentaxe, reducindo o incremento da participación entre 2007 e 2011, que era en boa medida artificial. Gonzalo Rivero presenta graficamente esta relación directa e case lineal entre aumento da participación e importancia do desaparecido CERA.

O segundo dos mapas, eliminada esa distorsió sitúanos moito mellor na realidade da abstención nestas eleccións: a proporción de concellos onde aumentou e se reduciu a abstención é moito máis equlibrada, e as porcentaxes de variación son, independentemente do signo, de menor magnitude e máis próximas de cero. É certo que baixo este suposto introducimos un efecto de signo contrario a aquel no que incorreriamos de non descontar o CERA, e que aumenta artificialmente a participación do censo de 2007 minorado. Pero coido que esta comparación reproduce mellor a evolución temporal e territorial da abstención.

Feito o axuste conclúese que non houbo nas zonas máis poboadas patróns significativos de variación da abstención en relación con 2007.

 

A abstención e o CERA

O incremento aparente da participación débese a que o censo de 2007 incluía o CERA e o de 2011 xa non.
 Concellos moi dinámicosConcellos dinámicosConcellos estacionariosConcellos regresivosTotal Galicia
* Datos calculados sobre a hipótese de eliminación do censo CERA de 2007 mantendo o voto CERA de 2007 como se fose emitido polos residentes. Porcentaxes calculadas sobre 280 concellos galegos, por inconsistencias entre os datos do MIR e da Oficina do Censo Electoral en 35 concellos.
Abstención 2007 (%)40,8835,9733,7833,7337,00
Abstención 2007 sen CERA* (%)36,3230,2221,1516,2728,07
Abstención 2011 (%)37,2331,9024,3419,4030,52
Variación 2007-2011-3,65-4,08-9,43-14,33-6,48
Variación 2007-2011 sen CERA*+0,79+1,86+3,44+3,10+2,05

 

A redución da abstención en 6,5 puntos convértese trala eliminación do CERA nun aumento de 2 puntos. Como dixen, a premisa na que se sustenta este cálculo engorda lixeiramente a participación dos concellos en 2007, polo que se puideramos descontar non so o censo senón os votos da emigración (cousa imposíbel xa que se contabilizan xunto cos dos residentes no reconto de cada mesa) a diferenza real na participación entre 2007 e 2011 sería menor. É ese voto CERA imposíbel de separar do resto o que explica que as diferenzas de participación e abstención entre 2007 e 2011 calculadas sen CERA sexan maiores nos concellos con menor dinamismo socioeconómico, por seren precisamente eses os que máis voto CERA presentan. A eliminación do censo CERA tamén permite constatar as diferenzas no nivel de participación entre uns concellos e outros, moito maiores do que os censos con CERA deixaban entrever, pois inchaban a abstención nos concellos mais rurais.

En resumo, a participación foi basicamente a mesma que en 2007 no conxunto do País, e as diferenzas de participación entre concellos dinámicos e regresivos seguen a ser enormes, pero non aumentaron nin se reduciron.

Etiquetas:
 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*