Pasados 33 anos desde a aprobación da Constitución do Reino de España e 30 desde a do Estatuto de Autonomía de Galicia existen varios elementos nos resultados electorais recentes que fan pensar que nos atopamos ás portas de cambios importantes no sistema de partidos políticos, e quizá tamén na propia estrutura do Estado.

Nestas eleccións autárquicas o voto nulo e o voto en branco atinxiron unha marca histórica en Galicia: 65.000 votos. Os resultados viñeron a pór de manifesto o que segue:

a) O voto en nulo en Galicia alcanzou valores máximos nas primeiras eleccións democráticas, nas do cambio socialista de 1982, en menor medida durante a etapa final do PSOE de Felipe González no período 1996-2000, e con forza inusitada neste preciso momento. Pero non presenta unha tendencia histórica crecente senón que repunta en conxunturas políticas determinadas cuxo denominador común é a posibilidade materializada en todo ou en parte dun cambio substancial no sistema de partidos. Un momento constituínte, a desaparición de UCD, a crise do PSOE e a irrupción do nacionalismo como segunda forza… e agora.

b) O voto en branco, en cambio, si presenta un crecemento constante e sustentado. Garda relación coa desafección (electores desilusionados cos políticos e as forzas políticas), como ten analizado exhaustivamente Fermín Bouza a través das enquisas do CIS. Sendo crecente rexistra mínimos por baixo da tendencia histórica nos momentos de máxima mobilización da esquerda, precisamente cando máis concorrencia pola vitoria e máis voto útil houbo (vitoria da esquerda nas eleccións autonómicas de 2005 ou mantemento do PSOE de J. L. R. Zapatero no Goberno de España en 2008, contaxiando ás eleccións municipais de 2007 celebradas entrementes). Trátase dun voto consciente e crítico, con maioría progresista, de persoas cun nivel de formación superior á media (residentes en maior medida nas zonas urbanas e de poboación máis nova).

Tamén podemos obter información relevante sobre o voto en branco a través das sondaxes (nas que o voto nulo non se inclúe como resposta posíbel). Nas eleccións do 22-M practicamente toda a intención de voto, voto directo ou voto declarado que as sondaxes realizadas nos concellos máis populosos atribuían ao voto en branco, a forzas minoritarias e a esa caixa negra da opción de resposta ‘outros’, non se converteu en abstención ou en voto útil. Noutras ocasións anteriores as enquisas tiñan rexistrado porcentaxes semellantes nos mesmos concellos, outorgado posibilidades de entrar nas corporacións municipais a cuartas e mesmo a quintas forzas, pero só nestas eleccións se pode afirmar que ese voto de cabreo anticipado polas enquisas materializouse integramente nas urnas. É certo que nalgúns casos non se rexistraron porcentaxes de voto en branco tan importantes como as que saían das enquisas, pero no seu conxunto todo ese volume de intención de voto distinta da dirixida ás grandes forzas políticas traduciuse de algún modo nos resultados: en parte como o máximo histórico de voto nulo e de voto en branco, en parte como voto a forzas minoritarias.

A esta evidente crise do sistema de representación democrática a través do actual mapa de partidos políticos cómpre sumarlle a crise económica, a maior nun século, caracterizada pola existencia de máis diferenzas económicas que nunca antes, e cuxos efectos se deixan sentir de forma especialmente na xuventude. Os nados en Democracia constitúen a primeira xeración cuxas expectativas laborais, económicas e sociais non son de avance social senón de retroceso.

As recentes mobilizacións da geração à rasca española e por tanto da galega (hashtags #15m, #spanishrevolution, #nolesvotes) tiveron unha incidencia electoral significativa en moitos concellos urbanos, no sentido non de elevar a abstención, mais antes de reducir o voto aos dous grandes partidos e aumentar o doutras forzas, quer à dereita quer à esquerda quer independentes de esquerdas e nacionalistas, ademais do voto en branco e do nulo. No caso galego os efectos sobre o BNG non foron aínda avaliados, pero a intuición dita que se aproximan máis aos que sufriron as grandes forzas (PP, PSOE) que ao das pequenas (IU, ou UPyD en Madrid).

Non descarto que en algunha medida, como indican algunhas enquisas realizadas na última semana de campaña, despois das manifestacións do 15-M e durante as acampadas, que as mobilizacións minguaran en algunha medida a xa esperada e enorme vitoria da dereita.  Isto tería acontecido pola vía da desmobilización dun certo voto xuvenil que responde a tendencias e modas, e que tería apoiado ao PP de non ser polo influxo destas protestas. Lémbrese que tendo o PP un magnífico resultado en absoluto colmou as súas expectativas e obxectivos, tanto en Galicia como nalgunhas outras Comunidades.

En definitiva, o panorama electoral reúne unha boa présa de ingredientes que, sen anticipar resolución ningunha nun sentido ou noutro, permiten pensar que as próximas eleccións xerais poden marcar cambios substanciais no mapa electoral galego e español.

Etiquetas:
 

3 Responses to OPM 2011: No limiar dun cambio estrutural?

  1. dorfun di:

    Móllate! Xa que parece haber un bo caldo de cultivo, ti mesmo falas de ingredientes, como se deben cociñar as cousas? Ou agardamos a comelas crudas? ;)

  2. Propositador di:

    Tenho claro que o futuro vai ser mui diferente do que tenhamos visto ou podamos consultar a gente viva ou ler nos livros. Tamém que a perda de força eleitoral do nacionalismo deve-se basicamente à diminuiçom da percepçom social da diferencialidade galega, bem completamente ou quantitativamente (em prol da espanhola, urbana e consumista). O que sempre é difícil nestas cousas é acertar nos tempos. A curto praço, penso que está todo falado: ou a UE cria um sistema de redistribuiçom interna de riqueza, obviamente centralizado e supraestatal, ou desintegra-se, suponho que em cenários bastante virulentos e desagradáveis. Parece-me evidente que todo o que temos conhecido nom vai servir de muito em qualquer de ambas possibilidades. No primeiro cenário poderia ser esperável um reforço de políticas de espanholizaçom, no segundo é o caos total e nem imagino o que poderia sair dai.

    A curtíssimo praço a pergunta é: vai-se desintegrar o PP? Porque só vai “herdar” problemas como nunca tenha conhecido, e naturalmente nom vai poder arranjá-los, penso que nem sequer agachá-los ou manipulá-los.

  3. meendinho di:

    Eu sim me vou molhar: a nível estatal uma força ecologista (equo) terá um êxito importante (4-5 deputados) que será minorizado pelo sistema eleitoral. No caso galego não concordo com isso de uma desafeção com o nacionalismo pela baixa “consciência nacional”. Nunca houve tantos nacionalistas galegos coma agora, nem militantes, nem simpatizantes (particularmente nos menores de 40 anos), mas há uma desafecção com um tipo de nacionalismo assentado nas possições do comunismo. Organizações como CXXI ou uma possível nova PSG-EG refundada seguro terão um êxito relativo. Uma cousa é a maior ou menor galeguidade e outra que isso se materialize no êxito duma organização nacionalista. A modo de exemplo, na Catalunha nunca houve tantos independentistas, mas isso não se traduz num maior apoio a ERC ou equivalentes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*