Loading

Influíron as mobilizacións do #15m no nivel de participación e abstención das eleccións municipais galegas do #22m? A resposta é que non. Vexamos por que.

É ben coñecida a dificultade de estimar o nivel de participación a priori, antes das eleccións. Os datos recollidos polas sondaxes electorais non axudan moito neste sentido, pois as taxas de participación que se derivan do voto declarado ou directo son sempre moito máis elevadas do que a realidade acaba demostrando.

Existen porén modelos numéricos que tentan aproximar ou predicir o nivel de participación a partir da evolución histórica, o tipo de eleccións, a circunscrición, indicadores diversos de estrutura electoral e socioeconómica, información extraída das enquisas, a coincidencia de dous ou máis comicios o mesmo día, a valoración da conxuntura política e económica, e, sobre todo, dos datos das solicitudes de voto por correo que publica xa encetada a campaña a Oficina do Censo Electoral.

Modelos semellantes permitiron cuantificar no seu día a importancia de acontecementos excepcionais acaecidos durante a última semana de campaña. Así por exemplo, tralos atentados do 11-M de 2004 houbo un aumento importante da participación que os modelos baseados nas solicitudes de voto por correo loxicamente non podían prever. A diferenza entre a participación prevista e a real dános a influencia dese evento: 4 puntos porcentuais máis de participación na Coruña e 3,5 en Pontevedra, carecendo de efectos significativos tanto en Lugo como en Ourense. Aquel efecto logrou que a taxa de participación das catro provincias practicamente se igualasen.

Os modelos tamén permiten estimar a influencia doutro tipo de efectos pasaxeiros con posterioridade. No caso do desastre do Prestige e do movemento Nunca Máis a variábel instrumental empregada resultou ser significativa nas tres provincias galegas con mar, mostrando un efecto medio de 3,5 puntos de aumento da participación nesas circunscricións costeiras.

Este ano o número de solicitudes de voto por correo indicaban que o nivel de mobilización se iría situar aproximadamente na tendencia histórica, tanto de todas as eleccións e como municipais en particular. Dez días antes da cita coas urnas non se esperaban por tanto taxas normais de participación, como así foi finalmente.

Isto significa, contra o manifestado por algúns políticos e analistas, interesados en bótar balóns fóra, que as manifestacións do #15m e das concentracións e acampadas dos días seguintes, posteriores todas elas ao peche do prazo de voto por correo, non viñeron alterar as previsións. De aí conclúese que non tiveron efecto ningún sobre o nivel de participación.

Outra cousa ben diferente é se influíron ou non no sentido do voto. Sobre esta cuestión carecemos aínda de análises postelectorais, pero temos dous elementos que indican que si tiveron algunha influencia:

a)     A simple suma dos resultados electorais a nivel de España ou de Galicia evidencia que as principais forzas perden apoios e que os gañan as forzas minoritarias, sen que, como ten acontecido noutras eleccións, e como vimos de comentar, o voto perdido polos partidos máis grandes se teñan ido á abstención.

b)     Unha sondaxe continua realizada pola empresa Metroscopia na Comunidade de Madrid, permitiu comparar resultados de antes e de despois do #15m, concluíndo que si houbo cambios no sentido do voto no sentido do demandado polo movemento #nolesvotes: Diminuía a intención de voto a PSOE e PP e aumentaba a de IU, UPyD e a do voto en branco. Constataba ademais que estes efectos se concentraban na xuventude, que estaban a ser os principais (aínda que non os únicos) protagonistas das mobilizacións.

Estes resultados permiten pensar mesmo en que, na medida en que o #15m desmobilizou voto xuvenil que ía levarse o PP contribuíu a que nalgunha medida a vitoria conservadora non acadara maiores cotas. Lémbrese que tendo o PP un magnífico resultado en absoluto colmou as súas expectativas e obxectivos, tanto en Galicia como noutras Comunidades.

Datos do modelo de estimación da participación

Resultados do modelo de regresión lineal. t=2,98 e t=2,95 para as variábeis dummy 11M e NUNCAMÁIS respectivamente. R2=0,96. Datos para as catro circunscricións galegas en todas as eleccións desde 1999 até 2011.

O modelo conclúe que o #15m en Galicia non resulta significativo como si o foran os atentados do 11-M ou a marea negra, e como pode verse na seguinte figura o modelo estima razoábelmente ben o nivel real de participación sen necesidade de ter en conta o #15m (nótese a coincidencia do dato real e do estimado en 2011, cuxo erro máximo ascende a 2 puntos en Lugo).

 

Top