As enquisas amosan como tendencias un crecemento significativo do PP, unha flutuación do PSOE arredor dos valores cos que principiou o mandato, e unha descida igualmente significativa do BNG.

O crecemento do PP é menor en intensidade que o experimentado entre a retirada de Francisco Vázquez e a convocatoria electoral de 2007, pero pode supór outro gran paso adiante para os conservadores. O BNG situaríase agora mesmo nos seus mínimos tanto do mandato como do período post-Prestige analizado. A perda do goberno bipartito da Xunta supuxo para o BNG o comezo da súa baixada e o cambio definitivo de nivel nas súas expectativas electorais. A oscilación do PSOE permite situar vagamente o seu peor momento a mediados do mandato. Até entón tería cedido hipotéticos votantes ao PP, para sen deixar de cedelos comezar a recuperalos polo outro lado, procedentes do BNG.

As últimas enquisas coinciden arredor destas orientacións, edil arriba ou embaixo, con excepción da Enquisa de Ipsos para o Grupo Mol (La Opinión e Faro de Vigo), a única en situar ao PSOE por diante do PP no que é un resultado moi moi improbábel, imposíbel diría. A pesar de que enquisas como as de Sondaxe de hai un ano ou seis meses aínda non visibilizaban o sorpasso do PP sobre o PSOE o certo é que este xa fora detectado en enquisas previas ás eleccións autonómicas do 1 de marzo de 2009.

Esta posíbel sobrevaloración do PSOE na enquisa de Ipsos resulta máis chocante se consideramos que esta foi a empresa que en 2007 máis se aproximou ao resultado das eleccións, precisamente grazas reducir o número de edís esperado para o PSOE por baixo do nivel absolutamente inchado que ofreceran todas as demais empresas demoscópicas. Entón, mesmo con aquela corrección á baixa de Ipsos, en 2008 ningún instituto acertou á hora de visibilizar o grande transvase do voto desde o PSOE ao PP que supuxo o fin da era Vázquez na Coruña e da maioría absoluta do PSOE. Por iso as sondaxes na Coruña deben ser interpretadas con dupla cautela, porque hai precedentes.

Durante o mandato, ningunha enquisa apuntou sequera a posibilidade dunha maioría absoluta para o PP, malia a que a tendencia crecente o pon relativamente perto dos 14 edís. Sondaxe e Ikerfel (La Voz de Galicia e ABC, precisamente os medios que dirixiron a campaña mediática de falsidades e manipulacións que resultaron decisivas para a caída do goberno bipartito na Xunta de Galicia) son os únicos en avanzar a cifra de 13, a un edil da maioría absoluta. Na miña opinión tratan de visibilizar así a posibilidade dunha maioría absoluta do PP que en realidade dista de estar a tiro, cun claro obxectivo: mobilizar o electorado da dereita. Calculo que o nivel medio das enquisas realizadas nas últimas semanas poden darlle ao PP uns 12 concelleiros, 13 só sería o seu teito no mellor dos casos posíbeis.

Intúo, como dixen, unha estabilidade do PSOE nos últimos tempos que difícilmente podería converterse nun crecemento e si máis facilmente nun descenso, aínda que o nivel dos 10 concelleiros penso que estaría asegurado. O BNG presenta un nivel de 4 edís, malia a que a enquisa propia que filtrou lle outorgaba 5. Na miña opinión, deixando á marxe o interrogante do hipotético beneficio electoral que puidera obter das mobilizacións do 15-M, onde desde logo no comezou actuando con acerto, é máis probábel que baixe dese número que non que suba.

Canto á posibilidade de irrupción de IU ou UC no consistorio coruñés, algunha enquisa, como no mandato pasado, chegou a outorgar un edil tanto a IU como a UC. Porén, o elevado número de candidaturas a priori minoritarias e o límite do 5% deixaríaos en principio fóra do Palacio de María Pita. Iso si, é máis que probábel que IU medre en apoio popular, tanto pola desafección dos antigos votantes nacionalistas e socialistas como polo efecto electoral do movemento do 15-M, que é sen dúbida o que máis incertezas está a deitar agora mesmo sobre a participación e as expectativas electorais de cada forza política, e que en algunha medida restarán validez ás enquisas realizadas con anterioridade a esa data (todas as que son públicas e que se recollen na gráfica superior).

Algúns datos adicionais para comprender mellor o anterior:

– En media, as enquisas estimaron que máis do 10% do censo iría votar outras opcións distintas das que teñen representación no Concello, e se xuntamos o voto en branco perto do 15%.
– A fidelidade de voto ao PP nonbaixa do 80%, entanto as de PSOE e BNG móvense arredor do 50%, lixeiramente máis baixa nos nacionalistas. Pero mentres os do PSOE se amosan máis indecisos e reciben e ceden votos en proporcións semellantes, perto dun 20% dos antigos votantes do BNG cambiarían o seu voto e votarían ao PSOE.
– O BNG só é capaz de atraer a entre un 4% e un 10% dos novos electores, maiormente mocidade. Cifra exigua que malia a ser A Coruña unha cidade onde ao BNG sempre lle custou alcanzar voto xuvenil reflicte ben ás claras a total desconexión do nacionalismo coa mocidade.
– A valoración do alcalde Losada é superior á do ‘incumbente’ Negreira, e malia a que a distancia non é moita, tampouco a valoración do alcalde é tan negativa como para xustificar unha derrota por maioría absoluta fronte a un competidor peor valorado aínda. Relevado Henrique Tello o novo candidato do BNG á alcaldía non atinxe o 40% de coñecemento.

Avaliación á vista dos resultados (25/5/2011)

Epic fail! As enquisas adoeceron de novo do mesmo fallo que en 2007. Non son capaces de medir os transvases de voto do PSOE ao PP, moito maiores do que indican as sondaxes. O PSOE baixou até os 8 edís, desde os 9-10 que daban as últimas enquisas (excluída a de Ipsos). Deberíamos ter atendido á correlación entre as evolucións de PP e PSOE nas enquisas dos últimos 12 anos: eses dentes de serra que fan variar até 3 edís a favor de un ou outro en sondaxes practicamente coincidentes no tempo, tanto nos mandatos anteriores (máis claramente) como neste (de forma máis amortecida). Iso só quer dicir unha cousa: os máis de 20 anos de vazquismo na Coruña non foron en van, deixaron pegada e aproximadamente 6 dos 27 edís que ten a cidade identifícanse con ese espazo sociolóxico e electoral que se sitúa entre as dúas principais forzas españolas.

En favor das enquisas débese recoñecer que recolleron as tendencias de forma fiel, aínda que non coa intensidade final que acadaron. Aumento do PP e IU e descenso de PSOE e BNG. A entrada de IU no consistorio confirmouse malia a que en mandatos anteriores, na Coruña e noutras cidades galegas, xa se rexistraran moitas situacións cun importante volume de voto a forzas minoritarias ou sen representación. A diferenza nesta ocasión é que todo ese voto alleo ás principais forzas materializouse case ao 100%: IU, UC, brancos e nulos. E a ferrolanización da coruña en canto á abstención fixo o resto.

Etiquetas:
 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*