Loading

As enquisas en Vigo caracterízanse neste mandato por presentar os seus resultados menos flutuacións que as elaboradas no mandato anterior. O cadro componse dun BNG con lixeira tendencia á baixa e perda dun edil, dun PSOE e dun PP que se manterían ou gañarían o edil perdido polos nacionalistas.

Mais nesta cidade amoso a miña maior medida de escepticismo sobre a validez do escenario que debuxan as sondaxes. Independentemente da situación política local non concibo que coa candidata mellor valorada (dentro do modesto das notas medias que obteñen todos) e tralo choque que supuxo para as forzas do bipartito a perda da Xunta, o PP non teña asegurado xa desde hai tempo ese representante a maiores que lle falta para a maioría absoluta, e que en 2007 valía uns poucos centos de votos. Hai datos nas enquisas que avalan esta ousada afirmación miña.

– A metade das sondaxes dánlle ao PP abanos que inclúen o tan desexado número 14.

– Hai tres enquisas de autoría descoñecida (non publicada) que corresponden a filtracións interesadas (e polo tanto totalmente desconfiábeis) de enquisas internas dos partidos progresistas: dúas do PSOE e unha do BNG. É un sinal de intentos desesperados de incidir nunha situación electoral que non lles é en absoluto propicia, cuestións deontolóxicas e éticas á marxe.

– No único dato de intención directa de voto que coñezo a porcentaxe de voto decidido ao PP supera á suma de PSOE e de BNG. Só un empate xa me valería para afirmar unha maioría absoluta do PP, a falta de outras formacións con representación.

– A mensaxe de que o PP aínda non conseguiu a vitoria, que trasladaron as últimas enquisas de Ikerfel e Sondaxe, tamén fai pensar na súa idoneidade para os obxectivos do PP de mobilizar até o último momento ao seu electorado.

– É certo que o PSOE recibe entre un 15% e un 20% dos antigos votantes do BNG (que xa só por iso vería perigar non un senón dous concelleiros) e que iso lle podería dar azos, pero cede ao PP máis do que recibe del, e en calquera caso o conxunto da suma PSOE+BNG sae perdendo.

Por tanto outro resultado distinto dunha maioría absoluta de Corina Porro sería para min unha gran sorpresa, malia a ambigüidade das enquisas.

Avaliación á vista dos resultados (25/5/2011)

O principal fallo non foi das enquisas senón da miña interpretación dos datos. Efectivamente había elementos que permitían pensar no crecemento do PSOE e no mantemento do PP, como pode verse na gráfica. Pensei que a proximidade á maioría absoluta en 2007, o crecemento electoral adicional da dereita nestes anos e a valoración dos candidatos tras unha campaña do nivel máis baixo que se teña visto nunca en Galicia en moito tempo, acabarían cunha vitoria popular. Non foi así, e cabe admitir que a campaña electoral foi decisiva para que Abel Caballero opte con todos os méritos a ser o novo Francisco Vázquez: con el o PSOE goberna a cidade española con máis habitantes, e a vitoria pode servirlle para forxar unha aura de autoridade e carisma coa que a cidadanía leva décadas soñando, mirándose no espello coruñés. Ser capaz de manter a posibilidade dunha alcaldía en coalición co BNG cando tiña todo na súa contra fala ben ás claras da importancia do resultado acadado.

Top