Se nos fiamos das enquisas, Santiago de Compostela sería trala xornada electoral, e descontando os efectos que sobre o voto poidan ter as mobilizacións do 15-M, un remanso de paz e tranquilidade, pois pouco ou nada se movería.

Un PP a moverse no abano 10-12, un PSOE no 9-11 e un BNG no 3-4. Previsíbel maioria progresista.

Ben é certo que en 2007 as enquisas prognosticaban que o PSOE sería primeira forza, e mesmo que medraría en relación a 2003. Como noutras cidades, o fluxo de electores desde o PSOE ao PP, non foi recollido polas sondaxes e nas urnas produciuse finalmente o adianto. Mais aínda que este fluxo continúa agora (algunha enquisa cifroun en 12% a proporción de antigos votantes socialistas que votarían agora ao PP), demoscopicamente falando xa non colle a ninguén por sorpresa como entón: os electores manifestan ese cambio sen rubor e os institutos están sobre aviso.

A teor das tendencias políticas e de voto que estamos a vivir o máis probábel é que o PP seguese a subir e o PSOE a baixar, un pouco ambos, quizá un edil, como no mandato 2003-2007. Menos do que poderían por culpa dun candidato mal valorado os primeiros, e grazas á un alcalde e unha xestión municipal que aproban os segundos. Compostela tampouco é dada a grandes viraxes electorais, ademais.

O BNG móvese arredor da repetición de resultado, aínda que como no resto da Galicia urbana, e en particular nunha cidade como Santiago, con amplas capas da poboación con formación universitaria (aspecto no que se iguala coa Coruña), e sendo este o celeiro electoral máis importante e agora desatendido e distante das posicións nacionalistas, a tendencia de voto nacionalista é decrecente dentro da estabilidade. Baixa fidelidade de voto, baixo coñecemento do candidato e tendencia xeral do nacionalismo avalarían esta percepción.

Dúas enquisas de autoría non declarada, divulgadas a través de internet por rederiodistas.es de Santiago de Compostela, con ficha técnica máis que dubidosa, foron as únicas en tentar incluír a UPyD no escenario político de Raxoi, cun edil fixo en primeira instancia e cun abano 0-1 meses máis tarde. Non se lle deben prestar credibilidade.

A única sorpresa na capital deuna o CIS, outorgándolle posibilidades a IU de entrar na corporación municipal. Malia a que temos dito por activa e por pasiva que as enquisas do CIS son as merecedoras de maior credibilidade en termos xerais, a mostra desta sondaxe non era grande e si a marxe de erro. Aínda que habería probabilidades de que IU se fixese cun edil, trátase máis dun resultado baseado na coherencia técnica da estatística que dunha posibilidade con visos de se materializar. Antes que en Santiago de Compostela IU debería superar o límite do 5% do voto noutras cidades, como por exemplo A Coruña.

Avaliación á vista dos resultados (25/5/2011)

Epic Fail! Non houbo grandes diferenzas coas enquisas pero a precariedade da maioría absoluta provocou que os cambios non detectados ou non valorados polas enquisas desen unha viraxe de 180 graos á composición do pleno do Concello. Si é certo que sa enquisas amosaban unha lixeira tendencia á alza do PP e á baixa do PSOE e do BNG, datos que contradicían as valoracións do alcalde e do labor de goberno. É plausíbel daquela que asistíramos a un voto adicional que non se moveu en clave local senón en clave española.

Como na Coruña os transvases entre as principais forzas estatais detectáronse pero non na medida correcta, constatándose que estas transferencias son máis difíciles de cuantificar cando se producen entre forzas políticas que non comparten demasiados espazos comúns (a diferenza de PSOE e BNG que comparten o galeguismo non nacionalista de esquerdas, flutuante entre eles e a abstención ao longo das últimas dúas décadas). Podería resultar ousado mais poderíamos estar a asistir á coruñización da capital galega, á conformación dunha capa social de persoas de novos ricos (clase media-alta, nivel económico medio-alto) que comezan a comportarse electoralmente como o fixo históricamente o vazquismo na Coruña: votaba PSOE nas eleccións locais pero PP no resto de convocatorias.

Asemade, as últimas enquisas publicadas apuntaron unha recuperación do BNG que non foi real. no mesmo erro caeu a sondaxe a pé de urnas da TVG que apuntou a posibilidade de o BNG obter 5 edís. Á marxe deste dato, esta enquisa realizada nos colexios electorais o día da votación atinou en dar como posíbel a maioría absoluta do PP, aínda que empregando abanos de 2 edís de amplitude para curarse en saúde.

Etiquetas:
 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*