OPM 2011: Enquisas en Pontevedra

En Pontevedra as enquisas indican movementos significativos que, como probablemente acontecerá en toda Galicia, favorecen dos dous ao socio máis forte do goberno bipartito, aquel que detenta a alcaldía, e que neste caso é o BNG e non o PSOE.
O BNG presenta unha gañancia de dous concelleiros a respecto dos 7 que conta agora que recuperaría do PSOE. A evolución ao longo do presente mandato indica que o BNG non se xoga a alcaldía só a conta dos votos que lle gañe ao PSOE senón tamén de algún que outro que pode roer do PP. Se no pasado as enquisas aproximaron ben o resultado do PSOE, no caso do Bloque vemos como en 2007 a súa baixada foi inédita, só aproximada pola enquisa de Ipsos, e se trataba de votos que disputaba directamente co PP, que é a alternativa e que foi finalmene quen os levou, e con quen tamén os disputa agora, tentando recuperar aqueles que xa antes de 2003 votaran ao BNG. E é que cando o BNG acada alcaldías é porque ocupa en boa medida un espazo electoral que non lle é propio, e para mantelas debe convencer máis polos feitos e polas persoas que pola ideoloxía.
Só unha enquisa aproxima ao PP á maioría absoluta, pero iso é algo impensábel á luz dos datos de varias das enquisas:
- Un voto directo ou decidido superior do BNG sobre o PP, ou cando menos igual.
- A maior fidelidade de voto do BNG (76%) a respecto do PP (72%).
- Aproximadamente un 20% dos antigos votantes do PSOE votaría agora a candidatura nacionalista.
- A valoración próxima ao 6/10 do alcalde Lores fronte ao case 3,5 do candidato popular Martín, o peor dos que presentan os conservadores nas sete cidades.
- A proximidade do BNG de Lores á mocidade nesta cidade, até o punto de disputarlle ao PP o primeiro posto entre os novos electores.
Por tanto concibo un escenario onde a suma BNG+PSOE ten elementos para manter o seu nivel de voto relativo fronte ao PP, tendo como única ameaza críbel a abstención.
Avaliación á vista dos resultados (25/5/2011)
As sondaxes atinaron no fundamental: maioría de progreso e evolución das tres forzas políticas con representación no Concello a respecto de 2007. Porén, ningunha anticipou o empate en edís entre PP e BNG, sendo a de Ipsos a que ficou máis preto do resultado final. Canto aos 3 edís do PSOE só o abano presentado pola enquisa de Obradoiro se aproximou do desenlace.
A existencia de transvases de última hora cara ao BNG tanto desde o PP como desde o PSOE, xa detectados aínda que nunha menor contía, explicaría as pequenas diferenzas entre os valores medios das enquisas publicads na primeira semana de campaña e o resultado do día 22. Confirmáronse as tendencias debuxads pola gráfica, probablemente polo liderado de Lores entre os candidatos, a pésima valoración do seu adversario popular e por unha boa campaña electoral desenvolvida até o último momento.
Compartir
Traducir Traduzir Translate
Servizo fornecido por OpenTradTwitter
Facebook
Google+
Etiquetas
#15m #22m 2011 abstención acb age anova autonomía autonómicas baloncesto bipartito bng cis cociña concello economía eleccións electoral encuesta enquisa esquerda estatística estimación galego galicia galiza house effects inquérito iu localización mapa modelo municipais municipal nacionalismo parlamento participación partido política psoe resultado sondaxe sondeo tradución votoIndicadores IGE




