O primeiro a ter en conta nas enquisas electorais de Ferrol é a existencia de dous datos artificiais correspondentes ao que con evidencia se trata dunha mesma enquisa divulgada en forma de dúas diferentes, en días consecutivos, unha polo PSOE ferrolán e outra pola prensa ferrolá.

Ambas enquisas, asinadas pola empresa Analiza do grupo Proxectos, coinciden en situar ao PSOE moi por riba do PP xusto no momento en que o PP estaba sobrepasando ao PSOE para converterse en primeira forza en intención de voto, evidentemente co ánimo de tentar transmitir á opinión pública unha posición de forza a un PSOE xa en retroceso. Por tanto, os datos para PP e PSOE nesta(s) enquisa(s) podemos consideralos como pouco ou nada fiábeis (non así o resto).

O PP obterá na cidade de Ferrol o crecemento máis importante das sete cidades galegas. Ademais da suba xeral que xa viña obtendo dentro do ciclo político estatal a custa do PSOE súmase o transvase de votos desde Independientes por Ferrol. Así, o PP ferrolán podería aumentar os seus edís en máis dun 50%, até o máximo de 12 que lle outorga a última enquisa de Sondaxe. IF vería reducida a súa representación de tres a un ou dous edís. A suma PP+IF que permitiría a priori un goberno conservador na cidade está moi próxima da cifra de 13 que marca a maioría absoluta.

Hai que lembrar a enorme desafección existente en Ferrol cos partidos políticos desde os tempos da reconversión industrial, a enorme fragmentación do voto, baixa participación, a alternancia entre gobernos de esquerda e dereita ao longo de todo o período democrático… Todo parece favorábel a unha nova viraxe á fronte do Concello.

O PSOE ten elevadas probabilidades de ver minguar os seus resultados, coincidindo todas as sondaxes en que perdería cando menos un edil, cantidade que me aventuro a afirmar que será máis ampla. Pero a tendencia á baixa máis forte que debuxan as enquisas é a de IU, que podería pasar de 4 a tres ou dous. O BNG manteríase aparentemente sen problemas nos seus actuais dous edís, aínda que podería resultar beneficiado colateralmente do feito de ser a única forza progresista que non posúe unha tendencia decrecente, aglutinando voto de esquerda.

Todos os candidatos son suficientemente coñecidos (por enriba do 70%) como para a que o nivel de notoriedade non os prexudique. O problema é que ningún aproba, pero sobre todo, que mentres o único que se aproxima ao aprobado é o candidato popular, o resto se aproximan a valores da orde do 3,5 sobre 10.

Como pode verse na gráfica en Ferrol as enquisas electorais comportáronse perfectamente ben en 2003 e 2007, coa única excepción da última publicada en 2007 por Sondaxe. Non teño motivos para pensar que nesta ocasión pudese haber grandes diferenzas, aínda que será difícil que en conxunto anticipen tan ben como entón o resultado final.

Avaliación á vista dos resultados (25/5/2011)

Máis unha vez pode afirmarse que as sondaxes atinaron en Ferrol. Aínda que ningunha achegaba o PP aos 13 edís que lle daban a maioría absoluta a tendencia galopante das últimas semanas cumpriuse ao 100%. As enquisas a pé de urna xa adiantaron a mediodía do domingo que Ferrol caía do lado dos populares. O PSOE obtivo 8 edís en vez dos 9 que daban as enquisas, e o transvase de voto de Irisarri a Rey foi o que marcou a diferenza. As demais formacións obtiveron exactamente o que indicaban as enquisas.

Etiquetas:
 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*