Nesta anotación abordo por fin un aspecto que é 100% responsabilidade dos Concellos e dos seus gobernantes: a fiscalidade municipal, a facenda local. Os resultados amosan que as principais forzas políticas galegas se comportaron nos concellos segundo cabía esperar dos seus discursos, aínda que todas en conxunto seguen contribuíndo ao raquitismo fiscal dos concellos.

No que segue vou falar de tributos, unha categoría máis ampla que o que técnicamente se denominan impostos e que comprende non só impostos directos (IBI) e indirectos (rodaxe, construción) senón que inclúe tamén taxas (auga, saneamento, lixo, cemiterios) e outros ingresos (prezos públicos polo uso de instalacións deportivas) propios das facendas municipais.

A medida que vou usar para medir a fiscalidade é o esforzo fiscal, isto é, a porcentaxe da nosa renda que cada quen dedica a pagar os tributos municipais. A presión fiscal, concepto máis familiar para a maior parte da xente, mide a cantidade de tributos pagados por habitante, en termos absolutos, polo que non ten en conta a capacidade económica do pagador. Daí que prefira usar unha medida relativa como o esforzo fiscal en vez da presión fiscal.

As fontes de datos empregadas foron dúas esta volta: o Consello de Contas de Galicia e o Instituto Galego de Estatística. Para o cálculo do esforzo fiscal empreguei os datos de renda municipal analizados na anotación anterior, o que limita a dispoñibilidade de resultados ao período 2000-2007.

Con que alcaldes e alcaldesas e de que partidos medrou máis o esforzo fiscal municipal durante os últimos anos?

Os concellos cun alcalde ou cunha alcaldesado BNG foron os que estableceron ao longo do período unhas ordenanzas fiscais que se traduciron nun maior aumento dos ingresos propios, que se traduciu nun aumento do esforzo fiscal da orde do 11%. Entre 2000 e 2007 por tanto a fiscalidade ou os tributos medraron por riba da renda nestes concellos. Os concellos con alcaldía do PSOE comezaron o período calcando o comportamento dos do BNG para irse desmarcando progresivamente cunha tendencia decrecente do esforzo fiscal, até o punto de rematar co mesmo nivel de partida (índice 100). Ambos tipos de concellos caracterizáronse por aumentar a presión fiscal fortemente en 2001, por mantela en niveis superiores a 100 a maior parte do período, coa excepción de 2003 e sobre todo de 2007, ano no que se rexistra o maior descenso do esforzo fiscal, probablemente derivado dun incremento da renda máis que da baixa da presión fiscal, pero coa sospeita de que poida deberse a seren electorais ambos os dous anos. Nos concellos con alcaldía do PP a tendencia foi a dunha leve pero continua descida do esforzo fiscal.

Hipótese 1: As forzas políticas a priori máis proclives ao aumento do gasto público e da autonomía financeira na súa práctica á fronte das corporacións locais fan o que din. E o mesmo é válido para para o PP en canto forza preconizadora das privatizacións e do enmagrecemento do sector publico.

Nas tres categorías de concellos rexístrase como denominador común a diminución con intensidade do esforzo fiscal en 2003 e 2007. Se en 2003 a caída coincide cunha das fases de val do PIB galego o retroceso de 2007 coincide co cumio do ciclo económico expansivo, de xeito que se pode aventurar que contra ao final deste ciclo de crecemento os concellos non aproveitaron os seus intrumentos fiscais para aumentar ou cando menos manter o nivel de esforzo fiscal. E planea no escenario a posibilidade de que o incremento dos ingresos tributarios e do esforzo fiscal no período 2004-2006 estea baseado máis que noutra cousa no boom da construción.

Para 2008, ano en que a crise xa se fixo patente contra o final do exercicio, temos datos tributarios que indican un aumento considerábel da recadación tributaria local, mais como non temos unha estimación da renda media municipal para ese ano non podemos calcular o esforzo fiscal e ver se esa tendencia a alixeirar a carga tributaria relativa continuou ou non nin con canta intensidade.

Hipótese 2: No canto de aproveitar a época de vacas gordas para acompañar o crecemento da renda cun crecemento parello da fiscalidade que mantivese o esforzo fiscal e achegase aos concellos galegos -nomedamente os pequenos e medianos- aos niveis españois -ou mellor aos europeos- as tres principais forzas políticas non instrumentaron e actualizaron correctamente as súas figuras tributarias.

A análise por tipos de concellos, clasificados en función do seu dinamismo socioeconómico ou o que é aproximadamente o mesmo do seu nivel de renda, mostra como resultado constante a baixada do esforzo fiscal nos concellos con alcaldía popular. Pola contra hai comportamentos dispares para BNG e PSOE. No BNG o esforzo aumenta en todas as categoría excepto entre os concellos regresivos con alcaldía nacionalista, onde son os que máis reducen dito esforzo fiscal. No PSOE o esforzo aumenta nos concellos máis dinámicos e ricos e nos regresivos e máis pobres, entanto nos intermedios desce, o que constitúe unha forte incongruencia.

É indiferente para o esforzo fiscal que un partido teña a alcaldía de que simplemente teña presenza no goberno municipal?

Iso parece a teor dos datos. O que se pode engadir é que as forzas políticas centristas presentan un comportamento semellante ao do BNG, compartindo con el a política de esforzo fiscal á alza, entanto os partidos independentes alíñanse cunha redución do esforzo fiscal en niveis flutuantes pero parellos aos do PP. Ao final do período e no tocante ao esforzo fiscal IU viría a comportarse como o PSOE.

Cal é o influxo das situacións de maiorías, minorías e pactos sobre o esforzo fiscal de cada concello?

Á vista dos resultados anteriores, segundo os cales a alcaldías de BNG e PSOE corresponden aumentos ou mantementos do esforzo fiscal, cabería esperar que este aumente máis naquelas situacións de pactos de goberno. E así é.

Hipótese 3: Como amosa o gráfico o incremento do esforzo fiscal implica ou conleva un acordo maioritario das corporacións entre varias forzas políticas. Nas situacións de maioría absoluta dunha única forza a fiscalidade mantense, entanto que nas situacións de minoría se adiviña unha imposibilidade de decidir decidir sobre unha fiscalidade distinta, o cal conduce á conxelación dos ingresos tributarios, e ao medrar a renda redécese o esforzo fiscal.

Semella por tanto que se algún dís se soluciona o raquitismo fiscal dos concellos galegos iso requirirá sen dúbida dun acordo entre varias ou todas as forzas políticas.

Etiquetas:
 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*