Continúo a análise do rendemento das forzas políticas nos 315 concellos galegos co tema crucial do desemprego. Os resultados amosan un comportamento moi semellante para a maioría de partidos políticos, máis aínda que no caso da poboación, e igual de desalentador para calquera tipo de concello que consideremos: desde os moi dinámicos até os recesivos.

No ámbito municipal a única estatística dispoñíbel é a do paro rexistrado, que ofrece datos absolutos de persoas paradas en cada concello. Os datos que empreguei proveñen dos Anuarios Económicos de La Caixa, onde se presenta esta información en forma de porcentaxe, calculada a partir do número de persoas paradas e da poboación municipal, dato este proveniente do Padrón de Habitantes. Por iso cómpre insistir na idea de que no que segue o que analizamos é o paro en termo relativos, independentemente da evolución poboacional dos concellos. Ademais a medida que emprego no plano municipal non é a que se emprega habitulamente -a taxa de paro- porque a EPA só ofrece unha cuantificación da poboación activa até o nivel provincial.

Con que alcaldes e alcaldesas e de que partidos medrou menos o paro durante os tres últimos mandatos municipais?

Como pode verse no gráfico, ademais da evidente plasmación do efecto dos ciclos económicos e da actual crise sobre o emprego, os concellos con alcaldías independentes son os que amosan un comportamento máis positivo do paro, ao ser onde menos aumenta este en relación con 1999 -até o punto de rexistrar no último ano con información algo menos dun 20% máis que naquel entón. Ségueno nesta clasificación os concellos con alcaldías do PSOE, onde o paro tería aumentado arredor dun 30% no mesmo período, e pechan a clasificación o resto de concellos, dirixidos por alcaldías do PP, candidaturas centristas e o BNG, onde o paro tería aumentado até un 40%.

  1. Os concellos que amosan un mellor comportamento do desemprego teñen a mesma cor política que aqueles nos que máis medraba a poboación: os que teñen un rexedor ou unha rexedora independentes. Hipótese: existe unha ligazón estreita entre o dinamismo poboacional e o dinamismo do emprego nestes concellos ‘independentes’.
  2. Dá practicamente o mesmo a forza política que goberne se do que falamos é de reducir o paro, pois en relación coa evolución do emprego as diferenzas entre forzas políticas son menores que no caso da evolución da poboación municipal. Hipótese: a marxe de incidencia das políticas municipais é moito menor no ámbito do emprego que no da poboación, esta última moi vinculada á política urbanística e residencial.
  3. Sorprende que o BNG sexa a forza política que peor rende en relación coa redución do desemprego. Hipótese: As alcaldías do BNG e por tanto a súa base electoral gardan relación cun tipo de sectores e actividades económicas que pola súa natureza son as máis atacadas pola actual crise, cando menos nun primeiro momento (ano 2009). Aínda que cabería fixarse na semellanza co PP e concluír que ambos poderían compartir en algunha medida bases electorais semellantes, apunto a posibilidade de este comportamento deveña da súa vinculación co mundo sindical das empresas tradicionais -de enclave e de grande tamaño- en declive.

Como na anotación anterior dedicada á evolución poboacional, a análise desagregada dos concellos en función do seu grao de dinamismo socioeconómico, mostra algunha información adicional.

  1. O crecemento do paro é moi semellante en todos os tipos de concellos, sinalando que o despoboamento apreciado nos concellos regresivos non implicou unha redución do desemprego. Hipótese: a despoboación vía emigración xuvenil non mellora sensiblemente a estatística do paro, o que obriga a cualificalo como problema estrutural e permite aventurar para os próximos anos un futuro complicado para a realidade laboral e poboacional deste tipo de concellos.
  2. O bo resultados das alcaldías independentes rexístrase nos concellos dinámicos e nos regresivos, e non nos estacionarios. Pero o resultado máis claro é que as diferenzas de comportamento entre as distintas forzas políticas na alcaldía se establecen fundamentalmente no grupo dos concellos moi dinámicos, que é o demografica e economicamente máis importante. Cabe pensar que a incidencia da política de emprego e dinamización económica proposta por cada partido neste grandes concellos actúa fronte a unha realidade máis considerablemente grande e complexa que dificulta cambios significativos. Hipótese: o rendemento obtido por cada forza depende sobre todo da realidade de cada cidade en concreto, e boa parte das diferenzas entre elas débense aos cambios na alcadía que se producen en cada elección -2003,2007- ou con ocasión de mocións de censura -Vigo, 2005.

Coa presenza de que partidos no goberno municipal coincide a evolución máis positiva do paro?

Este gráfico sobre a presenza dunha forza no goberno municipal -con alcaldía ou sen ela- reforza a idea de que é en todo caso a acción de certas alcaldías en certos concellos as que poderían ter algún efecto medible sobre o paro. Os maiores contrastes entre a posición de alcaldía ou de non-alcaldía corresponde aos independentes, que neste gráfico se igualan co resto de forzas cando antes -ao analizar só as alcaldías- as avantaxaban. Hipótese: os independentes renderían moito peor cando están no goberno sen a alcaldía que cando a teñen, cando o resto de partidos non se distinguirían tanto nas dúas situacións.

Existe algunha relación entre as maiorías absolutas e a evolución municipal da porcentaxe de poboación parada?

A resposta é máis ben non, practicamente ningunha. Aínda que semella que os gobernos en minoría renderían mellor a análise desagregada por tipos de concellos amosa comportamentos diverxentes.

Etiquetas:
 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*