Nas últimas semanas volvemos asistir máis un ano á constatación do atraso demográfico de Galicia en relación con España e da Galicia interior con respecto á costeira. Medios de comunicación e forzas políticas volven colocar por un tempo este tema nos destaques da actualidade informativa.

Nesta anotación propoño facer unha aproximación inédita á relación entre a presenza dos partidos políticos nos 315 concellos galegos e a evolución da súa poboación.

Con que alcaldes e alcaldesas e de que partidos medrou máis a poboación municipal durante os tres últimos mandatos municipais?

Non é un partido senón un conxunto deles os que demostran estar presentes alí onde máis aumenta o Padrón municipal. Trátase dos prefeitos que encabezaron listas e candidaturas de corte independente. No período 1999-2009 a poboación dos concellos rexidos por esta cor política viron crecer a súa poboación un 15,5%, algo máis dun 1,3% acumulado cada ano.

Os seguintes na clasificación resultan ser os partidos que denominei centristas, nomeadamente Terra Galega, o que deles obtivo maior representación municipal no último mandato, pero onde tamén están englobados Democracia Galega, Partido Galeguista, Coalición Galega, Centro Democrático Independiente e Centro Democrático y Social. Con alcaldes desta cor a poboación municipal aumentou o 10,9% no lapso de 11 anos investigados.

A continuación achamos practicamente empatados a BNG e PSOE, con crecementos da poboación residente do 4,7% e do 4,1% respectivamente, unhas tres veces menos que os independentes e aproximadamente a metade que os centristas. Por último os alcaldes do PP son os únicos que se vinculan en conxunto a unha perda poboacional, perdendo no conxunto do período un 1,3%.

Non pretendo sinalar en primeira instancia relación de causalidade ningunha que implique necesariamente unha responsabilidade directa dos gobernos municipais sobre a evolución demográfica dos seus concellos, máis tampouco é posíbel negala plenamente. É evidente que os Concellos teñen competencias en varias materias que inciden dunha ou doutra forma na poboación municipal, e que esta incidencia debe ser máis importante canto maior é o tempo considerado, como no noso caso, dado o carácter de longo prazo de todas as políticas relacionadas con este tema.

Porén, non se pode esquecer que en boa parte do mundo occidental -por non dicir en toda a parte- existe unha compoñente sociolóxica que liga o comportamento electoral á idade, o que favorece que concellos con pirámides poboacionais máis envellecidas se relacionen con alcaldías e gobernos conservadores. En Galicia, por exemplo, a maior idade maior é o voto á dereita -e ao PP-, e a menor idade maior é o voto á esquerda -BNG e PSOE.

É por isto que esta aproximación e máis as que publicarei en días sucesivos teñen un carácter inicialmente exploratorio, descritivo. Será a acumulación de evidencias a favor dunha ou doutra forza política a que permita realizar afirmacións máis firmes sobre a relación entre a composición dos gobernos municipais e o devir das diferentes variábeis sociodemográficas que analizarei neste Observatorio Político Municipal.

Un xeito de salvar o efecto que inducen a idade e as pirámides poboacionais nesta análise consite en separar os concellos en catro grupos diferentes en función do seu dinamismo socioeconómico -unha de cuxas compoñentes é a demográfica. Sírvome para iso deste estudo dos profesores Pena López e Sánchez Santos, que considero unha actualización doutro moi semellante elaborado por Pena López en 2001 e que foi publicado nas Actas do II Congreso de Economía de Galicia. Segundo este estudo os 315 concellos galegos clasifícanse en concellos moi dinámicos, dinámicos, estacionarios e regresivos. Cada categoría engloba respectivamente a 10, 61, 94 e 150 concellos, que suman 1.050.000, 810.000, 570.000 e 375.000 habitantes.

Se agora analizamos o comportamento da poboación dentro de cada un destes catro grupos e aí observamos cal é a cor política da alcaldía quizá así poidamos clarificar a relación entre o comportamento demográfico descrito para o conxunto dos concellos de Galicia e a cor política das alcaldías:

Nos gráficos anteriores apréciase con claridade:

  1. O crecemento demográfico dos concellos galegos concentrouse nos municipios denominados dinámicos, pero non nos moi dinámicos. Isto débese a que o concepto de dinamismo os concellos empregado na clasificación atende  non só aos aspectos demográficos senón tamén aos económicos e sociais. Un concello pode ser moi dinámico economicamente -as 7 cidades por exemplo- e a poboación aumentar máis nos concellos periféricos -como así aconteceu na última década en Galicia. Nota: a delimitación administrativa municipal nun bo número dos contornos das cidades galegas está sobrepasada polos fenómenos que alí se producen -a realidade urbana e metropolitana.
  2. O crecemento poboacional relacionado coas candidaturas independentes prodúcese precisamente no grupo dos concellos das periferia metropolitanas cuxa poboación máis se incrementou nos últimos mandatos pero que seguen a actuar como satélites económicos dos centros urbanos dos que dependen, Esta asociación entre alcaldías independentes e crecemento demográfico esténdense tamén a un único concello dos clasificados como estacionarios. Hipótese: o crecemento demográfico está relacionado coa burbulla inmobiliaria e esta coa proliferación de candidaturas independentes -cuestión que xa denunciei con ocasión das eleccións municipais de 2007.
  3. Non existen diferenzas substanciais entre as tres principais forzas políticas nos grupos de dinamismo extremo -moi dinámicos e regresivos-, sendo máis significativas as diferenzas entre partidos nos grupos de dinamismo intermedio -dinámicos e estacionarios-. Hipótese: as políticas municipais en materia demográfica só resultan parcialmente efectivas nos concellos cuxo futuro está en xogo, estando ‘condenados’ os concellos regresivos a unha evolución negatica sen marxe para a acción política e dependendo os concellos moi dinámicos de accións e variables que caen fóra da esfera política municipal.
  4. Nos concellos dinamicamente medianos as alcaldías relaciónanse con comportamentos distintos: Nos de evolución máis positiva -concellos dinámicos- PP e PSOE superan ao BNG, entanto nos de evolución menos positiva -estacionarios- o BNG supera a PP e PSOE. No conxunto dos catro grupos o BNG é a forza política que presenta un comportamento máis regular ou homoxéneo. Hipótese: O liderado do BNG nos concellos estacionarios está relacionado co factor de innovación que supón a súa presenza neses concellos en contraste coa cultura política continuista e tradicional dos dous grandes partidos estatais, entanto que nos concellos dinámicos a posición adiantada destes dous se vincula máis coa capacidade de xestión nun entorno institucional e político diferente.

Cómpre salientar que as forzas centristas non acadaban presenza continuada en todo o período en ningún dos catro grupos de concellos, polo que non se representa a súa evolución desagregada. Tampouco se presentan datos para IU/EdeG por non posuíren alcaldías en todo o período. Por outra parte a evolución do PP nos 10 concellos moi dinámicos trúncase en 2007, ano en que queda sen alcaldías neste grupo.

E se independentemente da posesión da alcaldía atendemos a se un partido está presente ou non no goberno municipal?

Deste novo gráfico dedúcese:

  1. O crecemento demográfico asociado tanto aos independentes canto aos centristas, e en menor medida ao PSOE, é moito menor cando forman parte do goberno municipal que cando detentan a alcaldía. Hipótese: para estas forzas existe unha grande diferenza -no plano da evolución demográfica asociada- entre as situacións nas que detentan a alcaldía e aquelas nas que simplemente forman parte do goberno, rendendo só -por así dicilo- cando teñen a alcaldía.
  2. O comportamento do PP neste gráfico é idéntico ao anterior, por dúas razóns fundamentais. En primeiro lugar, pola súa incapacidade de establecer pactos de goberno ou coalición, o que identifica fortemente alcaldías e presenzas no goberno. E en segundo lugar, pero non menos importante, pola súa peculiar interrelación con determinadas candidaturas independentes. Hipótese: o intercambio de alcaldes, concelleiros, e grupos municipais enteiros entre a marca PP e unha marca independente materialízase con maior frecuencia nos concellos cunha evolución demográfica -e inmobiliaria- máis intensa.

A evolución máis negativa que presenta IU/EdeG vén determinada pola escaseza de gobernos nos que estiveron presentes e a importancia de Ferrol neses poucos casos, cuxo peso e evolución demográficas negativas son decisivas no seu resultado.

Existe algunha relación entre as maiorías absolutas e a evolución demográfica municipal?

Os datos cando menos permiten afirmar que si existe unha relación, ou unha correlación, sen entrarmos a discutir de momento, como se dixo, a existencia ou non de causalidade entre unha cousa e a outra:

  1. A poboación mingua no conxunto dos concellos con maiorías absolutas e medra significativamente nas que existe un goberno de pacto entre dúas ou máis forzas. Mais o sorprendente é que o maior crecemento corresponde cos concellos en situación de minoría. Por tanto, a mellor evolución demográfica correspóndese coas situacións de maior inestabilidade política municipal. Hipótese: a febleza política dun goberno municipal impulsa a concorrencia entre forzas políticas e fortalece o control da acción de goberno, redundando así  nunha mellor gobernanza.

É certo que novamente estamos nun fenómeno complexo con múltiples factores actuando ao mesmo tempo. Se antes relacionaba os concellos regresivos demograficamente cun voto á dereita o mesmo podería establecerse agora entre pirámides envellecidas e predominio de maiorías absolutas.

A análise desagregada por tipos de concellos segundo o seu dinamismo socioeconómico amosa que no caso dos concellos moi dinámicos os gobernos en minoría se relacionan con maiores crecementos demográficos ao longo do período analizado, entanto que neste grupo pactos e maiorías absolutas se relacionan con evolucións demográficas semellantes e menos positivas. Ademais dunah relación positica entre gobernos e minoría e evolución demográfica mellorada, no caso dos concellos estacionarios tamén os gobernos de pacto se relacionan cun comportamento  máis positivo. En cambio, tanto nos concellos dinámicos como nos regresivos, ningunha das tres situacións descritas induce aparentemente diferenzas significativas no comportamento demográfico municipal. Neste punto resúltame difícil elaborar unha hipótese que vincule os concellos dinámicos e os regresivos.

Etiquetas:
 

5 Responses to OPM 2011: Poboación

  1. A miña máis sincera noraboa polo traballo. Hai moito esforzo detrás desas gráficas, e se nota. Non obstante, para facer máis convincentes as análises estaría ben que amosases o efecto dos partidos controlando por factores obvios que afectan á evolución da poboación. Seguramente xa dispoñas dos datos e, aínda que non posibilitaría unha lectura causal, si evitaría a confusión de efectos.

    • Carlos di:

      Grazas Gonzalo. Esforzo haino, e de moito tempo atrás.

      O control dos múltiples factores que inciden na poboación fareino como guinda do pastel, unha vez que, como dixen, complete a análise descritiva ou exploratoria da información. De momento isto é o que penso ir publicando aquí con periodicidade de 2 ou 3 días.

      É un pracer contarte entre os lectores do blog e conto co teu bo siso e teu know how para calquera experimento que estimes interesante realizar. Nas vindeiras entregas abordarei desemprego, renda e tributación.

      Un saúdo.

  2. xose ramon di:

    Como sempre, notablemente currado.
    E eu destacaría esta consideración: “unha compoñente sociolóxica que liga o comportamento electoral á idade”; lóxicamente pasando polo elo do partido gobernante no concello. Con esa aseveración que fás, ao meu entender, cobres de obxectividade a análise, fixando nun segundo plano a intervención activa do partido político ou, dito doutro xeito, a parte activa da variación demográfica osténtaa a componhente sociolóxica.
    Saúde.

    • Carlos di:

      O factor ou vínculo idade-territorio-voto subxace a toda esta análise, efectivamente. A causalidade é múltiple pero o que me interesa salientar aquí é precisamente a idea de que, quizá, se o voto rompe a disciplina do territorio e da idade se poidan acadar escenarios demográficos máis positivos.

  3. Sak di:

    Sempre un luxo poder ler estas análises. A min interesoume particularmente o desglose por potencia económica dos concellos; pois é a tendencia o que sempre é complexo de mudar. Ademáis vese claramente o “factor revulsivo” de certos partidos en certos escenarios. Grazas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*