O que custa un coche
Recentemente veño de dar de baixa o primeiro automóbil autenticamente meu, pagado por min. Debido á (de)formación profesional que padecemos os economistas, ao longo da súa vida útil fun gardando todos os papeis e facturas vinculadas ao seu uso, e como san e verde exercicio dediqueime a contabilizar cal foi o seu custo real.
Falo dun Ford Fiesta diesel do ano 1999 comprado como quilómetro cero en 2000, con 10 anos de vida útil, até 2009, e un total de 240.000 quilómetros percorridos entre frontal e cu. Un automóbil que empreguei fundamentalmente para min só e para un uso mixto profesional e persoal, con máis do primeiro ao comezo e máis do segundo cara ao final.
Na táboa seguinte resumo o cadro de gastos que me xerou ao longo de 10 anos, contabilizados ou estimados segundo o caso, en euros correntes (moeda en curso de cada ano, con excepción do ano 2000, no que procedín á conversión das pesetas en euros segundo o cambio oficial de 2001).
O que custa un coche
Contabilización e estimación dos gastos (en € correntes) asociados ao coche: Marca: Ford. Modelo: Fiesta. motor: 1.8D. Matriculado en: 1999. Prezo: 9.000€. Vida útil: 10 anos. Km: 240.000.Ano | Entrada e letras | Combustible | Portaxes e aparcadoiros | Seguro | Rodaxe | Mantemento e reparacións | Multas e guindastres | Outros | TOTAL |
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| 2000 | 6.487,83€ | 1.053,00€ | 200,00€ | 580,00€ | 87,00€ | 60,10€ | 85,87€ | 8.553,80€ | |
| 2001 | 3.657,06€ | 1.100,93€ | 200,00€ | 580,00€ | 92,56€ | 852,44€ | 6.482,99€ | ||
| 2002 | 2.156,52€ | 1.146,75€ | 200,00€ | 580,00€ | 97,12€ | 298,53€ | 120,20€ | 4.599,12€ | |
| 2003 | 2.156,52€ | 1.214,40€ | 200,00€ | 580,00€ | 100,52€ | 872,19€ | 120,20€ | 5.243,83€ | |
| 2004 | 1.137,00€ | 166,67€ | 580,00€ | 103,40€ | 190,33€ | 890,00€ | 3.067,40€ | ||
| 2005 | 1.406,25€ | 166,67€ | 580,00€ | 108,40€ | 458,37€ | 691,95€ | 3.411,64€ | ||
| 2006 | 1.244,10€ | 133,33€ | 580,00€ | 112,00€ | 523,08€ | 120,20€ | 2.712,71€ | ||
| 2007 | 1.309,50€ | 133,33€ | 580,00€ | 150,19€ | 50,00€ | 200,00€ | 2.423,02€ | ||
| 2008 | 1.198,05€ | 118,22€ | 304,82€ | 140,59€ | 1.526,00€ | 3.287,68€ | |||
| 2009 | 1.046,18€ | 446,80€ | 305,85€ | 145,59€ | 305,00€ | 72,16€ | 2.321,58€ | ||
| TOTAL | 14.457,93€ | 11.856,15€ | 1.965,02€ | 5.250,67€ | 1.137,37€ | 5.075,94€ | 2.074,81€ | 285,87€ | 42.103,76€ |
Máis abaixo explícase o significado e procedencia destas cifras. Mais o que pretendo destacar aquí é como un coche cun prezo de 1.500.000 pesetas no ano 2000, isto é, aproximadamente 9.000 €, acaba por orixinar un desembolso de algo máis de 42.000 € (!) a prezos correntes.
Se empregamos o IPC para deflactar esta cantidade convértese en 38.000 € a prezos do ano 2000, o que supón máis de catro veces o prezo orixinal do vehículo ao contado. Do mesmo modo podemos calcular canto diñeiro tería eu hoxe, ao finalizar a vida últil do coche despois de 10 anos, se todo o diñeiro que gastei nel cada ano o fose metendo nun produto financeiro que me remunerase cun tipo de xuro equivalente ao IPC: 51.000 € (!) a prezos do ano 2009.

O custo por Km orixinado polo coche é de 0,21 €/Km, a prezos de 2009. Este dato interesará a aquelas persoas que usan o seu vehículo particular na actividade profesional da empresa para a que traballan. Se contabilizamos aparte aparcadoiros e portaxes, que se pagan normalmente á marxe das dietas, o custo por Km sería de 0,20 €/Km, o que, segundo teño entendido, é unha cantidade algo superior ao que se adoita pagar na maioría das empresas que coñezo en concepto de dietas de desprazamento. E iso que estamos falando dun vehículo pequeno e diesel máis ben de gama baixa.
É claro que quen decide ter un coche ten as súas razóns, e que o escenario alternativo de non compralo e dedicar todo o diñeiro a aforrar é bastante irreal, por razóns diversas. Porén, supoñamos o caso de alguén que para desprazarse por motivos laborais entre A Coruña e Santiago de Compostela durante o mesmo período ten que optar entre un coche particular dedicado en exclusiva á actividade e a alternativa dun transporte público como o tren.
O billete ordinario de ida e volta do tren de media distancia de RENFE entre as dúas cidades custa 10,90 €, o que, dada a distancia de 70 Km que as separa (media aproximada calculada en base a unha utilización 50/50 da autoestrada -76,3 Km de distancia- e da estrada convencional N-550 -65,4 Km-) supón un custo de 0,08 €/Km (contabilizando 140 Km de percorrido, ida e volta).
Constátase así que o tren supón fronte ao coche un aforro do 63% no custo de desprazamento (!), é dicir, só custa un terzo do que custa o automóbil (viaxando un só). Ese sería o custo de oportunidade de usar un vehículo privado no canto do tren. E iso sen contabilizarmos os descontos doutras tarifas e bonos que son de aplicación pola compañía ferroviaria.
Quer dicirse que dos 51.000 € que eu tería hoxe en día tería gastado en tren para andar o mesmo aproximadamente 19.000 €, podendo destinar os 32.000 € restantes a outros mesteres, incluíndo quizá esas situacións nas que o tren non cubre as necesidades de desprazamento. Unha cantidade esta realmente notoria que permite pensar en dedicar máis de 3.000 € por ano a outros medios de locomoción e transporte, por exemplo, autobuses urbanos e interurbanos ou taxis.
É claro que todos estes cálculos, estimacións e cábalas pódense refinar. Un economista inmediatamente imputaría un salario polo tempo de condución do coche, que no tren se pode dedicar a outras cousas, xa sexan remuneradas ou non.
A unha media de 60 Km/h dedúcese que para percorrer 240.000 Km fixeron falta 4.000 h de condución, isto é, 166,67 días. Isto é, case medio ano neto de vida dedicado a conducir (!).
Tamén sería tentador estimar o aforro en saúde que supón liberarse do estrés da condución, que para min está sendo con diferenza a compoñente máis importante desde que non teño coche. En vez de tempos mortos un pode dedicarse a tirar de portátil e facer algo produtivo durante as viaxes, mentres a paisaxe se desliza polas xanelas.
E finalmente poderíamos estimar o custo medioambiental: as diferenzas tanto na pegada ecolóxica da fabricación de ambos medios de transporte, na parte alícuota que corresponde a cada usuario, como na contaminación que se deriva do uso de cada un.
O automóbil dá liberdade e flexibilidade. Sen dúbida. Mais, agora que o combustible rexistra prezos históricos e os debates danse arredor de cuestións tan risibles como o de limitar a velocidade máxima en autoestradas a 110 Km/h, podemos dicir que realmente o coche compensa?
Cálculos en detalle
A entrada foi de 470.000 pesetas e as letras corresponden a un financiamento en catro anos (2+2). Os dous primeiros anos (25 cotas en realidade) o financiamento tivo un TAE do 11,25%, e os dous seguintes un TAE do 12,71%, ambas porcentaxes moi por riba dos xa de por si elevados tipos de xuro existentes naquela época. Por exemplo, o EURIBOR era do 5,25% no ano 2000. Estes tipos de xuro elevados xustifícanse porque non quería que a miña familia avalase o crédito concedido.
O cálculo do gasto en combustible efectuouse mediante a aplicación dos prezos medios do gasóleo en España (sei que non coinciden cos de Galicia), dun número de Km percorridos por ano (que estimei axustándoo á realidade dun uso decrecente do vehículo) e dun consumo crecente de litros de gasóleo por Km (froito da perda de eficiencia da mecánica e dun peso progresivamente maior do uso do coche en medio urbano).
O que custa un coche
Estimación do gasto en combustible (en € correntes)Ano | Km | Consumo (l/100 Km) | Gasóleo (l) | Prezo (€/l) | TOTAL |
|---|---|---|---|---|---|
| TOTAL | 240.000 | 14.300,0 | 11.856,15€ | ||
| 2000 | 30.000 | 5,00 | 1.500,0 | 0,70€ | 1.053,00€ |
| 2001 | 30.000 | 5,25 | 1.575,0 | 0,70€ | 1.100,93€ |
| 2002 | 30.000 | 5,50 | 1.650,0 | 0,70€ | 1.146,75€ |
| 2003 | 30.000 | 5,75 | 1.725,0 | 0,70€ | 1.214,40€ |
| 2004 | 25.000 | 6,00 | 1.500,0 | 0,76€ | 1.137,00€ |
| 2005 | 25.000 | 6,25 | 1.562,5 | 0,90€ | 1.406,25€ |
| 2006 | 20.000 | 6,50 | 1.300,0 | 0,96€ | 1.244,10€ |
| 2007 | 20.000 | 6,75 | 1.350,0 | 0,97€ | 1.309,50€ |
| 2008 | 15.000 | 7,00 | 1.050,0 | 1,14€ | 1.198,05€ |
| 2009 | 15.000 | 7,25 | 1.087,5 | 0,96€ | 1.046,18€ |
Para o gasto en aparcadoiros e portaxes tamén realicei unha estimación dos oito primeiros anos, correspondendo os dous últimos datos a gastos reais contabilizados, destacando o gasto de 2009 pola adquisición dun OBE e o aumento dos Km percorridos por autoestrada. O cambio no custo do seguro deriva da conversión dun seguro dunha compañía tradicional a outra de baixo custo, e da rebaixa en paralelo do nivel de protección. O resto de conceptos responden a gastos perfectamente documentados.
O cambio de prezos constantes a correntes empregou as cifras oficias do IPC xeral para España, que non é exactamente o de Galicia pero case.
O que custa un coche
Conversión dos gastos a prezos de 2000 e 2009 (€ constantes)Ano | Gastos (€ correntes) | IPC (taxa de variación anual en %) | Índice (base 2000) | Índice (base 2009) | Gastos (€ a prezos de 2000) | Gastos (€ a prezos de 2009) |
|---|---|---|---|---|---|---|
| TOTAL | 42.103,76€ | 37.893,05€ | 50.881,29€ | |||
| 2000 | 8.553,80€ | 4,0 | 100,0 | 74,5 | 8.553,80€ | 11.485,70€ |
| 2001 | 6.482,99€ | 2,7 | 104,0 | 77,4 | 6.236,04€ | 8.373,51€ |
| 2002 | 4.599,12€ | 3,5 | 106,8 | 79,5 | 4.307,21€ | 5.783,55€ |
| 2003 | 5.243,83€ | 3,0 | 110,5 | 82,3 | 4.744,92€ | 6.371,30€ |
| 2004 | 3.067,40€ | 3,0 | 113,8 | 84,8 | 2.694,72€ | 3.618,36€ |
| 2005 | 3.411,64€ | 3,4 | 117,2 | 87,3 | 2.909,84€ | 3.907,22€ |
| 2006 | 2.712,71€ | 3,5 | 121,2 | 90,3 | 2.237,63€ | 3.004,61€ |
| 2007 | 2.423,02€ | 2,8 | 125,5 | 93,4 | 1.931,09€ | 2.592,99€ |
| 2008 | 3.287,68€ | 4,1 | 129,0 | 96,1 | 2.548,84€ | 3.422,47€ |
| 2009 | 2.321,58€ | -0,3 | 134,3 | 100,0 | 1.728,96€ | 2.321,58€ |
Se aprecias algunha incongruencia nos datos por favor faimo saber para axustar os cálculos. Graciñas.
Compartir
Traducir Traduzir Translate
Servizo fornecido por OpenTradTwitter
Facebook
Google+
Etiquetas
#15m #22m 2011 abstención acb age anova autonomía autonómicas baloncesto bipartito bng cis cociña concello economía eleccións electoral encuesta enquisa esquerda estatística estimación galego galicia galiza house effects inquérito iu localización mapa modelo municipais municipal nacionalismo parlamento participación partido política psoe resultado sondaxe sondeo tradución votoIndicadores IGE






Pingback: Lo que cuesta un coche [GL]
Pingback: ¿Cuanto cuesta un coche? [Gal] - apezz.com
Pingback: O que custa um carro
Pingback: O que custa un coche durante un ano | Xabier Rolán