Achéganse as eleccións municipais e as principais empresas e organismos que elaboran enquisas en Galicia xa están traballando para obter as primeiras mostras da situación política no ámbito local. Por iso achei interesante facer un balance de como funcionaron as sondaxes ou enquisas de intención de voto na última década.

Coa inestabilidade política que se está a vivir eu desaconsellaría realizar agora estas catas sociolóxicas, sobre todo cando os inicios dun novo curso político, alá por setembro e outubro, son os que soen establecer o nivel de partida para a concorrencia electoral subseguinte. Si é certo que é nesta recta final, nos meses de xuño e xullo, antes do descanso estival, cando neste país a oposición acostuma sementar os malestares dos que tirar proveito máis adiante pola vía do desgaste. Mais como a proliferación demoscópica xa comezou imos ver como e canto de confiábeis foron os seus resultados no pasado.

O contido desta anotación -texto, gráficos e cifras- forman parte dun primeiro borrador do que será un artigo de carácter científico que será publicado nos próximos meses.

Efectos domésticos

As diferenzas que presentan os diferentes produtores e divulgadores de enquisas electorais –institutos, organismos e empresas que as elaboran e medios de comunicación que as publican- responden moitas veces a un comportamento sistemático en signo e magnitude que pode ser cuantificado.

Estes desvíos veñen denominándose na literatura anglosaxona especializada house effects, concepto que a falta de outras referencias traducirei como efectos domésticos.

Nestas latitudes os técnicos e xornalistas adoitan referirse aos efectos domésticos como o resultado da cociña demoscópica de cada autor de enquisas. Aínda que en rigor ambos conceptos non son exactamente o mesmo, para non complicar en exceso esta exposición o lector pode asumir que é da cociña que estamos a falar, e excusaremos así expór a ampla relación de factores que en realidade inciden nos efectos domésticos e dos cales a estimación de voto tan só é unha parte.

Para a determinación do efecto doméstico de cada autor para cada forza política calculouse a diferenza entre os resultados de cada unha das súas enquisas coa evolución media de todas as enquisas calquera que fose a súa autoría. Esta liña de evolución media determinouse mediante a aplicación dun método de regresión lineal local (LOESS) sobre os resultados de todas as enquisas.

Para simplificar o cálculo e esta exposición divulgativa non se ponderou o resultado de cada enquisa -polo seu número de entrevistas, pola inversa da súa marxe de erro teórica ou polo seu tamaño efectivo-e se cuantificaron os efectos domésticos de cada instituto sen excluír as súas enquisas do cálculo do ciclo-tendencia global. Tampouco se introduciu na análise a distancia temporal co momento das eleccións para as que se mide o voto, o que significa supor que as enquisas non fan prognósticos senón que describen a situación en cada momento, e que tampouco presentan (non deberían cando menos) resultados artificiais coa intención de incidir nas preferencias do electorado indeciso.

Cuantificación dos efectos domésticos

O cálculo dos efectos domésticos realizouse no ámbito das eleccións autonómicas en Galiza e coas sondaxes que se publicaron nos últimos dez anos, coas porcentaxes relativas á estimación de voto de cada forza política con representación no Parlamento de Galiza. A continuación relaciono para PP, PSOE e BNG dous gráficos diferentes:

– Un gráfico para o voto estimado, onde cada punto dunha forma e cor específicas representa a estimación feita por unha empresa ou instituto, e a liña de puntos o ciclo-tendencia medio de todas as enquisas.

– Un gráfico para os efectos domésticos de cada empresa ou instituto, onde cada punto é o valor medio das diferenzas que constitúe o seu efecto doméstico, e a liña de puntos o seu desvío padrón. Un efecto por riba de cero significa unha sobreestimación do voto a unha forza política e un valor por baixo de cero unha infraestimación.

PP:

PSOE:

BNG:

Se o lector torce por unha ou outra forza política pode avaliar, á luz desta información, que empresa ou instituto estima máis certeiramente o apoio electoral do seu partido en cada momento, así como cales tiveron unha tendencia máis ou menos estábel a infra ou sobrevaloralo, e en que medida.

Ranking

Se pola contra o lector procura aquel autor de sondaxes que independetemente dos efectos para cada forza mellor aproxima a situación conxunta de todas eles, entón faise necesario elaborar unha medida numérica da bondade da estimación para cada forza en cada enquisa e para cada autor.

Neste caso instrumentamos o erro absoluto porcentual medio (EAPM) cometido polo conxunto das enquisas de cada autor á hora de estimar o voto para cada unha das tres forzas políticas. Calculado estes erros, a media aritmética simple deles, ofrécenos un indicador da bondade dos resultados para cada empresa e instituto. Os resultados por forzas e xeral reflíctense na táboa seguinte:

AutorEfecto doméstico para o PPEfecto doméstico para o PSOEEfecto doméstico para o BNGErro absoluto porcentual medio
Nota: Datos de 117 enquisas publicadas entre os anos 1999 e 2010.
CIS
+0,24
+0,27
+0,05
2,20
Noxa-0,09
+0,51
+0,09
2,21
NC Report
+0,92
+0,40
+0,82
2,56
Sondaxe-0,07
-0,82
+0,01
3,43
TNS Demoscopia-1,00
+1,97
+0,33
3,48
Celeste-Tel-0,43
+1,08
-1,46
3,83
Obradoiro de Socioloxía+1,48
-1,39
+0,62
4,32
Ipsos+0,78
+0,14
-1,92
4,41
Metroscopia-0,34
+2,36
-0,96
4,83
Sigma Dos
+2,17
-0,65
-0,76
4,98
Opina-0,60
+1,68
-1,10
5,25
Anova+2,30
-0,96
-0,41
5,68
Iberconsulta+1,89
-2,16
+1,28
5,75
Quadernas
-1,80
+0,45
+1,92
6,19
USC
-1,46
+1,89
-0,06
6,78
Synovate
-2,15
+3,50
-2,268,91
Infortécnica
+2,30
-0,80
-0,34
9,01
(descoñecido)-2,59
+2,56
+0,93
9,22
DYM
+2,27
-3,26
+2,54
9,60
Estratexias e análise empresarial
-1,13
+2,98
+3,93
10,23

O CIS é en definitiva o mellor autor de sondaxes políticas en Galiza no que respecta ás eleccións autonómicas, que son as que nos fornecen dunha serie histórica máis longa e ampla de datos. Non por esperábel deixa de ser necesario destacar que a profesionalidade ten un correlato na calidade dos resultados. Ai daqueles partidos que se encomendan a quen sistematicamente engorda as súas cifras!

One Response to Ranking de empresas de sondaxes

  1. estrelaselimons di:

    espectacular.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*