Vocabulario de Estatística
Non podemos máis que saudar e aplaudir a publicación por parte do IGE deste vocabulario estatístico. É unha noticia magnífica que por fin poidamos falar con rigor e naturalidade de desvío padrón no canto de desviación típica ou estándar, de mostraxe como o proceso de realización dunha mostra e de asignación ou repartición e non de afixación á tarefa de deseñala teoricamente, de arredondar un número e non de redondealo, e de cela ou casa en troques de casilla, por pór só uns poucos exemplos.
Na escola quen subscrebe tomaba os apuntamentos das aulas en galego sen importar se o mestre falaba en galego ou en castelán. Hoxe é evidente para min que a capacidade de escribir e falar en galego con corrección é froito dese esforzo infinitesimal reiterado hora tras hora e día tras día durante anos.
Logo no instituto sentínme atraído pola estatística e durante a carreira axiña vin confirmada esa querenza natural polos números: estatistica, econometría, métodos cuantitativos… Pero os manuais das autoridades académicas españolas (mestres de mestres) que entón se manexaban nos cursos introdutorios parecíanme densos, pesados, lentos, embarullados e pouco didácticos. Así que, dunha forma natural, rebuscando un pouco na biblioteca da facultade, dei cos dous volumes do libro Probabilidades e Estatística de Bento José Murteira Ferreira, profesor catedrático da Universidade Nova de Lisboa, a que non coñezo de nada pero a quen imaxinei sempre como un vello portugués tan entrañábel como o José Saramago ou o Manoel de Oliveira.
Neses libro fundamentei os meus principais estudos na materia e neles aprendín de forma natural a linguaxe técnica estatística. Sempre tiven o convencmento, tanto na Estatística canto noutras disciplinas, que a transposición automática da terminoloxía científica castelán ao galego faille un fraco favor á nosa lingua. Anos máis tarde tiven un déjà vú desta sensación ao se publicaren os primeiros vocabularios de informática en lingua galega.
Non é que non valore os enormes esforzos desinteresados feitos por moita e moi boa xente, á hora de elaborar vocabularios específicos desta ou daqueloutra materia. Cómpre recoñecer neste campo o traballo pioneiro das Universidades, dos Servizos de Normalización e dos propios estudantes e profesionais saídos delas, pero sempre botei en falla un maior nivel de profundamento, de participación e de debate colectivo sobre as razóns que levaban a escoller tal ou cal termo. Quizá os tempos das wikis chegaron demasiado tarde ao proceso normalizador da lingua galega. Máis de 25 anos para termos un vocabulario de Estatística!
A seguir paso a comentar algúns dos termos que incorpora este novo vocabulario, así como a criticar algunha das escollas realizadas.
En Estatística un acontecemento nunca foi un caso ou un suceso (éxito en portugués, e tamén en galego nunha das súas acepcións). Tampouco foi nunca unha ocorrencia. En lingua galega, salvo excepcións, o adxectivo sempre segue ao nome e non o antecede. Daí que falemos de cadrados mínimos e non de mínimos cadrados.
Por moito que a miña desactualización me leve a consideralas formas chocantes, débese usar acuracia e non acuracidade, para referírmonos á dobre propiedade dun estimador ser preciso e sen nesgo (castelán sesgo, inglés bias), ou ponderador no canto de peso para weight. Atinadas pola súa proximidade ao idioma hexemónico no estado da arte, o inglés, son as solucións completeza para nos referir á cualidade de completo e intersecto para intercept, o punto de corte dunha recta de regresión co eixo de ordenadas.
Non teño unha opinión formada sobre a utilización de palabras patrimoniais que son propias e únicas do galego. Esta é a filosofía escollida polos autores do vocabulario para o termo chouto en vez de salto para jump, estrema en substitución de fronteira para boundary, ou quiñón no canto de cota para share. E aínda que o vocabulario nos leve a aprender palabras fermosas como doela para nos referir aos segmentos definidos por unha función polinómica de interpolación (spline) quizá sexa máis práctico para a difusión e comunicación dos produtos científicos galegos procurar formas comúns co tronco lingüístico do galego-portugués. Cando menos esa é a miña opinión.
Iso pola banda dos termos máis galeguizados. Do lado contrario, creo humildemente que é un castelanismo usar fogar no canto de simplemente casa (coas equivalencias antigas lar -tamén recollida polo vocabulario- e lume, que corresponderían á definición actual de vivenda principal ocupada), ou para nos referir á familia ou unidade de convivencia (se nos referimos aos seus habitantes).
Noutro plano, non me acaban de convencer as escollas da forma aberrante para outlier, e considero mellor a opción literal saliente ou mellor raro, nin a forma declive para slope, xa que declive transmite na fala coloquial un sentido descendente, coidando máis atinada a neutral inclinación, a máis habitual pendente ou, se non creara conflitos con outros termos distintos, gradiente. Tampouco vexo totalmente correcta escoller a solución pauta para pattern no canto de patrón, con quen partillaría étimo.
Proportion debería ser traducíbel non só como fracción senón como proporción, segundo os casos, e rate debería ser taxa e non fracción. Dependendo do contexto tampouco acho axeitado imbricación no canto de superposición para overlapping (castelán solapamiento), admitindo en todo caso mellor calquera outro termo que exprese a idea de aproximación.
Teño dúbidas acerca o emprego da opción clasificación para sorting, pois tendo claro que ranking sempre remitirá a unha ordenación clasificación, en cambio, non implica necesariamente o sentido de orde ou xerarquía que tamén está implícito en sorting. Así o testemuñaría calquera que teña traballado con bases de datos ou teña feito minaría de datos.
Seremos quen de escribir diagrama de caixa e patillas para comentar un box-and-whiskers plot? Premio para o primeiro que atinara a escribir algunha vez correctamente Chebixef. :)
Unha resposta a Vocabulario de Estatística
Deixa unha resposta Cancelar a resposta
Véndese
Interesad@ na mellor enciclopedia galega e en galego para ti ou para un agasallo? Conséguea aquí.
Traducir·Traduzir·Translate
Servizo fornecido por OpenTradFacebook
Twitter
- RT @bufetalmeida: Lo más cercano a cero #esserespañol y por eso todo español quiere ser uno, y único.
- RT @GALANTIQUA: +Galiza se inclina por abandonar el BNG http://t.co/x9NBz5nU vía @elcorreogallego
- RT @xesgarcia: IU parece a gañadora do congreso do psoe e da asamblea do BNG
- RT @millanfernandez: @fbatallan moito, amigo, moito. estou dacordo. nos, o bng e a esquerda en xeral. facendo todo o contrario doq tiña ...
- RT @flipaita: 100% acordo @EstevoSG: Pois qué queredes que vos diga, pensei que era só o BNG, pero non. PArece que ninguén ten interese ...
Indicadores IGE
Etiquetas
#15m #22m 2011 abstención alcaldía autonómicas bipartito bng canción cis concello coruña demografía economía eleccións enquisa estatística estimación facenda galego galicia galiza house effects inquérito localización lugo música mapa multimedia municipais municipal nacionalismo ourense partido poboación política postelectoral psoe reprodutor resultado sondaxe songbird tradución voto xunta





Un bo libro de estatística en galego, de libre distribución, pode atoparse no enderezo:
http://centros.edu.xunta.es/iesasmarinas/?q=category/6/20
Nese enderezo tamén aparecen moitos máis libros de matemáticas.
Datos estatísticos por concellos e provincias de Galicia, e en galego, aparecen no enderezo:
http://centros.edu.xunta.es/iesasmarinas/?q=node/215/
Son de libre distribución, e deben descargarse para abrilos, dado que teñen bastante peso.
Hai moita xente traballando en galego que nun futuro verá proscrito o seu traballo, como lle pasa a ese profesor que me gustaría coñecer. É unha mágoa que estes esforzos se perdan co futuro decretazo.