cultura

economía

estatística

política

tecnoloxía

Inicio » tecnoloxía

Songbird 1.4.3 en galego

Enviado por Carlos o 11/Janeiro/201016 Comentarios
Songbird 1.4.3 en galego

Continuando a tradición natalicia cada ano aproveito as festas para revisar a localización ao galego do xestor musical Songbird. Comecei no inverno do 2007 traducindo a versión 0.8 e retomei no nadal de 2008 a versión 1.0, para agora localizar ao 100% a última versión publicada do SongBird, a 1.4.3.

Son varias as razóns que me levaron a traducir esta aplicación. A prinicpal era ser o SongBird unha aplicación multiplataforma, capaz de ser executada non só en GNU Linux, o sistema operativo de aplicacións libres máis estendido, senón tamén en Microsoft Windows, de sempre o máis usado, e por suposto tamén en Mac OS. Outro dos motivos que me levaron a pór mans á obra foi o feito de ser unha aplicación Mozilla, cunha nutrida comunidade de desenvolvedores, colaboradores e usuarios atrás. Tamén me axudou a decidirme que, a diferenza das aplicacións de ofimática, no ámbito dos reprodutores multimedia non existía unha aplicación libre dominante, existindo pola contra unha oferta moi diversa pero atomizada.

Sigo coidando como entón que os esforzos de difusión e presenza da lingua galega nas novas tecnoloxías acadan maiores e máis rápidos resultados se a localización segue a estratexia das aplicacións multiplataforma. Este era o principio inspirador daquel proxecto chamado O Estaleiro que deseñara no seu día para levar a adiante no Concello de Fene como iniciativa de emprego de base tecnolóxica. Aquela idea non puido finalmente materializarse, aínda que por fortuna acabou por cristalizar nese outro proxecto chamado Mancomún, grata e sorpredentemente unha das poucas iniciativas do goberno bipartito que parecen sobrevivir ás políticas de demolición da nova Xunta.

Doutro lado, é evidente a importancia da música e dos contidos audiovisuais en xeral na propagación das novas tecnoloxías entre a sociedade, e nomeadamente entre a xuventude, precisamente alí onde a situación do uso da lingua galega é obxectivamente peor. A suma desta constatación cos datos anteriores déronme a xustificación necesaria para acometer o traballo.

Desde aquela tradución parcial que alguén cuxo nick non lembro tiña comezado anonimamente no momento en que eu principiei, foron moitos os cambios na aplicación, no sistema de localización, e o número de cadeas de texto practicamente duplicouse. Nos seus comezos non se podía traducir toda a aplicación porque a parte común aos produtos Mozilla dependía do núcleo do Firefox, pero agora que este xa está tamén localizado ao galego, a tradución é completa.

Tras instalar a versión correspondente ao teu sistema operativo, e para activar o idioma galego, ao iniciar a aplicación por vez primeira é necesario ir ao menú Ficheiro e á opción Idioma, premendo en galego. Unha mensaxe avisará de que o paquete de idioma non está instalado e de que será descargado da rede. Ao aceptar e reiniciar o SongBird toda a interface aparecerá en galego.


O SongBird aproveita a arquitectura que fixo trunfar aos produtos Mozilla. Conta entre as súas vantaxes cun navegador web integrado, a posibilidade de incorporar extensións desenvolvidas polos usuarios, integración con dispositivos portátiles, emisoras de radio e tendas de música, edición de metadatos e procura de etiquetas, capas e letras na rede, e unha boa política de control da privacidade sobre o uso dos arquivos multimedia. Tamén conta con algún inconveniente, como o uso intensivo da memoria RAM (ao igual que o Firefox) e o rendemento con bases de datos moi grandes (>10.000 cancións), pero o balance de pros e contras é indubidabelmente positivo, xa que as melloras experimentadas desde aquela versión 0.8 son palpábeis.

Haberá quen se pregunte se nos tempos de Last.fm, iTunes e Spotify paga a pena ter unha biblioteca musical e un xestor multimedia en local. Na miña opinión a resposta a esa pregunta vánvola dar os vosos gustos musicais e a extensión e calidade da vosa discoteca. E coma sempre en internet, unha cousa non quita a outra.

Anímovos a localizar ao galego aquelas aplicacións que consideredes imprescindíbeis, pois sen dúbida por cada un que traduce hai 10 usuarios que nos beneficiamos diso. E nunca se sabe, se cadra algún día aparece o galego noutro trebello electrónico.

16 Comentarios »

  • Songbird en galego « Ati Galicia dixo:

    [...] 15/01/2010 in Novas de Galicia, software | by atigaliciablog A través de Mancomún enterámosnos de que a traducción do coñecido xestor musical Songbird está dispoñible para o idioma galego gracias a Carlos Neira. [...]

  • qualquer dixo:

    Grazas pola traducción eu uso moito o programa, é do mellor que hai, está moi ben. Tamén comentarche que de Mancomún a día de hoxe queda a web e nada mais, o PP foi despedindo á xente e desmantelando todo ás caladas…. sorprendeume que alguén tan informado coma tí desconoza o sucedido nos últimos meses… esa é a mala noticia, a boa é houbo algo -pouco- de movilización social para evitar o feche definitivo e que se puxo en marcha a plataforma g11n.net para o das traduccións. Non hai mal que por ben non veña… Grazas polo songbird!!

  • Carlos (author) dixo:

    Ben, é máis que probábel que non estea decote tan ben informado como pareces pensar. O único que sei é que ouvín noticias contraditorias acerca do peche ou continuidade de Mancomún, e sen facer caso a ningunha das dúas versións, o único certo é que a día de hoxe a web e os servizos como as listas de correo seguen a funcionar. Tamén sei que hai xente que convencidos do finiquito decidiron independizarse en g11n e tamén que o bo criterio da comunidade levou a xente como a de Trasno a dar o paso de se constituír como asociación para optar a fontes de financiamento. Quizá nin a propia Xunta saiba aínda que facer con Mancomún (teño máis confianza na habelencia do CESGA para xestionar estas cousas), e é posíbel que acabe desaparecendo ou mudando completamente o seu sentido, pero hoxe por hoxe está aí. Se podes achegar máis información de seguro os lectores e máis eu o agradeceremos. Non se merecen as grazas, e un saúdo.

  • qualquer dixo:

    Pouca mais información podo achegar ao que dis… se cadra informar que detrás de g11n.net está a Ciberirmandade da Fala e que obtiveron finanzamento para manter por 10 anos a plataforma de tradución á marxe xa das institucións. Se cadra matizar tamén que esa plataforma naceu respondendo á necesidade de manter as traducións de software á marxe das institucións, e non como dis baixo o suposto de que Mancomún fora ser finiquitado.

    Con todo a túa resposta deixame ainda mais desacougada… tras parabenizarte da continuidade de Mancomún -en base á continuidade dos servidores… esto non é excesivamente simplista?- continúas calificando de “bó criterio da comunidade” a constitución dunha asociación que non resolve nada -partes entón da base de que a institucionalización dos movementos sociais é a saída idónea?- e identificando á -suposta- comunidade cunha parte só dela -precisamente a mais enfrentada ao sector políticamente mais posicionado a prol da defensa da lingua-… para acabar confiando na “habelencia do CESGA”, habelencia que basicamente se manifestou a golpe de talonario: pagando 140.000 euros por traducir un OpenOffice -que xa estaba traducido- ou pagando con mais de 100.000 euros o silencio das asociacións de software libre -pero ignorando olímpicamente o traballo dos tradutores de Trasno.

    En resumo, manifestas unha excesiva e preocupante complacencia institucional. A sensación final é desacougante, observando como a tua visión crítica se torna feble cando cae nese síndrome do nacionalismo galego que consiste en confundir a realidade co desexo dela. Despois claro, sobrevevén a frustración… Aínda así miradas críticas como a tua son precisas. Mesmo en precario a crítica é sempre necesaria.

  • Carlos (author) dixo:

    Nada máis lonxe da miña intención que desacougar a ninguén, ao contrario. Tento explicarme de novo e por partes, porque creo que hai cousas que afirmas sobre min na túa mensaxe anterior que non corresponden á realidade, e algunha que entra en contradición.

    1) Eu non me quería parabenizar nin congratular, palabras xa gastadas polo abuso, mais si me alegro de que Mancomún siga a funcionar. Paréceme positivo, nin máis nin menos, que se trate dun proxecto político da Xunta bipartita, e como ben dis do nacionalismo galego en particular, que polo de agora e con todo o que a Xunta actual foi desmantelado en menos dun ano, aínda estea funcionando, baixo mínimos, con interrogantes, con ameazas, e con mentiras, mais funcionando, cando menos na presenza en internet, cousa que non pode dicirse doutras webs, servizos e plataformas creadas polo anterior goberno.

    2) Como ben se deduce do que afirmo no punto anterior, e tamén do que escribín na anotación orixinal, estou a favor da acción institucional en todos os eidos da sociedade, tamén nas novas tecnoloxías e, como non pode ser menos, no ámbito da normalización lingüística, con medidas de discriminación positiva en favor do idioma galego. Naturalmente, sempre e cando as cousas se fagan ben, como creo que globalmente foi o caso de Mancomún. Iso non quita que a comunidade se autoorganice, principio que até onde sei o Mancomún quixo respectar e respectou escrupulosamente. Antes ao contrario, eu en particular tiven no pasado que facer críticas a unha parte da comunidade, que nos comezos e durante o funcionamento desta iniciativa non soubo entender o papel das institucións e da empresa privada en todo isto, como se fose incompatíbel. O caso que nomeas da localización do OpenOffice debía ter servido a todas as partes par tirar leccións. Porque eu considero que o que estaba traducido non valía, como tampouco me serviu nunca un corrector ortográfico coa normativa de mínimos, por moito esforzo que unha ou moitas persoas tivesen feito na súa dispoñibilización e entrega á comunidade, porque son precisas localizacións rigorosas, visadas e normalizadas. E tamén porque acho que a localización de determinadas aplicacións, mesmo contratada externamente como asistencia técnica, debía ter previsto envolver á comunidade existente e aproveitar de algunha forma todo o xa feito.

    3) Que parte da comunidade, independentemente dos vaivéns politicos e do grao de acerto das institucións na execución de politicas neste terreo, decida superar vellos estigmas e prexuízos propios de protocomunidades pechadas e autolimitadas, afrontando a súa constitución como asociación para poder ter unha marxe maior de funcionamento e de financiamento, parecerame sempre positivo. Dillo un que xa andaba no 2000 pola Ciberirmandade pagando cotas voluntarias, ou que nos tempos previos a Mancomún asistiu a reunións dos diferentes GULs galegos para constatar a súa, entón, incapacidade para superar os intereses particulares de círculos locais de amigos e coordinarse de algunha maneira para acomenter empresas conxuntas maiores. Por iso, outra vez, parabéns a Trasno, cuxo traballo non me atrevo a cualificar coma ti de inservíbel. Hase de ver.

    4) O xuízo de valor que fas contra o papel do CESGA é moi discutíbel. Xa expliquei a miña visión sobre a localización do OpenOffice. Afirmar que con euros se compra o silencio das asociacións paréceme máis grave. Podería opinar como membro de algunha, pero voume reservar. Creo que a túa afirmación xa evidencia claramente que non entendes e/ou que non concibes que neste terreo do software libre poida traballarse con diñeiro de por medio e coa participación de máis axentes sociais. Podo equivocarme pero aquí xa estamos ante unha visión política na que con certeza non coincidimos.

    5) Para rematar, e en relación ao da complacencia institucional, permíteme emendarte e afirmar que se trata de cautela. Algúns agoreiros xa adiantaron que Mancomún pechaba o 31 de decembro coa finalización do convenio quinquenal herdado da Xunta de Fraga, que habería despedimentos masivos, que se cancelaría calquera apoio institucional a iniciativas de software libre… e polo de agora nada diso aconteceu, o que en todo caso vén a deixar quedar moi mal a quen con boa ou mala fe fixo tales anuncios. Que a nova Xunta tamén está dando pasos atrás non cho vou negar, pois só así se pode cualificar a enésima connivencia con Microsoft ou a contratación de empresas estranxeiras para a realización de planos e estudos no ámbito tecnolóxico. Iso é criticábel e criticareino, pero xa é outro asunto que non tiña a ver con este fío.

  • brenlla dixo:

    Considero que se pode engadir algo de luz e tal vez optimismo a quen defendemos o software libre ler neste PDF os plans xerais e actuacións previstas por parte do actual goberno.

    Ese documento foi divulgado nunha xuntanza de asociacións TIC coa SXMIT o pasado 12 de xaneiro e publicado en AGASOL.org.

  • qualquer dixo:

    Dis que cualifico de inservibel o traballo de Trasno. Moi mal debín de me expresar logo ou con demasiada ambigüidade; tratarei de ser algo mais clara nesta ocasión.

    Non é o traballo de Trasno o que cualifico de inservibel -podería cualificarse de precario ou de mellorabel: non hai mais que traballar unhas horas cun KDE ou tratar de instalar en galego calquera dos programas do translation project, por poñer dous exemplos sangrantes. O que cualifico de inservibel é a sua constitución como asociación.

    Aclarado o sentido da miña afirmación, clarexarei agora o porqué.

    Se afirmo que a constitución de Trasno como asociación non sirve para nada é por que non resolve ningún dos problemas reais do mundo da traducción: básicamente por que -tal como ti mesmo sinalas- do que se trata é de poder optar a fontes de finanzamento… cando nunca foi o finanzamento un problema no software libre/aberto con ningún idioma. Os pequenos proxectos como o Songbird sabes por propia experiencia que non precisan mais finanzamento que a correspondente dose de voluntariedade -que se agradece-; e nos grandes contase con fontes de finanzamento mais que suficientes para manter as infraestructuras que fan viabel o mantenemento das traducións sen necesidade de recursos adicionais.

    O finanzamento da tradución ao galego pois non foi nunca, non é agora, nin tampouco ten visos de ser no futuro ningún problema real.

    En conclusión: o que temos é que mentres o PP iniciaba o desmantelamento de Mancomún, en Trasno adicábanse a resolver un problema que nunca existiu -e que en todo caso na Ciberirmandade xa se viña resolvendo de forma natural mediante o sistema de suscrición popular, como desmotraron coa posta en marcha da súa plataforma. O único que o tal heroico acto administrativo achegou na realidade é a existenza dun nodo mais na rede clientelar da Xunta e consecuentemente unha instancia mais de potencial clientelismo, inmobilismo social e servilismo político ante o poder… que son as categorías coas que pode ser definido o comportamento das asociacións de Linux durante a movilización social promovida pola Ciberirmandade.

    Polo demais deduces, ignoro o por qué, que son contraria á intervención pública no ámbito da tradución. Nada mais lonxe da realidade; eu son partidaria desta opción pois a fin de contas considero o idioma como un ben público. Claro que como en toda intervención pública compre confiar os recursos a quen teña a competencia técnica de xestionalos con criterios de racionalidade, eficacia e de eficiencia, e non de mera discrecionalidade, favoritismo e oportunismo, tal como sucedeu. Neste senso, confiar na “habelencia do CESGA” é tanto como confiar nun can famento o futuro do cordel de longanizas que leva consigo. En concreto o escándalo ben coñecido da tradución do OpenOffice demostrou que o CESGA non é competente técnicamente para xestionar os cartos públicos investidos en tradución de software.

    Non é precisa unha calculadora científica para determinar o número de técnicos cualificados que poderían ser contratados con esa monumental cantidade para manter durante tres anos en galego xa non a mentada suite ofimática, senón o sistema operativo enteiro. Mais, en troques de adicar os cartos públicos a crear emprego de calidade e traducións sustentabeis no futuro, os tecnicos do CESGA optaron por adxudicarllos á principal empresa receptora de contratos lingüísticos do PP, alegando como excusa a necesidade de obter -usemos as túas palabras- localizacións rigorosas, visadas e normalizadas. Claro que ninguén explica por qué o galego é o único idioma en que tal cousa é necesaria… pois non se coñece que tuveran que ser normalizadas nin visadas as traducións de nengún outro idioma polos ILG, Termigales ou RAGs correspondentes.

    Clarexado o anterior, o certo é que nada mais temos que vacuas promesas de continuidade… que contrastan cos despedimentos, anulacións orzamentarias e cancelacións de proxectos que se foron sucedendo nos últimos meses en torno a Mancomún. A última foi o feche da oficina de software libre da UDC.

    Sorprendeme pois esta complacencia túa baseada na continuidade duns servidores e nas promesas dos politicos do PP. Debo insistir en que estás neste sentido afectado por ese síndrome do nacionalismo galego que mencionaba antes: confundir os desexos coa realidade.

    Mais tempo haberá de ir contrastando feitos; e aínda que me vexo un pouco defraudada por esta complacencia institucional túa, continuarei seguindo as túas tantas veces interesantes achegas públicas, que de por sí xa merecen o agradecemento.

  • breixo gz dixo:

    @Calidonia. Home, a verdade é que non é moi racional que os de Trasno teñan esa actitude tan destructiva atacando á Ciberirmandade e a Suso Baleato, cando estes foron os únicos que saíron públicamente a denunciar o desmantelamento do software libre en Galiza desde que chegou o PP á Xunta. Non sei por que neste país temos a costume esa de pelexarnos entre nós entroques de unir forzas contra o inimigo común.

    @Brenlla. Optimismo? Eu só vexo propaganda, promesas e vaguedades. A ver que mo imaxino. Agosto, 2009:

    - Frijolito: A ver Maria del Mar, que me avisan de Gabinete que tienen el correo colapsado por una protesta del tema del software libre, ¿Qué está pasando con eso?

    - Maria del Océano Peral: Estoy al tanto, despreocúpate que ya tengo identificado al cabecilla, en un par de semanas lo mando al paro y te los dejo descabezaos. Aquí paz y despues gloria.

    - Frijolito: Vale pero con los empresarios que hacemos…

    - María del Océano Peral: A esos les pasamos el programa electoral a powerpoint para darles largas y ya se encargan ellos de difundirlo.

    - Frijolito: Bueno pues dale, pero sin concretar y sin plazos ni presupuesto, que despuén vendrán jodiendo con el “qué hay de lo mío”. Véndeles la moto con un plan, una estrategia algo de eso para tenerlos entretenidos hasta las elecciones. Pero rapidito que tengo a la prensa jodiendo con lo del tema del I+D.

  • Carlos (author) dixo:

    Breixo GZ, poderías indicarme onde consultar esa información sobre as críticas de Trasno a Ciberirmandade e ao ex-coordenador de Mancomún? Porque é a primeira información que teño sobre iso e as miña reflexións anteriores non tiñan nada a ver con iso que menciones, caso que sexa certo.

  • qualquer dixo:

    Levas razón no que dis BreixoGZ, os ataques lanzados contra Suso nos últimos meses son un bó exemplo de canibalismo típicamente galego. Se cadra un bon exemplo recente desa tónica de bipolaridade Trasno vs. G11N pode ser este foro do BNG:

    http://renovarobng.blogaliza.org/2010/01/08/o-espirito-de-mancomun-revive-na-rede/

    Unha mágoa e unha vergonza. E por qué sucede todo esto? Eu teño a miña propia teoría, que compartirei dende a miña área profisional.

    Penso que en boa parte o problema radica na excesiva uniformidade cultural e falta de renovación presente en Trasno: por exemplo, non hai ningunha muller activa nin con cargos de responsabilidade, o que pode explicar por qué reaccionan de forma tan agresiva e “territorial” interpretando como unha agresión todo intento de colaboración que non proceda do seu propio entorno ou que poida cuestionar a prevalencia social dos seus membros. Neste sentido actúan como o típico grupito de machitos que preserva a súa cota territorial a base de violencia; dahí esa excesiva dose de violencia verbal contra calquera potencial “macho alfa” que ameaze con arrebatarlles a súa situación de privilexio (neste caso Suso ou q Ciberirmandade como cabeza visible da plataforma G11N.NET, o colectivo “inimigo” a bater).

    Claro que esa actitude pode axudar a preservar os seus “privilexios” e reforza mutuamente o recoñecemento social dentro de Trasno (como no sentido desa expresión de “chuparse las pollas”) mais impide a renovación e a agregación de novas personas que permitan ampliar a súa diversidade e capacidade de traballo, retroalimentando o problema da uniformidade e aumentando o nível de endogamia e por tanto de violencia e incapacidade de cooperación ou empatía social.

    Se cadra é unha interpretación pouco ortodoxa aplicada a internet, mais penso que pode orientar na resolución do problema. A fin de contas, tanto si son electrónicas como se non, trátase de redes de relacionamento social e por tanto deberían ser de aplicación as ensinanzas da Socioloxía. Na plataforma das Ciberirmandades ( http://www.g11n.net/ ) detectei alomenos tres mulleres participando e todas con posicións relevantes, o que podería representar unha evolución en positivo do anterior problema.

    Mais como digo esta é unha visión personal sen contraste académico (e seguramente influenciada pola miña perspectiva de xénero) mais que deixo plantexada por si servira de algo.

  • qualquer dixo:

    @Calidonia: excusábaste pola túa complacencia institucional calificando de agoreiros aos que sinalaran as ameazas que se cernían sobre Mancomún. Non quixen seguir coa discusión por que te veía demasiado aferrado á esperanza mais obrígome a retomala agora que se demostra que aqueles agoreiros non ían tan desencamiñados:

    http://chuza.org/historia/a-xunta-do-pp-vai-privatizar-mancomun/

    Polo mesmo motivo omitín sinalarche antes as seguintes evidencias que agora copio e pego para que as consideres:

    - En canto aos despedimentos polo momento causaron baixa en Mancomún o coordenador, a xornalista e o lingüísta… sin que eses contratos foran renovados. E polo que se ve os contratos que quedaban en pé (5 polo que comentan en Menéame) van ser substituidos agora por esa empresa privada.

    - Onde podo conseguir un CD de Galinux? Se cadra deixaron de fabricalos? Non hai cartos?

    - Cancelouse a presenza de Mancomún nos eventos onde viña participando

    - Despareceron as actividades de patrocinio de Mancomún.

    - Canceláronse os proxectos piloto de implantación de Linux na Rede de Dinamización e nas oficinas do PEGSI (que tamén van ser privatizadas).

    - Elimináronse os programas formativos e de capacitación a empresas.

    - Os proxectos de tradución foron abandonados, incluídos os empresariais

    - O ritmo de publicación de novas baixou da media ducia diaria a unha ou dous como moito.

    - Non volveu haber convocatoria de reunións de g11n ou de asociacións de linux.

    - Fechou a oficina de software libre da UDC

    - Non se renovou o informe estatístico de uso de software libre nas entidades de galiza, así que se perdeu irremediabelmente a comparabilidade estatística

    - Deixou de actualizarse o corpus lingüístico

    - Canceláronse os proxectos de software empresarial

    - Deixou de actualizarse o wiki

    - … Seguimos? Ou se cadra podes demostrar que todo esto é falso?

    O único que fica funcionando de Mancomún son os servidores, como xa expuxen anteriormente. Hábilmente o PP mantén funcionando o mínimo preciso para fornecer apariencia de continuidade; a esa sensación axuda o silencio das asociacións e das empresas, desexosas da súa correspondente porción de subvención… ningún can morde a man que lle da de comer.

    Mais calquera que observe cun mínimo de atención sabe que dende fai tempo que Mancomún é un coche co motor aceso… pero sen ninguén ao volante. Compre ir poñendo os pes na teimuda realidade, non cres? Difícil será senón analisala con perspectiva crítica ;-)

  • Carlos (author) dixo:

    Prezado Qualquer:

    Aférrase á esperanza quen non ten máis nada a que aferrarse. No meu caso confeso ter pecado de optimista, vaia, para unha vez que penso ben sen mirar a quen. Débote felicitar polo teu acerto, alén de che recoñecer o teu amplo coñecemento sobre este asunto, e agradecerte que teñas partillado tan valiosas informacións cos lectores e lectoras deste blogue.

    Porén, o ton co que me retas a demostrar a verdade ou falsidade do que enumeras nesa listaxe dá a entender en certo xeito que tiveras algún problema comigo. Gustaría de coñecelo para me poder defender, pois máis ben parece que sexa eu o culpábel ou o causante das decisións do novo goberno da Xunta. Se cadra souno por non estar nas barricadas desde o 2-M en vez de esperar a ver que acontecía.

    A “complacencia institucional” é un concepto-consigna político-partidario que teimas en utilizar e que non ten cabida neste fío. Prégoche que non insistas en atribuírme ese termo, pois xa expliquei o que era unha cautela persoal e particular, sen ningunha outra connotación. Entendo porén que che poida servir para te situares no mundo e explicar as posicións duns e doutros, onde queira que presentes as túas batallas.

    Propóñoche un exercicio “crítico” máis: imaxina que foses un gobernante da anterior Xunta, que tiveses levado a cabo tan valioso proxecto como Mancomún, e que agora houbese no teu lugar outro goberno que decide privatizar o servizo. Estarías disposto a negociar alternativas diferentes ao que ti fixeches no pasado, tendo en conta que a túa capacidade de influencia e decisión é agora moito menor, ou dedicaríaste sistematicamente a opoñerte a que o servizo se siga prestando aínda que sexa de forma reducida e baixo xestión privada, con subrogación oou non dos empregados que permaneceron no mesmo?

    Un saúdo

  • qualquer dixo:

    Como me gusta a tua forma de escribir Calidonia!! Lamento non facelo eu tan ben pois vexo que te sentiches agredido por aquelo da “complacencia institucional” que retiro do fío… hai, que complexos son os relacionamentos sociais na rede!! Fíxate que agora me sinto culpabel… se a idea de poder ferir os sentimentos dos demais mete medo é pavoroso descubrir que podes afectalos mesmo sen coñecelos…!! Ogallá que che resulte tan útil como dis toda esa información e ogallá que as miñas desculpas poidan atenuar esas emocións danadas, síntoo de veras!!

    En canto ao exercizo crítico é un pouco raro… como ninguén no goberno anterior tería capacidade para negociar co novo goberno (teñen a maioría absoluta) e posto que o novo goberno non ten a necesidade de negociar con ninguén (bástalle impoñer por decreto o que considere mellor, para eso teñen o poder) a opción da negociación non sería unha opción realista; podería ser unha boa estratexia do novo goberno para neutralizar posíbeis disensións que desacrediten a súa xestión, eso sí. Entón a única opción válida sería a segunda, que consistiría en opoñerse á privatización. Mais esto lévame a ver que ninguén do anterior goberno está plantexando unha oposición pública a esa privatización… e posto que non poden estar negociando supoño que unha de dúas: ou o tema do software libre non ten ningunha relevancia política ou no caso de que sí a teña entón as organizacións políticas (neste caso o BNG) non teñen capacidade para artellar un discurso crítico ao respecto. Pero esta cuestión xa caería fora do teu suposto e bueno fíxate que me esforcei para contestar a túa proposta e perdona que insista e que me esaxere un pouco pero poderás desculparme verdade? Imaxina ter que presentarme un día dicindo que eu fun aquela que te ofendeu no teu blogue…

  • Carlos (author) dixo:

    Descoida que non houbo ofensa ningunha. O exercicio consistía en pórse do lado dos usuarios do servizo en cuestión e non tanto do lado do político que quer vender a súa xestión. Nese sentido debe haber algún punto no cal será mellor que o servizo siga funcionando de algunha forma aínda que minorado a que o fechen directamente. Tamén é verdade que tamén pode haber un punto a partir do cal o que se conserve non teña sentido ningún. Veremos. Un saúdo.

  • breixo gz dixo:

    @Calidonia: Home, a información así de memoria penso que lembre sobre todo nos comentarios das noticias que saíron sobre Mancomún por ahí atopas moito… despois nas listas tamén estaba a de g11n sobre todo cando houbo os cambios despois en chuza e na lista de Trasno tamén tes se queres buscalo.

    Arriba decían algo de machismo pero eu creo que é tema político… hai xente en trasno que lle da tirria todo o tema da política e si eres nacionalista pois máis todavía como comprenderás o típico. O tema da Ciberirmandade claramente vai por ahí, despois con Suso penso que tamén a ver a Suso chamárono de todo a verdade é que se pasaron bastante algúns. Aquelo foi bastante penoso por exemplo acórdome do Tsao (o que está no GPUL) chamándolle comisario político, ahí o Tsao estaba picado polo de Debian creo… pero así o mais descarado foi o do Miguel Bouzada, eso era para sufrilo, primeiro enganchou co tema de Galinux acusando ao Suso de querer facerse rico vendendo a marca por que había unha movida burocrática e xa despois enganchou pois co tema das traducións acusando ao Suso de usurpador, de roubar as traduccións e flipadas así, ahí houbo de todo xa che digo, tamén Rial o que estaba no CESGA, ese estuvo un tempo alarmando a todo diós decindo que Suso non valía e que non facía as cousas e despois non era verdade… e así todo, pero a verdade é que o de Bouzada eso foi demencial, ahí o tema era masacrar ao Suso claramente, ahí foi cando me botei fora das listas por que aquelo era unha paranoia que non era nin medio normal. E home non sei si che fai falta míroche os correos e tal pero xa che digo, que nas listas telo todo e nos foros tamén.

    Eu qué sei éche o de sempre, aquí andamos a despelexar ao veciño, éche unha tradición moi galega e así nos vai que se fixeramos como outros que se xuntan e fan cousas pois mellor nos iría en Galiza penso eu. Agora o mellor está na plataforma g11n, que montou a ciberirmandade, ahí non houbo movidas polo momento creo a verdade é que hai bó ambiente. Ahí a ratos eu cando teña tempo a ver se dou axudado algo.

  • Carlos (author) dixo:

    Songbird vén de anunciar o abandono do desenvolvemento da versión para GNU/Linux, o que supón unha mala nova para a fracción de usuarios deste SO e sobre todo para as posibilidades de a comunidade continuar coa súa localización e desenvolvemento.

    É por isto que de agora en diante dedicareime a localizar e apoiar o Nightingale (Reiseñor), a versión libre e comunitaria do reprodutor.

Deixe a súa resposta!

Achegue embaixo o seu comentario, ou trackback from your own site. You can also subscribe to these comments via RSS.

Sexa agradábel. Fágaoo ben, breve e bonito. Non desvíe o tema. Non faga propaganda.

Pode usas as etiquetas seguintes:
<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Esta bitácora emprega Gravatares. Se quer ter o seu g(lobalmente) r(coñecido) avatar, por favor rexístrese en Gravatar.

</div>