Loading

Un estudo recente encargado pola Asemblea das Rexións Europeas demostra que as rexións dos estados europeos cun maior grao de descentralización posúen maiores niveis de renda e que en xeral medran por cima das demais ao longo do tempo.

A investigación advirte que nos estados máis descentralizados, e sobre todo en España, a descentralización non sempre vai acompañada de recursos financeiros en paralelo á autonomía ou capacidade de decisión das rexións.

O estudo analiza o conxunto da UE-27, exceptuando os pequenos estados de Luxemburgo, Chipre, Malta e Eslovenia e incluíndo adicionalmente Croacia, Suíza e Noruega, alén de estados extracomunitarios como os EUA, Canada e Nova Celandia. A efectos analíticos a investigación desenvólvese en dous planos distintos: o das rexións individuais e o de agregados de rexións semellantes dentro de cada estado. Aínda que no caso de España elabórase un único agregado coas 17 comunidades autónomas, como se verá a soa comparación entre estados produce resultados moi significativos.

A investigación divídese en dúas partes. Na primeira elabóranse índices que miden o grao de descentralización e na segunda parte empréganse os indicadores obtidos para analizar de que forma e en que medida a descentralización está relacionada co nivel de desenvolvemento económico.

Os datos empregados no estudo proceden de fontes estatísticas oficiais e dun cuestionario específico remitido ás rexións. O índice de descentralización está calculado a partir de máis de 200 variabeis que un comité de expertos sintetizan e ponderan adecuadamente. Do proceso de elaboración resultan cinco subíndices (correspondentes á descentralización administrativa, funcional, política, vertical e financeira), dous índices agregados (capacidade de decisión e capacidade financeira) e finalmente o índice xeral (descentralización). Tamén se analizan separadamente os indicadores de natureza cuantitativa e cualitativa, que coinciden ao 95%. En definitiva o estudo analiza a descentralización non desde unha perspectiva restrita, concibida como número e importancia das competencias, senón nun sentido máis amplo e complexo que abrangue o ‘ poder de decisión’ ou a ‘autonomía’.

Os datos conclúen que Suíza (índice 70/100), Alemaña (66), Bélxica (62-64) e España (58) son os estados máis decentralizados, entanto Grecia e a maioría dos antigos países comunistas (25-34) son os máis centralizados. Holanda e o Reino Unido serían os prototipos de estados medios en canto ao seu nivel de descentralización.

O estudo sinala tamén que a descentralización cuantitativa non coincide necesariamente coa cualitativa. Así, nos estados máis descentralizados, nos que as rexións posúen maior capacidade de decisión, os recursos financeiros adoitan ser insuficientes, non correspondendo ao nivel de autonomía política que posúen. O contrario rexístrase en cambio nos estados máis centralizados.

Fonte: ARE
Fonte: ARE

Os datos manexados polo estudo serven, entroutras cousas, para cuestionar a aqueles que defenden a existencia das provincias, e tamén aos que argumentan contra a descentralización do Estado por redución ao absurdo (é dicir, quen contra as demandas de maior autonomía dunha rexión ou nación sen estado adoptan como estratexia un municipalismo localista).

Segundo a investigación un número maior de niveis na administración territorial e un maior número de unidades por nivel, é dicir, unha maior fragmentación vertical dos estados non implica necesariamente maior descentralización nin autonomía das unidades subestatais, senón máis ben e en todo caso o contrario, menor autonomía e maior dependencia do poder central.

Esta é unha conclusión intuitiva e lóxica que se deriva da realidade existente hoxe en Europa e que tamén sería aplicábel noutra escala de análise máis próxima, cando se aborda o debate acerca do número e tamaño óptimo dos concellos de Galiza, ou cando se fala da ordenación do territorio en xeral.

Descritas as diferentes compoñentes da descentralización, o obxectivo final do estudo é analizar en que medida un maior nivel de descentralización conduce a un maior nivel de desenvolvemento económico. O estudo conclúe que o comportamento económico, medido quer en PIB por habitante (nivel relativo) quer en crecemento do PIB (variación dinámica), está influído positivamente, entroutros factores, polo grao de descentralización.

Ceteris paribus, a un indicador de descentralización máis elevado asóciase un maior nivel de desenvolvemento económico, tanto se analizamos conglomerados de rexións como rexións individuais. Ademais, as análises evidencian que os aspectos cualitativos da descentralización son, cando menos, tan importantes como os cuantitativos (financeiros). Se falamos de crecemento en termos dinámicos os resultados amosan tamén que existe unha influencia positiva da descentralización, pero sempre tendo en conta que existe un nivel óptimo que maximiza o crecemento. Niveis esaxerados de descentralización xeran contributos menores e até negativos ás variacións do PIB.

Outra parte do estudo aborda os efectos da descentralización sobre o crecemento en relación coa innovación. Dáse a circunstancia de que a descentralización (sobre todo a financeira) favorece a innovación industrial local, entanto limita a innovación académica. Este resultado parece ser un argumento contra a proliferación de campus e universidades nun territorio e a favor das economías de escala neste ámbito.

Top