Tic-Tac á-toa en 3D(ireccións)
Aproveito algunhas gráficas da autoría de preguiceiro para marcar o terreo electoral onde se xoga a tan adiada como imprescindíbel redefinición do proxecto político estratéxico do nacionalismo galego.
Nas análises sociopolíticas unha das aproximacións máis habituais ao ‘mapeado’ dos electores consiste en representar nun eixo de coordenadas dúas dimensións: unha, a representada no eixo de coordenadas X, a creada pola oposición dos conceptos esquerda e dereita, e outra, colocada no eixo Y, unha medida de identificación nacional ou territorial, neste caso a dimensión ‘nacionalista galego’, sen utilizar, cando menos explícitamente, ningunha etiqueta oposta (do tipo ‘nacionalista español’), senón medindo o grao de adscrición ou identificación con esa etiqueta (libremente interpretada por cada entrevistado).
Definido o terreo de xogo mediante estes dous eixos hai que sinalar que a súa representación perpendicular é unha convención, xa que polo menos no caso galego ambas dimensións non son independentes. Existe unha correlación estatística negativa entre ambas dimensións (índice de Pearson -0,231 en 2009), o que significa que é máis frecuente achar electores cunha maior identificación co nacionalismo galego no lado esquerdo do mapa.
Tamén sería posíbel teoricamente achar variábeis, compoñentes ou factores distintos dos dous escollidos, que tivesen mesmo unha maior capacidade de explicación ou de descrición do electorado, maior poder de discriminación entre eles. Esta posibilidade requiría empregar técnicas multivariantes de redución de información que tornarían algo máis difícil a interpretación dos datos, de aí que prosigamos coa análise baseada nos eixos utilizados habitualmente: esquerda e dereita, e grao de nacionalismo galego.
A figura seguinte presenta os datos de localización das principais forzas políticas (as tres con representación no Parlamento de Galica) polos seus votantes (hipotéticos, dado que os datos saen dun estudo preelectoral e reflicten en realidade a intención de voto ou voto declarado):
Estoutra gráfica, aínda que a primeira vista moi parecida, representa outra cousa ben distinta: a autolocalización dos votantes de cada partido no mesmo espazo ideolóxico:
O que salienta rapidamente ao contrastar a simple vista as dúas tripletas de gráficas anteriores e que existe unha moi boa correspondencia entre o lugar onde se localizan os votantes de PP e PSOE e o lugar onde eses mesmos votantes sitúan ao partido ao que votan. Pola contra, existe unha diferenza moi relevante entre o espazo que ocupan no mapa os votantes do BNG e o espazo onde sitúan ideoloxicamente a esta forza política á que din votar. Existe, por tanto, unha distancia considerábel entre o electorado do BNG e a posición ideolóxica que ocupan (e o discurso ideolóxico que predica e practica, poderíase engadir).
Esta non correspondencia entre votantes e forza política é un dos principais fenómenos caracterizadores do sistema de partidos en Galiza, xunto co voto dual PSOE-BNG (derivado en boa medida deste mesmo fenómeno anterior) e a composición dual do voto ao PP (nacionalismo/galeguismo morno e antinacionalismo extremo).
Na gráfica seguinte presento esta situación ‘anómala’ do BNG e adianto unha primeira crítica á estratexia política desenvolvida por esta forza política desde 2003:
Con efecto, a estratexia caracterizada como ‘quintanista’ pero consensuada entre as dúas principais correntes do BNG (quintanismo e UPG) consistiu en ofrecer ao electorado unha oferta unicamente baseada no reforzamento do nacionalismo, ao tempo que se pretendía desdebuxar a caracterización como forza de esquerda. Esta estratexia é a que responde ao desexo de conformar ou de oucpar o espazo dun hipotético partido nacionalista de centro-dereita, desexo compartido polas citadas correntes aínda que con razóns específicas en cada caso. As gráficas mostran que dita estratexia non funcionou en termos globais, por dúas razóns: porque nin foi capaz de convencer aos votantes de que o BNG abandonaba a esquina superior esquerda movéndose máis cara á dereita, e porque nesoutro destino pretendido do espazo ideolóxico galego apenas existen electores.
A táboa seguinte mostra a distribución numérica dos electores galegos no mesmo espazo do que vimos falando.
É certo que parte da distancia que existe entre o BNG e os seus votantes se debe a que esta convocatoria electoral era de carácter autonómico, e que como ‘xoga na casa’ o nacionalismo consegue sumar máis adhesións que as que se esperan no seu radio de acción. Se ben esta argumentación serve para relativizar un pouco a distancia existente toda adhesión á mesma implica recoñecer que en próximas convocatorias que teñen outro ámbito (nas municipais e en especial nas xerais), e tal como visibilizaron xa os resultados das eleccións europeas posteriores, o chan electoral do nacionalismo é moito menor do que reflicten os datos manexados neste estudo do CIS.
En definitiva, demóstrase con datos e empiricamente o fracaso da estratexia política do nacionalismo nos últimos anos, e ponse de relevo que a actual situación de resistencia nos postulados e posicións ideolóxicas tradicionais do BNG ten un único corolario posíbel: o abandono dos electores máis moderados cara á abstención ou cara ao PSOE, que se nutriría (nútrese xa) dos electores da esquerda nacionalistas moderada ou simplemente galeguista.
Este desaxuste admite moitas outras interpretacións, técnicas e políticas, pero o que non pode negarse é que o debate está (segue) aberto. O fenómeno rexístrase desde hai case unha década, xusto cando o nacionalismo alcanzou o seu máximo apoio electoral. É innegábel que a crise estatal do PSOE propiciara entón grandes transvases de voto cara ao nacionalismo, máis non é menos certo que naquela época a esperanza e a ilusión depositadas nun nacionalismo moderado, xunto coa presenza de algúns líderes moi ben valorados fóra do núcleo duro de votantes nacionalistas tradicionais, permitían albiscar no BNG unha alternativa máis sólida para a esquerda galega do que os tempos e os resultados actuais demostran.





Graciñas polo enlace! Xusto estaba agora, capuccino en man, botándolle un ollo ós datos agregados das pos- dos CIS. Vexo a aposta. Cunha media dun 6′20 no nacionalismo e cun 35% de swingers con PSOE nas xerais do 2008, o dobre cumio do BNG seguro que segue aí. Ademais, marchou tanta xente do BNG ó PSOE como do PSOE ó PP (conste que agora mesmo só o digo por levarche a contraria). En fin, xogámonos un café?
Iso é rapidez. Claro que segue aí, se o saberei eu! Pero xa non é do BNG. Iso apóstomo con total decisión. Será por cafés.
Deixe a súa resposta!
cultura
economía
Descentralización e desenvolvemento
Un estudo recente encargado pola Asemblea das Rexións Europeas demostra que as rexións dos estados europeos cun maior grao de descentralización posúen maiores niveis de renda e que en xeral medran por cima das demais …
estatística
Hans Rosling
Hans Rosling é un profesor sueco que revolucionou hai agora tres anos o xeito en que se visualiza a información estatística vinculada aos fenómenos de desenvolvemento económico.
Aínda que como profesor doutor en saúde internacional realizou …
política
Tic-Tac á-toa en 3D(ireccións)
Aproveito algunhas gráficas da autoría de preguiceiro para marcar o terreo electoral onde se xoga a tan adiada como imprescindíbel redefinición do proxecto político estratéxico do nacionalismo galego.
Nas análises sociopolíticas unha das aproximacións máis habituais …
tecnoloxía
Google
Facebook
Calendario
Arquivo
Idioma
Galego
Blogroll