Loading

Tras as eleccións europeas o CIS publicou o primeiro estudo postelectoral rigoroso acerca das eleccións autonómicas galegas. Tento sintetizar nesta anotación o máis importante dos catro volumes de táboas que inclúe o estudo.

Voto declarado. O PP foi a forza máis votada en todas as idades. O BNG foi a terceira forza en todas excepto entre os menores de 25 anos, onde tería logrado superar por pouco ao PSOE. O BNG segue tendo un electorado marcadamente novo, situado na súa maior parte por baixo dos 45 anos. A suma das forzas de esquerda (PSOE, BNG, IU) e de dereita (PP, UPyD, TeGa) mostra unha vitoria da dereita por riba dos 55 anos e da esquerda por baixo desa idade, aínda que cunha situación moi igualada na faixa dos 45 aos 55 anos.

Indecisos e abstencionistas. Aínda que determinadas interpretacións dos resultados electorais apuntaban a que o PSOE non tería cedido votantes ao PP, que o BNG non os terís cedido á súa vez ao PSOE e que ambos debían case todo o seu retroceso á abstención, a enquisa postelectoral do CIS desminte tales afirmacións e outorga argumentos para cualificalas como de interesadas. Contravindo o principio da navalla de Occam que di que a explicación máis sinxela é a máis probábel, nas eleccións do 1-M houbo corrementos do PSOE ao PP (sobre todo entre as persoas con baixa formación e máis no rural que no urbano) e ao mesmo tempo do BNG ao PSOE (sobre todo entre as persoas con alta formación e máis no urbano que no rural), sendo máis importantes os primeiros, e completándose a fotografía coa deriva abstencionista de antigos electores do PSOE e, sobre todo, do BNG (universitarios e xuventude), descubríndose tamén algúns transvases do BNG cara ao PP, aínda que de pouca entidade.

Se ben os votantes duais PSOE/BNG se sitúan fundamentalmente entre os electores máis urbanos de 25 a 45 anos, existe unha nova onda de votantes duais PP/PSOE que se sitúan por baixo dos 35 anos e moi claramente por baixo dos 25. Entre os indecisos menores de 25 anos pesou máis o desexo de que volvera a gobernar o PP que o de que houbera un goberno de esquerdas, presentando así igual preferencia pola dereita que os maiores de 65 anos. Os menores de 25 considéranse máis afastados do BNG que os do grupo de 25 a 35 anos. Con estes datos parece clara a necesidade de acometer dunha vez por todas a reformulación das políticas xuvenís do BNG e dos instrumentos organizativos e de comunicación para levalas a cabo.

Os que non quixeron ir votar aumentan o seu número canto máis novos son. Dos que non votaron, en caso de teren participado e ter optado por unha candidatura, a maioría o faría pola esquerda, pero 4 de cada 5 optarían por PP ou PSOE a partes iguais, e só 1 polo BNG.

Dos antigos votantes do BNG que non quixeron ir votar o 67% decidiuno durante a campaña electoral ou o mesmo día das eleccións. Para o PSOE a mesma porcentaxe é do 46%. Para o PP do 26%. De teren ido a votar eses antigos votantes nacionalistas un 20% tería optado polo PSOE. Pola contra, ningún dos exvotantes do PSOE optaría polo BNG de ter coñecido o resultado das eleccións con anterioridade.

O BNG aínda pode caer máis baixo nunhas autonómicas. O 17% dos que votaron aos nacionalistas o pasado 1-M se declaran máis próximos das posicións do PSOE que das do BNG fronte aos principais temas da axenda política. O 32% dos exvotantes do BNG foron votantes de Zapatero nas xerais de 2008, e o 35% non se consideran nacionalistas galegos.

Espazos estratéxicos. Houbo dous grandes espazos estratéxicos onde se xogaban estas eleccións. Un, o centro neutral ou parcialmente antinacionalista galego, onde a batalla polos indecisos entre PP e PSOE acabou cunha vitoria do primeiro. Outro, o do centroesquerda galeguista ou moderadamente nacionalista, onde a batalla polos votantes duais PSOE/BNG (que tradicionalmente desde 1997 en maior ou menor medida votaban BNG nas autonómicas e PSOE nas xerais) finalizou coa derrota nacionalista, con parte destes electores de regreso no PSOE e a outra parte na casa común da abstención.

Unha análise da volatilidade electoral, unha medida da forma en que cambian de mans os votos e da súa intensidade, demostra que, se ben a nivel global do país podería caerse nas primeiras e simplistas interpretacións interesadas, cando baixamos aos ámbitos provinciais, comarcais e municipais a realidade é ben outra: a que revela o postelectoral do CIS. Isto acontece así, porque efectivamente houbo comportamentos diferenciais ao longo e largo do noso territorio, onde por exemplo determinada ganancia electoral do BNG no rural da provincia de Ourense se viu compensada e/ou contrarrestada polo retroceso na capital provincial.

Á luz das informacións técnicas e frías cómpre desterrar por tanto a interpretación de que o retroceso electoral do BNG se fundamentou na asbtención da militancia máis esixente (moi poucas persoas no total do censo) ou nas posicións máis estremas ou radicais do electorado nacionalista. Ao contrario, as eleccións do 1-M seguen poñendo de manifesto que o electorado do BNG é máis moderado que a forza política á que vota, tanto no que se refire ás posicións de esquerda como e sobre todo no que di a respecto da intensidade das posicións nacionalistas galegas.

A clave do avance electoral do BNG no período 1997-2003 non foi debido só á crise conxuntural do PSOE que motivou un voto de castigo que capitalizou o BNG. Foi debido sobre todo a que ese electorado que se achegou ao BNG estaba próximo del no espazo ideolóxico, pero en posicións máis moderadas, que sen abandonar a esquerda tampouco eran de centro, e que se ben non eran totalmente nacionalistas si eran claramente galeguistas.

Logotipo do CISXunta. Un 21% dos votantes do BNG en 2005 e un 11% dos que o votaron en 2009 considerou mala ou moi mala a xestión do BNG na Xunta, o que demostra a existencia dunha valoración crítica, máis ou menos fundamentada, dentro do electorado nacionalista. É directo deducir que o BNG perdeu a metade da xente que considerou que a xestión de goberno foi mala, e que a outra metade votou nacionalista malia a ter esa percepción. Sistematicamente e para calquera gran tema da axenda política compróbase que un 5% dos que votaron BNG ou PSOE en 2005 consideraron que o PP o tería feito mellor ca eles dous nos últimos catro anos.

Conxuntura. Malia á situación de crise económica sen precedentes que atravesan, tanto nos indicadores obxectivos como nos subxectivos, os galegos perciben en xeral que a situación económica é mellor en Galiza que en España. En cambio, a valoración da situación política nos dous ámbitos é idéntica. Velaí un indicio que cando menos permite discutir que a crise económica sexa unha causa fundamental á hora de explicar o retroceso electoral nacionalista. Por exemplo, son as áreas urbanas as que perciben unha crise maior, e porén son estas mesmas zonas as que mellor valoran a xestión da Xunta nos temas económicos.

Se ben é certo que a economía e o paro son as áreas nas que a xestión bipartita é peor valorada (malia a ser as súas competencias bastante limitadas e menores que as do Estado) este resultado non deixa de ser unha constante en todas as sondaxes de conxuntura que se realizan en calquera ámbito (e unha constatación máis de que a poboación non coñece en xeral nin lle importa demasiado que Administración ten competencias e responsabilidades nunha área determinada).

En realidade o ‘voto económico’, na medida que existiu, foi indirecto, e descansou sobre todo na percepción dun aumento das desigualdades de renda (de clase máis antes que territoriais): a proliferación de ‘mileuristas’, precariedade e paro, todo iso en contraste coas ideas lanzadas pola dereita e convenientemente amplificadas polos medios de comunicación: malgasto, excesos suntuosos, e corruptelas, vicios que o seu electorado lle consinte á dereita (ou que mesmo premia e incentiva) pero que no ámbito da esquerda se equipara cunha traición e o conseguinte voto de castigo.

Campaña. O Audi de Touriño foi o principal tema de campaña, tras as cuestións da economía e do paro, e secundan ao Audi o malgasto e a corrupción. Deixar sen resposta as acusacións da oposición para non rebaixarse ao nivel dunha campaña sucia foi sen dúbida un erro monumental nas estratexias das forzas do bipartito, nomeadamente por parte do PSOE e do Presidente Touriño, aínda que unha variante do ‘Audi’, a da vella fotografía de Anxo Quintana no iate de Jacinto Rey, serviu para castigar tamén ao BNG. A enquisa demostra que o tema do malgasto foi máis importante para as persoas con maior nivel de estudos, coincidindo cando menos cos maiores índices de lectura de xornais pero tamén co perfil do votante nacionalista.

Esta aura institucional e cabaleirosa que evitou a resposta a esta campaña perfectamente deseñada pola dereita e non menos excelentemente posta en escena polos xornais ABC e La Voz de Galicia foi un erro só comparábel coa decisión de non adiantar as eleccións e con aqueloutra adoptada case 4 anos antes: non aproveitar a aterraxe na Xunta para denunciar as corruptelas e malas prácticas dos dezaseis anos de goberno Fraga.

Parece clara a desafección do electorado de esquerdas co bipartito ao teor de cales foron os temas estrela da campaña. Desafección xeneralizada cos partidos políticos: ‘estea quen estea no poder sempre busca os seus intereses persoais’ e ‘os políticos non se preocupan moito da xente coma min’, tal e como se enxerga nas respostas dos entrevistados.

A peor campaña que se percibiu foi a do BNG, e tanto a do PSOE como o BNG foi criticada especialmente polos licenciados e enxeñeiros.
Perante os principais temas de campaña, estes que vimos de comentar, os menores de 25 anos situaron maioritariamente ao PP como a forza máis próxima da súa posición individual. A porcentaxe de mozos que se identificaban coas mensaxes da dereita é a maior de todos os grupos de idade, agás os maiores de 65 anos. Este dato revela dous problemas en relación coa mocidade: a súa doada manipulación informativa e a imposibilidade do nacionalismo de conectar con ela e facerlle chegar mensaxes.

Idioma galego. Posiblemente unha das razóns, aínda que non a única nin probablemente a máis importate, desta incapacidade de comunicación do BNG con amplas capas urbanas e novas do electorado reside no idioma. Malia a ser a mocidade un sector da poboación plenamente alfabetizado e formado baixo a aplicación da Lei de Normalización Lingüística, amplas capas da mesma presentan un coñecemento pasivo e un uso marxinal do idioma galego. Rara vez se informan a través de medios de comunicación (TV, radio, xornais, páxinas de internet) que empreguen o galego. Pódese afirmar que entre eles a identificación entre idioma galego e persoa que profesa ideoloxía nacionalista é plena.

Os entrevistados non consideran porén (ou non recoñecen) que o idioma fose un tema importante na campaña, aínda que a enquisa demostra que si o foi, significativamente, para as persoas con estudos universitarios, e nomeadamente para unha parte importante dos votantes de BNG, UPyD e IU, pero non para inmensa maioría do censo electoral. A lingua tampouco é unha prioridade que a poboación enumere para a axenda do novo goberno da Xunta.

Pódese afirmar por tanto que, en opinión da xente e independentemente de que existan elementos obxectivos e reais de conflito e diglosia, a problemática arredor da lingua galega é artificial e interesada. Sen dúbida a lingua foi o principal elemento de éxito na estratexia de campaña despregada polo PP: mobilizou ao electorado nacionalista español (aquel que só adoitaba participar nas eleccións xerais pero non nunhas autonómicas onde un Fraga vello, rural e ‘galego coma ti’ era o candidato), espertou instintos baixos e prexuízos antinacionalistas galegas en boa parte da poboación menos ideoloxizada, e, en último lugar pero non menos importante, confina ao nacionalismo a defender unha posición (feble) e a non ocuparse das cuestións que realmente lle importan ao groso da poboación e tamén á maioría do seu electorado potencial.
Un dato da enquisa do CIS exemplifica estas afirmacións: só un 10% dos votantes do BNG en 2005 ou 2009 considera que a política lingüística da Xunta bipartita foi mala.

Prensa. La Voz de Galicia tivo unha influencia crucial nos resultados e na perda do último escano do BNG na Coruña. Presumiu repetidamente do seu papel decisivo no cambio de goberno cos resultados da enquisa do CIS, dedicándolle dúas páxinas. Segundo o CIS o predominio de La Voz de Galicia entre os lectores galegos de xornais é o que ofrecen outras estatísticas de audiencia e difusión (EGAM, OJD): entre o 45% e o 50% de todo o mercado.

O realmente importante no caso que nos ocupa é o feito de que La Voz ten o 67% do mercado na provincia da Coruña e só o 17% na de Pontevedra, distribución desigual que lembra axiña os diferentes retrocesos electorais experimentados polo BNG nestas dúas provincias ao longo do mesmo eixo atlántico que partilla características socioeconómicas semellantes.

Esta hexemonía de La Voz dáse por igual entre os públicos de calquera idade, cando por exemplo o Faro de Vigo presenta unha maior incidencia entre as persoas de menor idade, quizá pola súa implantación na provincia máis nova de Galiza.

O 43% dos votantes do BNG en 2005 se informaron pola Voz de Galicia. Dos que repetiron voto en 2009 só o 38% o tiveron como referencia. Os que abandonaron o BNG entre 2005 e 2009 debían ter, en consecuencia, unha porcentaxe de seguimento de La Voz de Galicia aínda superior, próxima ou por riba do 50%.

Hai outro dato revelador ofrecido pola enquisa do CIS que dá a verdadeira dimensión do efecto da campaña mediática en contra do bipartito. Mentres no resto de Galiza entre o 3% e o 6% do censo decidiu o seu voto durante a primeira semana de campaña, no conxunto das cidades de máis de 100.000 habitantes (onde Vigo e A Coruña representan máis do 80%) esa mesma porcentaxe subiu até o 29%.

Os xornais cun perfil máis especializado en lectores de perfil nacionalista son El País (leno o 16% dos votantes do BNG, idéntica porcentaxe que os do PSOE), Xornal (2%) e Público (1%). Pódese inferir dos hábitos informativos do electorado nacionalista unha característica xeracional moi marcada, nomeadamente entre os lectores de El País e de Xornal. Este fenómeno de asociación cunha xeración determinada (a que madurou politicamente durante a Transición) intúese relacionado con outros fenómeno de carácter temporal: o ciclo electoral experimentou o BNG nos últimos 20 anos, e a pertenza xeracional das persoas que compoñen a dirección política da organización nacionalista.

TV e radio. A Galega ten menos espectadores canto menor é a idade do entrevistado, pero ademais do factor idade existe un factor territorial adicional: a súa menor audiencia dáse en Vigo e A Coruña, onde a súa audiencia cae até á metade da media que alcanza no conxunto de Galiza. Ao sector máis xuvenil do electorado corresponden audiencias superiores á media de Tele5 (tradicionalmente a máis vista polo electorado bloqueiro até a chegada da TDT), Antena 3 (xa a máis vista por baixo dos 25 anos) e La Sexta (que é a que posúe o perfil xuvenil máis marcado).

Os mozos non escoitan a radio xeneralista, moi pouco as antigas RNE e Cope, pero tampouco a Radio Galega, que ten audiencias por debaixo da media dos 45 anos cara atrás, e que nas dúas grandes cidades reduce a súa audiencia até a cuarta parte da súa media, definindo a radio máis ruralista de toda a FM e un perfil aínda menos urbano que o da TVG.

Os medios non con máis audiencia pero si cun público máis orientado cara ao perfil do votante do BNG son, en TV, La Sexta (4% dos votantes) e Cuatro (8%), e na radio, a Ser (47%), a Radio Galega (17%) e ‘outras radios galegas’ (3%).

Internet. Por baixo dos 45 anos o seguimento da información política en internet acada o 15%, unha magnitude discreta que aínda é menor se consideramos a poboación por riba desa idade. Porén, a mesma porcentaxe de persoas duplícase entre quen votaron ao BNG nestas eleccións.

Os portais web dos medios tradicionais foron a referencia informativa para o 95% dos internautas que procuraron na rede información de carácter político ou partidario. A segunda referencia en importancia, a enorme distancia dos anteriores, foron os portais de partidos e candidatos, co 19%, entanto os blogues e foros centraron a atención do 17%. Porén, entre os menores de 25 anos e nas vilas e cidades de menos de 100.000 habitantes a segunda referencia en importancia foron blogues e foros. Un de cada tres votantes do BNG que usaron internet para ler informacións políticas fixeron uso de blogues ou foros.

Sondaxes. Máis da metade da poboación tivo coñecemento de sondaxes electorais. Malia á relevancia da magnitude é unha cifra inferior a outras convocatorias electorais. Porén, a intensidade da súa incidencia no voto dóbrase entre os menores de 25 anos. E aínda que as enquisas animan en xeral a participar, nas sete cidades animaron a absterse a un 5% dos que as leron ou analizaron.

Falar de política. Os mozos falan de política igual que o resto da poboación, pero só se o fan en familia. Cos amigos a política non é tema de conversa. Os mozos teñen o seu ámbito de relación en canto á política totalmente fóra do seu lugar residencia: non falan de política cos veciños, e tampouco demasiado cos compañeiros de traballo. Forman parte de redes persoais de intereses máis que locais. Desmentindo o tópico presentan as porcentaxes máis elevadas de asociacionismo.

Nas 7 cidades evidénciase a quebra do sentimento colectivo ou veciñal, pois neses ámbitos urbanos cae bruscamente a frecuencia coa que se fala de política cos veciños. No urbano fálase de política máis no ámbito laboral, e menos no familiar ou no das amizades.

Redes e contactos. O PP ‘toca’ en persoa a case o 10% do censo electoral, entanto PSOE e BNG non pasan do 6% e 5%. As diferenzas son maiores entre os menores de 25 anos: PP 6%, PSdeG-PSOE e BNG 2%.

Nos concellos de máis de 100.000 habitantes as tres forzas contactan persoalmente a un 2-4% dos electores, nos concellos de 2 a 10.000 habitantes, o PP toca ao 16%, e o PSOE e o BNG ao 12% cada un. Pero é que nos concellos máis pequenos, nos de menos de 2.000 habitantes, o PP tocou ao 25%, o PSOE ao 20%, e o BNG ao 14%. Unha de cada 25 persoas dos concellos máis pequenos traballou de voluntario na campaña dalgún candidato ou partido. Nas cidades a mesma porcentaxe nin sequera atinxe a unha de cada 100. Aos mitins asistiron 1 de cada 6 persoas nos concellos máis pequenos. Nas cidades menos da metade desa cifra.

Por tanto, en canto ao alcance das distintas maquinarias partidarias, as diferenzas entre a Galiza máis urbana e a máis rural son moi grandes, maiores no caso do contacto persoal e menor no dos mitins e dos voluntarios. En canto ás diferenzas entre forzas políticas o PP especialízase no contacto persoal e o BNG acusa carencias neste sentido.

Os axentes electorais actuaron co dobre de intensidade entre os menores de 35-45 anos, onde se centraba o groso dos indecisos e dos abstencionistas.

O correo postal segue sendo a forma xeral de contacto (propaganda electoral, superior ao 95% en todas as faixas de idade). O PSOE é a forza que máis explotou as vías minoritarias e case marxinais do teléfono, o correo electrónico, e os SMS.

Líderes. A caída nas valoracións de Touriño e Quintana que viñan mostrando as enquisas desde o inverno pasado (cando se comezou a debater o posíbel adianto electoral) acabaron de materializarse coas eleccións, entanto Feijóo acentuou a suba dos meses previos.

No postelectoral do CIS Quintana cae a valoracións mínimas, inferiores aos de Beiras na súa época máis baixa, só é máis valorado que Rajoy entre os menores de 25 anos, obtén un 3 sobre 10 no conxunto das 7 cidades e apenas acada un aprobado raso entre os antigos votantes do BNG do 2005 (acada unha nota un pouco superior entre os que conservou o BNG en 2009). Feijóo supera xa a Zapatero en todos os tramos de idade e en todos os tamaños de concello.

Nacionalismo. En Galiza hai un 24% de nacionalistas galegos. A porcentaxe é idéntica en todas as idades, e oscila entre o 30% do rural e o 20% das cidades (sendo ademais o ’sentimento’ nacionalista galego máis moderado ou matizado neste ámbito urbano).

Este colectivo de nacionalistas galegos repartiu o seu voto entre as tres principais forzas políticas, e aínda que o BNG concentrou á maioría tanto PSOE como PP (en menor porcentaxe) colleitaron tamén votos nacionalistas.

A aposta por acadar o partido galeguista do século XXI, capaz de aglutinar todo o voto nacionalista baixo unhas únicas siglas, vén demostrando a súa ineficacia elección tras elección. Isto é así porque o sentimento nacionalista, de identidade territorial, está supeditado á ideoloxía individual ou de clase. A poboación primeiro diferenza esquerda e dereita, e só despois e de forma subsidiaria escolle un lugar na escala do sentimento nacionalista. As diferenzas son tan fortes entre esquerda e dereita ou entre esquerda e centro que simplemente a coincidencia no sentimento nacionalista galego é insuficiente para poder dar ese salto.

O 25% do máximo histórico do BNG consistiu nunha cantidade aproximadamente igual de votos nacionalistas e non nacionalistas, pero iso si, todos de esquerda e centroesquerda. O 25% do máximo histórico de Coalición Galega consistiu en galeguistas, provincialistas, rexionalistas e nacionalistas, pero todos situados á dereita do centro no espectro ideolóxico. Por iso a pretendida fusión de ambos segmentos de electorados é hoxe por hoxe unha quimera.

Na Galiza actual dous terzos da poboación non teñen ningún problema en declararse tan galegos como españois. O 60% do censo está contento coa organización territorial do Estado. Só un 20% se sente máis galego que español ou só galego, e só un 20% quere máis autonomía ou a independencia, pero este 20% non pertence unicamente á esquerda, aínda que si maioritariamente. De feito o conxunto dos entrevistados manifestan que o PSOE é un partido máis nacionalista galego que o PP.

Por último, cómpre destacar que entre as motivacións do voto da xente no 1-M, a de reducir o peso dos nacionalistas tivo máis importancia que a de fortalecer a súa posición.

Ideoloxías e etiquetas. Só o 0,8% dos galegos se identifica en primeira instancia coa etiqueta ‘comunista’: ‘ecoloxista’ 2,6%, ‘nacionalista’ 5,5%, ’socialdemócrata’ 8%, ’socialista’ 15%, ‘liberal’ 15%, ‘conservador’ 15%, ‘demócrata-cristián’ 5,5%.
Entre os votantes do BNG en 2005 a segunda etiqueta ideolóxica en número total de mencións era a de ‘ecoloxista’, pero en 2009 pasou a ser ’socialista’, o que pode ser un indicio do afastamento dos electores con máis consciencia medioambiental. A seguir figuran con igual importancia as etiquetas ’socialdemócrata’ e ‘liberal’. ‘Comunista’ non atinxe o 5% das mencións.

Partidos e sindicatos. Entre os entrevistados que eran afiliados a forzas políticas houbo máis votantes do PP, pero a maioría eran de esquerdas, existindo igualdade entre PSOE e BNG (só nas cidades de 100.000 habitantes se aprecia unha maior implantación do PP e unha vantaxe do PSOE sobre o BNG en número de afiliados).

Entre os afiliados a sindicatos (tres veces máis numerosos que os dos partidos) a CIG é o primeiro sindicato con escasa marxe sobre UGT e CCOO. Entre os labregos tamén o SLG é o primeiro.

Entre 2005 e 2009 e paralelamente á contracción do voto ao BNG, a coincidencia do votante nacionalista co afiliado da CIG ten aumentado, ao mesmo tempo que ten diminuído a presenza de afiliados da CIG entre os votantes de PP e PSOE. O proceso reflicte unha especie de confinamento do nacionalismo e unha maior identificación da CIG co BNG, que puidera traer implicacións de dependencia nun momento en que a autonomía entre forzas sindicais e partidos políticos debera ser a normal.

Moderación. A poboación segue a percibir un BNG máis próximo da estrema esquerda que un PP da estrema dereita. Os propios votantes do BNG sitúanse eles máis preto do centroesquerda ou do centro do que sitúan ao BNG. Desde antes da unión do nacionalismo baixo as siglas do Bloque existía e segue a existir un electorado máis moderado, non tanto nas posicións de esquerda como no grao de sentimento nacionalista galego, que o BNG foi abandonando pouco a pouco desde 1997, apartando da primeira liña a persoas que eran referentes sociais dese espazo estratéxico do electorado galego e apostando por estratexias de moderación unidimensionais cara ao centro, no canto de reformular o proxecto nacionalista. Iso foi afastando do BNG a ese electorado moi próximo ideoloxicamente, o que representa a vía natural de crecemento electoral e de expansión social do nacionalismo, e deixou vía libre para que o PSOE o recuperase, sobre todo nas convocatorias electorais de ámbito supragalego. A necesaria moderación do BNG non pasa por tanto pola reedición dunha Coalición Galega varrida do mapa por Fraga hai xa 20 anos, nin por dar un chimpo ideolóxico no baleiro desde a esquerda pura até o centrodereita. A moderación pasa pola adecuación do proxecto nacionalista aos novos tempos e ás expectativas que do BNG ten a maioría do electorado galego da esquerda.

Outro estudo postelectoral foi o realizado en Galiza pola empresa Quadernas, que publicou Xornal de Galicia. Porén, a escaseza da información publicada, o limitado do seu tratamento xornalístico e a interpretación ideoloxicamente interesada que se fixo no filtrado dos resultados e na escolla de titulares fai pouco recomendábel a súa utilización analítica.

Cómpre lembrar que as sondaxes deste instituto, publicadas polo mesmo medio e máis por GZNación, foron as que, con diferenza sobre as demais, máis erraron as estimacións de voto para as últimas eleccións autonómicas.

Top