Despois de facer un curso en liña e gratuíto do IGN, e de tentar infrutuosamente matricularme noutro máis, atopei o outro día no blogue da IDEE unha anotación sobre unha ferramenta informática moi tentadora: o MapAnalyst.

Con esta aplicación libre e gratuíta pódense comparar dous mapas e establecer cales son as diferenzas entre eles. Para iso cómpre só introducirmos parellas de puntos e o programa encárgase de calcular as distorsións e desprazamentos entre eles. Se un dos mapas é antigo e o comparamos con outro moderno e preciso o que obtemos deste xeito é unha medida gráfica da bondade dos mapas históricos. Mais, sobre todo, o que conseguimos dese xeito é coñecer que zonas xeográficas da antigüidade eran descoñecidas ou esquecidas polos xeógrafos e cartógrafos da época, que territorios permaneceron ocultos para as xentes máis ilustradas que empregaron algún daqueles mapas.

Non puiden deixar de facer a proba entre un mapa de estradas moderno de Galiza (2002) e outro de 1696, concretamente Il Regno di Galicia, da autoría de Giacomo Cantelli da Vignola.

A experiencia consta de tres pasos. En primeiro lugar cárganse na aplicación o mapa antigo e o vello. De seguido márcanse nos dous mapas en paralelo os mesmos puntos xeográficos (vilas, aldeas, accidentes orográficos). Para rematar o programa calcula as distorsións e devolve unha retícula distorsionada sobre o mapa vello que permite realizar comparacións coa retícula perfectamente ortogonal do mapa máis novo.

Il Regno di Galicia, Giacomo Cantelli da Vignola (1696)

Il Reino di Gallicia, Giacomo Cantelli da Vignola (1696)

Mapa oficial de estradas do Ministerio (2002)

Mapa oficial de estradas do Ministerio (2002)

Resultado do MapAnalyst

Resultado do MapAnalyst

Varias cousas poden observarse á luz do resultado. A primeira, derivada do mapeado e previa á análise que realiza a aplicación, é que os puntos de referencia empregados tenden a agruparse en determinadas zonas: o litoral, as vellas vías romanas, os camiños de Santiago, as estradas reais, a raia do Miño… A segunda é a que máis me chamou a atención e me interesa destacar. A existencia de amplas zonas sen referencias nos mapas antigos. De forma grosa: a comarca do Xallas; as serras do Xistral, Coriscada, Faladoira e da Loba, no Norte das provincias da Coruña e Lugo; todo o interior central da provincia de Pontevedra, ao longo da comarca de Tabeirós-Terra de Montes e de boa parte da do Deza; e por suposto, o macizo ourensán.

Acho interesantísimo que alguén fixera un estudo semellante co conxunto de todos os mapas antigos coñecidos para o conxunto de Galiza. Estou certo que as zonas de sombra, máis inexploradas, terán unha correlación clara con menores densidades de poboación e escaseza de asentamentos históricos na idade moderna, e parte delas non corresponderán estritamente a zonas de montaña. Non son un especialista e podo equivocarme pero estou por afirmar que nesas áreas localízanse boa parte dos restos megalíticos que aínda se conservan no noso País. Cando menos acontece así coa zona de Xallas e Soneira, abondosa en mámoas, que resulta ser a que no mapa analizado se atopa inserida nos cuadrantes máis comprimidos, indicando que esa área foi minimizada pola cartografía antiga.

Moitas outras utilidades poden derivarse da aplicación desta técnica á cartografía antiga. Lembro agora as vellas ferramentas de morphing, que tamén se baseaban na sinalización de parellas de puntos. Sería máis que curioso usar este algortimo para transformar mapas antigos en mapas novos con fasquía de vellos, corrixindo as súas distorsións. Un efecto parecido lograríase transformando pacientemente nun programa de deseño cada polígono da retícula distorsionada en cadrados adxacentes. En fin, posibilidades infindas. Non será por falta de ideas.

Etiquetas:
 

One Response to Buratos no mapa

  1. opaco di:

    quedei sorprendido pola distribución das retículas no último mapa, non hai unha igual e chaman a atención esas distorsións espaciais tan acusadas pola comarca da Ulloa ou polas terras de Lemos …grande traballo :)

    p.s. o meu curso do IGN deste ano tamén quedou en tentativa :D

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*