Nesta anotación analizo a relación entre a evolución do voto ao BNG e unha escolma de máis de 50 variábeis socioeconómicas con información dos últimos anos no ámbito galego.

A evolución do voto ao BNG mídese como a diferenza entre as porcentaxes de voto obtidas en 2005 e 2009, calculadas ambas sobre o total do censo electoral (CER) e non sobre o voto emitido (para evitar a distorsión introducida por taxas de participación diferentes). Esta evolución do voto ao BNG ten un signo positivo cando hai un avanzo electoral nun concello (a diferenza é positiva) e negativa cando existe un retroceso (a diferenza é negativa).

As variábeis socioeconómicas proveñen de case todas as fontes estatísticas públicas que existen para o conxunto dos concellos galegos, principalmente do IGE mais tamén do INE e doutros institutos e publicacións de ámbito privado.

O indicador que se presenta na táboa seguinte é un simple índice de correlación estatística (o máis comunmente aplicado, o de Pearson, pois descartamos a aplicación de índices máis acaídas pero complexos de correlación xeográfica).

Cando o indicador ten un valor negativo significa que a evolución do BNG é de signo oposto á evolución da variábel en cuestión. Por exemplo, se a correlación coa porcentaxe de poboación de parada é negativa isto quer dicir que a máis paro menos voto nacionalista. Se fora positiva a lectura sería a inversa: a maiores valores da variábel asócianse maiores crecementos electorais do BNG.

É evidente de que estamos analizando relacións de correlación estatística que non implican necesariamente causalidade, senón coincidencia territorial de fenómenos nos mesmos concellos. Porén, é de sentido común pensar que, salvo coincidencias de vulto (que terían que producirse en paralelo na maioría dos 315 concellos ao mesmo tempo), as correlacións levan aparelladas nalgunha medida relacións causais, quer directas quer indirectas (a través de terceiros fenómenos relacionados tanto co voto ao BNG como coa variábel en cuestión, pero para os que non se dispón de información estatística ou cuantificábel). De feito, a utilización conxunta de todos estes factores permite explicar case o 80% das variacións electorais experimentadas polo BNG nas eleccións do 1-M.

As variábeis que presenten valores absolutos elevados (máis próximos de |1|, tanto se son positivos como negativos) conta por tanto con moitas posibilidades de se contar entre os factores que explican ou se relacionan coa evolución electoral do BNG.

Elaboración propia

Elaboración propia

A teor dos datos da táboa a variábel que máis se relaciona coa evolución do voto nacionalista nestes últimos catro anos é o nivel de conexión a internet nos concellos galegos. Unha interpretación? Máis que significar que os usuarios galegos da internet lle teñan retirado o seu apoio ao BNG -o cal debería ser en todo caso ben analizado- é moi probábel que este dato visualice de forma indirecta o nivel de desenvolvemento económico ou de renda, que posúe valores diferentes ao longo do noso territorio.

Non deberíamos, porén, reducir a súa incidencia a esta relación causal indirecta, pois verificamos na mesma táboa que diversas variábeis relacionadas coa renda non alcanzan índices de correlación tan elevados. En todo caso debemos ter en conta que podemos usar hoxe en Galiza esta variábel como unha proxy desoutros fenómenos, e apuntamos para análises futuras a necesidade de comprobar se cambiando a cobertura de internet pola frecuencia ou intensidade de uso se mantén ou mesmo se fortalece a magnitude da correlación.

É probábel que a rede xogara un papel moi importante na mobilización electoral do BNG (e en xeral da esquerda) en 2005, impulso positivo que nestas eleccións tería desaparecido. Os retrocesos electorais do nacionalismo teríanse producido naqueles concellos nos que hai catro anos a axitación viral na rede contra o fraguismo tería rendido entón maiores froitos.

Tamén se pode explicar este resultado como a existencia dun electorado con determinadas características sociais e políticas, alén das económicas. Está constatado a través de diferentes estudos que os usuarios de internet, e en especial os máis intensivos, son persoas que se consideran independentes, con criterio propio e actitude crítica, moi instruídos, que se informan a través de múltiples medios, que valoran as liberdades individuais e os principios éticos, e que rexeitan de plano calquera tipo de autoridade ou manipulación. Estas persoas configuran así un público esixente politicamente, tan cívico como crítico, liberal, de difícil captación ou adscrición inmutábel a ideoloxías ou forzas políticas concretas.

Existen varios datos da enquisa postelectoral do CIS que corroboran esta descrición, como é o maior uso da rede dos antigos votantes da esquerda (en especial os do BNG) para se informar sobre a actualidade política. Tamén se percibe unha maior confianza destas persoas non nas mensaxes de forzas políticas e candidatos senón nos columnistas, articulistas, e en xeral os opinadores e referentes intelectuais independentes (ou cando menos con prestixio de seu e non connotados ideolóxica ou partidariamente). Segundo esta enquisa un de cada tres votantes do BNG con internet leu blogues e foros para se informar acerca de cuestións políticas.

O resto de correlacións e variábeis que se presentan na táboa interprétanse baixo a mesma lóxica. En orde de importancia decrecente atopamos diversas variábeis que teñen que ver co nivel e distribución da renda, o nivel de uso da lingua galega, a audiencia de La Voz de Galicia (con información para un subconxunto de 92 concellos do total dos 315, pero que reúnen máis do 60% da poboación galega), o nivel de formación académica da poboación e a súa idade media, por deternos só naquelas variábeis con índices de correlación máis elevados.

O nivel de renda media municipal (ou o rendemento medio do IRPF) e as desigualdades de riqueza entre os contribuíntes de cada concello son indicadores ineludíbeis na análise do resultado electoral do BNG nas autonómicas do 1-M. Os indicadores correspondentes aos primeiros presentan un signo negativo, indicativo de que o retroceso do BNG se rexistra nos concellos con maior renda media, e viceversa, os avances nos que posúen menor renda ou rendementos medios. O segundo presenta un signo positivo que indica que onde a porcentaxe de declarantes con rendas inferiores aos 12.000 euros anuais é maior, maior é o avanzo electoral do BNG, e ao revés, onde hai moitas rendas altas o BNG anótase maiores retrocesos, sempre en relación ao seu comportamento medio.

A poboación que deixou de votar ao BNG é a máis inserida (ou dependente) do sistema económico capitalista, situación que está relacionada sen dúbida non só coa evolución económica das últimas décadas senón co elevado nivel de endebedamento familiar dos últimos anos, e que está na base da crise do modelo de crecemento que experimentamos en Galiza e, en maior medida aínda, en España. Por así dicilo, todo apunta a que as persoas con baixos ingresos, con hipotecas ou en situación de paro ou precariedade, non demandan outro modelo económico, senón solucións á súa situación persoal, con independencia de que realicen ou non valoracións sobre a marcha xeral da economía, o sistema capitalista, a explotación laboral, os sectores produtivos en crise, etc. Lonxe de ter recibido ou percibido propostas concretas, políticas redistributivas ou medidas fiscais progresivas probablemente teñan percibido desde as forzas da esquerda, e nomeadamente desde o BNG, achegamentos pouco explicados e quizá pouco explicábeis aos poderes económicos dominantes.

Outro posíbel factor relacionado co retroceso electoral do BNG é o idioma, a lingua galega e a súa situación actual. Verifícase tamén que as maiores perdas do BNG nos últimos catro anos se producen nos concellos onde o nivel do monolingüismo en galego (porcentaxe da poboación maior de 5 anos que di usar sempre o galego) é máis reducido, é dicir, onde hai máis monolingüismo en castelán. A intensidade do retroceso electoral é tanto maior cantos menos persoas monolingües en galego existen nun concello calquera. Independentemente de que a maioría da poboación galega está instalada nunha posición de uso desigual pero combinado do galego e do castelán, o certo é que existe un problema real na consideración social do idioma galego, latente pero que posibilitou a eficacia dun discurso falso e belixerante como o de Galicia Bilingüe.

Os estudos máis recentes en materia sociolingüística presentan un notábel retroceso do uso do idioma nos últimos 8 anos, redución que antes que nos estudos tamén pode percibirse a pé de rúa sen maiores esforzos. Algunhas análises falan de indicios de recuperación no uso da lingua, mais estes non están confirmados e a realidade parece demostrar o contrario. Só a partir do recoñecemento desa situación de abandono social (individual e colectiva) do uso do galego pódese explicar que as manipulacións informativas e a ideoloxía etnocida de determinados poderes e axentes prendesen a toda mecha en amplas capas do electorado, nomeadamente nas xuvenís, máis urbanas e castelanizadas, precisamente alí onde tradicionalmente o BNG fundamentou os seus avances electorais máis notábeis.

O nacionalismo non debería negar esta realidade e enrocarse en posicións de monolingüismo social en galego que corresponden á realidade doutro tempo e doutra Galiza, e debería comezar a artellar discursos lingüísticos alternativos que sen renunciar á defensa do idioma propio permita sumarse a todas aquelas persoas non monolingües, mesmo castelanfalantes que non sexan belixerantes coas políticas de impulso e recuperación do noso idioma.

Enquisas como a postelectoral do CIS demostran que na sociedade non existía nin existe despois do 1-M un conflito lingüístico vivido como tal. A confrontación actual é completamente artificial se atendemos á cantidade de persoas que realmente perciben o conflito lingüístico como un problema político. Demóstrase que só o electorado de UPyD, de IU e dunha parte do que aínda conserva o BNG (todas as tres forzas localizadas en posicións estremas do electorado) está realmente implicado no actual debate político arredor deste tema, resultando ser para o resto da sociedade galega unha cuestión que evita falar e discutir das verdadeiramente importantes.

É por iso, que sen negar o dereito e a necesidade a defender as posicións tradicionais do BNG nesta materia, resulta unha boa idea comezar a despolitizar o debate, a reconducilo fóra da esfera partidaria na que a Feijóo e ao PP lle interesou metelo, a facer que a defensa sexa colectiva, social, aberta e non connotada nin co nacionalismo galego nin coas súas organizacións e colectivos máis próximos.

O último efecto que debería ser tido en conta é o da campaña mediática en contra do nacionalismo e do goberno bipartito da Xunta que orquestrou o primeiro medio de comunicación de Galiza, La Voz de Galicia. O contraste da evolución electoral do BNG nos catro últimos anos e uns datos de audiencia deste xornal coruñés en case 100 concellos galegos dá como resultado unha considerábel correlación entrambos: a maior porcentaxe de lectores de La Voz na poboación de cada concello corresponden maiores retrocesos do BNG. Esta é a principal causa diferencial que provocaría que o 75% da perda de votos do BNG o 1-M se producira na provincia da Coruña, e que as maiores perdas partan da cidade da Coruña e despois se vaian difuminando polas zonas máis urbanas da provincia (Ferrol, Carballo, Santiago de Compostela, Arousa).

Outras variábeis que presentan correlacións significativas pero de menor magnitude reforzan a idea de que o retroceso electoral do BNG está vinculado a concellos con menor idade media, con maior porcentaxe de titulados universitarios e que posúen un maior grao de urbanización. En definitiva, deixan entrever a posíbel influencia negativa nesta Galiza urbana e nova da estratexia de moderación e ruralización que viu predicando o BNG nos últimos anos.

Etiquetas:
 

3 Responses to Caracterización dos votantes perdidos polo BNG

  1. visita di:

    Ola

    Estas cometendo un abuso da estatística ao supoñer que un simple coeficiente de correlación ‘alto’ indica unha relación entre as variables.

    O coeficiente de correlación pode aparecer alto por efecto de circunstancias indirectas sobre as variables, ou incluso por casualidade.

    De feito varias de variables que indicas non son mais que algúns aspectos da diferencia cidade-rural (banda ancha, renda, galego-falantes,…).
    En todos eses casos o que mide a correlación é a diferencia urbana-rural da variacion do voto do BNG, que se manifesta a traves das outras variables.
    ¿Son esas as variables que fan que nas cidades baixase mais o voto ca no rural?
    Algunha delas quizais, pero unha correlación non é suficiente para demostralo.

    Outra cousa máis: correlación = -0.5 implicaria que esa variable só explica un 25% das diferencias de caida do voto entre concellos, o que se soe considerar moi pouco, para a explicación dun modelo.

    un saudo

  2. calidonia di:

    Visita:

    Na anotación falo claramente de ‘relación estatística’ e non ‘causal’. Sei, como moitos seguidores do blogue, a diferenza entre casualidade e causalidade.

    Non pode negarse en cambio que hai unha relación, sexa esta da natureza que sexa, directa ou indirecta entre os fenómenos presentados. Ademais, cando afirmo que empreguei máis de 50 variábeis antes de presentar estas é porque quixen eliminar aquelas cuxos efectos estaban mellor recollidas por outras.

    Neste caso o que os coeficientes de correlación amosan son as diferenzas territoriais por concellos, e calquera que teña traballado con datos agregados coma estes saberá que é moi difícil visualizar coeficientes de correlación elevados, xa que se traballa con observacións de conglomerados en cuxo interior existe moita diversidade (os individuos).

    Quen temos traballado con inquéritos sociopolíticos durante anos sabemos ademais como algunhas variábeis demoscópicas definen o perfil do votante nacionalista: idade, xénero (aquí dificilmente contrastábel), estudos, hábitat, clase social autopercibida, idioma… É o contraste entre unhas informacións (as das enquisas) e outras (as dos resultados) as que permiten verificar ou ratificar o perfil ofrecido polas primeiras e mesmo completalo con outras notas distintivas: a renda, por exemplo.

    As variábeis que obteñen coeficientes máis altos poden non ser as causas da caída, pero describen perfectamente ben o tipo de electorado que deixou de votar ao BNG. (e paralelamente aquel outro, oposto, que comezou a votalo por primeira vez). Iso é o que describe a correlación do resultado con estas variábeis.

    Unha correlación do 0,5 (R2=0,25 nunha regresión lineal simple) é elevadísima para calquera fenómeno social complexo, como é este, de natureza electoral, e sobre todo cando se traballa con concellos e non con individuos. Aquí nótaselle algo carente de práctica.

    Teño constatado ademais que as variacións tanto do PSOE como do PP non son tan doadas de explicar, o que indica unha maior homoxeneidade no tipo de elector perdido polo BNG.

    Sorprenderíase de saber que sumando o efecto de varias destas variábeis lógrase construír un modelo que explica correctamente o 80% da variación no resultado electoral do BNG (si, R2=0,8). Quizá parézalle pouco.

    A min paréceme o suficientemente bo para ter determinado en que concellos galegos o resultado local do BNG presenta especificidades positivas ou negativas, o que podería servir para establecer un ranking de lugares onde as cousas es están facendo ben (electoralmente) e onde habería que comezar por tomar medidas xa.

  3. Xoán di:

    Pois o BNG debería tomar nota destas enquisas, e alí onde resulte pouco rendible o traballo realizado, trocar o necesario e poñerse a traballar, si é que teñen folgos.
    Tampouco está exento o PSOE, que tamén debe facer trocos en lugares que son palpables só a simples vista.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*