Outras medidas da análise de resultados históricos é a da concentración do voto, isto é, que trozo do pastel acumulan as principais forzas. Aquí imos representar a porcentaxe que suman as 3 primeiras forzas -PP, PSOE e BNG- e as dúas primeiras -case sempre PP e PSOE, excepto PP e BNG en 1997 e tamén en 2001 en tres das catro circunscricións -a excepción de Lugo.

concentración_3

As tres principais forzas reúnen nos últimos anos máis do 95% do voto a candidaturas -sen nulos nin brancos-, tendo chegado ao seu máximo do 98% precisamente nas eleccións autonómicas de 2005. Pódese dicir xa que logo e en certa maneira que, independentemente de que nas eleccións xerais anterior e posterior teña habido máis participación, nunca houbo tan pouco voto a cuartas e sucesivas opcións partidarias como hai 4 anos. Pode repetirse este voto útil ás forza con representación coa mesma intensidade? Parece difícil, xa que non estamos perante unha situación de cambio.

Como pode apreciarse desde 1993, as primeiras eleccións trala presidencia de Fraga e coincidindo cunha forte polarización do voto a nivel estatal, a concentración do voto nas tres primeiras forzas non baixou nunca do 90%, e desde o sorpasso do BNG sobre o PSOE en 1997 e a súa consolidación como forza mediana nunca baixou do 95%.

concentración_2

Se atendemos á concentración nas dúas primeiras forzas o esquema anterior segue sendo válido, manténdose os niveis históricos máis altos desde 1993. Aquí apreciamos os dentes de serra provocados polo tipo de elección e o vaivén do voto dual PSOE-BNG, entre a segunda e a terceira forza. Porén, apreciamos un novo fenómeno: o fortalecemento do bipartidismo estatal nas tres últimas convocatorias: 2004, 2005 e 2008, marcando sucesivos máximos e elevando aínda máis o nivel de concentración a dous.

Un indicador usado comunmente na análise politolóxica é o da fragmentación electoral, que nos ofrece outra medida da dispersión/concentración do voto en máis ou menos forzas. Á vista do anterior é evidente que desde 1993 a fragmentación electoral móvese en mínimos históricos.

Unha forma máis intuitiva de visualizar a fragmentación é mediante a utilización do que se chama número efectivo de partidos. Sen entrar en detalles sobre o seu cálculo pódese dicir grosso modo que representa o número de forzas políticas ideais entre as que se reparte o voto emitido. Así, nun exemplo fácil, se a uns comicios só se presentaran tres forzas políticas e as tres obtiveran 1/3 dos votos o número efectivo de partidos sería de 3. Se unha das forzas obtén máis dun terzo e outra menos o número efectivo de partidos diminúe, xa que a forza máis pequena é cuantitativamente máis desprezábel.

número_efectivo_partidos

Os distintos resultados desde 1993 non alteran o feito de que en Galiza temos pouco máis de dous partidos e medio. As interpretacións do dato déixoas para o lector, aínda que a miña é inmediata. Só cooperando e non concorrendo poden o PSOE e BNG ser máis que o PP de forma estábel no tempo.

Por circunscricións a gráfica anterior deixa patente que existe unha maior concentración do voto e unha menor fragmentación e pluralidade nas provincias orientais que nas occidentais -un maior peso das principais forzas.




Visita o Especial Eleccións ao Parlamento de Galiza 2009 na portada do blog.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*