O nivel de concorrencia pola vitoria electoral é outro indicador moi empregado na análise sociopolítica cuantitativa. Esta variábel mide a distancia entre o voto á primeira e á segunda forza, empregando como unidade de medida a diferenza entre as porcentaxes de voto obtidas por ambas.

Aínda que é un indicador que cobra a súa máxima importancia no ámbito de sistemas electorais maioritarios -non proporcionais como o noso- reflicte claramente determinados fenómenos vinculados cos niveis de tensión electoral e de participación ou abstención.

Na gráfica seguinte visualizamos este indicador para Galiza e as catro circunscricións provinciais nos comicios xerais e autonómicos. Un valor pequeno, canto máis próximo de cero, indica unha menor distancia entre a primeira e a segunda opción de voto e polo tanto unha maior concorrencia electoral. Ese é o escenario ideal para a presenza de voto útil e o fortalecemento do bipartidismo.

Concorrencia_vitoria

Podemos apreciar como en Galiza houbo dous momentos de máxima concorrencia pola vitoria electoral, coincidindo ambos cos ciclos en que o PSOE gobernou no Estado. Neses períodos a tradicional maioría conservadora do panorama electoral galego perdía folgos e favorecía a subida da segunda forza e a baixada da primeira forza, isto é, achegando ao PSOE do PP.

Pola contra é perceptíbel que nos momentos en que a dereita gobernou o Estado -fundamentalmente no período 1996-2004, pero tamén antes de 1982- rexístrase un crecemento da diferenza entre o primeiro e o segundo, e por conseguinte a concorrencia electoral é mínima. É na tesitura dunha baixa concorrencia pola vitoria no Estado, cun PSOE fundido nas súas expectativas electorais (1997), onde o BNG puido lograr arrebatarlle a condición de segunda forza en Galiza.

Actualmente e cando menos desde a derrota do aznarismo en 2004 estamos situados nun escenario de elevada concorrencia, debido á disputa pola vitoria electoral entre o PP e PSOE no ámbito do Estado. Este ciclo de forte bipartidismo trasládase a Galiza elevando a participación e o nivel de voto das forzas españolas, e especialmente o resultado do PSOE.

O ciclo electoral estatal inflúe e moito no que acontece nunhas eleccións autonómicas, ao punto de que non se podería explicar a derrota de Fraga en 2005 e o goberno bipartito en Galiza sen unha situación deste tipo: o PSOE mandando no goberno central e ao mesmo tempo unha elevada participación froito dunha situación de vitoria disputada ou discutida.

De cara a estas eleccións estes factores seguen presentes, pero hai indicios de que quizá non alcancen tanta intensidade como en 2005, o que podería, por un lado, facer perigar o resultado do PSOE -de aí os seus habituais chamados desesperados á participación- e, por outro lado, unha menor presenza das forzas estatais no seu conxunto -reducíndose consecuentemente a importancia do voto útil-.

Por así dicilo, quen ten menos que perder nunha situación de baixa participación e concorrencia pola vitoria é o BNG, mais a suma do binomio PSOE-BNG pode saír mal parada por mor da dependencia do PSOE de ambos factores. Estes fenómenos alimentarían unhas expectativas de maioría incertas para estas eleccións, de non ser pola presenza dun factor de nova aparición, inexistente en 2005, e que pode salvar o futuro do bipartito: o voto ao poder (galego), o voto obtido por PSOE e BNG polo feito de gobernar (non en Madrid senón en Santiago de Compostela), e cuxa magnitude está aínda por medir, dada a carencia de precedentes.

Cómpre considerarmos tamén neste panorama a diferenza significativa nos niveis de concorrencia entre eleccións xerais e autonómicas, xa que sempre son menores nestas últimas. A dereita, o PP, sempre mellorou resultados nas eleccións galegas. Até o punto de que a máxima concorrencia pola vitoria nas eleccións ao Parlamento de Galiza rexistrouse en 1989, no ano do desembarco de Fraga, e non en 2005, no ano da súa derrota.

Hoxe por hoxe a alternativa á dereita en Galiza non pasa por unha soa forza -a segunda- senón por un tándem de dúas forzas -PSOE e BNG. Iso é o que a cidadanía reclama e a lección que nin uns nin outros teñen aprendido.

A análise provincial revela que a vitoria na Coruña sempre foi máis competida, por unha menor presenza relativa da dereita e unha maior da esquerda -O PSOE chegou a vencer neste círculo en tres eleccións xerais consecutivas: 1982, 1986 e 1989. Ora ben, existía entón un factor que agora xa non está presente, como era a atracción de voto da dereita cara ao PSOE debido ao factor Paco Vázquez, sobre todo nun primeiro treito. Isto tiña un reflexo non só nos resultados electorais da cidade da Coruña, senón tamén no total provincial.

Outra volta constatamos unha evolución de Lugo que é diverxente de Ourense e converxente cos círculos occidentais, desde as eleccións xerais de 2004. É un comportamento que contrasta fortemente coa etapa do felipismo e a importancia da figura de Cacharro naquela época.




Visita o Especial Eleccións ao Parlamento de Galiza 2009 na portada do blog.

 

2 Responses to Non só enquisas (4): A vitoria en disputa

  1. F. Míguez di:

    Hai unha estadística que a min me gustaría coñecer o día 2 de marzo: a proporción de votos que obtén cada partido respecto ó censo total. Estou por apostar que todos (polo menos os que tiveron representación parlamentaria esta lexislatura) van baixar nese ratio, e habería que discutir por qué razón a representatividade se estima en razón dos votos obtidos, e non dos posibles. Non sei se me explico: non é o mesmo decir «tiven o 100% dos votos» que «votáronme o 100% dos veciños», e non debería ter o mesmo valor un resultado que o outro (vale, excepto se as dúas afirmacións son certas).

  2. calidonia di:

    Ten Vostede toda a razón. A min como analista gústame traballar en porcentaxes sobre o censo, porque é evidente que a abstención é unha outra opción de voto, moitas veces a máis importante. Tamén o voto en branco é un indicador de pouca magnitude pero significativo para analizar o grao de insatisfacción cos partidos, e nomeadamente cos situados máis á esquerda.

    Ora ben, nin abstencións nin brancos computan para a representación, de forma que os electores tamén deben saber e saben iso. Non coñezo -nin lle fixen moito por coñecer, confeso- sistemas electorais onde existan escanos baleiros ou non cubertos en razón da abstención ou do voto en branco. Podería habelos? Supoño que si, se a maioría do baleiro significase por exemplo revisión constitucional. Pero os sistemas electorais e en xeral os xurídicos tenden a pecharse en si mesmos garantindo a súa sobrevivencia, encomendando aos partidos e á liberdade de concorrencia electoral o xogo das mudanzas políticas.

    Logo hai veces en que a análise ten que restrinxirse á porcentaxe de votos a candidaturas (cando confrontamos esquerda e dereita por exemplo ou na análise de volatilidade).

    Os políticos e xornalistas poucas veces usan a porcentaxe sobre o censo, e sobre todo os primeiros conténtanse con aumentar décimas de punto aínda que baixen en votos, pois iso significa as máis das veces mellora da súa representación. En calquera caso existe moita confusión na utilización pública dos números, cando non directamente manipulación, como naqueles famosos debates con gráficos de Zapatero e Rajoy.

    Nas enquisas destas eleccións hai xente que lle chama intención de voto ao voto estimado, e hai quen calcula o voto estimado como porcentaxe de voto válido (incluíndo brancos) e quen o fai sobre o voto a candidaturas (sen eles).

    Dubido que ningún dos partidos aumente votos en termos absolutos, tampouco o PP. mañá, cos datos de votos por correo teremos xa unha boa estimación da baixada da participación que se vai rexistrar o 1M.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*