Reclamacións CERA

Xa hai varios días que a Oficina do Censo Electoral publicou a estatística de reclamacións ao Censo. Trátase do número de persoas que presentaron unha reclamación pola súa inclusión ou exclusión, ou por algún dato incorrecto tanto no CER como no CERA.

Pois ben, se comparamos os datos de 2005 cos de 2009, observamos os seguintes datos, indicativos de nada bo e até onde eu sei ignorados completamente polos medios de comunicación tradicionais:

As reclamacións ao censo reducíronse un 68%, pasando de case 2.000 a pouco máis de 600 neste ano. Ademais de ser un indicador de baixo interese polas eleccións, e por tanto dun incremento da abstención, pregúntome se se lle deu a publicidade institucional suficiente ao proceso electoral, e nomeadamente ao de exposición pública do Censo e ao de reclamacións. Parece claro que malia á posíbel mellora da cualidade do CERA non houbo nesta ocasión un proceso de depuración da mesma intensidade que hai 4 anos.

As reclamacións ao CERA reducíronse practicamente o dobre que as do CER (80% fronte a 48%). Pero, imos ver, se é o CERA o Censo con máis deficiencias como é que as reclamacións se reducen máis que no CER? Procederían os organismos e entidades responsábeis da depuración, desde o INE até os Consulados a paralizar a maquinaria administrativa a sabendas?

A diferenza de 2005, as reclamacións ao CERA en 2009 presentan máis altas que baixas! Das 1.300 reclamacións presentadas hai catro anos ao censo da emigración 400 foran de altas e 600 de baixas (máis 300 modificacións de datos). É dicir, en 2005 houbo nas reclamacións máis baixas que altas. Pois este ano hai 136 altas e 41 baixas (15 veces menos baixas quen en 2005).

Se todo isto non é indicativo -se non é un elemento máis na longa lista de irregularidades e sospeitas- dunha fraude electoral na emigración, e se iso non che parece suficiente motivo de indignación, entón mellor apágome e marcho.

Fonte: INE, 2005 e 2009.

 

8 Responses to Máis cousas raras no CERA

  1. chuza.org di:

    Cousas raras no Censo de Residentes Ausentes…

    Artigo de Calidonia onde expón algúns datos curiosos do CERA 2009: “A diferenza de 2005, as reclamacións ao CERA en 2009 presentan máis altas que baixas! Das 1.300 reclamacións presentadas hai catro anos ao censo da emigración 400 foran de altas…

  2. Cesare di:

    Bueno, non marche, pero quizais apague:

    1. Estamos falando de números realmente baixos. Se o escándalo da emigración fosen esas 136 reclamacións de alta, dábame cun canto nos dentes.
    2. As reclamacións de alta prodúcense porque un individuo, a pesar de estar rexistrado no estranxeiro, non figura no CERA. Iso debe ser relativamente frecuente pola maior dificultade de coordinación de censos. Dende ese punto de vista, pasar de 400 a 136 podería ser un bo indicativo de que a cantidade de rexistrados fraudulentos ou pouco motivados pra votar se reduce e de que se axusta máis á realidade de novos inscritos no CERA. Nun sistema natural, e onde a xente emigra máis do que retorna, debería haber máis reclamacións de alta do que de baixa.
    3. As reclamacións de baixa prodúcense porque os votantes voltan a Galicia e piden a anulación dos rexistros anteriores que os vinculaban ao censo de, p.ex., Goteborg. O que parece indicar esa cifra é que ou ben houbo menos xente que voltou desta vez, ou ben o censo de partida estaba moito máis actualizado, probablemente porque os axustes censuais dos últimos anos foron moito máis estritos e meticulosos.
    4. A exposición dos datos no meu consulado foi semellante á doutras veces: unha semana ou dez días; como xa votei noutras ocasións, non tomei a molestia de facer 70 kms e comprobar se estaba no censo, pero chegoume a carta á casa como de costume, e todo en orde.
    Por moito que me esforzo non vexo a conspiración por ningures, vaia.

  3. calidonia di:

    É evidente que son números baixos. A importancia que lles concedo non devén da súa magnitude senón da súa evolución ou comportamento, das razóns e porcentaxes que relacionan unha cousa con outra. Trátase de indicadores que se analizan habitualmente para estimar a abstención/participación nas eleccións, e por iso fixeime neles. Non se trata das cantidades, senón da súa redución escandalosa duns comicios do mesmo tipo para os seguintes.

    Se cadra o dato anómalo é o do 2005 e non o de 2009. Podería ser. Porén, iso non cadra co que aconteceu hai só un ano 1.200 reclamacións presentadas ás eleccións xerais de 2008. A mesma cantidade que hai catro anos ás autonómicas. Case tres veces máis das que se presentaron agora. Parece que o dato anómalo é por tanto este, o de 2009.

    Aclarado isto, preguntarémonos a seguir: débese a caída nos números ao desinterese xeral por estes comicios? Sen dúbida a abstención vai medrar a respecto de 2005 (ninguén espera outra cousa), pero tanto como para reducir tanto, realmente tanto, o número de reclamacións?

    Nin cunha depuración censual polo medio. É ben sabido que o CERA posúe inúmeras deficiencias, como se vén pondo de manifesto e denunciando desde hai anos. O goberno de ZP comprometeuse a facer unha depuración exhaustiva do mesmo antes destas eleccións. Normalmente o que se menciona desde Madrid e desde a prensa como depuracións son eliminación de rexistros de persoas con máis de 105 anos, por improbábeis. Velaí toda a depuración.

    A outra depuración, a de verdade, a que implica cruzar bases de datos de diferentes Estados non se fai porque nin houbo vontade nin houbo tempo no mes que pasou desde que se anunciou a data das eleccións até a exposición do censo. É de supoñer que embaixadas e consulados non conten cos medios e o persoal necesario para iso, e é evidente que o INE e/ou a Oficina do Censo Electoral pasaron de todo. Se houbo instrucións ou non só Pepe Blanco o sabe. Inclínome por pensar que a baixada débese ao lessez-faire do que tanto gosta Vostede. Pasando de todo para que todo siga igual (de mal) ou peor. De mal en peor.

    E por que caen máis as reclamacións no CERA que no CER do ano pasado para este? Quizá pola súa terra de adopción o procedemento fose o mesmo que outras veces. Mais estou seguro de que en Montevideo e Buenos Aires a cousa non está funcionando do mesmo xeito.

    Chámeme conspiranoico se quer. Peores cousas temos visto. Aos datos me repito. E pensarei o de desconectarme por unha tempada.

  4. Cesare di:

    Bueno, non desconecte, que os seus comentarios son interesantísimos. Mesmo vitais. Anque discrepe fondamente con este.

    Admito que é un dato anómalo na serie. Tamén sei que se están recibindo pouquísimos votos por correo. Pode significar que a abstención vai ser espectacularmente baixa? Pode. E a abstención é sempre algo negativo, pra empezar porque a cámara resultante ten menos apoio popular.

    Ora que creo que vencellar as reclamacións presentadas sobre o CERA ao pucherazo é erróneo. Os dous principais problemas do voto emigrante son os votantes que están no censo pero están mortos e os votantes que nunca reciben información sobre as eleccións e votan. En realidade é o mesmo problema: persoas que non participan en absoluto do proceso pero que outros collen a papeleta ao voo e votan por eles. Pero non esquezamos, eses señores nunca van reclamar a súa inclusión ou exclusión do censo porque lles importa un carallo. E é sobre esa importancia carallana onde se constrúe o pucheirazo.

  5. danielo di:

    offtopic: Calidonia, viu xa a enquisa do CIS?

    Considera estas eleccións Máis/Tan/Menos importantes que as anteriores. 16/70/10. Que datos hubo noutras veces?

    Por outra banda…
    Voto máis simpatía: pp27/psoe29/bng13 e en recordo de voto algo semellante? Como se fan entón as enquisas?

  6. calidonia di:

    Sería longo de explicar. Comento a xeito de Flash os dous datos:

    A pregunta da importancia das eleccións indaga unha cuestión importante pero non é a mellor forma de obter a resposta boa. Trata de ser un indicador indirecto de participación, pero estou seguro de que deses datos non se pode derivar unha maior participación, nen sequera unha participación semellante á de hai 4 anos.

    Tanto a intención de voto ou voto directo como a suma de voto+simpatía (concepto o da simpatía ao que nunca lle vin utilidade pero que o CIS arrastra por cuestións históricas) só reflicten que a xente a) vota ao poder e b) oculta o voto á dereita. Non son indicadores fiábeis do voto real ou estimado para cada forza, nin das súas posicións relativas tampouco. Cobran valor en comparación con resultados a outras enquisas en perspectiva temporal, observando a súa evolución.

    Nos próximos días publicarei máis cousas sobre as enquisas.

  7. nygard di:

    Non agarde tanto… a mostra da CIS é das máis grandes que se van facer.

    A min chámame a atención o dos indecisos (PP-PSOE, BNG-PSOE e en menor medida PP-BNG).

    Polo demáis, sen que ningúen me escoite, para min cobra cada vez máis forza a posibilidade dun importante ascenso do PSOE a costa do PP. O voto ao poder que situou ao PP a tan só 1 da maioría hai 4 anos desta volta pode ir en grande medida para o PSOE… A cruzada da Voz en contra do BNG, a campaña presidencialista do PSOE, a estupidez do BNG de non vender unha imaxe máis presidencial de Quin, os ostiazos do PP, a contra-manifa de GB; xoga todo na mesma dirección…

    E vou rematar por darlle a razón co do voto urbano: o BNG aguantará en grande medida polo voto rural pero os factores que acabo de mencionar favorecen que o voto urbano vaia para PSOE e PP.

  8. danielo di:

    Agardo logo por eses posts con esas comparativas (porque comparar o da participación coa mesma preguntas de hai 4 anos seguro que algo axuda).
    Eu tamén vexo na abstención a chave do que pase.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*