Non só enquisas (2): Esquerda e dereita
Os politólogos e analistas electorais desenvolven conceptos que lles sexan útiles no seu traballo. Un dos máis recorrentes é a oposición entre esquerda e dereita. Moitas veces emprégase para que a xente se posicione nunha escala ideolóxica imaxinaria, mais aquí utilizarémola para clasificar as forzas políticas como dun signo ou do outro e agregar os seus votos. É unha simplificación grosa, mais non por iso deixa de ser tremendamente útil.
A gráfica mostra a diferenza en puntos porcentuais entre o voto a candidaturas de dereita e de esquerda en todas as eleccións ao Congreso dos Deputados e ao Parlamento de Galiza. Un valor maior que cero significa vitoria electoral da dereita, e un signo negativo unha maioría en votos da esquerda. Como de costume os datos reflicten o comportamento do CER, sen a emigración.
É innegábel a redución histórica do peso electoral das opcións de dereita e centro-dereita (onde por convención -e por algo máis- clasificamos todas as forzas políticas centristas, rexionalistas, galeguistas e independentes) en favor das de esquerda e centro-esquerda.
Interrómpese temporalmente esta evolución no período 1993-2001, coincidindo coa auxe da dereita no Estado (que gobernou desde 1996 a 2004). É de facer notar a coincidencia deste subperíodo co da crise electoral do PSOE en España e o crecemento sen parangón do BNG en Galiza.
Outro fenómeno destacábel é o feito de non existir grandes variacións no equilibrio esquerda-dereita entre eleccións de diferente tipo -xerais e autonómicas- consecutivas. Pódese apreciar unha diferenza importante nas eleccións xerais de 1993 e 1996, pero xa non nos comicios de 2004 e 2008, onde tamén se rexistrou un forte bipartidismo e un importante voto útil.
Isto débese ao mesmo fenómeno: o da participación elevada que conleva unha afluencia ás urnas dun voto de perfil urbano, xuvenil e progresista. Os datos de 1993 e 1996 destacan non tanto per se como pola ausencia do fenómeno nas autonómicas adxacentes -1993 e 1997-, onde o resultado final -a vitoria por maioría do PP- non estivo en discusión. Desde 2004 en todas as eleccións -xerais e autonómicas- si existiu esta tensión electoral -nas galegas vinculadas á derrota de Fraga en 2005- o que fai desaparecer eses picos da gráfica. Porén, se se considera que as próximas eleccións do 1 de marzo non conlevan indecisión no resultado -como maioritariamente indican as enquisas- quizá asistamos a un novo salto na gráfica, favorábel á dereita, respondendo a unha desmobilización desta faixa do electorado que só responde a situacións excepcionais.
No que atinxe ao comportamento diferencial das provincias é de destacar que durante case toda a Democracia as provincias occidentais e as orientais foron cada par polo seu lado. As provincias atlánticas sempre lideraron o avance da esquerda -debido ao maior peso do electorado urbano-, as máis das veces con máis de 10 puntos de diferenza -o equivalente a un movemento entre esquerda e dereita do 5% dos votos-, e nelas A Coruña practicamente sempre adiantou a Pontevedra por unha pequena marxe -maior nos tempos dourados de Francisco Vázquez. Non se pode evitar relacionar o predominio do voto de esquerdas na circunscrición coruñesa co feito de ter sido sempre a mellor praza electoral do nacionalismo galego.
Quizá o fenómeno máis importante dos últimos anos sexa a evolución novidosa da cor do voto na provincia de Lugo. Desde 2004 -en realidade desde as municipais de 2003, fortemente marcadas pola catástrofe do Prestige en boa parte do País- Lugo achégase ao comportamento das provincias do poñente, deixando en solitario a Ourense como a circunscrición máis vinculada á dereita. Este fenómeno é máis notábel nas eleccións xerais -2004, 2008- e non tanto nas autonómicas -2005. A sombra de José Blanco e o seu aproveitamento do fin do Cacharrismo planea sobre este resultado.
Ourense, porén, vén de rexistrar nas eleccións xerais do ano pasado un resultado histórico: o voto de esquerdas acadou o seu máximo histórico e por vez primeira -desde as xerais de 1996- houbo máis voto de esquerdas que de dereitas. Pola contra, o resto de provincias atinxiron este máximo da esquerda non nos comicios de 2008 senón nos autonómicos de 2005, o que indica quizá un cambio de ciclo ou de tendencia, asociado ao crecemento da dereita nas cidades. O maior peso das cidades na Coruña pode estar relacionado coa recuperación da dereita neste círculo.
Todo indica que Ourense seguirá os pasos de Lugo, e asistiremos a un resultado moi equilibrado entre o voto a opcións de esquerda e de dereita, máis progresista en todo caso que o de 2005. A forza que pode capitalizar esta subida será probablemente o PSOE, a teor do comportamento histórico recente que temos observado en Lugo, do que aconteceu nesa provincias nas xerais de 1993 e 1996 e do mal resultado municipal do BNG na capital e principal núcleo urbano da provincia.
Visita o Especial Eleccións ao Parlamento de Galiza 2009 na portada do blog.
Véndese
Interesad@ na mellor enciclopedia galega e en galego para ti ou para un agasallo? Conséguea aquí.
Traducir·Traduzir·Translate
Servizo fornecido por OpenTradFacebook
Twitter
- RT @bufetalmeida: Lo más cercano a cero #esserespañol y por eso todo español quiere ser uno, y único.
- RT @GALANTIQUA: +Galiza se inclina por abandonar el BNG http://t.co/x9NBz5nU vía @elcorreogallego
- RT @xesgarcia: IU parece a gañadora do congreso do psoe e da asamblea do BNG
- RT @millanfernandez: @fbatallan moito, amigo, moito. estou dacordo. nos, o bng e a esquerda en xeral. facendo todo o contrario doq tiña ...
- RT @flipaita: 100% acordo @EstevoSG: Pois qué queredes que vos diga, pensei que era só o BNG, pero non. PArece que ninguén ten interese ...
Indicadores IGE
Etiquetas
#15m #22m 2011 abstención alcaldía autonómicas bipartito bng canción cis concello coruña demografía economía eleccións enquisa estatística estimación facenda galego galicia galiza house effects inquérito localización lugo música mapa multimedia municipais municipal nacionalismo ourense partido poboación política postelectoral psoe reprodutor resultado sondaxe songbird tradución voto xunta





