É normal que na reunión de hoxe os representantes de CiU, EAJ-PNV e BNG non acordaran nada e que pospuxeran até despois das eleccións -e probablemente tamén até despois do financiamento autonómico- a decisión de concorrer en coligazón ás próximas eleccións europeas do mes de xuño.

O proxecto Europa segue en horas baixas, máis preocupada da crise económica e dos gasodutos que da cidadanía e dos pobos, así que non parece boa época para ensaiar novidades de dubidoso rédito.

Porén, na Comisión de Asuntos Constitucionais do Parlamento Europeo trabállase nun proxecto de relatorio sobre a modificación do actual sistema electoral europeo, que data do ano 1976 -10 anos antes da entrada do Reino de España na CEE.

Algunhas ideas e propostas de cambio incluídas en dito relatorio son:

– Fixar o calendario de eleccións europeas no mes de maio.

– Ampliar a idade legal para votar rebaixándoa até os 16 anos.

– Establecer a obrigatoriedade da paridade.

– Incompatibilizar a candidatura ao Parlamento Europeo para os parlamentarios autonómicos.

– Limitar con cantidade fixas o financiamento máximo das campañas electorais.

– Sen prexuízo do seguinte mantense a natureza proporcional do sistema de representación.

– Ampliar o Parlamento Europeo até os 750 membros, cun mínimo de 5 escanos por Estado membro e un máximo de 95, repartíndose de forma proporcional regresiva á poboación -escanos adicionais máis caros, até o límite fixado.

Voto semi-aberto, de xeito que o elector podería escoller dentro de cada lista aos candidatos preferidos.

– Permitir que os Estados con máis de 20 millóns de habitantes creen círculos -circunscricións- no seu interior baseándose en criterios territoriais -como agora- e lingüísticos -o cal é unha novidade. No Reino de España -45 millóns- existe un círculo único, habendo outros Estados que prefiren establecer círculos subestatais. Nestes círculos subestatais poderían establecerse mínimos para a asignación de escanos -do tipo dos vixentes na actualidade nas eleccións xerais e autonómicas-, de forma que o límite establecido non sexa superior ao 5% dos votos emitidos no conxunto do Estado. Teoricamente isto permitiría establecer un círculo autonómico galego, pero como só escollería 2 ou 3 representantes parece difícil.

– Crear un segundo círculo electoral único para toda a Unión, que tería tantos escanos como Estados membros, e para o que se emitiría un segundo voto adicional. As candidaturas neste círculo paneuropeo deben estar compostas por candidatos-as nacionais de cando menos o 25% dos Estados membros –7 Estados de 27 na actualidade. A asignación de escanos neste círculo rexeríase polo método de Saint-Laguë, que encarece máis que o d’Hondt a obtención de representantes por parte das candidaturas minoritarias, e non existiría mínimo -aínda que isto non tería moito efecto nun reparto de só 27 escanos. Na actualidade Os Verdes-Alianza Libre Europea, grupo no que se integra o BNG, teñen representantes de 14 Estados, pero se descontamos os verdes, os Estados plurinacionais con representación neste grupo non chegan a 7.

Paréceme que moitos destes cambios poden desaparecer no documento final, se algunha vez chega a aprobarse, pois imaxino que o seu futuro será boicotado polo PPE, pero habendo cousas boas e malas penso que avanza nunha dirección global positiva e inevitábel, para a que o nacionalismo galego deberá estar preparado.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*