Neste blog xa se denunciou en varias ocasións o escándalo que supón a non regulación do voto da emigración, e tamén se ten acusado ao PSOE da súa dobre moral neste asunto. Por iso celebro a serie de editoriais e artigos que Xornal vén de iniciar sobre o voto da emigración. Xa saben, o Censo de Electores Residentes Ausentes (CERA).

Aínda que uns teiman en cualificar ao Xornal de Galicia como portavoz mediático do BNG outros entre os que me conto congratulámonos de que o panorama da prensa en Galiza gañe en pluralidade, honestidade e transparencia informativa, malia ás carencias que como medio novo que é aínda posúe.

Non me vou repetir nas críticas ao comportamento do PP e do PSOE en relación co voto emigrante. A rede posúe información suficiente sobre esta fraude democrática e non vou repetir argumentos.

O que me propoño hoxe aquí é adiantarvos o resultado das próximas eleccións autonómicas entre o colectivo da diáspora. Vou prognosticar -e atrévome a dicir que a acertar con unha pequena marxe de erro- o resultado do voto da emigración nas eleccións ao Parlamento de Galiza do 1 de marzo de 2009.

Isto vai de estatística, así que de non comprenderdes algo non vos preocupar e saltade este parágrafo. O voto que obtén unha forza política na emigración vén explicado por unha combinación lineal das seguintes variábeis: 1) tipo de eleccións que se celebran -xerais ou autonómicas-, 2 e 3) forzas políticas que gobernan en Madrid e en Santiago -que ostentan a Presidencia do Goberno en cada caso-, 4) tamaño do CERA en número de electores, 5) nivel ou porcentaxe de participación, e por último 6) o paso do tempo. Con estes datos -coñecidos ou estimábeis de antemán- podemos explicar o 95% do resultado que PP e PSOE obteñen no voto emigrante en todas as eleccións. (O do BNG tamén, pero as súas baixas porcentaxes implican erros máis grandes na proxección, polo que convén extrapolar o seu resultado doutro xeito diferente.)

A seguir preséntovos unhas figuras cos datos reais do voto da emigración en eleccións pasadas e o meu prognóstico. Empreguei para iso as informacións dispoñíbeis a día de hoxe, e considerei un CERA de 335.357 electores -último dato- e unha participación estimada do 34,9% -sobres conformados.

CERA1

CERA2

CERA3

CERA4

Por se non quedara suficientemente claro nas gráficas prognostico uns 59.000 votos para o PSOE (50,5%), e uns 46.000 para o PP (39,5%). Para o BNG aproximo unha cifra de 4.000 votos (3,5%), repartíndose o resto para forzas antitaurinas -cuarta forza na emigración, por certo, spain is different– e demais candidaturas minoritarias. O baleiro que podedes apreciar en 1989 ten a ver con que non se poden agregar datos para o total de Galiza por mor dun resultado altamente sospeitoso na provincia de Ourense nese mesmo ano en que Fraga arribou ao poder na Xunta.

En verdade o voto da emigración é o soño de todo político -da maioría deles cando menos. Un electorado en crecemento constante -ad infinitum-, fiel, carente de control, desinformado e cun comportamento totalmente predicíbel. Reaximos fronte a isto o resto do electorado, minguante, caprichoso, vixilado, informativamente saturado e por veces impredicíbel? Así nos vai.

Vexamos que acontece, que de seguro vai ser moito e interesante, e mentres recomendo profundar no tema do voto da emigración lendo o blog que Anxo Lugilde vén de abrir, no que comenta a actualidade a partir do libro que escribiu sobre esta cuestión.

 

5 Responses to Pór CERA, quitar CERA

  1. […] moitísmo ler o blogue de Calidonia, encántanme seus artigos estadísticos, especialmente este ao respecto do CERA, no cal recomenda á súa vez outro blogue, O Voto Emigrante, ao cal xa me suscribín hoxe mismo. E […]

  2. Breo di:

    Pois a min o que me reventa de todo é que os emigrantes poidan votar nas eleccións galegas. Se eu marcho dentro do estado español a algures non poderei votar, por que xente que nunca pisou a Galiza (ou se o fixeron foi de moi nenos) ten máis dereitos que eu? Por que agora ata os netos dos galegos emigrados poden optar ao voto na Galiza? Non hai dereito!! Quen queira votar nalgún sitio que se empadroe alí. Coido que non pode ser que xente que ten un vencello feble para con a política galega poida escoller o futuro dos que vivimos acó.

  3. dorfun di:

    …igual deberías voltar, ainda que só fose pola: http://wiki.chuza.org/wiki/PorraGaliza2009

  4. Unha cousa que non entendo…
    ¿Por que estás tan seguro de que o PSOE vai baixar a sua porcentaxe respecto as últimas xerais e o PP vai subir?…
    ¿Pola esixencia do DNI?…

  5. calidonia di:

    Non, a estimación está feita sobre a hipótese de que existe igualdade de condicións no sistema e forma de voto coas eleccións anteriores.

    A decisión da JEC de esixir o DNI, se finalmente se aplica, vai ter un efecto de menor participación, que segundo as fontes se estima entre un 30% e un 80% menos.

    Como afecta iso ao meu modelo? Pois supoñendo que a manipulación do voto polos axentes electorais é cousa de PSOE e de PP por igual, mantería a relación de apoios a unha e outra forza aínda que a participación fose menor. Se pola contra, se estima que a manipulación é maior na forza que está no poder no Estado entón é evidente que a proporción estimada para a PSOE será moito menor e a do PP maior. En ambos casos a reducida porcentaxe do BNG será superior, xa que se supón que o seu é un voto máis fixo e independente dos mecanismos de captación de voto polos axentes electorais.

    Se on houbera cambios a estimación á baixa do PSOE no meu modelo está explicada porque na emigración tamén hai un voto diferencial -ou dual se queres- entre eleccións de distinto tipo, polo cal a igualdade de condicións -mesmos gobernos- o PP sempre saca máis votos nunhas autonómicas que nunhas xerais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*