Non sei se será a crise, a proximidade das eleccións autonómicas, a proximidade das outras eleccións autonómicas, o cambio de ano, o fin do ano da rata, ou a mala conciencia dos economistas de título e dos especuladores de profesión, pero estes últimos días veñen cargadiños de novidades interesantes en forma de publicacións, noticias, artigos e declaracións políticas de contido económico.

O INE aproveitou o silencio xornalístico destas festas para publicar unha estatística máis que interesante, fundamental diría eu: a Contabilidad Regional de España, Serie 2000-2007. Algúns datos:

  • Galiza está entre as Comunidades que máis medraron en termos de PIB no ano 2007, dando continuidade ao rexistro de 2006, que xa era superior á media estatal.

  • Porén, no conxunto do que vai de década, Galiza sitúase á cola, xunto ás Comunidades que menos medraron: Asturias e Castela-León -o ‘NO peninsular’- e Euskadi e as Illes Balears -ambas cun PIB moito máis elevado que o noso.

  • Do anterior dedúcese que o crecemento entre 2000 e 2005 debeu ser extremadamente baixo en relación co resto das Comunidades. Grande balanzo para os estertores da era popular á fronte dos Gobernos da Xunta e do Estado! (Por certo, en Galiza os bi e tripartitos parecen cadrar sempre con períodos de converxencia económica co Estado, se atendemos tamén ás cifras macroeconómicas de 1988-1989.)

  • Aproximámonos ao 90% da renda por habitante da UE-27. Todo debido á perda de poboación e á ampliación da Unión. Servirá esta converxencia estatística para que a sociedade galega acabe de visualizarse como cerne desta Europa?

O Consello da Cultura Galega colgou na rede un estudo sobre os indicadores de I+D+i de Galiza en relación coa Unión Europea. Trátase dunha investigación na que colabora o profesor Albino Prada (xa mencionado neste blogue), que pode moi ben servir para unha primeira aproximación á realidade do noso investimento en capital tecnolóxico e humano en perspectiva comparada.

Mentres uns se preocupan de elevar a produtividade outros rompen a cabeza dedicando dous días de festa e un de resaca a cuantificar o custo económico de posuírmos lingua propia. Unha ocorrencia galaica do PSOE para situarnos no mapa das nacionalidades históricas sen teren que enfrontar as súas fortes contradicións no plano federalista e nacional galego. Por fortuna algunhas voces responderon a esta boutade preguntándose cal é a lingua que de verdade nos custa e ten custado. Poderiamos calcar os métodos da economía ecolóxica e cuantificar as externalidades do castelán en Galiza ao xeito dunha débeda histórica lingüística. Se é por inventar…

No entanto, despois de non sei cantos anos ‘de Democracia’, con todos os fondos que as Administracións dedican a investigacións universitarias variopintas, aínda non se elaborou neste Estado un só informe completo e rigoroso sobre o custo diferencial da dispersión poboacional no conxunto dos servizos públicos.

Sei dun Grupo de Trabajo sobre Gasto Sanitario do Instituto de Estudios Fiscales -dependente precisamente do Ministerio de Economía- que aínda non foi quen de propór aos dirixentes políticos un abano de criterios de reparto capaz de reflectir o verdadeiro custo da atención sanitaria, o principal capítulo de gasto do Estado do Benestar.

Intentárono os representantes da Comunidade de Castela e León neste grupo, e chegaron á conclusión de que a dispersión pobocional multiplicaba por dous o custo da atención sanitaria de primaria entre dúas provincias tan diferentes como Valladolid e Soria. Se iso acontece nunha Comunidade sen apenas dispersión poboacional poden imaxinar o que acontece en Galiza. Os representantes galegos nese grupo de traballo, se os houbo algunha vez, nunca dixeron ren -outro éxito de xestión da era fraguiana-. O que está claro é que Galiza non recibe o dobre de fondos sanitarios per capita que Madrid, xa que o peso do factor dispersión no financiamento é puramente testemuñal: unha simple maquillaxe de cifras.

E estamos a falar só do custo real dun servizo público concreto: a atención sanitaria non especializada. Cabe preguntarse se este servizo público ou outro calquera atinxe na práctica a toda a poboación e a todo o territorio, e se o fai por igual. Probablemente non, e se falaramos do custo teórico duns servizos públicos equitativos o financiamento por habitante de Galiza a respecto de por exemplo Madrid tería que ser polo menos tres veces maior. Pregunten aos nosos paisanos do medio rural canto gastan en taxis para se achegar aos centros de saúde. Máis externalidades.

Nestas andabamos cando o Ministro de Economía deste Reino sorpréndenos antes das uvas ao presentar os alicerces dun novo modelo de financiamento das Comunidades Autónomas sen sequera concretar os pesos dos fondos e os baremos dos criterios de reparto.

Hoxe calquera Administración que se prece de selo sabe -debe saber- cantos somos -ollo, non estou agora a falar do CERA-, en que coordenadas xeográficas vivimos e onde posuímos propiedades, canto gañamos ou non, a localización espacial óptima para as redes de centros, etcétera. En definitiva, sábese ao milímetro cal é o perfil e o nivel de uso dos servizos públicos fundamentais en función de calquera variábel asociada ao custo de prestación dos mesmos.

Hoxe en día pódese estimar perfectamente con esas informacións e un simple PC de escritorio o que custa -o que debería custar- un servizo público básico con garantías de igualdade ao longo e largo do territorio. Se non se fai, teñámolo claro, é porque non se quer. Non hai o mínimo aceno de vontade política para facelo en Madrid e, se me apuran, diría tamén que hai pouco coñecemento de causa, no corpo funcionarial desta Comunidade en concreto.

A nova proposta de Solbes virá a ignorar máis unha vez -e senón ao tempo- a verdadeira magnitude dos custos da dispersión poboacional. Manterá no reparto un criterio tan artificial na prestación de servizos persoais como é a superficie -que ten moi pouco a ver co custo da dispersión-, e que supoño pretenderá financiar o movemento automático dos sistemas de rego dos latifundios que ocupan a meirande parte das desertas mesetas casteláns. Seguiranse mesturando allos e bugallos e criticaranse os estímulos á boa xestión tributaria mentres se permitirá darlle máis financiamento e autonomía ás Comunidades que xa teñen máis, e non a quen mellor xestiona e a quen maior esforzo fiscal realiza -quen dedica unha maior parte dos seus ingresos a tributar, moitas veces malia a ter menos renda.

<

p align=”center”>Dispersion_por_estradas
Dispersion_por_accidentes
Dispersion_por_RSU
Dispersion_por_alumeado
Dispersion_por_transporte_escolar

Resumindo, o novo sistema de financiamento pretende continuar cos vellos criterios, acrecentando de forma simbólica algún outro, para completar unha complexa cesta de variábeis cuxa aplicación efectiva probablemente acabe reducíndose nun 90% ou 95% ao factor poboación. Iso é exactamente o mesmo que acontece co modelo de financiamento da Lei da Igualdade que tanto publicitou o señor Zapatero e para o que as Comunidades como Galiza apenas teñen fondos con que comezar a traballar.

Avecíñase un bo ano para os economistas. Polo menos un ano cheo de traballo. Xa o creo.

(Os gráficos pertencen ao artigo de Albino Prada ligado no texto.)

 

One Response to Economía de ano novo

  1. aki di:

    en mañás de resaca como estas, non hai nada mellor que atoparse coa dura realidade.., o que quería dicir era que “economía de ano novo” saíuche redondo. és o meu gurú preferido.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*