As primeiras novas radiofónicas da mañá dan por feito que Touriño desvelará hoxe a data das vindeiras eleccións ao Parlamento de Galiza. Para seguir o costume das apostas electorais entre cabaleiros hai tempo que crucei unha con Pawley, na que me xoguei a cea que este ano lle gañei a Césare.

O 1 de marzo será, se non me equivoco, a data das eleccións. Por que o día 1? Porque ao PSOE interésalle unha baixa participación, fundamentalmente. A abstención é inimiga dos cambios de goberno e das eleccións polarizadas. A abstención é ademais moi amiga das zonas urbanas, onde as perspectivas do PP son de franca recuperación, como demostrou nas últimas eleccións ao Congreso dos Deputados, e tamén é moi amiga das capas máis novas da poboación, onde o PP volve gozar de fortes simpatías, pasada a época do efecto Zapatero, esquecidas xa pola maioría da xente as vergoñas da Guerra do Iraque, o Prestige e o 11-M, e revitalizadas as faixas máis extremistas e fascistoides pola maquinaria mediática e política que a dereita herdou do franquismo a través do aznarismo.

Que no medio da campaña, na última semana da mesma, teñamos o martes do Entroido e o mércores de cinza, é unha aposta segura, que xa o PP experimentou con suceso no Estado no ano 2000 para alcanzar a maioría absoluta. Se ben é certo que a situación do PP en Galiza agora non é a do PSOE no Estado daquela (alguén lembra a Almunia?) non é menos certo que a política estatal inflúe na autonómica, e que o liderado de Rajoy está máis que comprometido de cara ao 2012, co que podemos afirmar que o PP non anda precisamente sobrado.

O efecto colateral desta decisión é probablemente beneficioso non tanto para o PSOE, que se consolará con amolar ao PP, como para o BNG. En perspectiva histórica o nacionalismo, nas súas coordenadas ideolóxicas tradicionais e como forza minoritaria, sempre obtivo os seus mellores resultados cando houbo máis abstención, e os peores cando houbo máis participación. Este fenómeno debeuse entre outros factores á permeabilidade do seu electorado co do PSOE, que en eleccións de elevada participación se veu beneficiado polo voto útil.

Se ben é certo que as coordenadas electorais do Bloque de hoxe non son exactamente as tradicionais, e sería algo inxusto caracterizalo como forza minoritaria, non é menos certo que en boa medida segue ocupando aquel espazo, polo que o retorno a unha situación de pouca tensión electoral debería favorecelo en algunha medida. Se a iso sumamos o dato de os nacionalistas obteren ultimamente mellores resultados na Galiza vilega e rural que na urbana, xunto cunha maior participación precisamente fóra das cidades, parece claro que poden resultar os máis beneficiados pola decisión de Touriño de non ter adiantado as eleccións para este outono.

En calquera caso convíñalle non esquecer ao Bloque que todo cambio político en Galiza, dunha ou doutra cor ou natureza, sempre se produciu primeiro nas cidades. O comportamento electoral no hábitat urbano en xeral e nas capas novas da poboación en particular son os mellores indicadores adiantados do que está por vir. E o porvir debera depararnos outra cousa diferente da recuperación do PP.

E, se toda esta teoría e maila experiencia acumulada non serven para nada, se o meu razoamento se demostra excesivamente revirado e en definitiva errado, polo menos alguén gozará dun xantar como merece e é debido.

 

2 Responses to A data das eleccións

  1. Martin Pawley di:

    Pois nada, vaia fixando a data da cea…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*