dixital

Coñecín a Santiago Lago Peñas nos meus primeiros anos de carreira, ao coincidir con el non só na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC senón tamén no grupo de amigos e coñecidos do meu primeiro piso compartido en Compostela. Non o tratei moito pero si o suficiente para percibir a súa gran valía intelectual. No meu traxecto vital dei con moi poucas persoas que teñan esa auréola de saber e de saber estar, e Santi foi unha delas.

Aínda que é profesor de Economía no Campus de Ourense da Universidade de Vigo, agora mesmo dedícase fundamentalmente a asesorar á Consellaría de Economía e Facenda. De feito podo consideralo, sen temor a caer nun erro, que está entre os dous máximos especialistas en Facenda Pública deste País. Probablemente el teña boa parte de culpa en que a USC estea a ser desprazada pola Universidade de Vigo no relativo a publicación e investigación en materia económica e empresarial. A miña vella Facultade non volveu a ser o que antes, sumida en loitas internas (cando menos na miña época) e desprovista dos cerebros que outrora a poboaban (dedicados agora á actividade política ou ao seu asesoramento).

Santiago Lago e o seu irmán Ignacio teñen colaborado en diversas investigacións e artigos que mesturan a análise económica coa análise política e electoral. Unha desas colaboracións é o artigo titulado La influencia de los resultados económicos sobre el apoyo electoral de los gobiernos autonómicos 1980-1997.

Comecei a buscar este artigo tras ter discutido con varias persoas ultimamente sobre cal pode ser o efecto da crise económica actual nos resultados esperados para as eleccións autonómicas de marzo próximo. Entre as miñas argumentacións: que o ciclo económico ten máis influencia nos gobernos con maior capacidade para incidir na economía e que xa pasamos outras crises na historia recente (se ben non tan intensas como se promete esta) sen que iso tivera suposto cambios inmediatos (remitíndome para iso aos vales de 1993 e 2001).

O artigo dos irmáns Lago realiza unha análise numérica da influencia da economía en todas as eleccións autonómicas do Estado durante un período de 18 anos. Empregan para iso diversas series temporais de variábeis económicas como a renda por habitante, a taxa de paro, o parque de capital público, e o incremento da débeda pública autonómica.

A investigación conclúe que existe algunha relación entre o devir económico e político no ámbito autonómico, pero o alcance desta influencia é máis débil no caso dunha Autonomía que no dun Estado, e dita interrelación é máis forte no mundo anglosaxón, onde atopamos os sistemas de votación menos proporcionais e o bipartidismo é maior.

Verifícase ademais ao longo do estudo que os ciclos electorais autonómicos están ligados ao estatal, cousa ben sabida que se cadra é máis certa nas comunidades non nacionais, aínda que esa dependencia vai perdendo forza cos anos, ao tempo que os espazos políticos e partidarios autonómicos gañan en autonomía e se van institucionalizando.

Segundo os cálculos dos autores a variación no voto ao(s) partido(s) no Goberno entre unha elección e a seguinte é proporcional ao incremento experimentado polo capital público , isto é, fundamentalmente o que mencionamos como investimento en infraestruturas, e é inversamente proporcional á evolución do desemprego, de xeito que a variación dun punto porcentual no paro resta aproximadamente o mesmo que un aumento de entre 2 e 3 puntos no stock de capital público. Como se ve, estas dúas variábeis están claramente detrás das primeiras medidas de choque postas en marcha polos políticos para tentar atallar a crise actual: investimento público, no sentido neokeynesiano, e axudas de todo tipo a determinadas empresas e sectores para tentar minorar os despedimentos masivos e conter o crecemento do paro.

Aínda que o efecto conxunto destes dous factores poida parecer favorábel á destrución de emprego, e por tanto á perda de expectativas electorais das forzas gobernamentais, outras variábeis económicas entran en xogo. Dun lado, o incremento da renda per cápita inflúe positivamente no mantemento dos Gobernos, cando menos a teor do que aconteceu durante a década dos 90. A importancia do factor renda situaríase así a medio camiño entre a do investimento e a do desemprego, maior que a primeira e menor que a segunda. No caso que nos ocupa, é evidente que a renda por habitante en Galiza ten aumentado fortemente nos últimos catro anos, o que xogaría a favor das expectativas do bipartito, pero cómpre ter en conta outro fenómeno máis recente que o estudo non tiña en conta, como é o endebedamento familiar (hipotecas e demais), cuxa influencia podemos adiviñar de sentido contrario.

Todo apunta a que o influxo positivo e combinado de investimento e renda pode compensar facilmente o efecto negativo do desemprego e o endebedamento, cando menos agora que aínda non se atinxiu o punto máis baixo da crise e que, por tanto, os efectos acumulados aínda non atinxiron o seu máximo, que todo o mundo prevé para finais de 2009 e comezos de 2010.

As demais variábeis económicas non son relevantes ou sono moi pouco, entre elas a débeda pública, que como indicador da eficiencia na xestión económica das contas públicas indícanos que a percepción dunha boa ou mala evolución da Facenda Pública é indiferente para a inmensa maioría dos cidadáns.

Quizá esteamos ante un debate que non estando carente de fundamentación é en certa medida un debate importado, dos EUA no plano teórico e do Reino de España no práctico. En Galiza a sociedade experimenta agora mesmo unha sensación de crise que cando menos en algunha medida nos é allea, proveniente das zonas do Estado onde máis campou a especulación e o aproveitamento da man de obra barata inmigrante. A sobredose diaria de novas de crise, multplicada polos medios de comunicación estatais e amplificada pola carga análoga que estes reciben das axencias internacionais, están a provocar que o galego medio teña unha percepción da marcha xeral da economía peor que a da súa propia situación persoal ou familiar.

Quedo con gañas de continuar esta investigación con series de datos máis recentes, aínda que a miña maior curiosidade sería replicar a análise da evolución electoral autonómica no ámbito municipal, con indicadores económicos e sociais, sen prescindir loxicamente dos indicadores electorais de ámbito superior.

 

One Response to Eleccións e economía

  1. Apicultor di:

    Parabéns polo seu blog. Téñoo visitado en ocasión e paréceme magnífico. Esta entrada, por exemplo, é excelente.

    Saúdos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*