Curso de ética xornalística e demoscópica
Como é posíbel que a nova Enquisa de Clima Social de Galiza, realizada por Obradoiro de Socioloxía por encarga de Xosé Manuel Rivera Otero para a Presidencia da Xunta, dea lugar, cos datos que se reflicten na ilustración, a titulares e interpretacións como as seguintes?
Emilio Pérez Touriño é o lider mellor valorado, obtendo 5,35 puntos de media; Anxo Quintana obtén un 4,82 e Alberto Núñez Feijóo, un 4,16 (Xunta)
A intención de voto do BNG cae 1,3 puntos en 5 meses (A Nosa Terra, QC?)
Los ciudadanos aprueban la acción de la Xunta frente a la crisis (El Correo Gallego)
Solo uno de cada cuatro gallegos cree su situación económica es mala (La Voz de Galicia)
El PSdeG obtiene un 24,4% en intención directa de voto, 12 puntos más que BNG y 3,5 que PP (Europa Press)
É un pouco vergoñento que sexa o ABC, o xornal con sección Galicia menos leído en Galiza, o único medio que pon énfase nesta substancial diferenza entre o recordo de voto dos entrevistados e a súa intención de voto actual, aínda que logo xa perda os papeis e dispare contra todo o que se move.
Para facernos unha idea da importancia deste dato podemos comparar o recordo de voto coa intención de voto ao PSOE en edicións anteriores da mesma Enquisa:
Recordo 28,1% -> Intención 26,0% (Diferenza -2,1 puntos ou -7%) Novembro 2006
Recordo 29,6% -> Intención 27,0% (Diferenza -2,6 puntos ou -9%) Xullo 2007
Recordo 30,8% -> Intención 24,4% (Diferenza -6,4 puntos ou -21%) Decembro 2008
Non podo achegar máis datos doutras Enquisas de Clima Social porque Presidencia da Xunta ten o costume de borrar do seu servidor os documentos coas táboas de frecuencias unha vez pasado o dia da súa presentación aos medios (outro exemplo de falta de transparencia e máis un xeito de estragar os fondos públicos).
É certo que o recordo de voto sempre aparece distorsionado co paso do tempo, e que tamén é nalgunha medida un recordo de poder. Pero o que o salto nesta diferenza crecente vén a sinalar é unha perda importante na fidelidade dos votantes do PSdeG-PSOE. 2 de cada 10 persoas que din telo votado ou que pensan telo votado (recordo de voto bastante claro, non é que non lembren o que fixeron, en todo caso) agora mesmo non o farían.
Se a todo isto que habitualmente non se comenta nos medios, engadimos a perda de intención de voto do PSOE neste mesmo período para o que analizamos o recordo, e observamos que sobre todo o PP comeza a presentar o fenómeno inverso ou complementario (maior intención que recordo) podemos irnos afacendo á idea da súa recuperación, porque a realidade é que a porcentaxe de indecisos tamén diminúe, revelando que era o abrigo natural dos antigos votantes populares desencantados trala perda dos Gobernos do Estado e da Xunta en 2004 e 2005.
Canto ao BNG non mellora en intención de voto neste período, pero tampouco empeora, e mostra sempre unha concordancia case perfecta entre recordo pasado e intención presente. Con que algún indeciso opte polos nacionalistas deberían mellorar o seu resultado. Aumentan, porén, claramente, as porcentaxes da abstención e do voto en branco.
Véndese
Interesad@ na mellor enciclopedia galega e en galego para ti ou para un agasallo? Conséguea de segunda man e case nova por menos do 15% do seu prezo de mercado aquí.
Traducir·Traduzir·Translate
Servizo fornecido por OpenTradFacebook
Indicadores IGE
Etiquetas
#15m #22m 2011 abstención alcaldía autonómicas bipartito bng canción cis concello coruña demografía dixital economía eleccións enquisa estatística estimación facenda galego galicia galiza house effects inquérito lingua localización mapa multimedia municipais municipal música nacionalismo partido poboación política postelectoral psoe reprodutor resultado sondaxe songbird tradución voto xunta





