Hai xa case un ano que deixei pendiente a anotación titulada 2008, ano sen papel, na que vos falaba dun lector de libros electrónicos que dei en mercar. Vai sendo hora de que complete o que daquela deixei prometido acabar de contar.

Funcionando

A realidade é que o lector tivo traballo arreo e segue funcionando satisfactoriamente. Iso é o normal, pero non está de máis comentalo. O trebello converteuse nun elemento de uso case diario, cousa que non pode dicirse xa da TV, por exemplo, ou da cadea musical.

O seu uso é sinxelo: só se precisa un día para adquirir o hábito de uso, e o número de botóns a aprender é bastante menor ao dun teléfono móbil actual calquera. Só tres: adiante, atrás e aceptar. E se acaso ter unha noción do que é o hipertexto, xa que nalgúns libros preparados para iso existe a valiosa posibilidade de navegar polo texto a través de ligazóns, índices, apartados, etc.

O único engadido que precisou o aparello foi unha tarxeta de memoria adicional. Funciono sen problemas de capacidade cunha vella tarxeta SD xubilada da cámara de fotos, de 250MB. O trebello usa un único cabo USB para cargar a batería e máis para transferir os ficheiros dos libros entre el e o PC, ou viceversa. A tarxeta SD tamén se pode empregar sen ter conectar o dispositivo ao PC.

O único cambio que lle fixen foi actualizar o firmware, hai cousa de un mes. Desde entón non só vai máis rápido no formatado de libros extensos senón que é capaz de manexar o formato estándar de publicación de libros e electrónicos EPUB (OpenBook) e, sobre todo, remaquetar PDFs, que é acousa que xunto a unha pantalla algo máis grande botei en falta. É certo que esta recomposición do fluxo de caracteres nos ficheiros PDF posúe algunhas limitacións, pero non é menos certo que antes o aparello estaba limitado a facer zoom sobre eles. Así que as vindeiras actualizacións prometen.

A fedellar

O portal que recomendo para se introducir no mundo do libro electrónico é o blog español SoyBits, Tendencias en la Industria Editorial, unha páxina actualizada practicamente a diario onde é realmente moi fácil facer un seguimento tanto da evolución do mercado como do lanzamento de dispositivos de lectura.

Se xa tes un dispositivo e queres tirarlle partido, ou se queres coñecer o que se está a mover no mundo dos usuarios e desenvolvedores, a páxina de referencia a nivel mundial é a MobileRead, que está inglés pero que contén os mellores foros especializados en hardware, software, hacks, etc. Aínda así non deixes de visitar a páxina inglesa da Wikipedia correspondente ao teu trebello: son os mellores e máis completos índices de todo o que hai que saber, e adoitan estar actualizados.

Pero a verdadeira xoia que me permite exprimir este aparello é Calibre, unha aplicación de código aberto e libre, utilizábel practicamente con calquera dispositivo móbil de lectura.

Está desenvolvido por Kovid Goyal e dálle dez mil voltas á aplicación de xestión de biblioteca e de transferencia de libros que vén de fábrica co Sony Reader. O Calibre tamén permite editar metainformacións, convertir libros entre practicamente calquera formato (coas limitacións propias de cada un deles), ler volumes na pantalla do PC, exportar comics… e algo mais que comentarei logo.

O recoñecemento a este programa na rede tense disparado, até o punto de que xa está incluído na plataforma de localización de Ubuntu, na Launchpad, onde comecei timidamente a traducila ao galego.

Libros

Se o que desexas é achar libros seguramente xa o terás feito coa axuda de Google ou Delicious. Pero se non é así velaquí inclúo varias e variadas referencias de sitios interesantes: BiVir, Estaleiro Editora, Urco Editora, Biblioteca Virtual Galega, Projeto Democratização da Leitura, El Aleph, CuantoLibro, Bibliotheka, LibroDot.com, LibrosGratisWeb, HackeMate, Google Book Search, Proxecto Gutemberg e a novidosa Feedbooks. Algúns outros portais xa teñen desaparecido, pero ao mesmo tempo que uns sumen outros aparecen. Nas redes P2P tamén é sinxelo atopar libros e bibliotecas enteiras.

A pregunta é inmediata: por que non hai apenas libros en galego na rede? Deixo que respondades por vós mesmos a esa pregunta.

Xornais sen papel

Sumario dun medio Titulares dun medio Corpo da noticia

O Calibre inclúe entre as súas utilidades un conversor de fluxos RSS a libros electrónicos. Isto permite, sen ir máis lonxe, recoller en poucos minutos cada mañá as noticias dos tus medios e seccións preferidas e levalas contigo no lector xunto a libros, manuais e outros documentos.

A aplicación inclúe de serie uns conversores especiais para unha vintena de medios en lingua inglesa (do NY Times ao The Economist, pasando pola BBC, o Newsweek ou Wired.com). Todos eles permiten ver no lector os artigos maquetados cunha aparencia visual moi boa e específica para cada fonte de información.

Por fortuna, a lista de medios non é pechada, xa que calquera pode crear o seu libro con só agregar un ou varias URLs de fluxos RSS. Neste caso o proceso de maquetación faise de forma automática e igual para todos, variando o resultado en función da folla de estilos CSS e da estrutura interna do RSS de cada medio. O resultado é lexíbel igualmente en todos os casos que teño probado.

Tamén é posíbel crear RSS para medios que non empregan a sindicación ou que a usan de forma incompleta (capada, diríamos para entendernos): titulares si, entradillas cortadas… pero nada de liberar contidos pola rede só a cambio do recoñecemento. É o negocio, verdade? (non teñen nin idea do que é en realidade a sindicación). Existen varios servizos na rede que permiten criar fluxos a partir de páxinas estáticas.

Outra opción é xestionar os fluxos RSS a través dunha ferramenta moi potente como é Yahoo Pipes, establecendo filtros por palabras chave ou etiquetas. O problema desta ferramenta e doutras semellantes é que aínda presentan problemas coas codificacións UTF dos fluxos de lingua non inglesa.

Futuro presente

Ultimamente os grandes gurús da blogosfera mundial e hispana andan a proclamar que o iPhone vai camiño de se convertir no dispositivo móbil de lectura máis usado, por riba dos aparatos especializados.

Será que eu non teño un iPhone, pero si un Nokia E65, e como usuario de móbiles con aplicacións estou en absoluto desacordo con esas afirmacións, que sigo atribuíndo, por inxenuo, á campaña de mercadotecnia mundial lanzada pola Apple, e que malia a algúns acérrimos defensores estase demostrando ineficaz, cando menos en España (se cadra é por culpa do parceiro: Movistar).

Eu creo humildemente que se equivocan. O iPhone pode servir para ler un feed, un howto, ou un xornal electrónico. Pero non un libro. Non ten o tamañ axeitadoo, a luz cansa e sobre todo a batería non dura.

Tamén hai quen apunta que o vencedor será o Amazon Kindle, pero aparte de ser un trebello caro, enorme e ben feo, a súa cerrazón (tamén no sentido linuxeiro) e as diferenzas de tecnoloxía na telefonía móbil entre os EUA e Europa impediranlle saír da súa canle de venda propietaria.

O único mérito de Amazon é, con efecto e como afirma Fernando Garrido, abrir o mercado, prender a mecha. É ben sabido que con moita frecuencia no mundo da internet non son os primeiros en chegar ao mercado os que se acaban facendo co cacho máis grande do pastel.

Por se aínda non estás convencido direi que nos trebellos especializados actuais tes días e até semanas de lectura continuada sen recarga de batería, visibilidade case perfecta con calquera iluminación, mesmo á luz do sol, e sen estropear a vista coas pantallas retroiluminadas de pequeno tamaño. Ningún teléfono móbil por moitas cores e movementos que teña vaille dar a un lector esixente todo iso.

Se a iso sumamos a posibilidade abraiante de ter wikipedias enteiras no tamaño dunha tarxeta SD (o suficientemente actual como para conter varios GB), ou tantos volumes de lectura nunha axenda como nunha biblioteca universitaria calquera, o que eu non sei é como moitos lectores empedernidos non teñen encargado xa os seus dispositivos, ou viaxado a unha FNAC francesa para compralos.

Por iso aposto nos Sony Reader e nos iRex da iLead. Hai máis trebellos de prestacións análogas (a mesma serie precedente da iLead) que apostan por un modelo comunitario de desenvolvemento, teñen unha grande comunidade de usuarios detrás e están baseados parcial ou totalmente nos estándares e formatos abertos.

Coincido en que a tecnoloxía aínda precisa de un ano (como moito) para dar o salto definitivo á comercialización e por tanto á popularización dos dispositivos. Mentres, a pantalla de tinta electrónica táctil xa é unha realidade, o tamaño dos visores aproxímase ao A4, investígase con pantallas a cor e enrolábeis baseadas en tecnoloxías de nome impronunciábel, e xa se fala de que os portátiles OPC van experimentar con tecnoloxías mixtas LCD/epaper.

Corolario

Para vos facer unha idea isto vai ser (é xa) o que os reprodutores MP3 e o formato DivX á música e ás películas. Non é un esaxero. É unha realidade que se no Nadal pasado parecía froito do entusiasmo do novizo, cada día que pasa téñoo máis claro e resulta máis evidente.

Boa parte do mundo xa está na onda, e parece como se só neste recanto do planeta nos resistíramos á súa adopción masiva. Non dubido que o feito de non se teren comercializado e publicitado máis está relacionado cos intereses das empresas editoriais, que seguen apostando a conservar o seu cada vez máis reducido nicho de mercado tradicional. Unha mala imitación do mesmo inútil comportamento que caracterizou durante case unha década á industria discográfica e cinematográfica.

A rede está inzada de libros para a descarga do mesmo xeito que están os álbums musicais, as películas de estrea e as clásicas, ou as series de TV. Hoxe a xente traduce best sellers igual que traducen os subtítulos da súa serie favorita, ao seu xeito claro. Legal, alegal ou ilegal, o intercambio na rede de produtos culturais e de comunicación é unha realidade imparábel na maior parte do mundo, e só se obvia e combate desde argumentacións que raian no fundamentalismo nos países centrais do sistema de produción e de mercado capitalista. O segundo e o terceiro mundo, sen lobbies e grupos de intereses creados ao abeiro de lexislacións regulamentistas e limitadoras das liberdades do individuo, lévannos sen dúbida a dianteira no terreo da cultura e o coñecemento libres.

Moitos autores e editores que coa boca grande negan esta realidade en realidade son perfectamente conscientes do que acontece: só pretenden gañar tempo e xa están pensando en como reaxir ou pechar. Os que son menos intelixentes acabarán superados pola realidade, e probablemente acabarán dependendo de algún tipo de ingreso público (subvencións ou direccións de Bibliotecas Nacionais) ou ilegal (canon que grava os dispositivos electrónicos e direccións de centros da SGAE).

 

6 Responses to 2008, ano sen papel (e II)

  1. estrelas di:

    Meu Deus… mira que dou de sí o artigo ese do país. En fin un par de comentarios:

    -Sobre o rol do Iphone eu non creo que sexa o dispositivo final nin moito menos, pero creo que pode ser un dos primeiros dispositivos masivos que comece a introducir na mente da xente a posibilidade e beneficio da lectura en soportes dixitais en movemento. É certo o que voçé comenta (luz, batería e demáis)… non en van, lín fai pouco non sei onde (un blog dalguén vencellado ao LiftLab Coreano) que máis dun 70% dos coreanos cun iPhone empregábano como dispositivo secundario, especialmente para navegar e para reproducción de contidos multimedia. Creo que o iPhone pode ser un dos que comece a quebrar unha das principais barreiras: a da comprensión.

    Logo… está o aspecto da emocionalidade da lectura. Para moita xente a lectura vai da man do libro i é dificil que substitúan este obxecto por todo o que implicou nas súas vidas. Dende posibilidades funcionais (subliñar, anotar, etc) ate aspectos, insisto, meramente emocionais: como o pasar páxina, mirar o avance no libro, poder prestar un exemplar, gardalo nunha biblioteca ou mesmo mercalo.

    Noutros terreos (música) a substitución do vinilo non levou demasiado tempo, certo é. Pero semella que no caso do libro o arraigo é moito máis forte.

    Nos estudos que fixemos (un par deles) sobre este tema… non parece moi claro o interés nestas tecnoloxías, cando menos polo de agora.

  2. calidonia di:

    Non era o obxectivo da anotación facer apoloxía do meu trebello, pero xa que me pide consello agora mesmo eu iría polo Sony Reader PRS-700 se quer algo económico e facilmente portábel. A diferenza do PRS-500 ten pantalla táctil, co cal pódese pasar páxina cunha lixeira fricción do dedo sobre a pantalla, activar opcións a través dela en vez de co botóns numerados de 0 ao 9 como trae o modelo anterior, e co lápiz que incorpora facer suliñados e anotacións, e incorpora un led para iluminar externamente a pantalle e poder ler en situacións de pouca luz.

    Se pensa en algo aínda máis especializado e caro paréceme moi atraínte o iRex 1000S de uLead, de tamaño máis grande, o que permiteler documentos PDF maquetados en A4 con moita máis facilidade, abrindo así a posibilidade de empregalo con documentos de traballo xunto ás capacidades táctile e de tomar notas. Aínda ten a opción que saira en breve do 1000W, que incorpora wifi, facilitando a súa interconexión.

    Para fins de ano ou comezos do que vén Amazon sacará a versión nova do Kindle, pero comentei a miña escasa preferencia por ese trebello, salvo sorpresas.

  3. Moitísimas gracias por este post clarificador. Logo, vostede cal me aconsella nun prazo curto de tempo?

  4. danielo di:

    Moi bo o artigo. Moitas gañas de mercar un rápidamente!

    Estrelas: Sobre a implicación dos lectores co soporte, co libro é un tema MOI discutible e para nada algo para dar por sentado.
    Por que? Porque o importante non é o soporte, senon o contido. A xente non compra un bloque de follas de celulosa senón un conxunto de frases e argumentos ordenados.
    Porque como en tódolos produtos hai diferentes tipos de consumidores segundo a súas motivacións. É certo que algún dos heavy consumers teñan unha alta implicación co formato físico, con edicións concretas pero…

    É que non estábamos aí cando apareceu a música en internet ou que? Este é un caso de manual de marketing! Miren:
    Dende o punto de vista do consumo as ventas (de libros ou latas de atún) poden medrar:
    a) Aumentando a penetración (o público, vamos)
    b) Aumentando as ocasións de consumo e/ou a intesidade do mesmo

    E dende o punto de vista da distribución as ventas poden medrar:
    a) Aumentando a calidade e cantidade dos puntos de distribución
    b) Aumentando as ventas por punto de distribución.

    Co libro electrónico aumentará tódolos apartados de antes! Vai cambiar todo.

    – Aumentan os puntos de distribución.
    – Aumenta tamén o acceso á distribución de novos productores (autores) ao ser máis horizontais as novas canles (lembrade a música…). E por iso,
    – Aumenta a demanda ao aumentar o público obxectivo ao que chegamos cos novos libros antes non distribuidos.
    – E aumenta a demanda ao aumentar a intensidade de consumo (polo menor custe) e as ocasións de consumo (porque temos máis formas de distribución!)

    É un círculo virtuoso, imposible que non triunfe.

    A chave de todo, está en non incurrir en miopía de marketing, o soporte non é a chave. A chave está no consumidor que queres cultura accesible e ao seu gusto. NON quere nin celulosa nin tinta electrónica, iso dalle igual.

  5. MaisUm di:

    Aproveito o post para referenciar Blukk que está na rede há poucos dias:

    http://www.blukk.com

    Blukk – Milhões de livros em galego-português a 2 cliques!

  6. MaisUm di:

    E parabéns polo artigo. É muito bom!!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*