Hai tempo, recén estreado no meu primeiro traballo profesional remunerado, tiven a oportunidade de participar na elaboración dunha sondaxe electoral de ámbito estatal. Corría o ano 2000 e naquelas eleccións lexislativas decidíase se o PP de José María Aznar revalidaba a victoria que acadaran catro anos no Congreso dos Deputados, derrotando a Felipe González. Tamén se decidía, e se cadra isto era o realmente importante, se o PP lograba ou non unha maioría absoluta que lle permitira soltar amarras cos seus apoios nacionalistas do centro-dereita catalán e vasco e comezar a desenvolver sen trabas o verdadeiro programa político da dereita nacionalista española.

A miña participación naquela investigación electoral foi bastante intensa e dedicada, aínda que limitada ao plano de relevancia dun simple “técnico”, como rezaba a nómina correspondente. Algúen tiña que alimentar unha estrutura de mando composta por tantos directivos como empregados de base. Pois ben, nunha encomenda para un medio español de comunicación escrita, asignóuseme a elaboración dun deseño de mostraxe para unha sondaxe electoral de estimación de voto.

O tamaño da mostra era reducido, a entrevista telefónica e o cuestionario breve e “xornalístico”, de xeito que apostei por unha metodoloxía dirixida a atinar o resultado das urnas e non tanto o retrato da situación naquel momento. Procedín a analizar os resultados das eleccións ao Congreso de 1993 e 1996 en todos os concellos do Estado -máis de 8.000-, e filtrei, mediante os cálculos pertinentes, uns 50. Cal foi o criterio de selección? Escoller para facer as entrevistas aqueles concellos que calcaban ou aproximaban enormemente o resultado das dúas eleccións anteriores do mesmo tipo. Ou sexa, os “concellos-tipo” que reproducen no seu interior o voto que se rexistra nun ámbito territorial máis grande.

Está claro que non hai un só concello en España no que se presenten todas as forzas que obteñen representación parlamentaria. De xeito que houben de delimitar 5 zonas diferentes: Galiza, Catalunya, Euskadi+Nafarroa, Canarias e resto do Estado. En cada unha desas áreas unha escolma adecuada de concellos permitía reproducir os resultados anteriores con só sumar os votos que as distintas forzas obtiveron neles.

Sobre este deseño e esta aposta técnica se realizou o traballo de campo. O que mostraron os datos ao seu remate era unha cifra aparentemente asombrosa: o PP avantaxaba ao PSOE en intención directa de voto -tamén chamado voto declarado- en 11 puntos!!! É dicir, o que a xente que respondera a enquisa dicía, sen que houbera alteración ningunha dos datos ou “cociña” por parte dos técnicos, era que o PP ía arrasar, sen paliativos.

Aquela vantaxe era inédita, tanto en intención como en estimación de voto. O CIS nunca rexistrara esa diferencia en voto directo nos últimos 4 anos de barómetros “institucionais”. Todas as enquisas publicadas en prensa até entón, a un mes vista das eleccións, estaban dando 2, 3, 4 puntos como máximo de vantaxe en estimación de voto do PP sobre o PSOE. Que facer?

Podíase corrixir a indecisión dos antigos votantes do PSOE nunha época de castigo social importante -posfelipismo, corrupción, dimisón de Borrell, candidato Almunia… Podíase pensar nunha alta participación que mobilizara ao tradicional voto abstencionista da esquerda… Podíase pensar que o deseño de mostraxe estaba errado… Podíase. Pero nin dun xeito nin doutro nin con todos xuntos se podían xustificar, sen empeñar a conciencia e a ética, e á vista daqueles datos, as diferenzas inferiores a 5 puntos que todo o mundo estaba publicando.

Folga dicir que como novizo non fun invitado a intervir na cociña desa enquisa, pero o caso é que saíu publicada cun dato non moi afastado do que todos os medios en España “coincidían” en estimar. O medo a ser o único instituto en “errar” deixouse notar, xunto a outros posíbeis factores que hoxe por hoxe descoñezo. Aquela enquisa converteuse así nunha máis das que contribuían a crear un estado de opinión pública e mediática no que se mantiña unha certa “tensión electoral”, no que se esperaba unha vitoria, si, do PP, pero no que de ningunha maneira se podería -ou se debería?- dicir que todo o peixe estaba vendido.

Matinemos. A un vencedor non lle convén que se saiba que vai gañando. Os votantes que se deixan ir e nadan a favor da corrente poderían preferir pasar un día na praia. Concordemos. A un perdedor sen remisión non lle convén perder sen xogar, nin admitir a súa derrota de antemán -ou se efectivamente lle convén probablemente non lle deixen facelo. Non hai nada peor que un electorado desmobilizado e abatido en retirada. Recapitulemos. O tecido político, mediático e financeiro artellado arredor dunha cita electoral é dunha magnitude tal que practicamente a ninguén lle convén deixar de alimentalo, so pena de perder. O círculo péchase. Concluamos.

O resultado daquelas eleccións do ano 2000, sabémolo ben por desgraza, foi que o PP alcanzou a maioría absoluta, obtendo máis de 10 puntos porcentuais de diferenza sobre o PSOE -44,52% por 34,16%-, sumando 183 escanos contra 125.

Toda esta historia vén a conto da aposta que mantemos Césare e mais eu sobre se nesta vindeira convocatoria electoral o PSOE vai acadar ou non a maioría absoluta. El afirma que si. E eu digo que non. Á vista do conto a miña opción pode parecer contraditoria, así que déixenme explicarlles.

Confeso que os meus tempos de analista demoscópico pasaron a mellor vida e que non manexo información privilexiada de ningún tipo. Arquivo, iso si, as sondaxes que se foron publicando en prensa, radio e TV nestes últimos meses. E o que vexo lémbrame efectivamente aquela situación. Enumeremos as coincidencias:

  1. Ningún partido gañou unha elección lexislativa en España para despois perder a seguinte -nin sequera a UCD, que gañou as constituíntes en 1977 e despois outra vez en 1979. O PP revalidou a vitoria en 2000, como por analoxía debería facelo o PSOE. Outra cousa é a maioría absoluta á segunda, porque agora a situación de partida -a vitoria “por sorpresa” do 14-M de ZP non ten precedente.
  2. As enquisas, tras amosar no pasado recente certa igualdade -real ou non- manteñen unha vantaxe estreita a favor do partido no goberno -nin o suficientemente pequena como para falar de empate técnico nin o suficientemente ampla para que se fale abertamente de maioría absoluta.
  3. O candidato á presidencia do partido da oposición suspende en valoración en todas as sondaxes e se sitúa a anos luz do Presidente.

Con todo, existen para min outros factores que impiden facer unha analoxía automática e perfecta entre a situación que se deu no ano 2000 e a que se presenta agora en 2008. Velaquí as miñas razóns:

  1. A primeira e evidente é que a dereita -social e electoral- non é a esquerda, e viceversa.
  2. A segunda é que se en 2000 o PSOE estaba desaparecido en combate na sociedade, desfeito internamente, mesmo enxuizado nos tribunais, e cun candidato -bo- descabezado a un ano das eleccións, agora o PP está obxectivamente nunha situación máis benigna. O caso Gallardón pode considerarse en comparanza unha anécdota, e é ben sabido que a corrupción se lles perdoa aos corruptos pero non aos que pasan ante a sociedade por ser quen a denuncian e a combaten.
  3. A terceira é que o PP mantén mobilizada unha base -social e electoral- que o PSOE entón non podía mover. A aposta pola liña dura de Acebes, Zaplana, Aznar ou Pizarro nas candidaturas e nas mensaxes… o traballo de crispación mediática alimentado durante anos por Losantos, a conferencia episcopal, o ABC e a prensa autonómica de grupos familiares vendidos aos mandamaises… o labor de “zapa” do trinomio “soldado-señorito-crego” de xente como Pérez-Reverte, Herrera e Prada en El Semanal… todo iso permite falar na dereita dun electorado propio máis tensionado e cohesionado. Outra cousa é efectivamente a masa de electores “de centro” que poidan fuxir disto.
  4. A cuarta resta para o PSOE, e pon de relevo a enorme cantidade de voto útil -non de centro- que ZP rebañou hai catro anos no electorado natural de Izquierda Unida e doutras forzas como o BNG -en 2004 os candidatos números 1 ao Senado do Bloque obtiveron 40.000 votos máis que os do Congreso. Ese voto vaille faltar agora a ZP e pode ser o que o alonxe da maioría absoluta.

E nestas estábamos, o Césare escollendo o restaurante e eu escollendo o viño, cada un convencido de seu, cando pariu a avoa.

 

10 Responses to Pollethics

  1. Cesare di:

    O máis ridículo non é que se lles quede o micro aberto, senón que Gabilondo parece que non saiba de pé a pá cales son as enquisas que se publican e as que non.

    Non quero arriscar demasiado porque me conformo coa cea, pero eu diría que imos estar ben máis preto de 1982 ca de 2000. E non só pola cor.

    (e Manolo Gago, de quen facemos publicidade, non ten nada que dicir?)

  2. Cesare di:

    Por outra parte, lembro perfectamente as eleccións de 2000, e lémbrome vaticinando un empate técnico co argumento (dáme vergoña recoñecelo) de que o PP non podía sacar a absoluta porque non tiña pra onde medrar.

    Lembra vostede que, no fragor do 15-M ou 16-M, José Blanco dixo que eles tiñan enquisas que lles daban eses resultados unha semana antes? Todos pensamos que as eleccións de 2004 supuxeron un trafego masivo de votos (punto 4 da súa hipótese) pero quizais o único que supuxeron é unha maior participación. Por outra parte, se iso fose así, as enquisas estarían dando unha recuperación do voto BNG/IU/Chunta/PA/ERC, e insinúan máis ben o contrario. Ben é verdade que as circunstancias duns e doutros son distintas, pero se se produciu unha concentración do voto da esquerda en 2004 e agora estivese a producirse unha desconcentración, terían que verse indicios dalgún tipo, non?

  3. Nom lhes som de apostar, mas inclino-me mais pola opçom de Calidonia.

    Os inquéritos nom som mais do que parte da estratégia de campanha (dos partidos e dos média afins). Podo estar errado, mas cuido lembrar a situaçom nas eleiçons anteriores às comentadas mais arriba, as da chegada do PP ao poder. Lembro um inquérito de El País no que se dava maioria absoluta ao PP, e lembro o “cabreo” de Aznar. O PP nom queria que o seu eleitorado se confiasse e desmobilizasse, o PSOE necesitava mobilizar ao seu (e atraer outros) e a estratégia era o medo a umha maioria absoluta da direita.

    Batalhas aparte, eu diria que o PSOE vai repetir maioria simples porque:
    – A (estrema) direita está mobilizada mas nom abondo unida (nas eleiçons coas que chegou o PP ao governo do Estado cuido lembrar que nom se apresentaram as Falanges, Carlistas, DN e demais candidaturas à direita do PP), o que lhe garante um bom resultado, mas nom mais (o voto de centro e de poder nom irá co PP)
    – Esta mobilizaçom da direita tensiona a esquerda, o que garante umha boa participaçom do eleitorado do PSOE e favorece o “voto útil” a este partido.
    – Contodo, a mobilizaçom da esquerda cara o PSOE duvido que poda superar umha situaçom excepcional como foi a das passadas Gerais. A situaçom de BNG, IU e diria que Chunta (nom sei doutros) nom semelha a melhor das suas respectivas histórias, polo que podem recuperar parte dos seus votantes, mas outros irám à abstençom, nulo ou branco.

    Nom deixa de ser certo que a cagada de Cuatro pode ter um impacto importante no eleitorado, ao entender que se pretende manipular(condicionar o seu comportamento.

  4. X di:

    Teño que confesar que acabo de me tragar dunha atacada post e comentarios porque unha, que non sabe nada destas cousas dos grandes números, queda fascinada ante as conclusións.

  5. sHs di:

    Algo moi semellante á súa experiencia de 2000, pasou coas enquisas das municipais de 2003. En determinadas instancias non se crían as conclusións de que Paco estaba no gume da navalla de perder a maioría absoluta, e polo tanto subíronselle os resultados publicados.
    Non lembraba o dato das diferenzas de voto BNG Senado/Congreso, quizais porque non se difundiron demasiado á hora de carpir pola progresiva perda de votos…

  6. calidonia di:

    Césare, non hai unha soa enquisa das publicadas onde Vostede ou eu non poidamos atopar un dato que sustente a nosa aposta persoal.

    Dito isto, a enquisa do CIS meréceme bastante menos credibilidade que a de, por exemplo, Público, que por certo está feita pola empresa galega Obradoiro de Socioloxía, e que acho que é a que anda máis perto da realidade. E iso que lle falo dun medio connotado, abertamente favorábel ao PSOE de ZP.

    Con todo, penso que ese e outros datos -baixa valoración de Rajoy, partido que nunca votaría, o recordo de voto desinchado…- impiden claramente un bo resultado do PP. Mais a cuestión crucial está en se o PSOE vai ser quen de mobilizar á maior parte do electorado de hai 4 anos.

    Eu coido que unha boa parte dese voto do 2004, non o vai conseguir, con toda certeza -abstención tradicional, voto útil de centro-esquerda nas nacións sen Estado-. E a outra parte -voto desideoloxizado, de “centro”, de clases populares receptivas a estes recentes discursos populistas e parafascistas-, ou de novos ricos subidos ao carro do “socialismo do ladrillo” nos últimos anos- pinta ben complicada. Veremos.

    O que me sorprendeu foi que ao final haxa debate. Para min iso significa que o PP está moi moi mal. Non teñen nada que perder. Quizá Zapatero si. Ao mellor só vemos un dos dous previstos.

  7. Cesare di:

    Despois da publicación da enquisa do CIS, onde un 38% di que lembra que nas anteriores votou PSOE e un 20% lembra que votou PP, está máis convencido ou menos de que vou gañar a aposta?

  8. Cesare di:

    Eu vin trozos da entrevista de Rajoy… e… bueno, o señoriño vai aí porque lle toca, pero dá unha sensación de que está desexando chegar o día 10 pra irse de rexistrador pra albacete, que pra que.

    Un dato ao seu favor:
    http://www.lavanguardia.es/lv24h/20080215/53436601743.html

  9. Cesare di:

    En todo caso, o que quería era que me explicase ese esquecemento:
    — voto agochado, xente que lle dá vergoña dicir que vai votar PP?
    — voto arrepentido: non podo crer que eu votase aquilo?

  10. Cesare di:

    Vaia, a enquisa da Generalitat é algo estraña… Derrúbase o PSC pero non sobe ninguén… :)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*