Traído directamente de Occidente pola Presidente da Federación de Repúblicas Socialistas Utópicas.

Nas próximas semanas irei publicando nesta anotación as nosas impresións sobre o novo trebello da casa: o Sony Reader PRS-505/LC.

A idea

A idea de comprar o trebello xurdiu nesa época de febre natalicia na que a inercia do gasto xuntouse ao gusto pola lectura rescatado do olvido durante uns días de ferias. Foi por tanto, e non o nego, froito dun pequeno afán consumista e do desexo de agasallar e agasallarme cun trebello friqui destes. No camiño abandonei a idea do tablet de Nokia ou do iPhone. O móbil e a TV analóxica, desfasados, non penso anovalos até que morran. E o mesmo digo do portátil. O carro xa decidín prescindir del cando diga xa abonda.

Os reparos

Os reparos fronte a un desenvolvemento aínda moi verde da tecnoloxía do papel electrónico pasáronseme pola cabeza, pero de seguida os desbotei. Primeiro porque a maior tenda virtual de libros aposta por el. Segundo porque por aquí sospeitamos decote e de entrada que todas as innovacións van ser supérfluas. Terceiro porque os índices de lectura en Galiza están por baixo da media española, e esta por baixo da europea, de xeito que a escasa introdución destas tecnoloxías pode ser en parte unha anormalidade provocada por ese atraso (e polo nivel de renda). Cuarto, porque Europa parece que aínda identifica a lectura coa poeira das bibliotecas, poeira que en Francia e no Reino Unido xa comezaron a limpar hai tempo.

O feito de que a tecnoloxía do e-paper non mostre imaxes en movemento ou só unha gama limitada de tons de grises ou cincentos non foi obstáculo, pois o que procuraba era exactamente un aparello para ler libros e documentos, e non para ver comics a cor ou videos. Se o que quixera fora iso é evidente que equivocaría o trebello.

A decisión

A decisión final de compralo fíxena pensando en darlle uso non só de lecer senón de traballo, pois sempre hai cousas que estudar, que refrescar e informes que revisar. Estoume dando conta de que ser dixital faime ter menos papeis sobre a mesa que os meus compañeiros de traballo.

Algúns gurús da rede no Reino de España din que 2008 pode ser o ano, entre outras cousas, do libro electrónico. Desde logo 2008 xa é o ano en que as organizacións e entidades galegas de todo tipo deberan pensar en desterrar definitivamente a cultura dos taboleiros de anuncios.

As alternativas

As alternativas comezan a ser varias, pero como a experiencia no eido da tecnoloxía me ten demostrado que a calidade se paga só dubidei entre o Kindle da Amazon e o Reader da Sony e o iLead de iRex (obrigado Opaco, por lembrarmo).

Por que desbotei o aparello da Amazon? Unha, que non estaba dispoñíbel na súa propia tenda electrónica (out of stock), cunha cola de espera que se podía adiviñar de meses. Dúas, o prezo do trebello (399$), superior ao do Sony Reader que finalmente merquei (299$ o modelo en cor azul mate, 349$ o prateado). Tres, que a Sony acababa de sacar un novo Reader, este PRS-505, que melloraba algunhas cousiñas a respecto da primeira versión, o PRS-500. Catro, o Kindle posúe unha estética horríbel (mire como se mire), a pesar da aposta pola cor branco, supoño que por imitarlle á Apple. Cinco, o Kindle é menos portábel, é máis groso e pesado, e en definitiva ten unha área de lectura e unha resolución idéntica á do Reader (6″ e 800×600 píxeles, a 166ppp e 16 tons de gris). Seis, as funcionalidades engadidas que trae o Kindle non achegan moito, e a min particularmente nada: a conectividade sen fíos para poder mercar libros en liña (nos EUA) está ben pero acho que as operadoras españolas de telefonía tardarán séculos en apuntarse a este servizo; o lápiz electrónico para poder coller notas é algo que podería estar ben para revisar e modificar documentos como se dunha PDA se tratase pero escapa ás capacidades que lle pido ao trebello; e os altofalantes para ouvir música penso que son totalmente prescindíbeis desde que a música para acompañar á lectura debe ser unha opción persoal perfectamente splíbel mediante o uso de auriculares (que todos os estes trebellos teñen).

E por que desbotei o aparello da iRex? Unha, o iLead conta cunha pantalla e unha resolución maior, o que sen dúbida o fai máis atractivo para a lectura doutro tipo de publicacións (documentos con tamaños máis próximos do A4 ou con letra pequena, ou banda deseñada en B-N), pero que reduce a súa portabilidade. Dúas, a definición do texto e dos gráficos é a mesma que nos outros dous trebellos (170ppp e 16 niveis de grises), o que supoño que é unha limitación (temporal) da tecnoloxía do e-paper. Tres, o iLead posúe un procesador máis lento que o do Reader (Intel a 400Mhz fronte ao Intel Celeron a 800Mhz). Catro, o seu alto prezo, o máis caro dos tres, 699$ (máis caro que algúns PC portátiles!), o que o afastaba definitivamente do meu presuposto, mesmo nestas datas de troco euro-dólar favorábel. Das funcionalidades engadidas do iLead hai que considerar interesante a súa conectividade wi-fi (estándar, non como a do Amazon, que só serve para a telefonía móbil), e o feito de que engade un cargador de corrente alterna que o Reader non inclúe (cárgase polo cabo USB).

Na procura pola rede aínda dei con outros trebellos, e máis dun fabricado e vendido en liña por empresas españolas ou brasileiras de aparición recente, algúns de prezo parello ao Reader, pero todos eles semellaban pouco confiábeis a priori.

O pedido

O pedido fíxeno, para compensar o miña indiferencia polo Kindle, a través da tenda Amazon. Paradoxal que a propia Amazon tivera en stock o Reader e non o seu propio produto (ben, en realidade só tiña 3-4 unidades de cada modelo do Reader, o azul e o prateado). Primeira fronteira: a web avisaba de que este produto non se facturaba fóra dos EUA. Igual encomendeino. Parece que a política norteamericana para isto e para outras cousas é sempre a mesma: moi difícil entrar, moi fácil saír. E por que tanta volta? Porque á Sony non lle dá a gaña de comercializar o trebello en Europa, cando menos non directamente, e tampouco en todos os Estados. A min foime imposíbel achar o produto vía internet, aínda que teño lido que pode haber algunha tenda británica que os distribúa.

Ningún problema coa pasarela de pagamento, visa mediante, e bo sistema de seguimento do pedido. Aínda que advertían dunha data de entrega de case 30 días, chegou en menos de 10! Polo camiño unha chamada da FedEx ibérica desde Madrid preguntándome que demo era o que estaba a importar. Respostei que unha especie de PDA pero na factura que chegou co paquete puxeron lector de tarxetas. Conclusión: a seguranza nas alfándegas é cousa de meiguería.

O custo

O prezo esperado incicial de 299$ converteuse por algunha razón descoñecida en 399$. Sorpresa? Relativa, o Nadal axuda a controlar os nervos e a non maldicir a eses condenados ianquis. Así se vos afunda o dólar! Xa coñezo como funcionan as reclamacións ao consumo neste Estado e non tiña gañas de pelexar con 50.

A esa cantidade houbo que sumar os 90$ adicionais de gastos de envío non urxente, que é a tarifa ordinaria da Amazon. Ademais, malia a que non figuraba explicitado por ningures, a Chrono Express, parceira da FedEx no Reino de España, cobroume á entrega unha cantidade non prevista: gastos administrativos da importación e mailo IVA. Conclusión: a libre circulación de mercadorías ten o seu prezo.

Ao final o trebello custou 338,55€ na visa e 69,83€ do imprevisto, en total pouco máis de 400€. Moito? Pouco? Cada quen coa súa opinión, imaxino. Eu prefiro pensar no que vou aforrar e no que vou gañar en tempo de lectura. Un aviso: Desde que o merquei o seu prezo na Amazon abaratouse significativamente, e baixou de 299$ a 265$.

Primeiras impresións

O paquete sorprendeume pola súa lixeireza. Efectivamente, afastado o recheo, o cabo USB e o CD-ROM cos controladores e co manual, resta unha axenda tipo Moleskine só un pouquiño máis pesada que se for de papel.

O trebello trae unhas capas de coiro azul ás que o trebello se axusta de forma que fica encadernado como un libro. Estas capas posúen uns imáns que axudan a mantelas sempre pechadas sobre o Reader malia á súa flexibilidade.

A primeira chiscadela é que non hai manual en papel, só unha volantina coas cousas máis básicas. O manual está no CD-ROM nun ficheiro en PDF, pero tamén incorporado á memoria do trebello, para lelo coma un libro almacenado máis.

O idioma por uquer é o inglés (lembremos onde foi mercado), e só aparece en francés a volantina (non sei se por aquilo da súa vella internacionalidade diplomática ou simplemente porque o Quebeque cae moi perto dos EUA). O trebello está íntegramente en inglés e non posúe un menú de selección de idiomas. Porén, non ten ningún problema para presentar os caracteres dos idiomas latinos, nin nos metadatos do libros (título, autor) nin no seu contido (texto).

O tacto dos botóns é o normal, o habitual en calquera trebello, fan clic cando os premes (a min lembroume o dos reprodutores de DVD). Non funcionan nin con sensores nin con cousa moderna algunha. Supoño que así duran máis (iso espero).

O máis importante é a área de lectura, e ao primeiro é rechamante. Cando tentei describirlla a alguén sen ter o aparello diante retrotraínme no tempo a aqueles xoguetes de cando neno: os telesketch, nos que debuxabas nunha pantalla de ton púrpura movendo un cursor mediante o moevemento acompasado de dúas rodiñas. Isto do e-paper é algo claramente moito máis desenvolvido: o fondo ten unha ton branco suxo, case cincento, como o das follas de papel reciclado, pero o contraste dos textos sobre el é moi nítido.

A pantalla non é retroiluminada, por iso non cansa a vista e por iso as baterías do trebello duran o que aos utilizadores de portátiles e móbiles nos parece de entrada unha barbaridade. O texto lese mellor canta máis luz haxa no ambiente, como o papel de verdade. Os focos de luz directa crean un reflexo molesto, como nas pantallas dos PCs, pero a cuberta de vidro parece irregular pola súa cara interna, o que limita o malestar causado por estes reflexos.

A definición dos textos é inferior á dunha impresora láser (170ppp fronte a 300/600/1200ppp) e ollados de preto lembran ás primeiras impresoras de chorro de tinta. Non é unha carencia importante pero impide ler comodamente textos cun tamaño de letra inferior aos 8 puntos serif ou 7 puntos sans serif.

A primeira limitación do trebello é, por tanto, que non resulta recomendábel presentar en pantalla máis de 25 liñas de texto, ou aproximadamente 1375 caracteres por páxina (55 caracteres por liña). Dato friqui: a edición de Xerais de Os libros arden mal de Manuel Rivas ten aproximadamente un tipo de letra de 11 puntos, con 30 liñas e 55 caracteres por liña (1875 caracteres por páxina). Isto converte un libro en papel de 300 páxinas nun libro dixital de 500 páxinas.

Por todo isto é polo que eu asocio o trebello cun libro de peto ou de bolso, e por iso ligo o seu éxito comercial co público adolescente e xuvenil, aquel que na nosa época líamos as coleccións económicas de Jules Verne, Emilio Salgari, Isaac Asimov ou Stephing King.

Como funciona

Continuará…

 

8 Responses to 2008, ano sen papel

  1. eu di:

    :D Fai uns meses fixemos un estudo dun cacharriño similar , e agora eu téñolle moitas ganas ao de Apple… teño ganas de ler os teus comentarios!!!

  2. Que apetecíbel… Tes que contar.

  3. xabre di:

    É pecado preguntar polo prezo?

  4. pois eu son prehistórica: prefiro ainda o papel. Pero todo chegará… Apertas!

  5. opaco di:

    E o iLiad de iRex non o valoraches? ou porque o descartaches? :)

  6. Contos de estrelas e limons :: Porqué pode ser Kindle: o futuro do libro dixital :: January :: 2008 di:

    […] Eu non son unha persoa do todo obxectiva para falar de futuros do libro dixital. Paso horas diante dunha pantalla dun ordenador, que na meirande parte dos casos é de 12‘ ou 13‘, non imprimo nada salvo que sexa preciso por algún motivo xustificado e… adoro os libros. Teño moitos, moitísimos… gustame o ritual que rodea á lectura do libro, que vai dende a recomendación, a búsqueda, a compra, escreber o nome no libro (sempre: NAN / lugar e “ocasión”/ estación e ano) leelo tras pasar uns días na “pila” e logo prestalo a todo aquel que pase por casa. En todo caso, levo moito tempo desexando falar do libro dixital pero diferentes motivos fixeronme ir máis despaciño… e aída agardo as valoracións de Calidonia do seu novo trebello. […]

  7. Calidonia » Arquivo do blog » Transporte metropolitano gratuíto di:

    […] na cidade que aínda non experimentei. Chego ao traballo en media hora e podo ir lendo no Sony Reader o que me pete, ou escoitando a radio no móbil (inconmensurábel Paco Lodeiro). Que máis se pode […]

  8. Calidonia » 2008, ano sen papel (e II) di:

    […] xa case un ano que deixei pendiente a anotación titulada 2008, ano sen papel, na que vos falaba dun lector de libros electrónicos que dei en mercar. Vai sendo hora de que […]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*