Unha das análises máis brillantes sobre os resultados electorais do 27M que teña oído saíu da boca dun asisado José Luís Baltar, xa de madrugada, na Radio Galega.

Dicía Baltar que haberá que comezar a preguntarse por que o PP non pode pactar (case) con ninguén, colocando sobre a mesa a desconformidade dese seu sector do PPdeG coa política de “contra todos” que desenvolve o sector de Alberto Núñez Feijoo. O mesmo sector que obedecendo os designios da rúa Génova, e defendendo unha revisión do sistema electoral cara a fórmulas maioritarias, ao mesmo tempo anda a pedir a cabeza de José Manuel Barreiro, aínda sendo o PP a forza máis votada en Lugo, mentres Barreiro tenta botar balóns fóra culpando a Cacharro.

Sexa como for, os populares teñen xa a súa voz crítica interna. E os demais?

A outra análise máis certeira que teño lido é a que fixeron no blog Galpón de Breogán. Retratan moi ben os do Galpón as consignas postelectorais do BNG e do PSOE.

Os nacionalistas, agarrados á mensaxe de que “calquera prefire ter 3 concelleiros no goberno que 4 na oposición”, preguntándose que facer cos 2 edís de Ferrol, ou cos 1 ou 0 que teñen en nada máis e nada menos que 142 concellos.

Os socialistas, botando man dese instrumento de desinformación masiva que é a cartografía electoral televisiva instaurada por Diz Guedes, para mostrarnos que podemos atravesar desde A Coruña a Portugal sen pasar por unha soa maioría absoluta do PP. Como se todo o traxecto llo debéramos agradecer exclusivamente a eles, e como se non tivéramos que pagar portaxe.

É verdade que en termos estritos de poder político só hai unha análise posíbel: derrota sen paliativos do PP, vitoria do PSOE e media vitoria do BNG, se me é permitida a acotación.

É incontestable o avanzo das forzas progresistas en votos, porcentaxe, edís, concellos gobernados ou cogobernados, poboación gobernada… Houbo un gaño enorme para a suma PSOE+BNG, pero en xeral un gaño maior -máis que proporcional- para o PSOE que para o BNG. Haberá razóns para o optimismo, mais semella que o que gañou o nacionalismo sobre todo son máis preguntas a acumular ás que xa tiña sen responder.

En termos estritamente numéricos e de voto, a desaparición de maiorías absolutas –vellas e recentes- que se ten rexistrado parece máis consecuencia dun incremento da abstención -xeral pero maior nas cidades- e dun voto ao poder -fóra das cidades, e no que o xogaron favorablemente tanto o goberno estatal como probablemente en menor medida o autonómico-, que dunha procura consciente por parte dos votantes de gobernos progresistas bipartitos.

Un dos efectos que con perspectiva histórica se puideron apreciar agora grazas a estas eleccións é o influxo, importante e por veces decisivo, que tivo en 2003 o desastre do Prestige. A movimentación social de Nunca Máis determinara un resultado excepcional: era a primeira vez en toda a historia electoral galega que as forzas da esquerda consideradas conxuntamente avantaxaban claramente á dereita. Un ano máis tarde o 14M ratificaría aquela vantaxe.

Isto vén a conto porque ao compararmos os resultados do 27M cos das anteriores municipais sería bo ter presente aquel resultado excepcional que se rexistrou case en toda Galiza –vía aumento da participación, sobre todo nos concellos medios e grandes-, que favoreceu tanto ao PSOE como ao BNG, e que prexudicou ao PP.

Se temos en conta isto, hai que relativizar para ben o lixeiro descenso global do PSOE nas cidades, e ao mesmo tempo termos en conta que se o retroceso urbano do BNG é tan grande é por causa dun resultado que agora se visualiza como extraordinariamente bo en 2003, motivado por aquela circunstancia excepcional -un balón de osíxeno cando aínda non había o efecto de gobernar a Xunta e unha Deputación; imaxinen como lle tería ido ao BNG agora sen isto.

As sondaxes electorais, desta volta e coma sempre, deron unha de cal e outra de area, mais ninguén poderá negar que adiantaron cunha semana de antelación as dúas tendencias máis claras e diáfanas destas eleccións:

  • Nas cidades, o avanzo notable do PP en porcentaxe de voto –1,5 puntos nas enquisas que a realidade converteu en 6 puntos- e o retroceso igualmente importante do BNG -4 puntos menos, perfectamente adiantado polas enquisas-, fronte á estabilidade do PSOE -décimas arriba ou abaixo.

  • Nas vilas e concellos medianos en xeral, progresos das forzas do goberno bipartito –PSOE e BNG- e retroceso electoral do PP. Esta tendencia rexistrada nos concellos intermedios tamén é extrapolábel para os máis pequenos, aínda que nestes últimos o PP continúa a recibir máis votos que PSOE e BNG conxuntamente.

O BNG iniciou hai anos unha estratexia política diferente que procuraba non ser refén do PSOE e afondar no alargamento da dimensión nacional ou identitaria da sociedade. Esta aposta traía como corolario a entrada do nacionalismo nun electorado popular, en principio máis galeguista, de corte rural e vilego, nunha interpretación de moitos que eu non partillo.

A posibilidade do esfarelamento do PP e da conversión do BNG nun “catch-all party” nacionalista -ou no seu defecto o sempiterno e omnipresente debate sobre a aparición dun partido nacionalista de centro-dereita- tamén están presentes neste escenario polo que apostou o nacionalismo. Tamén resultaba patente que para lograr atraer aqueles votos eran precisas a derrota de Fraga e manter unha posición de poder político.

Á vista dos resultados destas municipais, parece que esa estratexia deu algún froito. Mais non sen custos.

Era evidente que dita aposta corría o risco de desencantar a moito electorado urbano –nomeadamente a aquel chamado votante dual PSOE-BNG, ás clases traballadoras e á mocidade en particular-, independentemente da súa adscrición identitaria. E iso está acontecendo.

A perda de voto nacionalista urbano é manifesta, xa que cunha participación semellante á de 1999 obtén un resultado bastante inferior ao de entón, ano en que acadaran as alcaldías de Vigo, Ferrol e Pontevedra. No conxunto das 7+1 cidades o nacionalismo pasou de 108.000 votos en 1999, a 128.000 en 2003 –Nunca Máis e 5 puntos máis de participación-, e finalmente a 98.000 nestas eleccións.

Se en vez de medir o voto nas cidades o medíramos nos concellos máis densamente poboados -o cal deixa nunha segunda tipoloxía a Santiago e Lugo, por exemplo, e introduce nesta, na primeira, a concellos de cintos metropolitanos e do litoral con máis de 500 hab/Km2- o resultado sería exactamente o mesmo.

Sendo isto un motivo de reflexión para todo o nacionalismo –dirixentes e militantes- non o pode ser menos o seguinte dato: Nas 7+1 cidades vota ao BNG a mesma fracción do electorado que vota ao BNG nos concellos pequenos, de menos de 5.000 habitantes: Pouco máis de 1 de cada 10 persoas adultas, o 10,8% (porcentaxe calculada sobre o censo total de electores, non sobre o voto emitido nin sobre o válido, independentemente por tanto do nivel de participación).

Nas eleccións xerais de 2004 e nas autonómicas de 2005 o BNG xa recollera menores porcentaxes de voto sobre o censo nas cidades que nos concellos medios, pero nunca tan apoucadas como nos pequenos.

Cómpre lembrar que a división rural-urbano que está tan solidamente instalada nos discursos, nas análises e nas praxes políticas non deixa de ser unha plasmación doutro fenómeno: as diferentes pirámides poboacionais que hai nuns e noutros concellos e o diferente comportamento electoral e ideolóxico das persoas en función da súa idade e das súas circunstancias vitais e relacionais.

Así, en propiedade, e sen desbotar un influxo adicional doutros factores -históricos, socioeconómicos, lingüísticos, de hábitat, etc…- o debate de ideas e propostas políticas debería abandonar de vez o discurso das boinas e os “birretes”, do galeguismo e do españolismo, porque o debate correcto é entre a Galiza que está por facer e a que vai ficando atrás. E neste debate son as cidades e os cintos urbanos e metropolitanos os que teñen máis importancia -en calquera sentido, electoral tamén.

Sabíamos ao PP preso destas dicotomías, pero o que non sospeitábamos é que o BNG ía acabar por ser arrastrado ao burato negro desta falsa dualidade, no mesmo intre en que o PP xa vén de superala en favor do sector máis “urbanita” e próximo a Madrid.

Desta arte, e paradoxalmente, unha estratexia política que procuraba soltar amarras do PSOE procurando un voto tradicionalmente alleo, está restrinxindo o medre do nacionalismo e condenando ao BNG a ser unha muleta necesaria do PSOE -e ás veces até innecesaria-, sen que se enxerguen posibilidades certas de que algún día poda entrar no electorado máis “ruralita” (sic) do PP sen estragar boa parte da base electoral propia. Cando menos nestas eleccións, e malia a estar gobernando na Xunta, non se pode afirmar que esta posición privilexiada de poder servira para algo máis que manter malamente o número de votos no conxunto de Galiza, compensando parte da perda nas cidades con pequenos gaños no resto do País.

A aposta por esta fallida estratexia populista en realidade está agochando a inexistencia de un outro debate, de máis calado político: A renuncia do BNG a abandonar determinados principios e teses que o ancoran nun extremo do espectro electoral galego, deixando aos ciclos baixos do PSOE ou ás posicións intermitentes de estadía no poder os seus avanzos electorais (cos seus conseguintes retrocesos).

Afírmase tras estas eleccións e con razón que xa non se pode falar dun sistema político galego bipartidista –nunca o foi e menos pode selo agora- mais aínda non se pode afirmar que estea consolidado un sistema de 3 grandes forzas. En moitos aspectos semella máis próximo dun sistema “de dous partidos e medio”, como con tino se ten apuntado.

Non se pode dicir que nestas eleccións o BNG afirmara a súa presenza en todo o territorio, e por tanto, menos aínda que acabara de afirmarse como forza con serias e xerais aspiracións de goberno. Con só 8 maiorías absolutas en 315 concellos e unha presenza residual na metade do País isto semella un dato incontestable.

Afírmase tamén que os resultados electorais galegos son comparábeis aos de Cataluña, o cal é certo se atendemos ao resultado conxunto das forzas progresistas, pero se ollamos illadamente ao nacionalismo decatarémonos de que, nas eleccións municipais, en Nafarroa houbo máis expresión nacional nas urnas do que en Galiza.

Antes do verán asistiremos ao arranque da precampaña das eleccións xerais que se celebrarán en marzo do ano próximo, salvo que medie un adianto. A vitoria nestas vindeiras xerais vai ser en principio moi disputada, e iso non beneficiará ao BNG, sobre todo nun tipo de eleccións que lle adoitan ser adversas e na que os seus rivais posúen varios trunfos.

A maior abstención -como a que se rexistrou nestas municipais- soe supoñer un maior peso do voto máis ideolóxico, e adoita ir acompañada dun fortalecemento das porcentaxes rexistradas polas forzas minoritarias e dun empeoramento das obtidas polas forzas maioritarias. Acontece xusto o contrario que cando existe unha participación masiva de última hora, moi relacionada co voto útil, co voto ao poder ou coa vitoria dunha das forzas que realmente teñen posibilidades de gañar.

Un escenario de participación alta e de carencia de expectativas de vitoria, como o que se aveciña para as eleccións xerais, é o máis complicado que se pode atopar o nacionalismo.

O PP aparece reforzado nas cidades, onde podemos afirmar que xa ten descontado o castigo do Prestige e das mentiras do 11M e o que puidera haber de lastre Fraga. O electorado urbano do PP en Galiza parece perfectamente homologábel ao de Madrid, tanto en ideoloxía como en comportamento electoral, sen esquecer que o candidato ás urnas “é de varias cidades galegas” –como reclamou en prensa nesta campaña. Prevese un xiro ao centro e cara á moderación do candidato Rajoy entanto outras persoas, colectivos e medios -algún partido como Ciudadanos mesmo- se encargarán de manter mobilizado ao electorado máis extremista.

Pola súa banda o PSOE afrontará dous grandes retos. Un é conseguir convencer a un electorado urbano tendencialmente abstencionista que o volva votar como en 2003 e 2004, sen que o problema irresolto da seguranza marítima ou o balanzo do Goberno Central en Galiza inviten ao optimismo. Outro é conservar para si o voto ao poder –estatal neste caso- que ten colleitado ultimamente na Galiza vilega e rural. A provincia de Lugo é o máximo expoñente do trunfo desta estratexia e de José Blanco nestas municipais.

 

5 Responses to Cifras e claves do 27M

  1. Okemos di:

    pouco se pode engadir máis que… brillante e sublime post

  2. nes di:

    As palabras de Baltar deberanse á súa inusitada sensatez ou a que é o único “da boina” que conserva o poder. Estará madurando o “golpe de estado” contra Feijoo? Non era éste o que se quería escindir hai ben pouco?

  3. Un di:

    Ola, gustariame que como ex-concelleiro de Fene nos explicases como perdeu o BNG en Fene despois da brilante xestión destes anos

  4. calidonia di:

    Ola Un

    Pódoche dar unha, a miña interpretación, pois é evidente que teño unha opinión formada ao respecto. Emprega un correo persoal no próximo comentario e podereiche mandar unha extensa análise ou, mellor, combinarmos e falar sobre o asunto.
    Grazas por escribir.

  5. Animais políticos - » Pactos entre o PP e o BNG di:

    […] Talvez se vise seducido polos argumentos de Baltar, que dixo o outro día (e Calidona dá fe) na Radio Galega que habería que buscarse un socio de goberno se non son quen de manter as maiorías. Ou talvez só queira sementar o desconcerto. Pero non deixa de resultar curioso que este home se esqueza de súpeto de que o máis Popular dos Partidos, o seu, leva toda a lexislatura dándolle moita máis caña o Bloque que o PSOE (Antón Losada mediante), que en Madrid non lles gustan nada estas cousas, que o BNG é, teoricamente alomenos, un partido de esquerdas e os seus votantes non lle ían poñer moi boa cara se pacta co… centro. […]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*