Artigo escrito incrementalmente durante a xornada de reflexión e o día posterior ás eleccións municipais

As estatísticas oficiais de Edificación e Vivenda amosan que o número de vivendas construídas en Galiza non fai outra cousa que crecer desde que hai datos publicados.

A gráfica indica que desde o ano 2001 medra ininterrompidamente o número de vivendas de nova pranta construídas. Naquel ano produciuse un decremento significativo respecto ao ano 2000 . Unha ollada máis atenta ao gráfico mostra unha serie de pequenos ciclos de aproximadamente 4 anos, que alcanzan a súa cimeira xustamente nos anos en que celebram eleccións municipais e no exercicio inmediatamente posterior.

Imaxe1

Non é moi difícil deducir que a construción e visado das vivendas, que é o que as fai entrar na estatística oficial, prodúcese un ano ou dous despois de as licenzas de construción teren sido concedidas polos concellos. De aí que se poida insinuar con algo de fundamento que xusto antes dos comicios coas urnas en algunhas ou en moitas localidade galegas se produce un incremento das licenzas outorgadas.

Así acontece en 1991, 1995, 1999 e en cadanseu ano subseguinte. Isto é especialmente notábel en 1999-2000, cando moitas cidades e concellos medianos cambiaron de cor política, poñendo gobernos do PSOE, do BNG, ou bipartitos, deixando ao PP co poder en só unha das sete cidades galegas.

En 2003-2004, en cambio, é máis difícil apreciar este fenómeno, quizá porque salienta menos o ciclo dentro do boom da construción nestes últimos anos, quizá porque os cambios de cor política que se produciron foron distintos e en concellos diferentes, polo xeral con menor poboación.

***

Se atendemos a outra fonte de información, esta vez a que fornece datos de licenzas de construción de vivendas de nova pranta por concellos, cuxa serie abrangue desde o ano 2000 até ao 2005, e desagregamos as vivendas construídas nos concellos do litoral e no resto de concellos, debrazámonos sobre un curioso fenómeno: no ano electoral de 2003 creceu de xeito anormal o número de licenzas de construción outorgadas nos concellos do litoral galego, superando amplamente as concedidas nos concellos do interior, cando normalmente se situaban por baixo.

Imaxe2

A pregunta a facerse é: antes ou despois das eleccións? A resposta é igual de obvia que a pregunta.

***

E qué pasaría se lográramos discernir políticamnte a intensidade da construción, se fósemos capaces de clasificar aos concellos pola súa cor política e ver despois que forzas son as que máis constroen? Pois unha vez catalogados todos os concellos e períodos electorais, pasaría o seguinte:

Imaxe3

O maior perigo para a paisaxe galega, para o melloramento das nosas vilas e cidades e para unha planificación urbanística responsábel está nas forzas autodenominadas independentes ou minoritarias, moitas veces creadas ad hoc para a ocasión.

Cando hai un alcalde independente as ratios de construción por cada 1.000 habitantes que presentan os concellos galegos se multiplican por 2 e até por 3 a respecto do que ocorrería cun alcalde de calquera das tres grandes forzas.

***

Temos visto que as anomalías a nivel de licenzas se rexistran no tramo final dos mandatos, aínda que os pasos previos das compras de terreos e recualificacións urbanístican teñan que producirse necesariamente antes, e probablemente o fagan de forma continua.

Temos visto tamén que os concellos do litoral son algo máis sospeitosos que os do interior, e que os concellos cunha densidade de poboación media sono máis que os máis densamente poboados (onde están as 7 cidades), e temos visto por último que os concellos con alcaldes independentes ou pertencentes a forzas minoritarias presentan unha maior propensión á dinámica construtora sen control.

Pero, que será mellor para combater a construción desbocada? Maiorías absolutas ou pactos de goberno? Este é o resultado para os concellos que denominei intermedios e que parecen estar no cerne do tufón:

Imaxe4

Parece por tanto, que onde hai gobernos de coalición ou pactos entre as forzas que rexen o Concello o urbanismo está submetido a un maior control, o cal é dobremente certo nos casos en que hai unha forza independente que gañou as eleccións en minoría.

A que se debe isto? Vixilancia mutua entre edís e grupos municipais? Madureza democrática do electorado e/ou da política? Cada caso é un mundo?

***

Entón, que concellos fican en situación de perigo inminente, vistos os resultados electorais do 27M e as posibilidades de pactos de goberno que se abren?

Enumero os concellos de mediano tamaño do litoral galego, ordeandos de maior a menor apoio a forzas independentes: Valdoviño, Narón, Sada, Neda, Oleiros, Xove, Malpica de Bergantiños, Cabanas, Pontedeume, Laxe, Arteixo, Cee, Miño…

Onde for posíbel debería haber pactos das tres grandes forzas políticas para deixar fóra do goberno a estas forzas, e alí onde non fora posíbel entrar no goberno para controlar de perto o urbanismo. Tamén as grandes forzas debería estar atentas ao que acontece en algúns dos concellos que eles mesmas gobernan, pois ninguén está totalmente vacinado contra esta pandemia.

Que dentro de catro anos non se diga que non se avisou.

 

4 Responses to Política e urbanismo en Galiza (II): concellos, partidos e mentiras con ladrillos

  1. Na Mariña lucense, mantiñamos a paisaxe de litoral máis ou menos limpo e na ultima lexislatura acabouse por consolidarse o boom inmobiliario sen xeito, bloques, urbanizacións e cemento e máis cemento…a excusa dos ingresos de licenzas e os postos de traballo é pan para hoxe e fame e destrución do contorno para mañá

  2. chuza.org di:

    Política e urbanismo en Galiza: concellos, partidos e mentiras con ladrillos…

    Calidonia analiza estadisticamente estas eleccións tomando como referencia o urbanismo. Cheo de gráficas e de datos interesantes….

  3. Supoño que son cousas que xa todos coñecemos ou sospeitamos, pero está ben velas nas negro sobre branco e tan ben documentadas. Enhoraboa polo teu traballo e agardo pola vindeira entrega.

  4. anoni di:

    Moi interesante.

    Curiosamente non houbo apenas propostas eleitoralistas que centraran a súa campaña exclusivamente na loita contra da especulación urbanística. Eu vin estas dúas:

    http://senesquecer.info/
    http://acealternativa.blogaliza.org/

    conocedes vos algunha outra?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*