Loading

Nos seguintes gráficos e comentarios combino datos de estatísticas e enquisas diversas. A gran maioría proceden dos arquivos do CIS, que completei an algún apartado cos últimos inquéritos e sondaxes publicados en Galiza acerca da questión do novo Estatuto (de Autonomía ou de Nación).

Sentimento de pertenza territorial

Nacion01

A maioría da poboación galega adulta declara sentirse tan galega como española, é dicir, non ten problema ningún en recoñecer esa dupla condición. Esta é a mensaxe coa que os media nos bombardean unha e outra vez. Mais este titular oculta outras realidades importantes.

A meirande é a que di que aproximadamente entre un 25% e un 40% da poboación manifesta sentirse antes galega que española ou só galega, entanto só un 10% aproximadamente declara o contrario, sentirse máis española ou só española. Por tanto, a poboación galega, aínda que partilla maioritariamente as dúas identidades, presenta unha inclinación máis evidente cara ao sentimento de galeguidade que cara ao de españolidade. Só un 10% da poboación aproximadamente escolle unha única opción, e nesa porcentaxe hai tantas persoas dunha opción como da outra.

Se atendemos á evolución temporal, no período para o que temos datos foi reducíndose a porcentaxe de persoas que se declara só galega, e tamén, aínda que menos, a da que se declara máis galega que española. En cambio, a porcentaxe oposta, de persoas que se senten só españolas ou máis españolas que galegas, mantívose máis ou menos estábel -con flutuacións moitas veces estatísticas- ao longo dos dez anos analizados.

Forma de Estado

Nacion02

Cando as persoas son preguntadas pola forma de organización do Estado que prefiren, a maioría contestan que o Estado das Autonomías, o que existe hoxe. É un resultado que vai en paralelo ao anterior, sobre a forma de organización do Estado, e que se podería resumir coloquialmente en que así estamos ben ou non estamos mal así.

Este resultado, a confirmación da validez do Estado das Autonomías, tamén é o que se repite titular tras titular cando nos media se comenta a penúltima enquisa dada a coñecer. Porén, isto obvia varias cuestións.

Unha é a elevada porcentaxe de persoas -10%- que non saben ou non responden a esta pregunta, pois simplemente non perciben ou non entenden en gande medida aquilo sobre o que se lles está a preguntar -só na última enquisa da USC esa porcentaxe é menor.

Outra cuestión é que se entende por Estado autonómico. É inamovíbel o nivel de competencias ou de autonomía política dunha CC.AA. ou pode variar? é o mesmo para todas as CC.AA.? Normalmente as posibilidades da resposta inclúen o complemento como até agora, que obriga a matizar a interpretación do resultado. Isto daría para toda unha monografía sobre o que realmente aconteceu até agora ou para o que axente percibiu que aconteceu até agora no Estado das Autonomías. Cantas desas persoas que o apoian estarían de acordo, por exemplo, en que Galiza tivese maior autonomía? Penso que as hai, aínda que só sexa polo feito de que o nivel de autonomía e competencias da CC.AA. de Galiza ten aumentado desde a súa creación, e esta pregunta tende a invisibilizar este segmento da poboación e a incorporalos nunha resposta que só nutre a porcentaxe dos que están por manter a situación e mingua a porcentaxe dos que peden algún cambio.

Alén disto, entre un 25% e un 30% da poboación manifesta que lle gustaría para Galiza maior autonomía ou mesmo a independencia política. Claramente, e independentemente da matización anterior, o centro de gravidade da sociedade galega está polo aumento da autonomía de Galiza.

O que tamén podemos observar de forma nidia é a redución dos que din preferir un estado centralizado, como o existente durante a ditadura e os anos da Transición. En 1994 representaban máis do 20% e hoxe menos do 8%, o que é unha contracción evidente que foxe a calquera flutuación estatística atribuíbel ás marxes de erro.

Grao de autonomía

Nacion03

Esta pregunta dá resposta ás cuestións que veño apuntando. A poboación galega desexa claramente maior autonomía para Galiza. É certo que aproximadamente a metade das persoas que responden están satisfeitas co nivel de autonomía, mais a outra metade pide unha maior autonomía. Só unha pequena fracción manifesta querer recurtar o nivel de autonomía.

Conflitos competenciais

Nacion04

O sentidiño imponse cando falamos de posíbeis -e máis que probábeis- conflitos entre CC.AA. e Estado pola xestión/financiación de competencias concretas. A inmensa maioría da poboación -60%- aposta por que Galiza negocie e colabore co Estado para alcanzar un acordo. Representan un 25% as persoas que defenderían un enfrontamento aberto co Goberno Central na defensa dos intereses galegos. Menos do 5% apoian o sometemento ao Goberno Central e a aceptación dos seus criterios, aos que podemos identificar cos partidarios do centralismo.

As preguntas das enquisas non incluían ningunha referencia á comparación ou contraposición de diferentes CC.AA., que é o xeito en que normalmente acaban dirimíndose estas cuestións, tanto na política como na percepción cidadá.

Nación ou rexión

Nacion05

Cando os entrevistados son obrigados a escoller entre eses dous conceptos -nación ou rexión- non hai dúbida: a maioría -case o 75%- prefire o termo rexión para denominar á CC.AA. de Galiza, fronte ao termo nacion, que só e soportado por aproximadamente un 15%. Só se temos en conta o 5% adicional de persoas que rexeitan ambos termos para denominar a Galiza podemos aumentar a porcentaxe que rexeita o termo rexión até o 20%.

Os datos son incontestábeis. Mais, que ía acontecer se ademais desas dúas opcións incluíramos por exemplo o termo país? Por acrecentar un que ten tamén connotacións xurídico-políticas. Poderíamos falar doutros máis coloquias, como terra. Non o podemos saber cos datos públicos dispoñíbeis, pero podemos intuir que o panorama mudaría substancialmente. A falta de coñecementos, a escaseza de consciencia sociopolítica, a febleza das convicións… subxacen novamente a estas respostas. É o mesmo fenómeno que subxace ao problema de escolla dunha fórmula axeitada para definir a Galiza no novo Estatuto.

Nacionalistas galeg@s

Nacion06

Só aproximadamente un 25% da poboación se define a si mesma como nacionalista galega. A porcentaxe é maior que a de persoas que prefiren demominar a Galiza como nación, o cal evidencia que existe unha parte dos nacionalistas galegos que prefire un termo diferente de nación para se referir a Galiza. Quizá pensen que Galiza aínda non é unha nación, ou que se vexan coartados por causa da opinión pública -e publicada- dominante.

Grao de nacionalismo galego

Nacion07

Unha forma diferente de medir o alcance da ideoloxía nacionalista galega dentro da poboación, é a que pregunta polo grao de sentimento nacionalista galego de cada individuo. Obviando a primeira enquisa -que non inclúe porcentaxes de NS/NR-, e se calculamos a media das tres enquisas realizadas en 2005 polo CIS, podemos concluír que dese 25% de nacionalistas galegos só o 5% declara ter un grao máximo de nacionalismo, e outro 5% se sitúa na metade da escala. En realidade, nese punto intermedio da escala, é dicir, que non manifesta nin o máximo nin o minimo grao de nacionalismo galego, observamos que hai até un 30% da poboación, ou sexa, tamén hai outro 25% de persoas que non se declaran nacionalistas e malia a iso se autolocalizan aí.

O que si se pode acreditar como induscutíbel é, ao mesmo tempo, o incremento da poboación que declara ter un mínimo grao de nacionalismo galego, o que me atrevo a apuntar como causa-efecto-reacción da consolidación do nacionalismo galego dentro do noso sistema político, aínda que tamén habería que indagar cuestións importantes como a herdanza dos 8 anos do aznarismo ou a importancia crecente da poboación inmigrante e da mobilidade (de fóra do Estado ou de fóra de Galiza).

Necesidade da reforma do Estatuto

Nacion08

As enquisas que se refiren a esta cuestión son todas de datas recentes. Hai un punto de referencia nas enquisa do CIS do ano 2005, que son os dous primeiros resultados que se mostran no gráfico. Os tres resultados seguintes no gráfico e no tempo proceden das enquisas de Vicepresidencia. Como pode verse existe unha clara diferenza de nivel entre as do CIS e a primeira de orixe institucional, e as dúas últimas. Só en parte considero esta diferenza motivada polas diferentes posibilidades de respostas á pregunta formulada e que tiven que agrupar para posibilitar a súa comparación.

A porcentaxe de poboación que considera moi necesaria a reforma é mínima, do 10% en calquera das enquisas. A fracción das persoas que a consideran necesaria ou bastante necesaria é moi variable, e aumenta en paralelo a como diminúe a fracción da poboación que non ten opinión (información?, formación?) sobre o tema ou que prefire non responder.

A parte que considera a reforma pouco ou relativamente necesaria ou que directamente a considera innecesaria, é maioritaria nas tres primeiras enquisas e minoritaria nas dúas últimas. Sen entrar a formular máis hipóteses quedaríame co dato de que hai moita indeterminación e división a partes iguais no conxunto de resultados entre os que apoian a reforma e os que se mostran indiferentes ou en contra. O que, por simplificar, podemos identificar respectivamente cos que desexan máis autonomía e cos que non.

Urxencia da reforma do Estatuto

Nacion09

Esta pregunta só foi formulada nas enquisas de Vicepresidencia, polo que non hai puntos de comparación con outras fontes. Segundo a mesma a reforma é moi urxente ou urxente para o 35% da poboación. A maioría dos que responden a consideran nada, pouco ou relativamente urxente. Inclúo o cualificativo relativamente neste grupo pois presupoño que ten connotacións máis ben negativas, como acho que fai a xente cando lle pon peros a algo.

Alcance da reforma do Estatuto

Nacion10

Os resultados a esta pregunta volven corresponder a enquisas de Vicepresidencia, sen que teña podido conseguir datos públicos para outras fontes -quizá os haxa-.

A pregunta sobre o alcance da reforma retoma o patrón de respostas que vimos ao describir o desexo de maior autonomía para Galiza. Segundo isto o 55% da poboación apoia que o Estatuto recolla maiores competencias para Galiza. O desexo social latente, que non se traduce directamente en sentimento nacionalista nin en apoio ao concepto de nación, si que se materializaría se o que se pregunta é o alcance da reforma. Que é máis intelixente entón? Falar de se vai haber ou non reforma estatutaria, ou transparentar á sociedade o seu contido e discutir o seu alcance?

Nacionalismo

Abaixo todas as nacións,
dixo aquela especie de mendigo.
¿Todas?
Todas.
Todas, agás aquela
que dea boa sombra.

MANUEL RIVAS (Ningún Cisne, 1989)

– CIS (1994), Estereotipos regionales. Formas de organización do Estado.

– CIS (1996), Situación social y política de Galicia. Sentimento de pertenza territorial.

– CIS (1997) Preelectoral de Galicia, elecciones autonómicas. Sentimento de pertenza territorial. Datos diferenciados por provincias.

– CIS (1998 ) Instituciones y Autonomía. Galicia.. Sentimento de pertenza territorial. Formas de organización do Estado. Forma de resolución de conflitos entre os gobernos autonómico e central. Concepto preferido para se referir a Galiza. Escala de rexionalismo ou nacionalismo, segundo concepto preferido.

– CIS (2001) Preelectoral de Galicia, elecciones autonómicas. Sentimento de pertenza territorial. Datos diferenciados por provincias.

– CIS (2001) Postelectoral de Galicia, elecciones autonómicas. Sentimento de pertenza territorial. Escala de nacionalismo. Datos diferenciados por provincias.

– CIS (2002) Instituciones y Autonomía. Galicia.. Sentimento de pertenza territorial. Formas de organización do Estado. Forma de resolución de conflitos entre os gobernos autonómico e central. Concepto preferido para se referir a Galiza. Escala de sentimento rexionalista ou nacionalista galegos, segundo o concepto preferido.

– CIS (2005) Situación social y política de Galicia. Sentimento de pertenza territorial. Formas de organización do Estado. Nivel de autonomía desexado. Condición de nacionalista galego. Escala de sentimento nacionalista galego. Urxencia da reforma estatutaria. Datos diferenciados por provincias.

– CIS (2005) Preelectoral de Galicia, elecciones autonómicas. Sentimento de pertenza territorial. Escala de sentimento nacionalista galego. Datos diferenciados por provincias.

– CIS (2005) Postelectoral de Galicia, elecciones autonómicas. Sentimento de pertenza territorial. Formas de organización do Estado. Concepto preferido para se referir a Galiza. Urxencia da reforma estatutaria. Reforma constitucional.

Top