Enquisas e sentimento de nación en Galiza (I)
Nun País no que a maioría dos galegofalantes aínda chama ‘encuesta’ (en castelán) ás enquisas, sondaxes ou inquéritos (do mesmo xeito que di ‘abuelo’, ‘escuela’ ou ‘jueves’ ) sen poñerse de acordo na denominación do instrumento, tentar deitar algo de luz sobre a cuestión semella un emprendemento un tanto ousado pola miña banda.
As enquisas están converténdose nun instrumento de utilización partidaria e de perversión informativa, e están a converter a información en malformación, quer dicir, están cada vez máis lonxe da formación.
O último baile vén dado pola realización de enquisas de análise sociolóxica desde tres departamentos diferentes da nova Administración autonómica (até tres!, Consellaría de Presidencia e EGAP polo PSdeG-PSOE, e Vicepresidencia polo BNG).
Servizo público ou aproveitamento partidista? Non vou entrar eu nese debate que xa se deu noutros foros e que a forza dos feitos teima en inclinar do segundo termo. Por iso é tan difícil que os que acreditamos na validez das enquisas como instrumento de debate e formación sociopolítico teñamos que ir sempre contra a corrente e cara ao vento.
O caso é que se ben o servizo é o mesmo que, por exemplo, leva realizando desde hai moitos anos o Goberno Vasco, alí teñen ben clariño que só hai un departamento encargado diso, asociado á Lehendakaritza. Ese Gabinete de Prospección Sociolóxica do Goberno Vasco, aínda que naturalmente tamén realiza e publica enquisas respondendo ás necesidades da axenda gobernamental, o certo é que polo menos ten rigor e seriedade. Co que ten chovido na última década, os seus resultados sempre foron coherentes, e mesmo nos momentos máis crus da campaña do PP de Aznar contra o nacionalismo vasco (que contou para a súa causa coa manipulación técnica e mediática do Euskobarómetro, a enquisa realizada periodicamente desde a Universidade do País Vasco) os responsábeis deste departamento resistiron o impulso de servir a bando ningún, e conseguiron ofrecer información coherente, sen rachar coas metodoloxías e as series históricas.
En Catalunya, foi sonado o fracaso do departamento análogo creado a tal efecto na Generalitat, salsieirado por unha evidente manipulación de resultados en tempos de CiU.
Do CIS, case mellor deixo a banda deseñada falar por min, aínda que se hai que ser exactos cómpre dicir que se ben debemos desconfiar da súa cociña (estimacións de voto) debemos valorar na súa xusta medida os demais estudos e datos que publica, sen esquecer que malia a todo é o autor de enquisas máis fiable que existe en España. Empregarei varios dos seus estudos na continuación deste artigo.
En xeral, a creación e mantemento destes departamentos reflicte unha realidade teimosa: a utilización cada vez máis frecuente de sondaxes políticas e de opinión polas distintas forzas políticas. Nun primeiro momento debemos felicitarnos de que o político de turno abra os ollos ao mundo aí fóra e poida realizar un contraste entre as súas ideas (cando as ten) e as da sociedade (cando as ten). Mais o que acaba por acontecer, desgrazadamente, é que un instrumento de grande utilidade vira con maior frecuencia da desexada no único instrumento utilizado por políticos e gobernantes para pulsar a opinión pública, esquecendo a verdadeira democracia participativa. Ou sexa, as enquisas convértense noutra forma de autismo máis requintada e remata por ser posta aos pés de quen manda para contentar os seus desexos. O corolario é que algúns favores acaban pagándose, reproducindo lóxicas de clientelismo e manipulación informativa impropias dun goberno de calquera cor.
Aquí en Galiza, a existencia de tres departamentos autonómicos dedicados a esta tarefa, ou polo menos que promoven a súa realización, é unha afronta ao sentido común, á eficiencia no gasto público, e á deontoloxía de calquera persoa que traballe na socioloxía, na politoloxía e, por suposto, na estatística aplicada aos estudos de opinión. O único que revela esta triplicidade é, dun lado, a inexistencia de coordinación entre socios de goberno na nova Xunta (cando non unha situación de enfrontamento a ‘campo’ aberto), e doutro lado, o grao de dependencia do PSdeG-PSOE dos cadros dirixentes do antigo Reitorado de Darío Villanueva na USC (reitorado que algúns coñecemos nas súas interioridades e do que non podemos máis que desconfiar abertamente).
Nas últimas enquisas sociopolíticas feitas públicas no noso país, elaboradas por dous departamentos diferentes da Xunta de Galiza e polo Equipo de Investigacións Sociopolíticas da USC, evidenciouse como a natureza dunha investigación pode ser influenciada e alterada polas diferentes ideoloxías e os intereses partidarios confrontados de quen as elabora e/ou as encarga.
As publicadas pola Dirección Xeral de Relacións Institucionais (BNG, Vicepresidencia) presentan algúns resultados estraños e algunhas porcentaxes que supoñen máximos históricos entre as enquisas de temática semellante. As publicadas pola Dirección Xeral de Análise e Proxección (PSOE, Presidencia) marcan o contrapunto das anteriores. E por se houbera pouca lea, a recentemente presentada baixo o nome e marca da USC vén marcar mínimos históricos noutros indicadores. Todas elas contribúen a confundir e saturar o xa de por si frustrado debate acerca do novo Estatuto galego, e deixan á altura do estrume a confianza que o público en xeral ten acerca das enquisas e da política realmente inexistente levada a cabo polos partidos galegos. O maior paradoxo é que todas as persoas que promoveron a realización destas enquisas teñen unha orixe común: a Faculdade de Ciencias Políticas da USC.
- zerovacas
- http://www.blogoteca.com/deposito Depósito
Véndese
Interesad@ na mellor enciclopedia galega e en galego para ti ou para un agasallo? Conséguea de segunda man e case nova por menos do 15% do seu prezo de mercado aquí.
Traducir·Traduzir·Translate
Servizo fornecido por OpenTradFacebook
Indicadores IGE
Etiquetas
#15m #22m 2011 abstención alcaldía autonómicas bipartito bng canción cis concello coruña demografía dixital economía eleccións enquisa estatística estimación facenda galego galicia galiza house effects inquérito lingua localización mapa multimedia municipais municipal música nacionalismo partido poboación política postelectoral psoe reprodutor resultado sondaxe songbird tradución voto xunta





