Loading

catalunya06

1. CiU vai gañar as eleccións sen maioría absoluta, xa o sabemos. A diferenza sobre o PSC vai ser maior do que algúns medios e institutos deron a entender coas súas enquisas (falo de Opina-PRISA). Existe a coincidencia acerca dunha mala campaña de CiU e Mas, e aínda así non parece perigar a vitoria. A tendencia de longo prazo de CiU é a de aumentar o seu voto e os seus escanos. Falta ver que ese retroceso que debuxan as enquisas máis recentes se verifique nas urnas, porque o voto útil só o poden gañar PSC e CiU, e o de castigo, ICV e a abstención.

2. O PSC é o derrotado grande. MAD-BCN en permanente tensión e disintonía. Montilla non callou na cidadanía catalana. Maragall, con todo o que choveu, segue sendo o líder máis valorado. Hai algúns anos Maragall tamén era o político do Estado máis valorado con diferenza polo electorado da esquerda galega, nacionalista ou non. Non acho que cambiara moito esa percepción. Háse lembrar o que logrou co Estatut e hano botar de menos. Eu xa o fago.

3. ERC é o grande derrotado. Quen sementou esperanzas colleitou fracasos abondos. A dimensión social da súa labor política foi opacada polo Estatut e o debate identitario. En termos absolutos o máis castigado será o PSC, mais en termos relativos será ERC. Aquí e en España será o PSC (xa se encargará o PP diso), mais en Catalunya vai ser ERC. Unha luz laranxa debe se acender entre os que teñen a ERC como referencia nos debates internos do nacionalismo galego. Se isto acontece cos de Carod en Catalunya, que non pasaría na Galiza…

4. Mentres o castigo ao tripartito vai ir contra o PSC e ERC, ICV e Joan Saura situarase nun ciclo elevado de apoio electoral, coma sempre que hai crise nas grandes forzas progresistas, mais parece difícil dar o salto cara outro lugar. E iso malia a que, desde fóra e sen máis informacións, son os que achegaron máis seriedade, sentidiño e bo facer ao tripartito. Ogallá houbese espazo en Galiza para unha forza como esta (non falo do EU-IU que coñecemos, claro é, fáltanos Historia).

5. A facilidade e a rapidez con que CiU e a sociedade catalana foron capaces de fabricar un líder como Mas sorprende e dá envexa. Duran i Lleida é, ao mesmo tempo, tan coñecido e valorado coma Mas (mesmo máis). Dous líderes, dúas organizacións, sensibilidades e electorados diferentes, todo en aparente harmonía. Non se podería facer algo así por aquí? Será que tres (ou máis) son multitude…

6. As políticas de coalicións postelectorais son totalmente incertas, pois as preferencias entre os votantes de cada forza se dividen practicamente ao 50% entre a opción A ou a B. Desde logo, a solución final vana escoller os políticos vistos os resultados, non as querencias dos electorados. Todo sona a cambalache e a solución imperfecta. Ten razón Mas cando agoira unha lexislatura inestábel. Se non viran as tornas no último momento temo que iso será o que pase.

7. O crecemento de CiU visto en perspectiva correspóndese claramente co devalar de ERC (os medres dun son as perdas do outro, e viceversa). Desfaise boa parte do acontecido nas anteriores eleccións. Semella imposíbel que a suma de votos de ambas as dúas forzas vaia aumentar e propiciar un goberno integramente nacionalista. Doutro lado, reeditar o tripartito, despois do fiasco e cunha vitoria máis ou menos clara de CiU, semella unha saída que a sociedade catalana non ve tan clara como hai 3 anos. Ainda que as tres forzas do Govern sumen maioría absoluta, o 60% dos cataláns desexan un cambio de/no goberno. Se ERC volve ter a chave dun goberno, cousa que esta por ver aínda, terán unha posición máis feble e seguramente lles quedará moito por ver chover.

Top