Parafraseo o título da última novela de Suso de Toro aproveitando que dou coa noticia da celebración estes días do II Congreso Internacional de Onomástica Galega.

Nesta entrevista a unha das relatoras afírmase que só 200 apelidos abondan para nomear o 60% das galegas e galegos. Alén diso, advírtesenos do perigo que corren perto de 11.000 apelidos infrecuentes que só aparecen no segundo lugar e que poden chegar a desaparecer co cambio de xeración, se nais e pais non deciden alterar a orde que tradicionalmente se vén usando (primeiro o do pai e logo o da nai), cambio que xa permite facer a lexislación actual.

Entrementes lembro o romance Todos os Nomes de José Saramago, resolvo introducirme na pel do personaxe principal. Imitando o mesmo exercicio que outrora fixera O ollo da vaca cos nomes da primeira especie animal galega en importancia (medida ao peso, como non!), comezo a debullar unha base de datos para extraer algunhas conclusións…

Apelidos máis frecuentes:

  1. Rodríguez, Rodrigues (relación 1695:1)
  2. Fernández, Fernandes (1642:1)
  3. González, Gonzales, Gonçalves (4698:4:1)
  4. López, Lopes (1945:1)
  5. García
  6. Pérez, Pires, Peres (10322:20:1)
    7, Martínez, Martins (318:1)
  7. Vázquez, Vásquez (2048:1)
  8. Álvarez, Álvares (1646:1)
  9. Gómez, Gomes, Gómis (2042:5:1)
  10. Castro

Apelidos deturpados máis frecuentes:

  1. Iglesias (non se acharon formas normalizadas ou restauradas, usábase para as inscricións de recén nados con pai descoñecido, como dos Santos)
  2. Blanco / Branco (847:1) (tamén pode ser un topónimo, con orixe xermánica blank-, como en Os Blancos)
  3. Otero / Outeiro (111:1)
  4. Rey / Rei (305:1) (a presenza do i grego é moi abondosa neste e noutros apelidos, só en parte como resto da escrita antiga)
  5. Lorenzo / Lourenzo (1377:1) (pode haber apelidos provenientes doutros territorios, mais semella clara e maioritaria a castelanización, como en Losada/Lousada, Lozano/Louzao, etc.)
  6. Romero (non se achou a forma Romeiro, si Román, que estarían ligadas á chegada de peregrinos e relixiosos polos Camiños de Santiago)
  7. Arias / Airas (74:1)
  8. Villar / Vilar (3:1) (nunha parte consérvase como resto da escrita antiga o duplo l, malia á pronuncia simple)
  9. Mosquera / Mosqueira (65:1)
  10. Yáñez, Juane(s) / Seoane (1:1,6) (de Iohannes -> Eanes, o único destes casos no que a forma galega é maioritaria)

Aproximadamente o 11-12% dos apelidos usados na Galiza corresponderían a formas deturpadas ou castelanizadas en algún momento da Historia.

Nomes masculinos máis frecuentes:

  1. José / Xosé (360:1)
  2. Manuel, Manoel (4909:1)
  3. Antonio, Antón (399:1)
  4. Luis, Lois (441:1)
  5. Jesús / Xesús (328:1)
  6. Juan / Xoán (138:1)
    7, Francisco (318:1)
  7. Ramón, Moncho (2860:1)
  8. Ángel, Anxo (161:1)
  9. Carlos

Nomes femininos máis frecuentes:

  1. María
  2. Carmen, Carmela, Carme, Carmiña (5507:7:6:1)
  3. Josefa, Josefina, Fina (295:59:1) (non se acharon formas normalizadas)
  4. Dolores (non se achou Dores)
  5. Pilar
  6. Rosa
    7, Teresa (non se acharon outras formas)
  7. Manuela
  8. Isabel
  9. Mercedes (non se acharon outras formas)

Déixase notar que a utilización de nomes correspondentes a formas galegas modernas é máis frecuente nos homes que nas mulleres. O carácter netamente feminino dos procesos de perda de uso da lingua galega é unha constante que se observa en todos os fenómenos sociolingüísticos de Galiza.

Así as cousas, non está de máis lembrar algunhas ligazóns da rede referidas á restauración ou (re)galeguización de nomes e apelidos, para devolvelos á súa forma xenuína ou para adaptalos ás normas ortográficas e fonéticas propias do galego (ou galego-português):

  1. CIG
  2. Universidade de Vigo
  3. Redondela
  4. A gentalha do Pichel
  5. A Mesa
  6. Agal
 

6 Responses to O home sen apelido

  1. Cesare di:

    Deturpado??
    Ben, non vou insistir en que falar en lingüística e en política lingüística de deturpación é ter un nivel semellante ao de goebbels. Pero en calquera caso parece bastante atrevido dende o punto de vista filolóxico dicir que Blanco e Iglesias son formas castelás correspondentes a un hipotético galego Branco e Igrexas.

    E xa indo ao ideolóxico, pra min non representa ningún problema que se perdan os meus apelidos (que se han perder) se aparecen outros como Lee, Cevallos ou Touré. Quzais pra vostede si.

  2. calidonia di:

    Por certo, uns días despois de publicar esta anotación entérome de que ILG e CESGA están a preparar unha páxina web para consultar en liña a distribución xeográfica dos apelidos galegos, o que pode resultar moi últil para localizar orixes no caso de apelidos pouco comúns.

    Chamoume a atención porque era unha cousa que xa se me pasara pola cabeza e que fixen para uns cantos apelidos de achegados, con axuda dun programa SIX.

    http://www.xornal.com/article.php3?sid=20061021203705

  3. calidonia di:

    Deturpar: 1. Afear, facer que algo se volva feo. 2. Alterar negativamente algo; deteriorar, estragar. 3. Modificar ou alterar o sentido das palabras ou escritos. 4. Dexenerar, viciar, corromper o ánimo e os costumes.

    Benquerido Césare:

    Antes de nada deséxolle boa sorte no seu novo empredemento vital. Coido que non tiven ocasión de lle deixar un comentario no seu blogue, así que me permito facelo aquí.

    O verbo deturpar sei que está cargado e cangado de connotacións ideolóxicas, dado que adoita usarse sempre para denunciar na nosa sociedade, con maior ou menor acerto, o proceso de perda da identidade lingüística e cultural galega por influenza, nuns casos, imposición, noutros, e calculada eliminación, noutros cantos. Coincide que estas denuncias adoitan (adoitamos) facelas sempre as mesmas persoas, cunha ideoloxía (política pero non necesariamente partidaria) coincidente. Até aí comprendo a súa máis que posíbel fartura polo termo.

    Pero como noutras discusións recentes a miña posición persoal é profesar amor e respeito pola lingua, as palabras e os conceitos, máis alá do uso ou abuso que sofren por parte das persoas e institucións, e seguir empregándoas. É por iso que me permito falar, por exemplo en relación cos incendios, de terrorismo (pódese consultar novamente o dicionario) sen que se me caian os aneis ao chan. Han pasar persoas e ideoloxías e han permanecer as palabras e os conceptos, que mudan máis de vagar.

    Agora ben, situar a miña anotación ao nivel de Goebbels non deixa de ser unha “boutade” pola súa parte que quero atribuír a un momento de quentura. Non quero pensar que teña que ver coa perspectiva diverxente que mantemos acerca do blogomillo, fenómeno que recentemente Vostede afirmou ter desaparecido ou finado, cando menos nunha concepción primixénea que Vostece concibía como válida. Permítome lembrarlle isto para que intente establecer un símil ou analoxía entre o que eu afirmo acerca da desparición dos apelidos e o que vostede afirmou acerca da desaparición do blogomillo. Non pretendo obrigar a ninguén a facer nada co seu apelido, ou a poñer de moda a conxunción “e” entre varios apelidos como sinal de “rancio abolengo”. De entrada o que fago é advertir do perigo de perda de formas galegas a quen se callar non se deu conta e decide facer algo ao respecto. Logo, efectivamente, opino máis cousas.

    Admito, como non podía ser doutro xeito, críticas do punto de vista filolóxico, materia na que eu non son un especialista, e téñoo por mellor formado ca min nese eido, sen lugar a dúbidas. Quizá poida desenvolver máis as súas ideas e ilustrarme con iso.

    Mais direille que se volve ler con atención o que escribín comprobará rapidamente como no caso de Blanco advirto da posibilidade de que iso non sexa un castelanismo senón un arcaísmo. É evidente que non me atrevo a cuantificar cantos deses casos deveñen dunha castelanización forzada pola Igrexa ou o Rexistro Civil (léase: por persoas pero tamén polos poderes que hai detrás). Porén, a existencia da forma Branco evidencia ao meu entender que hai unha forma xenuína galega (probablemente empregada como alcume para se referir a alguén pola cor da súa face ou pel, xa ve Vostede como eran os galegos de antes e como as gastaban antes cos mouros e Mauros). A asimetría na distribución é moi semellante á doutros casos máis evidentes de castelanización da forma galega, e suxíreme que boa parte dos Blanco foron Branco algunha vez, e que se agora son Blanco o son non por arcaísmo nin por vontade dos proxenitores, senón pola acción castelanizadora e deturpadora dos axentes que antes mencionei.

    O caso de Iglesias é clamoroso e obedece a que os cregos usaban o idioma castelán para anotar nos seus rexistros eclesiásticos os nomes de recén nados sen pais coñecidos, abandonados ou dos que se facía cargo a Igrexa. Isto é o que eu teño lido ao respecto, e non dito precisamente por calquera blogueiro ocorrente coma min ;-) Non pensaba atopar a estas alturas un Igrexas, mais si algún Eirexas ou algunha forma semellante, pero non dei con ela. Se coida que o emprego da forma Iglesias, en troques doutras formas, ou de alternativas como Dos Santos e análogas que existen noutros territorios e linguas próximas a nós, non constitúen un proceso castelanizador, sen importar a altura histórica e as causas polas que iso acontece, entón é evidente que opinamos cousas diferentes. Isto é un fenómeno sociolingüístico e histórico que se pode constatar á marxe das ideoloxías.

    Entrando de cheo nelas, e defendendo como defendo a diversidade lingüistica e cultural o mesmiño que a discriminación positiva (introducindo este concepto coido que me expresarei e me entenderá mellor), só podo dicir que ese proceso de desaparición e/ou substitución de sinais de identidade (non per se, senón polo que significan de fondo) son síntomas dunha situación de desigualdade que cando menos eu non considero xusta, natural ou inocente. Direille, ademais, que ese proceso non me gusta, efectivamente, como non me gusta que se perda o idioma galego-portugués na súa variante galega, ou que se perda a música folclórica popular, embora podo admitir que iso pode acontecer (ou acontece mesmo) e entrementes sobrevivir a iso, gozar apredendo catalán na intimidade e bailando música dance no Insomnia.

    Recoñezo que hai xente que pode non darlle a máis mínima importancia a isto, ou mesmo consideralo unha intromisión na súa intimidade ou un fundamentalismo nacionalista, como parece ser o seu caso. Iso non deixa de ser, do meu punto de vista, outro sinal de bendita diversidade, e aínda que non partille o seu parecer podo entendelo sempre que non caiamos nos prexuízos e nas descualificacións.

    Que Vostede o pase ben polo Norte. Non deixe de visitar a antiga terra dos Caledones. Quen sería que acabou con eles? Malandrines…

  4. Xavier di:

    É mais que evidente que o 98% dos apelidos galegos estão na forma deturpada (isto é, em castelhano). E os que querem galeguizá-los, nomeadamente para a forma galego-portuguesa. Só atopam travas e multidom de trámites burocráticos.
    No entanto, recomendo a informaçom disponível no PGL para fazê-lo:
    http://www.agal-gz.org/modules.php?name=News&file=article&sid=2707

  5. calidonia di:

    Olá Xavier, bem-vindo ao meu blogue.

    Lamento dizer que discrepo da sua primeira afirmação. Quando menos não acredito que se possa calcular uma percentagem tão elevada para o nível de deturpação ou castelhanização.

    Há inúmeros apelidos que embora têm uma grafia coincidente coa do castelhano, ou diferente do português padrão, não estão necessariamente castelhanizados.

    As formas rematadas em -ez podem ser tão galegas como as rematadas em -es, pois há vários casos da primeira forma documentados na escrita galego-portuguesa medieval.

    Outras formas derivam de vacilações fonêticas e ortogrâficas que só cabe atribuir à ignorância ou à boa vontade dos escrivãos, não necessariamente a um processo castelhanizador. Isso é polo menos o que eu tenho lido ao respeito, investigando na origem de alguns apelativos.

    Obrigado pela ligação. Incorporo-a desde já à anotação.

    E por se o não disse antes, sei de algum Montoya que é mais galego que muitos Carbalheiras. Mais, isso sim, não são nem a norma nem a excepção. Simplesmente são.

  6. calidonia di:

    Novidades:

    Nesta web podes consultar a distribución dos teu apelidos por concellos (Galiza).

    Nesta web podes consultar a distribución dos teu apelidos por provincias (España).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*