Coincidindo coa conmemoración do 17 de Maio -cústame falar de celebración- quería aproveitar para subirme ao carro dos cépticos e escribir algo non demasiado optimista sobre a presenza da nosa lingua na rede.

Desde que isto dos blogs comezou a saltar con frecuencia ás páxinas dos xornais tense montado moito balbordo acerca da definición da comunidade blogueira. Confundindo o Touriño coa velocidade tense falado de BloGaliZa como se se tratar do BlogoMILlo ou do BlogoMILlo como se se tratar da BloGoESfera. Tense afirmado, erradamente, que a maioría dos blogs galegos empregan o galego.

Co ánimo de botar algo de luz sobre esta cuestión púxenme a facer un experimento para tentar determinar a porcentaxe de blogs galegos -escritos por galeg@s- que están nun ou noutro idioma.

Posibilitar a determinación destes números pasou por asumir varias hipóteses de traballo:

– Determinar a porcentaxe de blogs nun e noutro idioma en función do número postaxes publicadas en galego ou en castelán. Supoñemos, portanto, idéntica propensión á publicación de anotacións por parte dos blogs e d@s blogueir@s nun e noutro idioma.

– Facer abstracción das postaxes escritas empregando calquera outro idioma. Isto inclué as anotacións feitas coa norma ortográfica do padrón de Lisboa por razóns restritamente técnicas e non lingüísticas.

O principal obstáculo a salvar nesta tarefa reside en que, entanto para o galego das normativas oficial e reintegracionista se poden identificar con bastante exactitude a residencia ou procedencia territorial dos autores, non acontece o mesmo para o castelán, caso no que entraríamos a considerar unha chea de blogs escritos desde fóra de Galiza.

Creo terlle dado unha solución satisfactoria a este atranco empregando un novo filtro de identificación de fluxos ou feeds, no que ao criterio netamente lingüístico se lle suma un criterio pseudoterritorial consistente en escoller e contabilizar aquelas anotacións que falan de lugares determinados: a través da utilización de topónimos.

Fixen varias probas con topónimos inequivocamente galegos e aos que rara vez a comunidade blogueira se referiría se non fose porque os autores/as son de Galiza.

Isto obrigoume a excluír como filtros válidos a maioría dos topónimos de cidades e de concellos turísticos -son obxecto de comentario por moitos blogs de fóra- e, en xeral, todos aqueles topónimos que teñan homónimos noutras partes do mundo ou que coincidan con palabras escritas noutros idiomas. Pola escaseza de blogueir@s e de anotacións tamén non foi posíbel empregar topónimos de concellos pouco populosos e microtopónimos.

O resultado destes cálculos, con 6 lugares seleccionados de forma aleatoria, 2 pertencentes ás provincias máis populosas e 1 ás que menos, é o seguinte:

porcentaxe_de_blogs_galegos_en_galego_e_castelan

Só o 16% dos blogs (ou dos posts) galegos empregan a nosa lingua. Non pensedes que quedei satisfeito co resultado. Probei con outras combinacións de lugares e as porcentaxes resultantes non mudaban significativamente e se situaban sistematicamente entre 9 e 24 puntos porcentuais.

Pode que o sistema non sexa nin moito menos perfecto e pretende ser só unha aproximación. Mais acho que é o suficientemente representativa da situación actual da lingua galega en Galiza, e sobre todo entre a mocidade, que é esencialmente a usuaria da rede e dos blogs.

A título comparativo, os datos do Censo de Poboación do ano 2001 situaban a porcentaxe de uso do galego ‘sempre’ aproximadamente entre o 50% e o 40% da poboación menor de 40 anos. Sen dúbida a presenza de internautas é maior canto menor é a idade e iso pode facer que a comparación non sexa rigorosa. Mais o que tampouco ten dúbida é que a fenda dixital no medio rural -falta de acceso á internet nas zonas máis galegofalantes en todos os tramos de idade- impide unha maior porcentaxe de blogs en lingua galega en Galiza e, por tanto, una avanzo maior do galego no ámbito das novas tecnoloxías.

Doses de realidade e carga de traballo para o futuro.

 

4 Responses to Porcentaxe de blogs galegos en galego e en castelán

  1. Ghanito di:

    Sigo con atención os traballos que tanto ti coma outros desenvolvedes sobre este tema, e xa imaxinaba que o blogomillo non podía ser tan preponderante sobre a bloG-ESfera, ainda así esperaba algo mellor. :(

  2. Calidonia di:

    Pois. Eu traballaba coa hipótese de que o galego era minoría, como xa comentei no Enblogs’06, pero non con tanta diferenza.

    Penso que ten a ver o feito de que moita da mocidade galegofalante pertenza a zonas con escasa cobertura xa non de banda larga senón tan sequera de internet. Aínda hoxe.

    De todas formas, coido que o máis importante é a calidade e non a cantidade, e que @s blogueir@s galeg@s e en galego estean máis organizad@s, sexan máis comunidade que os que escriben en castelán, alén de estar máis ocupad@s e preocupad@s pola nosa propia realidade.

  3. Pablo di:

    Vaia, eu tamén pensaba que a situación do galego nos blogs era algo mellor. Hai tantos bos blogs en galego que non teño tempo de lelos todos.
    Eu escribo desde a Irlanda unha pequena torre de Babel de catro pisos…
    Non sei en que categoría quedaría metido iso.
    Saúdos

  4. calidonia di:

    Novas:

    Parece que a estimación comeza a ser referendada -case dous anos despois, dous anos perdidos para a lingua- por outros estudos (vía Chuza).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*