cronica_do_enblogs_06_1Onte tiven a sorte de asistir á miña primeira toma de contacto presencial coa xente do blogomillo. Non tivo nada a ver cunha party, nin con unhas xornadas de difusión do software libre, nin con un curso de alfabetización dixital, nin cuns encontros na terceira fase. Aínda conservo parte da ilusión que me percorreu onte o corpo durante todo o día, ilusión que non sei explicar moi ben por que a sinto, pero que aí está como unha estimulante recarga de baterías.

O acontecemento tivo lugar no Enblogs’06, o I Encontro de blogueir@s galegos, penso que así se lle pode chamar con toda xustiza. Foi unha xornada que con tino, oportunidade e acerto organizou o Consello da Cultura Galega. Só podo darlles parabéns pola iniciativa, pola acollida que nos fixeron e polo tratamento que nos brindaron. Quero agradecer aquí en especial o esforzo, a profesionalidade e o cariño de Manuel Gago e Rosa Aneiros, aínda que sei que moitas outras persoas axudaron a levar o evento a bo porto. Así dá gusto!

Tedes cumprida conta do que aconteceu nas ligazóns que encontraredes nesta postaxe, así como tamén nos xornais de hoxe. E mentres redacto a xente comeza a publicar e partillar as súas impresións nos seus propios blogs. Non é outra cousa distinta de xenial a escolma de ligazóns que fixo Arvpart.

cronica_do_enblogs_06_2Eu o que quero contar son as miñas sensacións persoais e comentar algunhas ideas e datos que onte se verteron no magnífico salón de actos que nos acolleu, alá polo último andar do Pazo de Raxoi.

Para comezar preciso dicirvos que me reafirmo na miña preferencia persoal e intransferíbel por denominar aos blogs ou bitácoras co seu nome latino orixinal: habitáculas, que ven do latino habitaculu.

Como lle dicía onte a alguén, non hai nada máis parecido a un blog que a vida que pasa por unha habitación. Poñamos por exemplo unha habitación de estudante universitari@ en Compostela, que para o caso expresa bastante ben o que quero dicir. Hainas de todo tipo e condición, e as persoas que nela moran son diversas e variadas, mesmo nalgúns casos se mesturan ;-) Son cuartos/blogs interiores, exteriores, con xanelas, sen elas, en pisos partillados, en apartamentos individuais, en predios enormes, en casiñas con horta, con ruídos de madrugada, con música matinal, en cor ou en branco e preto… Todo iso e máis. Como a vida, insisto.

Da primeira das charlas, a de Marcus, de Código Cero, lembro que nos deu a coñecer varias aplicacións para usar conxuntamente cos blogs, entre as cales chamoume a atención unha extensión de Blogger para o Word de Micro$oft que permite anotar desde o procesador de textos. Por que me chamou a atención, a min que estou no medio dunha longa e lenta migración cara ao software libre, algo que se usa co Word? Porque esa é a única forma de poder empregar facilmente o único corrector ortográfico coa normativa oficial que os galegoescribintes temos neste momento. Non todo é de cor de rosa, polo de agora, no mundo libre. Mais camiñamos.

Tamén me interesou o debate que iniciou ao final da súa intervención sobre a evolución futura dos blogs, xa non da presente incorporación de contidos multimedia senón da instantaneidade da comunicación. Por desgraza non podo ser tan optimista coma el, non cando menos mentres non dispoñamos xa non de máis largo de banda senón de tecnoloxías simétricas como o SDSL, que realmente permitan democratizar e por en posición de igual a igual a canle de comunicación entre dúas persoas. E aí está a fenda tecnolóxica material, os intereses das empresas e o papel da administración e dos organismos reguladores.

Da conversa de Fernando Garrido pouco podo dicir. Como xa se encargou el de advertir, parte das culpas do que fixo, se as hai, son miñas tamén. Como se adoita dicir nestes casos, os acertos son todos del ;-). As disquisicións sobre os resultados da súa I Enquisa a blogueir@s galeg@s e da análise que eu fixen do censo de blogs en galego podedes consultalas no seu interesantísimo blog ou aquí mesmo en postaxes anteriores.

Comentei con el este dato que agora vos deixo. Se o meu filtro lingüístico para o Technorati é representativo abondo resulta que, até onte, o día en que máis postaxes houbo no blogomillo foi algún da campaña electoral das últimas eleccións ao Parlamento de Galiza. E a pesar do continuo crecemento exponencial da blogosfera ese máximo aínda non se ten superado!

cronica_do_enblogs_06_3

No gráfico tamén se pode apreciar claramente o descanso da Semana Santa e penso que tamén o da chegada dos exames universitarios do primeiro cuadrimestre. Con todo, teño algunhas reservas acerca de se Technorati comezaría a deixar de indexar algúns blogs nos últimos tempos, pois non contemplo a posibilidade de que a xente deixara de utilizar adverbios ou artigos comúns do galego coloquial do día para a noite :-O Estarei á expectativa.

Foi moi esclarecedor o relatorio partillado polos avogados Salgado e De la Cueva.

Ao primeiro xa o ouvira falar da Lei de Protección de Datos nunha xornada organizada pola Cámara de Comercio da Coruña o pasado ano. A xente que o tivo como profesor na Universidade afirma que sabe ben do que fala. É ademais un dos poucos letrados galegos realmente preocupado polas cuestións relativas á rede e ás súas implicacións e repercusións xurídicas.

cronica_do_enblogs_06_4Ao segundo non o coñecía, pero podo afirmar que foi o reator que máis me gustou de toda a xornada. Sen necesidade de proxector e nunha, por forza, breve intervención, dado o apretado do programa, gañouse a simpatía de, acho, tod@s @s que alí estábamos. Agora mesmo baixar filmes e gravalos para uso persoal non comercial non é delito! -aínda que pode selo en breve se non temos un orixinal-. Recoméndovos visitar e seguir os seus comentarios. Se alguén pode preguntarlle se a nova Lei vai ter efectos retroactivos agradeceríamosllo moita xente.

En canto á completísima exposición de Silvia Canabal, unha rigorosa moza do Grupo de Novos Medios da USC, hai que recoñecerlle a valía pero tamén o traballo de horas e horas que meteu entre peito e lombo dedicada a trazar moitas das características xerais e algunhas técnicas das bitácoras reunidas no planeta da Blogaliza. O seu trabalo está colocado no portal de Enblogs e é de consulta inexcusábel, non só para contrastar cos datos de Fernando Garrido, senón tamén para descubrir as diferenzas entre o conxunto de blogs en galego e os que formamos parte desa comunidade en particular. Como xa lle dixen a Silvia, estou ofrecido para colaborar con eles e ver se hai máis sinerxías entre os datos e traballos feitos sobre este tema.

O que Silvia fixo coa Blogaliza Manuel Pinto, un dos convidados portugueses ás xornadas, fíxoo para os blogs portugueses, tirando proveito dunha tradición de creación e de análise máis dilatada que a nosa, e aproveitando para deitar esa tan necesitada luz sobre a comunidade virtual do Sul, que máis que irmá, como se adoita dicir, xa é a mesma que a nosa.

Para rematar a xornada matinal, Dorfun disertou sobre o tema da sindicación de contidos, un tema que persoalmente a min me ocupou moito tempo e que me tiña ocasionado algún que outro quebradeiro de cabeza. Empregando unha desas utilidades que gravan todo o que fas na pantalla e mostrándonolo logo conseguiu que algunha xente lle perdera o medo a esas iconiñas laranxas que hai hoxe en case todos os blogs, e que teñen unha morea de funcionalidades co denominador común da produtividade ou do aforro de tempo. O que a min me interesaba, poder tomar conta e recompilar todos os blogs publicados en galego, estou certo de poder facelo agora de xeito máis áxil e completo.

Na primeira das mesas da tarde dábase a especial circunstancia de sentar tres persoas con idéntico apelido: Berto Yáñez, María Yáñez, Catuxa Seoane.

cronica_do_enblogs_06_5Por que comento isto dos apelidos? Porque María recibiu hai pouco nas cartas á directora de Vieiros un convite para galeguizar pola brava os apelidos das persoas referidas nas noticias. Coincido co criterio adoptado pola redacción de Vieiros, na liña dos libros de estilo dos xornais, pero o que eu quero aquí é ir un pouco máis aló, e convidar a María a que se anime a galeguizar o seu propio apelido.

Sei que a mamá vai coller a escopeta da que ela falaba onte -foto no seu fotoblog-, pero penso que unha icona da Galiza moderna -modernita-, como é ela, que ben podería lucir o seu rostro nunha camisola ao máis puro estilo Marylin-por-Warhol en vez da ilustre Rosalía, galeguizando o seu apelido faría máis pola normalización do galego que moitos estudos de investigación. Imaxinan? María Eanes do Copón dirixindo Vieiros? ;-)

Volvendo ao rego… Berto presentou o seu novo proxecto, do que xa vos teño falado aquí anteriormente: o Chuza. O máis curioso é que a el convidárono a unha mesa sobre a creatividade para falar da súa primeira aventura coñecida, os Aduaneiros, pero decidiu falar de chuza, que neste caso a min e agora resúltame mesmo de maior interese. Recalcou que é a primeira experiencia en Galiza e en galego de portal de novas sociais que emprega un filtro colaborativo. Números, fórmulas, algoritmos… quero máis karma!

Catuxa, unha das catro ou cinco que co mesmo fermoso nome andan pola blogosfera, destaca pola súa achega no eido da bibioteconomía e da xestión documental. Pero tamén é unha das responsábeis de organizar o I Encontro Luso-galaico de Blogs que vai ter lugar no Porto o vindeiro outono. Achegou ademais unha das, para min, ferramentas máis curiosas da rede, do estilo desas que debuxan algo parecido a un mapa da blogosfera, ou da comunidade que se crea arredor dun blog determinado. Non puiden tomar nota do que ela empregaba así que se alguén sabe del ou doutro semellante please faga o favor de deixar aquí un comentario, que quero trazar o meu!

Paulo Querido, outro dos convidados portugueses que participou na mesa dos Iohannes, puxo a primeira nota romántica na xornada, afirmando que O código é poesía. Seguro que así é, porque a beleza está en moitas partes e só hai que aprender e saber procurala. A min, sen ir máis lonxe, algúns métodos estatísticos parécenme dunha beleza dificilmente descritíbel. Agora ben, é fácil falar de beleza cando un acode a unha cidade como Compostela en tan boa compañía ;-) Ela non deixaba de ollar para el cunha mestura de riso e admiración mentres falaba.

Moderou, e algo máis, esta mesa Don Pedro Silva, culpábel e máis unha vez culpábel de tirar para adiante da Blogaliza, fundador da veterana lista de correo l-gaita e activista do software libre que vive desde hai 14 anos alá polas terras de Murcia.

Goretoxo, alcume polo que tamén é coñecido, tivo a ocorrencia de inventar un curioso e divertido sistema de pousavasos para indicarlles aos relatores o tempo restante, e que foi moi comentado. Falando doutra cousa… E eses estatutos para a Blogaliza? Trouxéchelos contigo e decidiches deixalos para mellor ocasión. Lega-legalización… ;-)

cronica_do_enblogs_06_6A continuación veu a segunda, con Brétemas, de quen me perdín a intervención por mor dalgunha chamada telefónica inoportuna -embolados ;-) en que o meten a un-, pero non me importou moito porque para iso temos aí o seu blog e os seus artigos no Faro de Vigo.

Coñecemos ao solitario Miguel, solitario porque di encontrarse só na blogosfera galega falando de arte culinaria, sumándose ao carro de Manuel Rivas, cando dicía aquilo de que non hai máis cultura que a agricultura, e ao de Cunqueiro: Somos o que comemos, citou. Eu xa andara por Colineta procurando a receita das papas de millo, pero despois de escoitalo case que me vou pór man a man na cociña coa mamá e coa avoa a ver que pasa. Deus nos colla confesados!

O bon do Isaac protagonizou o momento Eh? da xornada cando no debate comezou a desenvolver un profundo razoamento que ben podería levar por banda sonora algunha das inaprendíbeis composicións que hai en alg-a, portal creativo envexábel que vos recomendo probar.

Completaba o cadro de relatores a engaiolante Mónica André, outra das convidadas de blogoMiño do Sul. Fun novamente interrompido, e ben que o lamento. Só cheguei no tempo de tomar unha breve nota mental: construír algún día o tag-cloud do Blogomillo.

Nesta segunda das mesas, moderou Ascárida. Pola mesa pasou como disque fan os bos árbitros de fútbol, practicamente desapercibida, o que é sinal de ter feito ben a encomenda.

No resto da xornada encontreina verdadeiramente amena e simpática -riquiña diría ela-, máis nova en idade do que pensaba -pasa como na radio, sabedes?- igual de ousada -esa pregunta aos da Blogoteca…-, e está máis guapa en persoa que nas súas magníficas -xa llo dixeron- fotos. Por certo, onde deixaches onte as raias, as listas como di miña avoa? ;-)

Seino, non sou obxectivo. Ela e máis eu tivemos un malentendido durante o noso primeiro encontro na rede, e eu acudía con ánimo e esperanzas de desfacedor de entuertos. Penitencia, ela é de Google Search e eu de Technorati.

Durante o xantar desvelounos o seu método de recenseamento de blogs, co que puiden comprobar que dúas persoas separadas no espazo e cunha mesma inquietude ou necesidade poden dar coa mesma -en esencia- solución enxeñosa para resolver un problema. O que non se poderá facer falando e colaborando!

cronica_do_enblogs_06_7A obxectividade morreu. E a autoridade tamén. Iso foi parte do que nos veu contar Juan Varela, o curuñés con corpo en Madrid e pensamento en todas partes que mantén o premiado como mellor blog periodístico español. Fixo unha amena presentación na que comezou falando das novas tendencias das audiencias dos medios de comunicación e rematou convencéndonos dun cambio de paradigma no xornalismo tal e como era concibido até hai ben pouco.

Quedei con ganas de falar con el do concepto de proximidade, e dos medios de comunicación local -dos tradicionais tamén: esas radios, esas televisións, esas cabeceiras comarcais-, eses que sempre adoitan ficar fóra do EGM, por pequenos e pouco poderosos, e que teño para min van ser xunto á internet e aos novos medios interactivos e horizontais os que van protagonizar -xa o están a facer- a comunicación nos vindeiros tempos.

Tamén quería preguntarlle se, desde a súa posición central e céntrica, concordaba en que moito do que se está vendendo arredor dos blogs, e nomeadamente dos blogs con orientación ou vocación comercial ou de negocio, non terá un moito de fume, como lle ouvín afirmar a alguén durante a xornada. Pero non houbo lugar a preguntas, que xa era moi tarde. Mágoa.

Do birras+blogues pouco podo contar porque aínda que fun xa andaba moi canso e por riba non tiñamos onde pousar os portátiles para facer un pouco @s friquis.

Poden ollar as fotos do encontro no Flickr. Non perdan a entrega a Pawley do seu merecidísimo premio como Mejor blog en lenguas constitucionales… como era?, coa catedral de Santiago de fondo.

Grazas a tod@s @s presentes por un día fenomenal. Ás ausentes, sabédeo, botámosvos de menos.

E isto é todo. Xa me dirán.

 

12 Responses to Crónica do Enblogs’06 (e outras cousiñas)

  1. Moi bo resumo para os que non fomos e moita envexa soterrada a que me dades os que fostes.

  2. *Sara di:

    Grazas pola espléndida crónica, fai que sinta como se xa non me perdera tantas cousas… Semella que o encontro foi moi interesante e todo un éxito, cousa que me alegra.
    A ver se para o ano me sumo.
    Un biquiño :)

  3. Ghanito di:

    Pero que dis, ¿soterrada…?

    Envexa podre, de soterrada nada.

    A cronica está feita de coña, pero seguro que a fai para que morramos ca envexa. ;-)

    Non sei se dixen que gustaríame ter estado alí.

  4. opaco di:

    Un bo resumo ;-) que enriquece aínda máis a conversa. No meu habitáculo tes unha ligazón ao “mapa” que utilizou a Catuxa na súa presentación.

  5. Arduina di:

    Milleiros e milleiros de gracias por falar do Enblogs. Estiven onte vendo as fotos (encantoume ver algunhas caras coñecidas :) ) e botaba en falta algun resumo, ainda que non puiden investigar polos blogs todo o que eu queria.
    Que saibas que a miña tamén é unha enveza podre, verde e noxenta, jaja.

  6. Carlos di:

    Fantástica crónica!! entre o que contastes uns e outros, case é como se puidese ter ido. Grazas

  7. Vicente di:

    Excelente crónica. Parabéns

  8. Calidonia di:

    Supoño que a astuta organización tomará nota para vindeiras edicións e programará de xeito diferente, na véspera dun fin de semana ou dun feriado, e cun programa un pouquiño menos cargado. Con todo, estivo moi ben. O interese d@s que non puidestes vir dános azos a todo o blogomillo.

    Mourullo, eu tiña gañas de probar o meu wi-fi por vez primeira e quedei coas gañas. Nin en Raxoi nin no Casino puiden estrearme. Vou cambiar de aparello antes de chegar a usalo :-(

  9. Botei de menos que non se retransmitiran as charlas por Internet. Nas fotos pódense ver moitos portátiles… mais había wi-fi na sala? Saúdos.

  10. Muito bom saber que o pessoal da Galícia esta se mexendo.Espio daqui com simpatia. Abraços desde São Paulo-Br.

  11. náufrago di:

    Isto si que é facer crónica… Parabéns.

  12. Nemeth di:

    Unha crónica macanuda

    parabéns

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*