Xa estamos de volta e volvemos ás andadas. Quedan un par de cousas por comentar acerca da blogosfera galega e hoxe imos pola primeira. Ben, en realdiade, por un conxunto delas, cuxo denominador común é o da evolución temporal: como evoluíron e se transformaron as principais características definidoras dos blogs en galego desde aproximadamente o ano 2001 até 2005.

Comezamos polo xénero, que é a variábel que centraba a análise da última entrega desta serie de artigos. Pois ben, a presenza de autoras entre os blogs individuais de autoría non anónima foi crecendo continuamente, baixando portanto a dos autores, segundo esta progresión:

mil_e_un_blogs_en_galego_4a

Como pode verse, os primeiros “bloggers” que publicaron a súa condición de xénero foron homes, mais a súa presenza nos blogues creados cada ano foi diminuíndo até o 63% que se rexistra en 2005, coincidindo cun incremento progresivo da presenza de mulleres.

Cando tentamos transladar esta análise á idade, encontrámonos moitos menos casos anónimos, e aquí resulta imposíbel supoñer, deducir ou averiguar o valor desta variábel mediante a lectura dos blogs. Por exemplo, para os blogs creados nos anos 2001, 2002 e 2003 non temos rexistrado o valor da idade para ningún blog.

Para 2004 a media de idade d@s blogueir@s situábase nos 23,4 anos, e en 2005 reducíuse até 22,1. Pensamos que esta reducción na media de idade é unha constante. Tamén confiamos na hipótese de que co paso do tempo máis xente se importa menos co anonimato e publica con menos reparos os seus datos persoais, entre eles a idade.

Non pode ser allea a estas evolucións o feito de que teña mudado substancialmente na rede a dispoñibilidade de ferramentas de creación e mantemento de blogs. Ao longo destes anos verificamos unha alteración nas cotas de mercado dos distintos servizos e métodos de publicación (trátase de porcentaxes sobre o total de blogs en/con galego creados cada ano):

mil_e_un_blogs_en_galego_4b

Apréciase con claridade o dominio do Blogger como sistema/portal preferido polo blogomillo, sendo maioritario desde 2003. A segunda opción é a dos MSN Spaces, que malia a irromper tardiamente logra a finais de 2005 ser a segunda opción máis recorrida, coincidindo co “boom” na creación de blogs durante este ano, do que é en grande medida responsábel. Datos provisionais para os blogues creados en 2006 indican, ademais, que tería recortado diferenzas co servizo mercado por Google, pasando dunha relación a favor do Blogger de 3:1 a outra de 3:2.

Coa popularización dos blogs foron perdendo peso -que non número- aquelas bitácoras publicadas en servidores propios, especialmente con WordPress, aínda que non só. No gráfico inclúense baixo o epígrafe “outros”.

 

One Response to 1000 e 1 blogs en galego (IV): A evolución do blogomillo

  1. O blogomillo periférico at Calidonia di:

    […] Contábavos hai case un ano que aproximadamente a metade dos blogues en galego creados no primeiro trimestre de 2006 estaban aloxados no portal da Microsoft, os Windows Live Spaces. Alí podía albiscarse o blogomillo máis vivo, máis sorprendente -cando menos para os maduritos que comezamos no Blogger-. Agora as cousas viraron en favor dos Fotologs e do portal da Fox, os MySpaces, que tamén son unha das comunidades máis concorridas polos novos grupos e artistas músicais galegos. […]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*